O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, sinalou onte que a formación de dous días a brigadistas é algo normalizado en toda España. No entanto, non en todas as comunidades as cousas son iguais. De feito, en Cataluña os bombeiros voluntarios –que se unen aos profesionais– reciben unha formación moito maior ca dos operarios de Seaga.
Asturias,Navarra ou Cataluña comparten a xestión da extinción dos lumes mediante un sistema de bombeiros profesionais operativos todo o ano que asumen o apagado dos incendios forestais, rescates ou lumes urbanos. Ademais, todas contan con corpos de bombeiros voluntarios integrados por persoas que teñen o seu traballo e no tempo libre coidan os montes dos lumes.
Así, os bombeiros profesionais de Cataluña sométense a unhas oposicións para converterse en funcionarios e unha vez o aproban teñen que pasar un longo proceso formativo.
Segundo fontes da Direcció General de Prevenció, Extinció d’Incendis i Salvaments consultadas por Xornal, deben superar 650 horas de clases teóricas e 320 horas prácticas nun parque de bombeiros. “Finalizado este ciclo de formación xa son bombeiros funcionarios pero non é ata que pasan tres anos cando se lles considera bombeiros de primeira”, indican dende a Generalitat.
Incluso os bombeiros voluntarios cataláns –actualmente 2.478– reciben unha formación máis completa que os brigadistas contratados por Seaga cada verán. Fronte aos dous días que para Samuel Juárez son “suficientes”, estas persoas realizan un curso teórico de 180 horas e pasan 100 horas facendo prácticas nun parque. Despois aínda terían que pasar un exame para acceder á escala activa.
Os datos facilitados polo Goberno navarro tampouco deixan lugar a dúbidas da necesidade de ter unha boa preparación. “Os bombeiros profesionais pasan unhas oposicións teóricas e prácticas e un psicotécnico; despois teñen un curso básico dunhas 800 horas formativas das cales 272 son teóricas”, explican, ao tempo que engaden que este persoal se distribúe en 10 parques por toda Navarra. Así mesmo, reciben varias horas de formación sobre distintos temas e en inverno adícanse, parcialmente, a traballos de prevención.
Os voluntarios tamén se someten a un proceso de formación e, a pesar de non dedicarse á extinción en exclusiva, dispoñen de sete parques.
DISTRIBUÍDOS EN 19 CENTROS
Pola súa banda, o Principado de Asturias cuxo paisaxe natural é moi semellante a de Galicia tamén conta cun servizo profesionalizado. Estes funcionarios –actualmente hai uns 400– son sometidos a distintos cursos tras pasar as oposicións. Posteriormente distribúense en 19 centros en todo o territorio asturiano.
Ante a falta de formación que denuncian os sindicatos en Galicia e a comparativa con outras comunidades, Comisións Obreiras destaca que todos os sistemas teñen as súas eivas. “As cuadrillas de verán teñen pouca experiencia e unha mala formación pero os bombeiros profesionais non coñecen o medio”, subliñan fontes do sindicato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario