10 de xuño de 2010

Páxina Web do Proxecto Toponimia de Galicia


Xa está accesíbel a web do Proxecto Toponimia de Galicia que desenvolve a Xunta de Galicia e permite acceder a información de máis de 350.000 topónimos.

O Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) arrincou no ano 2000, impulsado pola Comisión de Toponimia, dentro da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que é a competente na materia. Actualmente, están implicados no proxecto outros departamentos da Xunta de Galicia, cunha participación destacada da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia. Neste organismo, dependente da Consellería do Medio Rural, funciona o SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia), que constitúe o soporte técnico para a execución do PTG.

No proxecto veñen colaborando tamén moitos concellos, que, a través de convenios, facilitan persoal e apoio material no seu respectivo ámbito territorial, asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes e outras entidades. Nalgúns casos, as colaboracións proveñen de persoas que, pola súa conta e por interese persoal ou profesional, decidiron recoller os nomes da súa parroquia coa metodoloxía deseñada e aplicada polo PTG.

Os obxectivos do proxecto son recoller toda a toponimia galega, tanto a referida a entidades de poboación como a outras realidades xeográficas (nomes de terras, fontes, regueiros, cruceiros, cons, areais...), fixarlle unha forma escrita e situala cartograficamente. Como pano de fondo, é motivación básica do PTG salvagardar un riquísimo patrimonio cultural, gravemente ameazado.

A información sobre toponimia xerada polo PTG non está baseada nunha simple listaxe de milleiros de nomes clasificados por concellos e parroquias e encadrados nunhas determinadas tipoloxías xeográficas. A utilización de técnicas cartográficas avanzadas así como o aproveitamento das tecnoloxías de divulgación en rede permiten que esa información teña aplicación práctica para organismos públicos, entidades privadas e particulares que xestionan o territorio ou investigan sobre el (elaboración de cartografía, xestión de emerxencias, planeamento urbanístico, estudos filolóxicos ou antropolóxicos ...).

Por outra banda, a información está disposta de xeito que permitirá no futuro a integración das bases toponímicas galegas en niveis de información superiores a nivel estatal e europeo.

Páxina Web do Proxecto Toponimia de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario