22 de set. de 2012

'Tinta', de Imma López Silva

Por Manuel Rodríguez Alonso en GALICIA CONFIDENCIAL


 López Silva reúne neste volume media ducia de relatos breves que, ao meu modo de ver, presentan unha recreación recente da historia, mais enriquecida pola imaxinación da novelista. Neste feixe de relatos cómpre destacar aqueles que se refiren á chamada memoria histórica, xa non só a memoria histórica do franquismo, senón tamén a memoria dos asasinados pola ditadura arxentina de Videla.

O primeiro relato, “Daltóns de segunda xeración”, presenta a figura fantástica de Avelino Ríos, personaxe quimérico e aventureiro, dotado dunha rara habilidade para a carpintaría. Lembra este Avelino algún dos personaxes de Cen anos de soidade de García Márquez combinado cunhas pingas de quixotismo e ata de picaresca. Mais a historia irrompe cando nolo presenta na Galicia do remate dos cincuenta ou dos sesenta con esa emigración a Suíza e volta en certo triunfo ao volante dun mercedes.

 O segundo relato, “Aqueles que retratan o vento”, mestura os tempos da posguerra franquista, a emigración á Arxentina neses anos e mais a represión de Videla e os desaparecidos arxentinos, que se ceba neste caso nun fotógrafo e xornalista fillo dunha emigrante galega. Estamos neste caso ante un relato típico da memoria histórica, centrado neste caso na Arxentina e na lembranza de Ernesto, o fillo dunha actriz galega, desaparecido pola ditadura de Videla. Como acontece na novela da memoria histórica, a narración mestura axeitadamente os datos históricos coa imaxinación verosímil do que foi esa historia que se nos agocha. Neste caso a imaxinación da narradora reconstrúe fundamentalmente o proceso de desaparición de Ernesto.
Lémbranos moito este relato elementos xa manexados na novela da autora Memoria das cidades sen luz: a personaxe feminina actriz, a presenza de María Casares, os ámbitos xeográficos de Galicia—Buenos Aires-París, a caracterización dos personaxes, especialmente as personaxes femininas (cultas, desinhibidas, progresistas, mesmo adiantadas ao tempo e o medio que lles tocou vivir).
Aconsello ler o texto como unha homenaxe a todos os progresistas perseguidos e desaparecidos nas ditaduras dos setenta no Cono Sur, especialmente os que padeceron persecución ás mans de Videla e Pinochet, entre os que había moitos descendentes de galegos.
O relato “Tira os mistos, Arriba España” entra de cheo na denominada narrativa da memoria histórica. Mesturando realidade e fantasía, recrea o episodio célebre do bou Eva, que volveu estar de actualidade nestes pasados meses a propósito da dedicación do Día das Letras Galegas a Paz-Andrade e por todos os lados correu a historia da bitácora do bou, que conservaba Paz-Andrade na súa casa de Samil. Os personaxes Gándara pai e Gándara fillo fannos reflexionar sobre o que foi a Transición, que, se temos en conta estes dous personaxes, parece que todo cambiou para que todo seguise igual.
Os dous relatos seguintes “Buscar as ninfas” e “O despacho de Molly Bloom” transitan polos vieiros do feminismo e do dereito de cadaquén a vivir como lle praza prescindindo das convencións sociais.
Pecha o libro “Caso Torneiro: 1898-1975”, onde a autora empregando o procedemento do manuscrito atopado escribe con ironía e sentido do humor sobre Franco e mais Manuel Fraga. Abofé que é un bo ramo para este libro.
En fin, que se lemos este libro saberemos mellor quen somos, de onde vimos e cara a onde deberiamos ir, especialmente agora que se achega unha cita electoral. Ademais gozaremos cuns relatos moi ben escritos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario