Autor: Carlos Solla
Editorial: Espiral Maior
Houbo un tempo no que a verdade estaba prohibida porque a xente só debía coñecer a verdade que o Rexime instaurara e esta non coincidía coa que a xente sufría. E entón, o poeta, un poeta galego, poñamos por caso Celso Emilio Ferreiro, que é ano de celebración na súa honra, entón o poeta, cando escribía, exercitaba proxección de fonda esculca que argumentara as razóns da denuncia. Así:
Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.
Pasaron 50 anos, desde aquel Longa noite de pedra. E, neses cincuenta anos, a poesía galega evoluiu moito e, consecuentemente coas mudanzas que os tempos trouxeron, adoptou novas formas e tamén novas estratexias comunicativas. Hoxe, o poeta, non como daquela, necesita exercerse de guía de argumentacións porque esa xa non é a misión do emisor. O poeta de hoxe segue precisando amosar a verdade, porque a verdade sempre é incómoda e sempre hai quen tenta agachala, porén as argumentacións debe, porque quen pode debe, decubrilas o lector. E escribe así:
Unha pedra, outra quila
e outra enriba.
a muralla cómelle as papas ao acueduto.
non me fas, que me renaces,
que no adarve xa roulan os rodamentos
e veñen sen mans no guiador
e van sen cadea.
heime desbalar polas carrilanas.
ti, que me derrapas nos sabucedos da estrada,
dínamo loucamente;
di: namoreime porque me aburría.
bolos e mangas desbaldidos da marea
que agora colgo en eBay
por se alguén pica.
En MazinGZ, XIV Premio de Poesía Johán Carballeira, lense poemas deste estilo, onde nun poema, de amor, poñamos por caso, non só cabe a expsoción de circunstancias relativas a un dos fenómenos vitais máis trascencentes da vida, tamén hai lugar para mensaxe máis achegada á poesía social, civil, rebelde. Porque o ser humano é unha realidade compelexa, tan complexo como a vida, e nesa realidade complexa nada é alleo a nada.
Velaí que, por exemplo, a carón de poemas como o antes visto, tamén haxa outros que resulta moito máis centrados, como vulgarmente se di, moito máis achegados ao que tradicionalmente entendemso como texto poético. Mais quixemos comezar precisamente así, deste xeito, polo temor a que unha parte fundamental do poemario, a vertente civil e reivindicativa e politicamente incómoda, fique desdebuxada na foto dun poemario moi complexo. Porque non, os tempos onde era imprescindíbel a poesía civil e reivindicativa non pasaron e esta segue a se precisa. Que, habendo moito, non todo é humor, non todo é ocorrencia simpática, que hai, porque Carlos Solla gusta de xogar coa lingua. Hai, e debe ser valorizado na súa medida, porén, como unha compoñente máis dun proxecto poético poliédrico, moi ambicioso, variado, dunha intensa procura de anovación poética, e tamén dunha intensa preocupación e análise social. E cado dicimos social enténdase que o invidual está integrado nese colectivo, non son antonimias senón de sinerxias vitais.
Desde o mesmo título, unha única palabra que conxuga a despersonalización propia dos días que vivimos, da nosa sociedade, e cando dicimos da nosa sociedade non nos referimos á sociedade en xeral, senón a esta nosa sociedade galega. Esta mesma sociedade tan precisa de heroes que axuden normalizar a vida da xente, a vida da xente que sabe e sente perseguida a súa lingua, a súa cultura, a súa historia e inclusive a súa necesidade de afecto. Desde o título e non exclusivamente só no título, porque a continuación o lector terá diante un conxunto de textos, un conxunto de poemas concebidos desde esa despersonalización e tamén desde esa necesidade de heroe.
É así que, logo dun primeiro poema onde se presenta a Koyi Kabuto, que conduce este poemario como antes conducira robot daquela lembrada serie animada dos anos ´70 do pasado século, logo dese primeiro poema, os que virán poden ser agrupados en seis núcleos: Mazinger Z, poeta…; fazañas bélicas; poemas a Afrodita A; azoute do crime organizado; folla de ruta e pomas contra… Eles, mais algún outro que non entra neses núcleos, compoñen o poemario.
Esa despersonalización antedita é tamén o punto desde onde se orixinan poemas no que hai unha forte compoñente de procura poética, de renovación poética. Polo que imos atopar poemas abeirados á épica, á poesía social, á amatoria, ao futurismo, ao subrealismo, ao hilozoísmo, ao amor cortés, inclusive ao misticismo ou a poesía política…
EN GALICIA CONFIDENCIAL
Ningún comentario:
Publicar un comentario