8 de out. de 2011

O ego do artista

María
Reimóndez
 
 
Por moito que ás veces nos gabemos de vivir no século XXI como un grande avance, en realidade este feito implica tamén ir acumulando cargas herdadas cada vez maiores. A nosa vida diaria vai ben reberetada con expectativas e discursos que, moi lonxe de revisarse, tenden ao perpetuo. Un dos máis inmutables semella ser o do ego do artista. Os debates sobre o papel do artista na sociedade teñen sido abondosos e complexos mais quitando as achegas feministas ao respecto, algunhas xa ben antigas (léase sen ir moito máis atrás As Literatas de Rosalía de Castro) poucas veces se reflexiona sobre este tema dende o xénero. O ego do artista semella desenvolverse de forma fundamental en masculino, deixando as artistas novamente nun caixón, comprimidas e con importantes obstáculos. A ninguén semella chamarlle a atención o discurso case demiúrxico de algúns arquitectos, ou as diatribas pseudofilosóficas dalgúns cineastas, pero cando o mesmo elemento se pon en boca dunha muller entón as críticas non cesan. O ser “riquiñas” e humildes son as virtudes que deben rodear as mulleres, aínda hoxe constatadas de forma implícita nun cento de reaccións. Por iso se cadra ás artistas non adoita saírnos o espírito de autopromoción que a moitos señores tan de natural lles acae.
Estes feitos, xunto coa composición dos xurados e a falta de compromiso real coa igualdade de instancias como editoriais e promotoras de eventos poden ser as razóns que expliquen por que dende o ano 1978 só oito mulleres recibiron algún galardón nos Premios da Crítica de Galicia. Por iso dende aquí comezo hoxe campaña para conseguir uns premios da crítica en feminino: escribámoslles ás editoras, ás produtoras, para que candidaten mulleres que en 2010 fixesen país e historia. Somos moitas as mulleres con méritos (e xa ía glosar “perdoando a falta de modestia”!): é hora de facernos visibles.

En A NOSA TERRA
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario