9 de xan. de 2012

A CGENDL valora a xestión do Secretario Xeral de Política Lingüística

Co anuncio feito onte por parte da Xunta de Galicia da marcha do actual Secretario Xeral de Política Lingüística ponse fin a unha das etapas máis nefastas deste organismo, durante a que se adoptaron medidas lesivas para a nosa lingua en todos os ámbitos,  lanzouse un discurso negativo ao redor do idioma e  creáronse novos prexuízos, mesmo amparados e potenciados pola propia administración galega.
Esta situación foi se cabe máis grave no que respecta ao ensino, ámbito no que se desenvolve a CGENDL, xa que durante os anos de xestión de Anxo Lorenzo se tomaron unha serie de medidas que nos reiteran nunha valoración negativa do seu traballo á fronte da SXPL:
1/ A derrogación do decreto 124/2007, que desenvolvía a LNL e recollía as medidas do Plan Xeral de Normalización, refrendado por unanimidade no Parlamento Galego coa finalidade de asegurar que o alumnado rematase os seus estudos obrigatorios con plena competencia en ambas linguas oficiais.
2/ A aprobación do decreto 79/2010, que reduce a presenza do galego como lingua vehicular contornos urbanos e semirubanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias.
4/ A falta de interese por aumentar os recursos didácticos, actualizados e de calidade para impartir aulas en galego e por elaborar recursos para a súa aprendizaxe por parte do alumnado estranxeiro e do que ten necesidades educativas especiais.
5/ A despreocupación por dotar o Programa Abalar de materiais en galego (sendo este escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua), feito que está a provocar que o idioma fique abeirado nas novas tecnoloxías.
6/ A inacción ante cuestións importantes para o idioma como a desaparición de diversos medios en lingua galega, que son recursos de grande valor didáctico e normalizador, a desaparición de ferramentas normalizadoras de uso didáctico (flocos.tv, oferta cultural aos centros...) ou algunhas simbólicas e de plena actualidade como o silencio outorgador ante a falta de rigorosidade do Valedor do Pobo na censura dun libro de texto.
7/ O abandono dos Equipos por:
    
  • o desamparo ante os ataques criminalizadores que sufrimos e seguimos a sufrir por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua,
  • a falta de coordinación real das actividades normalizadoras dos equipos,
  • a ausencia de medidas que faciliten o labor diario, como a regulación de horas de dedicación para os membros dos EDLG, a posta en marcha de programas formativos e de propostas para desenvolver nos centros, a transmisión de información e orientación correcta do traballo, etc., e
  • a falta de apoio económico que impide unha planificación seria do traballo: rematou o 1º trimestre do curso 2011-2012 sen que lles ingresaran aos centros as axudas resoltas en novembro de 2010 e neste momento aínda non se convocaron as deste ano, que contemplan un 33% de recorte (dende o ano 2009 a diminución das axudas foi dun 60%). Como consecuencia disto, reséntese fortemente a programación cultural dos centros educativos, desenvolvida en grande parte polos EDLG, que complementan con numerosas actividades a formación do alumnado.
A CGENDL agarda que este departamento comece unha nova etapa na que asuma as funcións que lle son propias e pase a planificar e executar políticas de fomento e promoción do galego na sociedade.


En GALICIA CONFIDENCIAL, 5 DE XANEIRO DE 2012

Ningún comentario:

Publicar un comentario