5 mar. 2010

Lingua e goberno na Galiza de Núñez Feijóo

Henrique Rabuñal no Xornal:

A política galega divídese nestes momentos a partes iguais entre a materia e a alma, o euro e a identidade, a aplicación da lei de caixas e o conflito lingüístico. Téndomos verdadeiro sentido de país e séndomos minimamente patriotas as dúas cuestións acharían unha solución para este tempo histórico de reorganización das entidades financeiras e para algún día actualizar a Lei de Normalización Lingüística que como tantas cousas ficou inservíbel para moitos problemas e necesidades aparecidos desde 1983.

O presidente Núñez Feijóo chegou ao goberno adobado por unha mentira que é ao tempo unha temeridade: a incríbel imposición do galego que ao parecer padecía o país. Esa idea foi alimentada polo fundamentalismo lingüístico antigalego que contou coa colaboración de importantes figuras do Partido Popular galego e o eco mediático de empresas que crean opinión. A ameaza dunha nova política lingüística sustentada naquela impostura e na lamentábel alteración da realidade idiomática do país acelerou a elaboración dunhas Bases que han regular as linguas no ensino non universitario e que foron contestadas por numerosas instancias académicas, pedagóxicas, políticas, sindicais e sociais (Queremos galego). Esas bases contaron tamén coa crítica moi ben fundamentada da Real Academia Galega e da moi serodia do Consello da Cultura Galega. A RAG deixou claro na súa análise que as Bases son un erro pedagóxico, xurídico, social e político e fixo un chamamento para retomar o consenso partindo do Plan Xeral que en materia de lingua galega aprobaran as forzas políticas parlamentares en 2004.

Núñez Feijóo e o seu goberno van camiño de se converteren en pioneiros na ruptura dos consensos nesta materia fulcral e en sementadores dunha política de regresión no atinente aos usos do galego que non ten precedentes desde a aprobación da Lei de Normalización Lingüística. Aqueles consensos, digámolo dunha vez, non satisfacían as demandas dos sectores máis galeguistas pero eran un pacto que nos podía permitir algúns avances e gañar tempo de cara a tomar medidas máis eficaces no difícil camiño da normalización lingüística.

O grave desta situación é que o goberno de Núñez Feijóo non parece disposto a rectificar na liña do demandado pola plataforma Queremos galego e do expresado pola masiva participación na folga docente no ensino non universitario e a manifestación no Obradoiro. No seu goberno instalouse a idea e a práctica dun compromiso mínimo co uso do galego, hai pouco escoitamos ao Presidente en Lisboa falar en español perante un grupo de empresarios e tamén recentemente o propio parlamento fixo un chamamento para que os cargos da administración galega (comezando polos conselleiros) e os propios deputados usasen máis o noso idioma, constatación do seu cativo uso.

Hai poucos días, na recepción do seu terceiro premio Goya, o actor chairego Luís Tosar deunos unha lección a todos usando o galego e dignificándoo tamén diante do propio presidente da Xunta a quen imaxinamos ruborizado por ter que ser un cómico do país e con conciencia de país quen faga o que nin el nin o seu Conselleiro de Cultura fan desatendendo así o que para nós son claros mandamentos das altas maxistraturas que ocupan e polas que ademais cobran.

Esta deserción involucionista do goberno de Núñez Feijóo ten un aspecto positivo: serviu para pór de manifesto a enerxía que este pais fabrica e que pode pór ao servizo da súa lingua en clave de uso efectivo, defensa e dignificación. E mentres esta nazón de bons e xenerosos sexa quen de seguir instalada na cerna da nosa sociedade, os proxectos linguicidas do PP fracasarán.

É para nós moi evidente que hai que pedir a dimisión dos responsábeis políticos que meteron o zoco de maneira intolerábel neste asunto e sobre todo recobrar o sentido da realidade, teimuda coma sempre. Sermos conscientes das dificultades que o galego segue a ter e da débeda que teñen con el, co noso idioma propio, xa non só os que o usamos habitualmente senón tamén os que non o usan ou o usan pouco e que teñen agora ocasión que lles vén como anel ao dedo para resarcirse. É o momento. Tamén quereríamos que o PP pagase algún día en forma de votos este desaire ao país, esta ofensa intolerábel ao seu primeiro sinal de identidade e que o escano que lle permite gobernar por maioría absoluta no Hórreo pase a aqueles que non toleran nin consenten o desaire e a ofensa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario