17 de xan. de 2012

'Historias de Oregón'

Título:Historias de Oregón
Autor: Diego Ameixeiras
Editorial: Xerais
É, este de Diego Ameixeiras, o título vencedor no último certame de novela  por entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia. E a primeira reflexión que se nos aparece ten que ver coa propia denominación do premio, tan mentireira, pois 31 capítulos, como moito de 3 páxinas, non dan para unha novela, en todo caso sería máis acertado chamarlle novela breve, pois os textos anteriores, e este tamén, si cumpren as estipulacións xenéricas da novela breve e nunca, nunca, as da novela. Nin as personaxes poden ser moitas, nin a trama pode ser complexa. Alén de que neste tipo de convocatorias adoita lerse todo o texto da novela por xunto, e non coa cadencia das entregas. Precisamente as Historias de Oregón son un bon exemplo disto. Non ha ser doado que quen lera a novela por entregas coincida na valoración de quen a le por xunto. Precisamente porque as personaxes deste novo título de Diego Ameixeiras non son poucas, tendo en conta que se trata dunha novela breve, e sabendo que o lector tipo destas novelas por entregas le con obrigada cadencia temporal, quen lea o texto completo terá unha máis cabal imaxe do desenvolvemento da trama.Arredor de Camélia , Aurora ,  Rafael , Carlos, Andrés, Mateo…técese unha trama na que se entremesturan as súas historias en Oregón ou de Oregón. Oregón, topónimo que nace do xogo de palabras co seu referente, Ourense, feito detrás do cal descansa un innegábel e desenfadado afán crítico no que o alleamento ten moito que dicir, pois resulta imposíbel ler as historias de Oregón sen recoñecer a cidade das Burgas como punto de encontro das diferentes historias. Historias dos nosos días, historias de personaxes de a pé, de xentes que ben poden ser eses que camiñan ao teu carón cara a Erbedelo ou nas marxes do Barbaña ou simplemente pasan diante de onde ti estás tomando café. Así que, se esas ficcións ficticias, son doadamente asimilábeis a esoutras ficcións reais que camiñan á nosa beira mais das que descoñecemos case todo, agás que están alí, canda nós, velaquí temos a literatura a devolver vida ao lector, e poucos alicientes mellores hai para fixar a  mente do lector ás páxinas, porque…que emoción hai maior? E hai, aínda unha outra cousa a comentar, que sendo o do autor un nome vencellado ao xénero negro,  o lector le estas historias que acontecen en Oregón-Ourense tratando de descubrir aquilo que as vencella a ese xénero negro. O cal non resulta nada difícil, nada, velo na particular de Aurora, esa muller maltratada até límites grotescos, nin tampouco é nada complexo na de Camélia, prostituta e asasina. Por poñer dous exemplos. Dous exemplos que revelan como as personaxes do xénero negro non son criaturas de laboratorio en situacións extremas. Polo menos non estas de Diego Ameixeiras, desde as cales pode verse a delgada liña que delimita a vida cotiá desoutra que adoitamos asimilar ao sórdido xénero negro.A novela comeza coa exhibición no primeiro capítulo dun narrador con moito oficio, un narrador que sabe conxugar a primeira e terceira persoas para non deixar detalle por contar, á vez que crea unha atmosfera de indefensión, indefensión ante a vida, que vai caracterizar o resto dos capítulos que dure a lectura. E, depois, aínda que o narrador faga sitio ás personaxes, non vai perder eficiencia e nunca deixa de lerse con agrado este relato de vidas cruzadas, de destinos marxinais sobre os que pende a fatalidade. Deste xeito, pola atmosfera de indefensión perante a vida, e por seren personaxes recoñecíbeis na tipoloxía humana coa que convivimos, o lector empatiza doadamente coa lectura. Unha lectura que, por outra banda e debido ás características propias da convocatoria, se efectúa desde capítulos breves, o cal lle confire moito dinamismo. Polo cal o narrador debe ter unha planificicación moi estudada na que alternen as historias,  alén de saber ser conciso, directo, áxil e hábil na caracterización tanto de personaxes, como de ambientes e lugares.(EN GALICIA CONFIDENCIAL)


  

Ningún comentario:

Publicar un comentario