13 de ago. de 2010

Os problemas financeiros poñen en perigo o xornal ‘A Peneira’

Lemos no Xornal:

Despois do peche do portal Vieiros e o agregador Chuza, agora os problemas financeiros tamén están a facer perigar a viabilidade do xornal A Peneira, un dos grandes emblemas da prensa comarcal e local galega. A elevada dependencia da publicidade institucional –que nos últimos meses, por mor da crise está a reducir a súa presenza no medio– parece ser a circunstancia que provocou o desequilibrio orzamentario da empresa editora. Ademais, a escasa publicación de anuncios do goberno autonómico de Feijóo tamén contribuíu a que a entrada de beneficios se miminizara.

“Ata inicios de 2009 a cousa ía ben. Porén, despois das eleccións deixamos de recibir publicidade da Xunta e isto notouse moito. De feito, no último ano non nos puxeron nin un só anuncio”, explica o director de A Peneira, Guillermo Rodríguez.

Para el, a meirande equivocación que se cometeu daquela foi manter o nivel de gasto de anos anteriores. “A Peneira non podía seguir cunha carga de salarios como a que tiña, porque no 2008 xa rondaba o 40% dos ingresos e no 2009 incrementouse esa porcentaxe ata o 62%. Aguantamos durante o 2009 porque foi cando se cobrou a axuda de 2008 da Xunta polo uso do galego. Entón fomos tirando e gastamos todo canto tiñamos, pero como sinala o dito popular, ‘cando se acaba o gran do canastro...”, explica a Xornal de Galicia.

Os problemas económicos acabaron redundando no despedimento dos traballadores que sacaban adiante a publicación e que denunciaron que se lles adebedaba a nómina de seis meses, algo que Rodríguez desminte, afirmando que “só son cinco meses e medio e o que falta da última mensualidade é o que van cobrar cos ingresos procedentes da publicación dunha Guía do concello de Tui que se fixo”.

En canto á viabilidade do proxecto e as pantasmas dun posible peche, Guillermo Rodríguez móstrase, en principio, optimista. “Agora mesmo penso que A Peneira non vai rematar a súa andaina, pero non se poden facer moitos cálculos porque outros históricos como Vieiros sofriron o mesmo e mira como acabaron. Creo que todo vai depender dos anunciantes e mais dos lectores”, afirma. Polo de agora, as baixas dos redactores estanse a cubrir, de cara a sacar o próximo número, con colaboradores externos que non cobran polos seus servizos. “Temos que publicar porque diso depende a chegada da axuda polo uso do galego, para a que xa presentamos a documentación pertinente”, remata.

Ningún comentario:

Publicar un comentario