12 de nov. de 2011

Valentina Formoso: “É tempo de resistir fronte aos que pretenden a eliminación da nosa lingua"

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística elixiu nova directiva esta pasada fin de semana co obxectivo de proxectar o seu discurso fora dos centros escolares.

"Esta III Asemblea Xeral serviunos para consolidar a nosa organización, de dar un salto cara a proxectar o noso labor fóra dos límites dos centros do ensino neste momento de regresión do uso da lingua nos centros de ensino, regresión que mesmo se promove dende a propia administración”. Así de contundente se amosou Valentina Formoso Gosende, reelixida coordinadora xeral dos equipos de Normalización Lingüística.

A III Asemblea Xeral da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística celebrada esta fin de semana en Compostela tamén renovou ao 40% dos seus membros. No decurso desta asemblea, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística realizou unha actualización dos seus textos estatutarios para permitir "unha mellor concreción" do seu labor do día a día nos centros de ensino.

Ademais, presentouse o plano de traballo para o vindeiro curso e os obxectivos para os dous seguintes, que terán coma principal finalidade contribuír a xerar un discurso "normalizador plural e integrador" que chegue a todos os sectores da sociedade galega. Ademais, os equipos de NDL tamén tentarán defender o uso e a normalización do galego máis alá das aulas.

 

En Galicia Confidencial

 

Valentina Formoso/ vieiros.com

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario