Aínda que só fora pola novela breve Sarou (1997, Xerais, Premio
Café Dublín) xa pagaría a pena, pois trátase dun discurso que apreixa o
lector nunha vertixe, nunha espiral de acontecentos, da que non é nada
doado fuxir, o cal revela un traballo estrutural, de configuración das
personaxes, de dominio do xénero ( novela breve, xénero pouco frecuente,
que adoita confundirse con novela de poucas páxinas cando é outra
cousa) e de pericia narrativa no tratamento temporal, que leva o lector a
considerarse testemuña privilexiada dun drama, dunha traxedia que se
desenvolve, igual que a lectura, sen concesións ao respiro, á pausa. No
seu momento saudamos Sarou como un dos mellores exemplos de narrativa
negra das nosas letras, e comprobamos satisfeitos como o paso do tempo,
implacábel e frío xuíz, non a desmerece para nada senón que blinda na
súa xusta medida esta expresión literaria dun tempo, dunhas personaxes,
mergullados nunha vertixinosa espiral que só conduce á desesperanza.
Ese primeiro espazo xeográfico ficcional, emblema da sociedade da
beiramar da ría de Arousa, comunícase co interior a través da N-541, que
comunica Pontevedra con Ourense e neste caso nos trae deica Louzós,
territorio de interior que en Negros espellos (2001, Xerais) agrupaba os
catro relatos que aquí figuran, completados con outros catro que foran aparecendo en publicacións colectivas ou soltas, como o caso de
“Por Eve”, que lembramos inserido en Unha liña no ceo ( Xerais, 1996).
“Sarou/Louzós (N-541)” constitúese, pois, nun territorio de transición
perceptíbel na evolución temática, que desde o orixinario mundo da droga
e as súas violencias nos vai levar a outro máis centrado no mundo do
sexo e da análise sociolóxica, que non deixan de ser
continuacións/contaminacións lóxicas.
Tanto os relatos desta segunda parte ,“Sarou/Louzós (N-541), como os
que completan a serie centrada xa en Louzós, déixannos a imaxe de Ramón
Caride como autor que non se aferra a unha determinada estratexia
narrativa senón que lle é propia a variedade e se desempeña con éxito en
calquera que se propoña, desde o testemuño xudicial de “Dilixencias
practicadas”, nucleado en Louzós, ao precioso relato “R.P.M”, nucleado
na transición cara a Louzós. “R.P.M.” é un curioso relato escrito na
marxe en que conflúen a narrativa negra e a micronarrativa, alí onde
estas dúas expresións literarias coinciden na estratexia de ocultar quen
é o protagonista deica o remate, de xeito que tal revelación sacuda o
lector fortemente e o convide a reflexionar sobre o lido.
Queremos deternos un chisco nesta narrativa breve, que amosa a Caride
Ogando como un autor moi completo, precisamente porque tende a ser a que
máis doadamente sexa esquecida. E esa tendencia pode levar implícitos
riscos como por exemplo o de pasar por alto a pericia narrativa de
“R.P.M.”, que son dúas páxinas e media como moito, mais dunha
intensidade e pericia narrativa tales que non poden deixar de producir
admiración no lector.
En GALICIA CONFIDENCIAL
Ningún comentario:
Publicar un comentario