5 mar. 2010

Perturbada (Marta Dacosta)

Marta Dacosta en A Nosa Terra:

Nun bar calquera dunha vila galega podiamos escoitar o venres á noite unha conversa entre amigos. A esas horas e despois dunha dura semana laboral poderiamos pensar que, entre cervexa e cervexa, os amigos estarían dicindo algunha parvada desestresante, entregados a unha conversa sen máis obxectivo que o de sacarlles unhas risadas. Pois non. Nun bar calquera dunha vila galega de 12.000 habitantes, xusto cando se inicia a ansiada fin de semana, un grupo de amigos reflexiona sobre as declaracións dunha biscaíña que tivo a ocorrencia de utilizar o xentilicio “gallego” no seu sentido pexorativo. Non todos falan en galego na mesa do lado, mais concédenlle tempo ao tema e van na procura do xornal para documentar a conversa. Desde logo para eles non hai contexto que valla e eu, que non podo evitar observalos, non creo que sexan intolerantes nin acomplexados, e do que si estou segura é de que non son uns perturbados nacionalistas, pois nas vilas todas e todos nos coñecemos e eles perturbados non son e nacionalistas non se consideran.

O que non lembran os veciños de mesa e, porén, non debe ser esquecido, é que estas apreciacións da que alguén chamou atinadisimamente “parva no sentido literal do termo” son coherentes coas súas actuacións en contra dos galegos e galegas. Lembremos que foi das primeiras en sumarse á cativa mobilización que reclamaba a exclusión do noso idioma do ensino, que desde as Españas chegou para pórse á fronte da pancarta. Moitas palabras en sentido pexorativo poderiamos dedicarlle mais nós non somos así. Simplemente, recomendámoslle que lea “Castellanos de Castilla”, un poema que ela actualiza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario