21 de xul. de 2010

Vinte e sete anos...

Pilar García Negro en Terra e Tempo:


'Cartel


A anécdota téñoa referido eu, en público, coido que moitas máis veces que o damnificado-protagonista. En pleno franquismo, é detido, en Madrid, Bautista Álvarez. Seu irmán vai á Comisaría interesarse por el e fala cun policía de orixe galega, para tentar "despolitizar" a actividade do detido : "Meu irmao o único que fai é falar galego..." -- "Claro, por aí empezan todos!...", responde, rotundo e lúcido, o policía. Por aí empezaron todos, de Rosalía de Castro a Castelao; tamén, no nacionalismo contemporáneo: por aí empezaron ou empezamos todos, quer dicer, facendo da lingua non un obxecto de cultivo, non un ritual esporádico, non nos limitando a usala cando outros o facían... Esta -a utilización xeral, sistemática, premeditada, consciente... (tal e como propugnaba Ramón Vilar Ponte)- foi unha das grandes novidades da historia recente da Galiza e constituiuse no motor de arranque do proceso de normalización paulatina de que foi obxecto a lingua propria, a lingua nacional.

Non doutra loita, non doutra presión política e popular, derivou a súa inclusión no Estatuto de Autonomía, promulgado ene 1981, e mais na Lei de Normalización Lingüística, en 1983. Neste mes de Xullo, ela, a lei aínda vixente, cumpre nada menos que vinte e sete anos. Vinte e sete anos onde AÍNDA!, escandalosamente, dista de ter sido aplicada. Se ela é obsoleta, non é por lle teren os gobernos da Xunta de Galiza e demais responsábeis públicos espremido todo o seu "zume" e, por iso, ficar anticuada e precisada de urxente renovación. Non. Se ela é a triste caricatura dunha lei merecente de tal nome (isto é, prescritiva), é porque ninguén a tomou a serio neste máis dun cuarto de século de vida legal. É ben certo que, tal e como ilustres xuristas ( Ricardo Carvalho Calero, Baldomero Cores Trasmonte, o añorado Daniel García Ramos, Victorino Gutiérrez Aller...), e outros que non o somos, coma min mesma, diagnosticaron e diagnosticamos no momento da súa promulgación, esta lei contiña eivas conxénitas que comprometían a súa mesma natureza: falta de mandatos obxectivos, cuantificábeis, casuísticos; ausencia de temporalización e de medidas correctoras, se for o caso; escasa ou nula prescritividade; ambigüidade no uso de vocabulario voluntarista, sen concreción clara. Se, aínda por cima, non se utilizou na dirección favorábel a colocar o galego como lingua social e pública, coa visibilidade e a audibilidade necesarias, fácil é prever a desolación institucional en que vivemos.

Mais dáse a circunstancia, aliás, de que nestes vinte e sete anos o corpus legal da Comunidade Autónoma medrou considerabelmente. Só citaremos algunhas das leis e organismos nados neste período: Consello da Cultura Galega; CRTVG; Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (substituído pola Axencia de Industrias Culturais Galegas); creación das Universidades da Coruña e de Vigo; compilación do Dereito Civil de Galiza; Lei de Patrimonio Cultural; Lei do Audiovisual; Escola Galega de Administración Pública; Lei de Bibliotecas; Lei do Estatuto Galego do Consumidor e Usuario; Lei do Comercio interior (o magnífico proxecto de Lei do Comercio do goberno anterior, emanada da Dirección Xeral de Comercio e elaborado por Ana Mª Rúa Souto ficou en dique seco)... Podiamos seguir, mais é suficiente.

O Xefe do Estado español ratificou, coa súa asinatura, en Agosto de 2001, a "Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias", co cal este texto pasa a ter o máximo valor legal e compromete as actuacións do proprio Estado. Cinco anos antes, en 1996, Congreso de Deputados español e Parlamento galego aproban por unanimidade a "Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos". É a instancias do BNG como existen, na Cámara galega, senllas Proposicións de Lei (no décimo aniversario e no vixésimo: 1993, 2003)) de reforma da vixente Lei de Normalización e de normalización de usos sociais e públicos da lingua galega, respectivamente. En Setembro de 2004, e por unanimidade, é aprobado o "Plano Xeral de Normalización Lingüística".

Vinte e sete anos. Descenso brutal de falantes de primeira xeración; lento avanzo do galego como instrumento público, amparado e promovido polas organizacións do nacionalismo galego e por veteranas plataformas como a Mesa pola Normalización Lingüística; multiplicación elefantiásica de todos os alimentadores que impoñen o español... E, neste panorama, para acabar de rematala, os actuais gobernantes afilíanse ao golpismo, na decisión de desmantelaren o que nen sequer está construído inteiramente. Acailles ben a piada ou chiste aplicado aos novos ricos (novos ricos tamén no idioma), cando amosan a casa a uns amigos: "Aquí, el salón; aquí, el comedor; aquí, los dormitorios y aquí, el cuarto de baño, que afortunadamente no hemos tenido que usar nunca". O galego, peza "obrigatoria" da arquitectura institucional para nunca ser usado e, aínda, clausurábel de vez.

O xuntoiro ou fusión de colonizado e de colonizador é francamente explosiva. Considerar o galego unha adherencia repudiábel e, ao tempo, apurarse a facer méritos para merecer a aprobación do que manda en Madrid e dos seus emisarios na colonia é o cóctel envenenado que está a funcionar hoxe para acabar de matar o que aínda, teimosamente, vive. Semellan matachíns inclementes de touros torturados (eles, que tanto gostan de asistiren á barbarie das touradas), a asestarlle ao idioma lanzadas cada vez máis fondas, a lle inflixir feridas a cada paso máis lacerantes...

O candidato do PP á alcaldía de Ourense, Rosendo Fernández, di aplicarse o de "falo galego cando quero y hablo castellano cuando me da la gana". Que bonito! Dáse a circunstancia de que o primeiro marca e o segundo ten o vento de popa... Dáse a circunstancia de que se fala castelán supostamente cando lle peta é, tal e como confesa en entrevista recente, porque llo impuxeron de neno. Agora, após aquela imposición, declara non querer que lle "impoñan" o galego. De modo e maneira que facer aflorar o sepultado e marxinado durante anos e anos é "impoñer". Laus Deo! ¿Cómo non escreberán a Nelson Mandela para lle comunicaren que están fartos de que "impoña" a súa presenza en actos públicos, após botar décadas no cárcere? ¿Cómo non liquidan de vez o dereito de sufraxio feminino que as mulleres "impuxemos" non hai tanto? ¿Cómo é que non pelexan con armas e bagaxes contra a imposición constitucional do español, en virtude da cal (artigo 3.1.) "el castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho de usarla"?

¿Que nengún idioma se impoña? Daquela, enmudezan dunha vez... Ficaremos eternamente agradecidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario