Unha nova agresion da Xunta contra o medioambente galego. Solidariedade!
Primavera de 1979, miles de galegos e galegas saían ás rúas para manifestarse baixo o lema “Nucleares? Non graciñas?” cando o Goberno propoñía a construción dunha central nuclear no noso país como una oportunidade para a creación de centos de postos de traballo que non supoñía ningún risco para a saúde.Outono de 2011, a Xunta de Galiza anuncia a construción dunha incineradora de residuos no Irixo. Preséntano como una grande oportunidade para a creación de emprego e o desenvolvemento económico da nosa provincia, e aseguran que é “tremendamente segura”·
Estes feitos sepáranos 32 anos, pero os 'actores' que nolo venden son os mesmos que durante décadas o único que entenderon como creación de emprego na nosa provincia é encher a Deputación de amigos, familiares e compañeiros de partido.
A grave situación económica e social que atravesa Ourense, con miles de persoas desempregadas que desbordan a capacidade dos bancos de alimentos e das ONG´s, fai que a proposta que agora nos fai a Xunta non soamente me pareza un insulto á intelixencia de todos os ourensáns e ourensás, senón dunha falla tremenda de humanidade ao tentar aproveitarse da desesperación daqueles que están sufrindo con maior intensidade a crise.
De seguro que nos próximos meses desfilarán pola nosa provincia políticos do PP, 'expertos' na materia e xestores doutras plantas que intentarán vendernos unha industria que pasa os máis “rigorosos controis ambientais” , moi segura desde o punto de vista ambiental e da saúde. Pero os feitos falan máis que as palabras. Desde o punto de vista ambiental, recordar que no ano 2008 puidemos ver como máis dun milleiro de troitas morrían nas augas do río Lengüelle polos vertidos de Sogama. Sorprendíanos tamén a nova de que dende hai dez anos milleiros de toneladas de medicamentos estaban a ser soterradas sen ningún tipo de tratamento no vertedeiro que esta sociedade ten nas proximidades da incineradora. Dende o punto de vista da incidencia na saúde das persoas, basta con comentar que estudios realizados en incineradoras suecas demostran que a posibilidade de sufrir cáncer de pulmón aumenta entre tres e cinco veces ao traballar nunha instalación deste tipo.
¿Outras opcións para crear emprego? Hai moitas e moito máis sostibles: mellorar a clasificación dos residuos para posibilitar una maior reutilización e reciclaxe , atraer a industria da reciclaxe (practicamente inexistente no noso país), crear pequenas plantas de compostaxe... Entón, ¿por que a Xunta aposta como fonte de creación de emprego pola construción dunha incineradora? Porque o seu concepto de medio ambiente é pintar un ladrillo de verde e para favorecer a empresas amigas e que algún político da provincia obteña beneficios por 'publicitar' a planta.
Poderedes pensar que a decisión xa está tomada, que non hai nada que facer, pero quero facer un chamamento a non resignarnos, a mobilizarnos, a loitar unidos polo que é noso e a esixir aos poderes públicos que fomenten o emprego pero que non o fagan a costa da nosa saúde e do noso medio ambiente.
Hai 32 anos a forza dos galegos e galegas impediu a construción dunha planta nuclear. Hoxe, o lema cambia, pero o engano é o mesmo: “¿Incineración no Irixo? Non, graciñas”.
[Ourense, 20 de decembro de 2011]
Ningún comentario:
Publicar un comentario