25 de xan. de 2012

Propostas dos Equipos de Normalización ao secretario de Política Lingüística

Na tarde do luns 23 de xaneiro membros do Consello Directivo da CGENDL foron recibidos en San Caetano por Valentín García, en calidade de novo Secretario Xeral de Política Lingüística.Nun clima de diálogo franco e cordial, a CGENDL expúxolle a Valentín García a necesidade urxente de mudar a política levada até o momento polo seu departamento para que se comecen a executar políticas de normalización lingüística realmente efectivas. A Coordinadora presentoulle unha serie de propostas e demandas dos Equipos de Normalización Lingüística ao novo Secretario Xeral, que se comprometeu a estudalas coa maior atención, aínda recoñecendo a dificultade de aplicalas no seu conxunto. Pola súa parte, Valentín García mostrou a súa vontade de diálogo permanente coa Coordinadora, así como o seu apoio ao proceso de normalización da nosa lingua. No apartado de compromisos concretos, afirmou que pretendía intensificar o labor dos coordinadores provinciais da administración no asesoramento aos Equipos e que desexaba ter en conta as súas propostas no deseño de xornadas de formación ou nos criterios para a convocatoria de axudas.

Polo demais, Valentín García anuncioulle á CGENDL que a convocatoria de axudas ao fomento do galego nos centros escolares deste curso farase pública nos próximos días e que durante o mes de febreiro se pagaría o adebedado do ano 2011. Desde a CGENDL críticouse a tardanza tanto nos pagos pendentes como na convocatoria de novas axudas, xa que provocaron unha paralización da actividade dos Equipos, e esixiuse que a partir do vindeiro curso se volvan convocar as subvencións en setembro, para así poder planificar ben o traballo normalizador e desenvolvelo dun xeito eficaz durante todo o curso.
Por último, e máis alá das propostas concretas, reclamouse por parte da administración educativa un maior compromiso coa defensa e promoción do labor dos Equipos de Normalización, para que estes perciban no día a día un apoio institucional que sirva de reforzo positivo da súa acción social a favor da lingua propia de Galicia.
EN GALICIA CONFIDENCIAL

Ningún comentario:

Publicar un comentario