O Abastos 2.0 revoluciona Madrid Fusión coa súa "taberna reinventada"
Galicia desembarca nesta cita culinaria da man de Marcos Cerqueiro e Iago Pazos, que debullarán as claves do éxito do local situado no mercado compostelán a través de conceptos como cociña miúda, barra efémera ou cociña sen neveira
Marcos Cerqueiro, esquerda, e Iago Pazos no exterior do Abastos 2.0, situado nas casetas exteriores do mercado compostelán |
A fórmula do Abastos 2.0 é tan sinxela como innovadora. Marcos, como cociñeiro, sométese cada mañá ó ditado do Mercado de Santiago -convertida na súa despensa diaria- para deseñar a oferta gastronómica, apostando non só polo produto do país senón tamén polo mercado local e sostible. Con esta compra, de 12 a 3 e de 7 a 10, o Abastos 2.0 ofrece entre tres e seis pequenos pratos que poden ir dende un bocado a media ración e para os que empregan gramaxes semellantes ás dos menús degustación. Á hora da comida e da cea, o Abastos 2.0 transfórmase e a súa barra convértese nunha mesa única, compartida ó mediodía e a porta pechada para grupos pola noite. Todo baixo previa reserva e respondendo tres cuestións básicas: se o cliente é novo na experiencia, canto quere gastar, e que non pode ou non lle gustaría tomar nun menú "a cegas". Unha experiencia adubiada cunha coidada selección musical e regada polos mellores viños galegos recomendados por un Iago Pazos reconvertido a mestre de cerimonias. Unha dinámica diaria que Marcos e Iago trasladarán este xoves en Madrid a través de conceptos como cociña miúda, barra efémera, cociña sen neveiras, porta pechada ou interacción 2.0 co cliente, que centrarán o relatorio A rendibilización do espazo: mínimo e polivalente.
Tras Madrid, esta novidosa e exitosa fórmula estará no Fórum Gastronómico de Girona, o que terá o Marcos e Iago lonxe de Santiago en febreiro. Non obstante, para todos aqueles que estes días se senten un pouco orfos, calma. Porque o Abastos 2.0, cun novo concepto e ánimos renovados, volverá abrir as súas portas o vindeiro 1 de marzo.
(Galicia Hoxe)
Ningún comentario:
Publicar un comentario