26 de feb. de 2010

Zapatero replícalle a Díaz: "Estaría orgulloso de ser galego"

O presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, manifestou onte que se sentiría "orgulloso de ser galego". Foi a súa resposta ás polémicas palabras da voceira de Unión, Progreso e Democracia (UPyD), Rosa Díez, que definiu o líder socialista como "galego no sentido máis pexorativo do termo". "Obviamente non son galego, pero teño grande aprecio polos galegos. E se nacese en Galicia, sentiríame moi orgulloso de selo. É unha terra á que lle teño gran aprecio e á que admiro", dixo Zapatero, que veranou durante varios anos, ata o 2004, en Porto do Son.

Rosa Díez di que a malinterpretaron

Pola súa parte, Rosa Díez, manifestou que non quixo ofender a ninguén coas súas palabras, Díez subliñou que, coloquialmente, o termo galego atribúese a unha persoa que, como Zapatero, "salvo el mesmo, ninguén sabe moi ben se sobe ou baixa, ou sexa, o que vai facer ou deixar de facer".

A deputada de UPyD no Congreso defendeu que detrás dese uso coloquial do termo non existe, polo menos ó seu xuízo, ningún tipo de crítica negativa e insistiu en que ela nunca xamais o utiliza "en termos ofensivos". De feito, recordou que durante a mesma entrevista, ela que é biscaíña, falou de bilbainada no sentido de "fanfarronada".

Feijóo: "Non ofende quen quere senón quen pode"

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lle respondeu onte a Díez para dicirlle que "non ofende quen quere senón o que pode" e subliñou que o "mellor" é dar as súas palabras "por non feitas".

"Lamento profundamente que haxa un político -unha política neste caso, matizou- en España que non se decate de que determinadas manifestacións son unha falta de respecto para a comunidade e para uns españois que somos galegos e a moita honra", sentenciou o presidente galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

"E seguirémolo sendo e estando orgullosos", concluíu Feijóo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario