Primeiro foi o topónimo de Sobrado dos Monxes, que un tradutor automático e un operador non menos automático –xa pagou pola súa torpeza–, converteron nun inverosímil e xa popular “Desván de los Monjes”. Agora, máis ca un faiado, o que se lle pode atragoar ao conselleiro de Cultura é todo o contrario: o soto da compostelá Casa da Parra, ese edificio do século XVII onde vai morrer a escalinata da Quintana. Alí, nun espazo que carece das condicións de temperatura e humidade que esixe o celuloide para conservarse, é onde Roberto Varela garda dende hai case un ano todos os filmes financiados polo bipartito. O resto, os de 2005 para atrás, están onde deben estar: no CGAI.
A temperatura no silo do Centro Galego das Artes da Imaxe, na Coruña, onde se almacenan unhas dúas mil películas, arrandea entre os 5 e os 9 ºC. A humidade, entre un 40 e un 60%. É o que necesita o patrimonio fílmico galego para ser iso, patrimonio, e non unha produción efémera. O que lle cómpre para durar. Na filmoteca recoñecen que empeza a ser necesaria unha ampliación, salvo que os galegos e as galegas decidan de súpeto deixar de facer películas. De momento, porén, hai sitio abondo para as que están na Casa da Parra. O problema é outro: o CGAI depende de Presidencia e as películas depositadas nun soto da cidade vella compostelá pertencen á Consellaría de Cultura. Cada unha delas, por así dicilo, vén a ser a última fase dun expediente administrativo iniciado, no seu día, coa solicitude dunha axuda económica na Xunta. A bicefalia, ao que parece, non era unha síndrome exclusivamente bipartita.
Guillermo Escrigas, o director da filmoteca, asegura que o traslado está previsto para o mes de setembro, pero as películas seguen onde as puxeron cando a Xunta decidiu prescindir da que foi, durante catro anos, a sede da Axencia Audiovisual Galega. Segundo as estimacións de quen fora o seu director durante ese periodo, Manolo González, son máis de 500 producións en distintos soportes, dende as pesadas bobinas de 35 milímetros –as que máis coidados requiren– até formatos máis tradicionais (Betacam, DVCpro) ou soportes dixitais (DVD).
En teoría, a reforma do Consorcio Audiovisual acometida polo Goberno de Feijóo a mediados deste ano debía solucionar todas as eivas que o PP sinalaba no ollo do bipartito. Unificaba nun só organismo as competencias antes compartidas coa Axencia Audiovisual e conciliaba os dous departamentos implicados, o de Presidencia e o de Cultura, non único consello de dirección. Anxo Quintanilla sería o xerente, Roberto Varela ostentaría a presidencia e Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, sentaría na cadeira do vicepresidente. Ao que parece, a fórmula non deu solucionado todos os atrancos.
Manolo González cre que a conservación do patrimonio fílmico galego non estará resolta até que o Goberno da Xunta sexa quen de tomar “unha decisión de futuro e de país, goberne quen goberne”. Noutras palabras, até que se lle procure ao cinema feito en Galicia un lugar á súa medida: “Se non hai cartos para construír unha nova sede para o CGAI, que non tería por que estar na Coruña, porque a actual podería seguir funcionando en paralelo, por que non se emprega a Cidade da Cultura? Na biblioteca e no arquivo hai unhas instalacións perfectas. O patrimonio vai seguir medrando, si ou si. Hai que pensar niso”.
De momento, o lugar máis axeitado para conservar as bobinas das películas rodadas en 35 milímetros é o que no CGAI chaman coloquialmente a neveira. Aí está todo o que o Goberno axudou a producir a través das súas liñas de axudas e todo o que a propia filmoteca foi recuperando para constituír o seu propio fondo. Todo, agás o que pasou polas mans da nacionalista Ánxela Bugallo durante a súa etapa como conselleira de Cultura e as obras entregadas nos últimos meses.
A outra posibilidade está pelexada cos feitos. Na teoría, o Consorcio Audiovisual é o organismo que ostenta agora mesmo todas as competencias do audiovisual, pero o certo é que lle quedan grandes. Nin ten a dotación orzamentaria suficiente –as axudas seguen xestionadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente de Cultura– nin hai sitio abondo na súa sede. Os informes caben, o cine non.
Ningún comentario:
Publicar un comentario