2 de ago. de 2010

Galicia, unha xeración perdida?

Artigo de Bragado no Faro:

Os datos publicadas estes días no “Informe Mocidade e Emprego”, elaborado polo Gabinete Técnico de Economía da CIG, avalan as teses que expresabamos no artigo da pasada semana (“Galicia: un estado de desánimo”) sobre a profunda crise demográfica do país e sobre as altísimas taxas de desemprego e emigración da xeración de galegos e galegas menores de trinta e cinco anos, os e as nacidos xa na Galicia autonómica. Datos que non son novos, xa que foron publicados nos informes anuais do IGE, do INE ou nos informes de Poboación Activa, máis que organizados presentan unha radiografía que resulta desacougante para o futuro do país de noso.
Na última década –que non o esquezamos foi un período de vacas gordas, no que se incorporaron á nosa sociedade un número significativo de inmigrantes, unha década de crecemento económico e fartura no consumo, que nos fixo crer na posibilidade da sociedade do pleno emprego– produciuse un profundo envellecemento da poboación galega. Unha situación que é froito do alongamento da esperanza (e calidade) de vida, a niveis equiparables aos das sociedades máis avanzadas do planeta (84 para as mulleres e 77 anos para os homes), o que constitúe un éxito do que debemos gabarnos colectivamente. Porén, un envellecemento que non pode agochar que en Galicia durante este período se reduciron as taxas de natalidade (xa de por si baixas, apenas nacen cada ano 23.000 picariños e picariñas) e aumentou o número de mozos e mozas que decidiron coller a maleta para facer as súas vidas fóra do país. No padrón de habitantes de 2009 (recentísimo), a poboación de maiores de 65 anos supoñía o 21,8% do total, mentres a de menores de 20 anos só o 15,8%; cifras ben distintas, ás da década anterior, na que a porcentaxe de menores de 20 anos (28,5%) duplicaba ao de maiores de 65 anos (14,6%). Non hai dúbida: Galicia camiña velozmente a ser un país de maiores.
Cada inicio de curso prodúcense novos peches de centros e unidades escolares por falta de alumnado –sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense– o que constitúe a carta de defunción definitiva para estas pequenas comunidades rurais. Sen este bulir inquedo dos mociños camiño da escola, sen a súa ledicia non se poden enxergar moitos síntomas de esperanza para unha Galicia interior esquecida polos diversos gobernos da Autonomía (a maioría conservadores) que nunca souberon atopar solución para esta hemorraxia tan silenciosa como fatídica. Fenómeno que afecta, tamén, ás provincias atlánticas e mesmo as cidades máis dinámicas como Vigo, na que a pesar do tirón da inmigración os censos anuais do INE continúan estancados por baixo desa barreira administrativa dos 300.000 habitantes. Podemos prever como será o perfil demográfico do país no marco da crise actual?
Ao abeiro da anemia demográfica sitúase o repunte da emigración da nosa mocidade que se ven producindo de forma tamén silenciosa e constante. Un fenómeno que podemos constatar cada domingo nas magníficas reportaxes que FARO DE VIGO publica na sección “Gallegos en la cima” pola que desfilan investigadores, científicos e profesores das máis diversas disciplinas, formados nas universidades galegas, e que agora traballan en centros de todo o mundo. O citado informe da CIG é moi clarificador sobre a dimensión deste fenómeno. No ano 2008 foron 26.916 as e os galegos que marcharon fóra en busca de traballo, sendo o 60,9% menores de 35 anos, o que supón que nese ano foron máis as persoas que marcharon do país das que aquí naceron. O perfil do emigrante galego que sae hoxe ao estranxeiro responde en moitos casos ao dun ou dunha licenciada universitaria ou un profesional cualificado que busca completar a súa formación ou acceder a un mercado laboral de mellores soldos e máis altas expectativas laborais. A diáspora galega (800.000 persoas?) aumenta coa xeración galega mellor formada da historia.
A esta emigración galega do século XXI non lle resultan alleas nin o fenómeno da actual mobilidade planetaria do coñecemento nin decisións de índole persoal, mais no que tamén inflúen os altísimos niveis de desemprego da nosa mocidade (hoxe o 31,9%, máis do dobre do conxunto da poboación activa), como a temporalidade dos contratos que se lles ofrecen (o 70% de menos de tres meses) e a baixa retribución de case todos os empregos, inferior aos mil euros mensuais, que impeden artellar proxectos de independencia.
Se os tempos de fartura da década pasada provocaron esta situación, qué pode suceder no marco actual da crise do capitalismo financeiro onde todo semella ir á baixa. Cales son as razóns que levan aos nosos mozos e mozas a decidir que non queren construír as súas vidas en Galicia? Non habería que asumir como unha prioridade política o seu devir? Galicia pode asumir contar cunha xeración perdida?

Ningún comentario:

Publicar un comentario