27 jul. 2010

Idioma galego nun centro comercial

Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe:


Visito a superficie comercial dunha corporación multinacional de orixe sueca recentemente instalada na cidade da Coruña e comprobo, con grave sorpresa, que o idioma galego -idioma propio e oficial de Galicia- non ten presenza ningunha tanto na rotulación comercial como na sinaléptica referencial ou informativa. ¿Cabe semellante desprezo ao idioma galego nun espazo comercial do século XXI? En Suecia, dende o ano 2009, existe a "Språklag" ou Lei Lingüística, destinada a preservar o status do idioma sueco e, ao mesmo tempo, a protexer idiomas minoritarios como o finlandés, o sami ou o meänkieli, entre outros, amosando así o Estado sueco unha extraordinaria sensibilidade con todos os idiomas falados no seu territorio. Na actualidade falan sueco pouco máis de 8 millóns de persoas e a literatura sueca, como é ben sabido, comezou a ser tal a partir do século XVI; e sempre se cita aí a tradución ao sueco da Biblia no ano 1541, que serviu para normalizar a lingua e a ortografía suecas. E despois, digámolo así, chegou August Strinberg, que tanto influíu en Kafka, O"Neil, Sean O"Casey ou Lars von Trier, sen nos esquecer dun cineasta como Ingmar Bergman. Mais vaiamos ao tema central deste artigo. Independentemente de que no espazo coruñés da multinacional sueca todos os libros expostos nos mobles de libraría -numerosos e variados- estean en lingua sueca, non é de recibo, nin é intelixente no plano comercial, que o idioma que vai de Martín Codax a Avilés de Taramancos ou Carlos Casares non conte sequera nese mesmo espazo coa debida presenza en tipo e corpo de letra adecuado para informar ao público visitante e consumidor. No País Vasco, por exemplo, a empresa sueca imprimiu en euskera o ano pasado máis de 50.000 exemplares do seu catálogo de temporada, e tanto nas loxas comerciais de Bilbao e de Barcelona pódese ler, mesmo na sinaléptica externa, "Altzariak eta dekorazioa", e en Barcelona, concretamente en Badalona, "Garantia de qualitat per al dia a dia". Mais nós ben que estamos acostumados ao desprezo.

1 comentario:

  1. hai moito por facer, certo
    Pero lembra que pon ikea A Coruña. Iso é impensable vai poucos anos

    ResponderEliminar