26 de feb. de 2014

ROSALÍA SEMPRE VIVA

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014 [23/2/2014] Hoxe e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario. Rosalía de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe. Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste. E, ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de carácter burocrático. Moi pola contra: é un documento humano escrito con sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz da poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado. E esa dignidade comeza pola restauración do uso escrito da lingua galega, convertida en símbolo de rebeldía. Desde ese compromiso, padecemos a través dela os dramas dun pobo que sofre, mais que nunca atopou unha pluma que o defendese. E ela, literata consciente, converte a súa obra nunha casa de acollida para todas aquelas mulleres invisibles que padecen maltrato e desprezo; e cede a palabra a todas esas viúvas que tecen soidades, a todas as labregas que loitan e non se renden, ás mozas que aman e ás que odian, ás que van alegres de romaría e ás que collen con rabia a fouciña. Non reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume. E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro. E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras. E por iso, desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano. Querémola pola rúa e nas escolas, nos barrios e nos arrabaldes, nas aldeas e nas prazas, nas fachadas brancas dos edificios. Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza. Para que a súa voz ilumine o noso futuro, alta e clara como murmurio e como alento. Ceiba coma sempre. Nosa e de toda a cidadanía consciente de si mesma. Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2014 Carlos Negro, vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega


Agora cabelos negros,
máis tarde cabelos brancos
agora dentes de prata,
mañán chavellos querbados,
hoxe fazulas de rosas,
mañánde coiro enrugado.
Morte negra, morte negra,
cura de dores e enganos:
Por que non matas as mozas
antes que as maten os anos? 

Ningún comentario:

Publicar un comentario