21 de xan. de 2012

Warning: artista solto!

  Sabido é que en tempos de crise, o artisteo flutúa entre a dura navegación por augas turbulentas e o abeiro agarimoso de portos seguros. Máis que de apocalípticos e integrados habería  que falar de desbancados e reenganchados, pero nin sequera é nada novo que tras un  cambio de signo político veña unha reestruturación do traballo do creador segundo o vento que sopre. Botando un ollo ao que se coce por Galicia semella factible agrupar certas tendencias creadoras. Por seren recoñecibles doutros tempos e lugares, máis ca nada. Dun lado, podemos destacar o artista-fungón,  que tanto pode ser un músico estrafalario coma un pintor rabudo ou un “escritor do non”. Adoita bufar moito, pode chegar a rexeitar premios institucionais e con frecuencia amósase esquivo ante a crítica e o público. Ás veces, mesmo procura a fama de autor de culto. Pode buscar o exilio, físico e espiritual. Pero calquera Bartleby que se prece sabe que na autodesaparición e na burla displicente do panorama cultural actual vai incluído un irreprimible diferencialismo premeditado. A invisibilidade pode conceder aínda maior presenza: “Agora enfurrúñome e deixo de escribir, poño verde a todo o que se move e non participo en misceláneas, colectivas, antolóxicas, retrospectivas… Síntome incomprendido. A verdade é que preferiría non facelo”. (Epítome dos Bartlebys culturetas) Cando funga de máis entra na fase troll e daquela pérdese para sempre.
Pola lei do péndulo, e porque todo ten que ter o seu contrapunto, tamén florece (e como!) o artista-lambecú, o amigo das subvencións, de  prebendas, favores e axudas, de cargos e de encargos, o artista do réxime -sexa este da cor que sexa- o que fala ben do xefe, o que unicamente pinta retratos dos seus mecenas. E, ai Deus!, volverá o NODO? É tan fácil seguir a marea do éxito, é unha auténtica tentación, unha falla tectónica que empuxa. Lean a prensa diaria! Hai que ir con coidado, semella que todo participa do mesmo disfrace intelectual antes de ir caer no institucionalismo máis casposo nun cadro de costumes moi visto: asimilación ou disimilación. Rien ne va plus.
Entre o artista fungón e o o lambecú ás veces hai pouca distancia temporal, se cadra unhas autonómicas e dúas municipais. Aos que  hai pouco gababan a xestión de Cultura, tardáballes a fusión das dúas Consellarías. (Que boa idea, xefe! E canto aforramos! Riiinnggggg, sabemos algo do meu? )
No medio de tanta disputa (Cidade da cultura si, Cidade da cultura non) desenvólvese con xeito un tipo de artista que busca o ben común dun xeito altruísta, case humanitario. Chamémoslle o artista-cooperante: todo está ben por salvar a lingua ou dignificar o noso patrimonio cultural. A funcionalidade social por diante. Arte utilitaria. Publica libros sen tregua, agasalla con lenzos as asociacións veciñais, canta en canto acto hai, recita, baila, roda películas, etcétera. Sempre a esgalla e con moi boa disposición. Pretende -coa mellor intención do mundo- salvar a sociedade de desigualdades sociais, protexer linguas minoritarias e gardar a memoria dos devanceiros, todo iso polo mesmo prezo. Defende que hai que aferrarse aos valores que nos  definen ou cando menos ás súas reminiscencias. Polo camiño de Ossián.
 
Pero diríase que a creación vai por libre ou sinxelamente non vai. Todos os excesos e condicionantes á hora de producir arte só poden baleirar a obra do seu contido.  Inda vai ser bo para a nosa cultura ter un goberno con certo desafecto polo autóctono, senón ao tempo: caerá quen teña que caer, sairá na foto quen teña que saír, fará caixa quen teña que facer caixa, a algúns medraranlle os bonsais, outros saberán desfacer o nó e tirar do carro, pero tanto os cooperantes, coma os lambecús e os fungóns, teñen difícil unha produción independente e libre do ollo acusador, se non fan ouvidos xordos ás sereas do poder. Témolo cru! A xuventude, o mellor activo? Oxalá!
Mariña Pérez, en GALICIA CONFIDENCIAL

Ningún comentario:

Publicar un comentario