31 de ago. de 2010

Así será a publicidade do 'decretazo' plurilingüe

Artigo en A Nosa Terra:

A Xunta acaba de publicar as condicións da polémica campaña de propaganda do 'Decreto do Plurigüismo', a norma que reduce a porcentaxe mínima de aulas en galego. O máis relevante é que o Goberno pide ás axencias de publicidade que deseñen unha campaña de "divulgación dos novos valores do sistema de ensinanza non universitaria" sen explicar por ningures cales son eses supostos valores.

Así, o Executivo obvia na súa documentación oficial calquera referencia á imposición do idioma propio, suposta eiva que levou ao PP a cambiar a norma malia a oposición da práctica totalidade de asociacións de pais, mestres e alumnos.

U-la austeridade?

"As principais características do novo decreto son o equilibrio entre as dúas linguas oficiais de Galicia e o impulso ao aprendizaxe dunha lingua estranxeira, para lograr un plurilingüismo real na nosa Comunidade Autónoma" limítase a especificar a secretaría xeral de Medios.

O departamento de Alfonso Cabaleiro gastarase case un millón de euros nesta propaganda, cifra que a oposición criticou por contradicirse coa publicitada austeridade do Goberno conservador. Dese millón, 200.000 euros iran para a creatividade dos anuncios e 750.000 a mercar espazos publicitarios.

Fraga nunca se anunciaba en castelán dentro de Galiza

Os anuncios emitiranse en televisión e radio en castelán e galego. O Goberno de Feixóo racha de novo a práctica do bipartito e de toda a era Fraga, cando a publicidade pagada pola Xunta no país era sempre no idioma do país.

Ademais de en medios audiovisuais, os anuncios sairán en "tres insercións de media páxina color impar en cada un dos diarios con audiencia en Galicia". Toda a propaganda será emitida antes do 15 de xaneiro.

Cruce de acusacións

O Goberno xa gastou 90.000 euros na campaña das polémicas enquisas que xustificaron o cambio normativo, segundo informou Xornal. O BNG cualificou no Parlamento de "obsceno" o nivel de gasto para "impor o español", mentres que o secretario xeral Alfonso Cabaleiro respondera esta primavera que este Executivo gasta menos en propaganda que o anterior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario