2) O Goberno de Feijóo non é o Goberno da imposición senón o da liberdade e, como tal, non pode permitir que a situación lingüística no ensino en Galicia sexa a de que se obrigue ao uso dunha lingua en detrimento doutra.
Entre o débil e o forte, a liberdade oprime e a lei libera. O «malo» do decreto 247/2007 foi que o bipartito quixo facer que se cumprise, porque ata daquela ningún decreto sobre o ensino se cumpría nunha boa parte dos colexios concertados e privados. Cando se quixo facer cumprir o lexislado, foi cando se falou de imposición.
Toda norma, toda lei, todo decreto é unha imposición: as normas de tráfico, as leis urbanísticas, as ordenanzas municipais. Se non houbese normas e obrigatoriedade de cumprilas, non podería haber civilización. O PP pretende volver ao estado salvaxe de facer o que a un lle dea a gana, co que se garante unicamente a liberdade para que o forte esmague o débil.
Que lingua se usou maioritariamente na escola durante a vixencia do bipartito se a maioría dos centros privados e algúns públicos daban galego en castelán, coñecemento do medio en castelán, matemáticas en castelán etc., incumprindo a normativa legal?
Acaso houbo nenos castelanfalantes que volvesen da escola á casa falando galego? En troques, hai miles de casos de nenos galegofalantes que volven da escola totalmente castelanizados. Cal é logo a lingua subordinada na escola?
O Decreto 2007, desenvolvendo as directrices do Plan Xeral do 2004, pretendía poñer os medios para que o alumnado acadase a plena competencia bilingüe, tamén os que no medio familiar só teñen castelán, porque os nenos que falan galego na casa son, de sempre, os únicos bilingües.
Se molestaba moito este Decreto é porque moitos fillos de señoritos e moitos fillos de acomplexados ían ter roce do(?) galego, algo que por prexuízo non podían consentir os pais.
3) Galicia posúe unha riqueza lingüística que non a teñen outras Comunidades: Galicia fala en dúas linguas importantísimas. Unha, o galego, a súa particular lingua que a achega, por semellanza, a todos aqueles países de fala portuguesa, e outra, o castelán, a segunda lingua máis falada do mundo. Por iso, pretender ignorar unha cando se poden empregar as dúas é ilóxico.
A única lingua que se pretende ignorar e seguir subordinando é o galego. Con este decreto transmíteselle a idea á sociedade de que o galego é unha lingua de segunda, totalmente prescindible para vivir en Galicia.
Por que un inmigrante senegalés ou chinés ou romanés vai estar exento durante tres anos de lingua galega e non vai estar exento de lingua española? (e máxime cando neses tres anos vai ter algunha(s) materia(s) en galego do que non poderá estar exento). Esta é a dobre moral, a dobre consideración (útil/inútil) que pretende facer o PP madrileño no noso país.
Non esquezamos que estas directrices que pretende implantar o PP en Galicia, impoñéndonos un decreto coma este, responde ás instrucións que lle veñen dadas desde Madrid, concretamente desde a fundación FAES presidida por José María Aznar.
4) Os populares pídenlle aos nacionalistas galegos que deixen de empregar a lingua como ferramenta política e aos socialistas, que recuperen a senda da cordura e se desliguen das posturas máis extremistas do nacionalismo. Lémbranlles que o pacto co Bloque se rompeu o pasado 1-M, por decisión da sociedade galega, e polo tanto, secundar ao BNG e ser cómplice seu xa non é unha peaxe que o PSOE galego teña que pagar.
O consenso lingüístico logrouse co PXNL, cando era presidente Fraga e vicepresidente Feijóo. O consenso rachouse na campaña electoral de febreiro de 2009, cando o PP empregou a lingua como arma electoral para captar 20.000 votos que se lle ían marchar a UPyD.
Acaso é cordura e sensatez inocular o veleno da loita política nas escolas? Sabe o PP cantos problemas e conflitos vai causar nas ANPAs, nos Consellos Escolares, nos Claustros de profesores etc., con este borrador de decreto?
Déixese o PP de falsas chamadas ao pacto e ao consenso e goberne, non delegue en quen non ten competencias nin capacitación. Goberne e decida que é o que quere facer coas linguas no ensino público en Galicia, diga cales materias de cales niveis van en A ou en B. Ou é que os concellos consultan cos propietarios dos terreos para modificar anualmente os plans xerais? Ou é que a DXT consulta anualmente cos propietarios dos vehículos para facer as normas de circulación? Ou é que os médicos lles piden opinión aos familiares dos pacientes sobre o tipo e a dose da medicación administrada?
En canto a esas chamadas ao PSOE, a quen se quere enganar? Hai unha boa parte da sociedade galega que quere un futuro para a súa lingua e que non vai permanecer indiferente ante o que este goberno pretende. E aí han confluír xentes con adscrición partidaria ou sen ela; persoas unidas todas polo común amor á lingua, decididas a non deixar que os negacionistas decidan coa súa política extremista.
Aquí tes a I e a II parte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario