A Real Academia Galega (RAG) interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario, que se une ós xa presentados polos sindicatos educativos e A Mesa pola Normalización Lingística.
Nun comunicado, a institución sinala, ademais, que a decisión foille comunicada previamente ó presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "por motivos de transparencia e lealdade institucional".
Trátase da culminación dun proceso iniciado "a finais de xuño", cando o plenario da institución decidiu, co apoio "de todos" os seus membros, "estudar" as posibles vías para recorrer a nova norma que regula o uso das linguas oficiais no sistema educativo galego.
O presidente da RAG, Xose Luis Méndez Ferrín, sinalou durante esta semana que a institución "tomaría unha decisión" en función do informe dos asesores xurídicos da academia sobre a norma.
Ferrín xa sinalou, cando se deu a coñecer o ditame do Consello Consultivo sobre o decreto do plurilingüismo, a súa petición a Feijóo para que "retire" a súa proposta lingüística no ensino ante o "clamor social" e pola "soidade total do Goberno" en materia lingüística.
Así mesmo, o informe da RAG sobre as bases do decreto e que os propios académicos aplicaron tamén ó texto definitivo, cualificaba a norma de "inaceptable" e de "inconsistente legalmente", ademais de reclamarlle á Xunta que "rectifique" a súa postura e aposte polo "consenso" e un acordo social "integrador" para a aprobación dun texto destas características.
Entre outros puntos, sinalaron que implicará "un retroceso no proceso de normalización da lingua galega que infrinxe a lexislación vixente e a xurisprudencia emitida polos altos tribunais", ademais de recordar que o Tribunal Constitucional "nega inequivocamente que os pais teñan dereito a elixir a lingua de ensino".
Ningún comentario:
Publicar un comentario