14/08/2011

Recoñezo que tiña certos prexuízos e tardei en comezar esta novela que, admítoo, opino que é boísima. Víctor F. Freixanes atrápanos con este Cabalo de ouros, publicado por Galaxia, cunha historia ben afíada, inesperada, do mellor da literatura galega que teño lido ultimamente. Unha historia a maior parte das veces aceda, dura, como duros foron os tempos que rememora, triste, silandeira, e sobre todo chea de forza. Freixanes non só xoga co narrador-lector, senón que tamén é quen de aportar un cantar de cegos na novela, logrando un encaixe de bolillos camariñés perfecto no que abraian os saltos e os ritmos narrativos, rematando nunha puntada final venezolana totalmente inesperada polo cambio da liña narrativa que nos envolve ata as últimas liñas. E máis inesperado resulta que todo este tecido se teña en pé arredor dunha partida de cartas, ben longa por certo, ben cheíña de cartos tamén, pero que na arañeira de personaxes cobizosos, maledicentes, teimudos, e mesmo tenros, vai desenvolvendo o nobelo dun amor non tan imposible que nos tensa ata o final.
Non sei, repito, pareceume -e soprendeume- boísima.

“Lembro a súa ollada clara, case que líquida, fóra do mundo dos vivos, ela tamén. A vida pasa polas cousas, pola memoria dos feitos e polas criaturas que tales padeceron. O que noutrora foi furia e desolación, ferida e castigo, materia pezoñenta que apesta o mundo, o bálsamo do tempo cicatriza, non sei se cura, en calquera caso adormece, as máis das veces para sempre”

En TRAFEGANDO RONSEIS 

09/08/2011

Vivimos coma galegos?

Dende a morte de VIEIROS fomos enterrando unha boa ristra de medios en galego (A Peneira, GalizaNación, A Nosa Terra, Galicia Hoxe...) supoño que en breve teremos novas "reestructuracións" no Xornal de Galicia e xa se están oindo tambores de guerra dende La Voz de Galicia... aínda que este último en galego ten o xusto para cobrar a subvención e pouco máis.WikiLeaks puxo de manifesto que a "guerra de medios" é unha das guerras máis cruentas nas democracias mundiais.  Al Jazzira leva a voz cantante no mundo árabe e ata fai catro días News of de World tiña practicamente o monopolio dos tabloides británicos e por extensión da prensa mundial.  En España o grupo Vocento seica pretende desembarcar en Galicia -vía ERE- mercando o 33% da Voz de Galicia (run run) mentres o seu propietario Santiago Rey Fernández-Latorre seica vai camiño dunha xubilación dourada. O Grupo Editorial Prensa Ibérica emprega as súas cabeceiras como facilitadoras do seus verdadeiros intereses: o sector inmobiliario en toda España. E así poderíamos seguir repasando as marañas mediáticas que impiden que as noticias de interese para Galicia vexan a luz sen manipulación nos medios.

Doutra banda existen na rede infinidade de medios dixitais que presentan unha realidade fortemente ideoloxizada que os converten por definición en medios minoritarios de cara á opinión pública. Aínda que esta afirmación é discutible, os datos de tráfico na rede semella que poden considerarse obxectivos. Editores de novas non xerárquicos como Menéame (ou Chuza en Galicia) recollen moitas visitas e enlaces pero a súa arquitectura basada no "karma" dos participantes posibilita o control ideolóxico das noticias que chegan ás suas respectivas portadas. Algo semellante sucede cos comentarios que todos podemos facer en El Pais (cando o permiten), El Mundo, Público, etc...  En Galicia algúns apostaron no seu día por "Xornal de Galicia" como alternativa á prensa convencional, mais lamentablemente o seu propietario Jacinto Rey semella estar máis interesado en sacar tallada das privatizacións e licitacións públicas empregando a forza do Xornal para facerlle descaradamente a pelota ao Goberno Central (Pepe Blanco) mentres na casa cesa aos seus directivos ou move as pezas no taboleiro mediático para seguir pechando medios e así eliminar a competencia. Estas operacións son difíciles de demostrar pola maraña de empresas pantalla que participan nelas, co tempo teremos cumprida información destas artes escuras na prensa galega; o malo será que daquela xa NON TEREMOS NIGÚN MEDIO EN GALEGO do que podamos falar ben nin mal.

Se todo o que levo dito é certo, é tremendamente preocupante que os galegos e galegas non fagamos absolutamente nada, estámonos a xogar a libertade de expresión e a posibilidade de comunicar sucesos, realidades e ideas en Galicia. Afortunadamente temos aínda dous Proxectos de Liberdade. 

Se me permitides dúas palabras quixera presentarvos dous medios de comunicación que precisan con URXENCIA da vosa participación activa e cicais da vosa colaboración económica (por cativa que sexa sempre será mellor que nada!)

Trátase do dixital GALICIA CONFIDENCIAL que leva máis de dous anos ofrecendo informacións puntuais sobre a realidade cotiá de Galicia e tenta consolidarse coma un medio "independente" (cando menos económicamente) que lle permita afondar na liña do "xornalismo de investigación" nesta terra. O voluntarismo ten sempre límites e cicais sexa esta unha das últimas oportunidades que teñamos en Galicia para crear unha opiníón pública libre de sometemento ás políticas de partido ou aos intereses de empresa.

GALICIA CONFIDENCIAL vén de apostar polo que eles mesmos denominan un "Xornalismo Sustentable" e para facelo posible reclaman a nosa colaboración económica e a nosa participación coma lectores críticos que sustenten este proxecto de futuro.  Se aínda non coñecedes o medio atoparedes nunha primeira visita moito "nacionalismo" e "independentismo" entre os seus siareiros (especialmente nos comentarios) mais cónstame que ás veces estas actitudes non son máis que "fume na rede", o que pode parecer un gueto mediático de sectores políticos que se atopan lonxe de seren aternativas de goberno en Galicia pode ser simple "apariencia de liberdade". Estes mesmos siareiros escribían arreo no defunto VIEIROS e ao día seguinte da súa morte apenas houbo siquera catro "tristes esquelas". Quero dicir que de todos NÓS depende o facer que este medio sexa plural e colla o pulo preciso que lle permita afondar na investigación da información posibilitando así a construcción dunha verdadeira Sociedade Democrática e Aberta que nos leve á superación do actual statu quo.

Discutible, ben o sei, pero considero que estes xoves emprendedores son xente sobradamente preparada e cunha verdadeira vocación xornalística e só precisan dunha pequena seguridade que lles permita dar o salto á PROFESIONALIZACIÓN. ¿Por que non apostar en serio por un Proxecto con futuro?

Se sodes dos que non vos gusta o pago on-line aconséllovos á transferencia bancaria (por 48 €uros ao ano!) teredes acceso ao que denominan GC Plus non ides atopar ningunha "revelación mariana" nin cousa semellante, mais é un agradable bandeirín de enganche para premiar a vosa suscrición e a vosa fidelidade a este proxecto de comunicación en liberdade.

E para rematar de VENDER o producto, salientar a vocación de servizo público da sección chamada GC Aberto (aínda en fase beta) que permite a calquera persoa ou asociación publicar artigos e novas libremente e dalas a coñecer na rede galega.  Este sevizo de edición é un valor engadido que non deberamos desprezar se temos en conta o momento actual no que vivimos.

Só mediante a denuncia podemos coñecer o que realmente sucede e cicais cando estas denuncias cheguen a ter "masa crítica na rede" teremos a posibilidade de transformar os procedementos democráticos esixindo SOLUCIÓNS!

Sami Nair aposta claramente polo futuro transformador dos medios na creación dunha nova sociedade. Faino nunha entrevista realizada con motivo da presentación do libro "La explosión del periodismo. De los medios de masa a la masa de medios" do xornalista, de orixe galego, Ignacio Ramonet.

Na súa xusta medida penso que o proxecto Galicia Confidencial podería representar ese medio transformador para Galicia.O segundo Proxecto de Liberdade para Galicia é a Rede Social CABOZO, verdadeira rede de comunicación, que leva máis de tres anos ofrecendo os seus servizos ante o inxeplicable mutismo dos mediáticos convencionais. CABOZO está a piques de estrear un novo deseño e completar tódalas súas funcións coma Rede Social verdadeiramente amigable que non ten nadiña que envidiar ás demáis redes sociais de importación. CABOZO non precisa polo momento axudas económicas o que precisa con URXENCIA é darlle valor a un producto completamente galego e orixinal (por máis que atopedes certas semellanzas con outras redes sociais coñecidas) Cabozo leva tempo ofrecendo o que "outros" publicitan coma grandes novidades tecnolóxicas (p.ex. Google +).

En CABOZO tedes pleno control dos vosos contactos, podedes crear grupos privados ou públicos, álbumes fotografícos, vídeos, fantásticas xeolocalizacións para usuarios mobil, sindicación de noticias dos principais medios (Galicia Confidencial, Xornal de Galicia, Faro de Vigo, Galiciaé, Crónica3, CodigoCero, El Pais, El Mundo, Público, CincoDías, Muy Interesante, Gizmondo, Menéame, Chuza...) e por se todo isto fose pouco dispón dunha ferramenta explosiva: a VIDEOCONFERENCIA A CATRO BANDAS simultaneas, mediante Ustream.

Pensade por un momento nas infinitas utilidades que estes servizos poden ofrecer a calquera usuario da rede CABOZO.

CABOZO xa estaba aquí antes de que moitas das redes máis populares activaran servizos semellantes pero aínda así moi pouca xente nesta Terra quixo recoñecer este magnifico traballo.¿Que terán as redes foráneas que todo o mundo presume de estar nelas? Cando a confidencialidade e a propiedade intelectual está en entredito, cando as reclamacións fanse ante tribunais dos EUA, cando nin siquera falan galego nin entendemos a metade dos trebellos informáticos que empregan para facer o seguimento dos usuarios... todos coma autómatas abrimos unha conta en FaceBook ou Twitter sen pensalo dúas veces! CABOZO permite enlazar, se o desexas, a túa conta en Twitter directamente no teu perfil en Cabozo, facilitando así a interconectividade entre as distintas redes sociais.

Esta potente INTERCONECTIVIDADE de CABOZO anticipa o futuro de xeito visionario. Cando as demáis redes socias sigan este camiño poderemos falar dunha verdadeira Rede de Redes Socias.


É frustrante para Galicia ver como os seus creadores (enxeñeiros informáticos, community managers...) acadan mellores oportunidades en Alemaña ou no Silicon Valley... mentres Galicia segue orfa e semella estar condeada a ir sempre detrás dos demáis na innovación e no mundo da comunicación e das novas tecnoloxías...

¿Por que Galicia non vai poder exportar REDES SOCIAIS GALEGAS?  Se as demáis redes teñen a súa traducción a centos de idiomas, o mesmo podería facer Cabozo se quixeramos apoiar este proxecto coa nosa participación.

Cabozo hoxe funciona mediante invitación (cada usuario dispón únicamente de 5 invitacións) esta decisión dos administradores prodúxose ante a cantidade de contas de usuario que carecían de tráfico e participación algunha; a medida tomouse coa intención de ser máis selectivos á hora de ofrecer o producto a quen verdadeiramente o aprecia e ten interés nel.  Esta situación (supoño provisional) pode ter efectos non desexados, máis sen dúbida a terra debe ser para quen a traballa!Cómpre apostar por un xornalismo de investigación e libre de intereses espurios: 
faite suscritor de Galicia Confidencial.

Cómpre dar valor ás ferramentas propias de comunicación social: 
participa na Rede Social Cabozo.
Gracias por vivirmos en galego...   cada día máis... 
 
 
Por Gamela en Galicia Confidencial

Entrevista co autor de 'El nacionalismo lingüístico'

 O catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Carlos Moreno Cabrera (Madrid, 1956), publicou "El nacionalismo lingüístico. Una ideología destructiva" (Ediciones Península). Trátase dun traballo que aborda o nacionalismo lingüístico español, ao que considera excluínte.


A priori, o título do seu libro parece unha diatriba contra o nacionalismo periférico e as linguas do
Estado distintas do castelán.

Esa é a impresión que dá. O editor buscaba un ámbito amplo de difusión e, como título, “O nacionalismo lingüístico español” tiña pouca chicha.

En Galiza, o conflito da lingua dase co exterior pero tamén interiormente.
No libro non analizo a situación lingüística, senón a ideoloxía que oculta o nacionalismo do Estado. Trato de demostrar que si que existe ese nacionalismo de Estado e que é explícito aínda que non se vexa. É unha ideoloxía que toma corpo en moitos lugares, como en Galiza, aínda que o fai con pequenos matices. Ese nacionalismo preséntase baixo datos que se proclaman obxectivos, pero que están motivados ideoloxicamente e que teñen como intención dotalo dunha pátina científica. Moitos filólogos empregan o seu prestixio para avalar esa visión do Estado. Por exemplo, dise que o castelán é un idioma máis fácil porque ten cinco vocais. É unha idea que parte de Menéndez Pidal e que aínda se repite. Pois ben, o vasco tamén ten cinco vocais, pero dese idioma non din que é doado.

Aquí, un sector da sociedade reclama o dereito a escoller lingua –o castelán– na que se expresar e mesmo na que estudar. Sitúan o debate nunha cuestión exclusivamente de dereitos individuais.


A ideoloxía estatal considérase allea a etnias e afirma que se basea nos cidadáns e os seus dereitos, pero detrás diso hai un nacionalismo estrito. Se non fose así, calquera galego podería montar unha tenda en Madrid e prestar todos os servizos no seu idioma, non habería problema, estaría a exercer un dereito individual. Porén, iso non é así, obrígano a empregar o español.

Tal vez por operatividade, porque non podemos saber todas as linguas dos que chegan aquí.

Esa é unha idea falsa, unha tapadeira do nacionalismo lingüístico español. As comunidades teñen dereitos lingüísticos. O propio Estado resérvase na Constitución o dereito a defender o idioma español.

Estaría conforme con que o deber de coñecer español desaparecese da Constitución?

Caben dúas opcións, obrigar a coñecer as outras linguas de España, se que é estamos nun Estado plurilingüe, ou non mencionar ningunha obriga nin deber a respecto dos idiomas, o español incluído. Claro que se se propón algunha destas posibilidades, o máis posíbel é que o Estado manteña o seu discurso nacionalista.

No seu momento, cando se formulou a posibilidade de que a Lei de Normalización Lingüística do galego incluíse o deber de saber galego, a Constitución prohibiuno.Como se pode entender que se lle diga a un pobo como o galego o que debe facer coa súa lingua? Iso é colonialismo.

En A NOSA TERRA 

07/08/2011

Flores da Galvana

Iria Fernández Crespo, no centro, entre Miguel-Anxo Fernán-Vello (esquerda) e Ramón Chao Iria Fernández Crespo, no centro, entre Miguel-Anxo Fernán-Vello (esquerda) e Ramón Chao

Iria Fernández Crespo (Barcelona, 1982) é unha das voces novidosas das letras galegas, criada en Catalunya, morando en Catalunya pero con raiceiras moi profundas en Galiza.
Flores da Galvana é o seu primeiro poemario e demostra no seu traballo unha ansia totalizadora da descrición lírica da realidade. A poesía de Fernández Crespo vai máis alá da separación clásica entre intimismo e poesía social; entre clasicismo e vangarda. Aposta por unha concentración expresiva que converte os seus versos en tallas na pedra do idioma, as súas imaxes en vencellos indisolúbeis entre un pasado que a autora albiscou mentres esvaecía e un futuro no que a única fronteira da poesía galega é o propio límite dos seus creadores.
Recordos de infancia, paisaxes galegas, a dor pola destrución da paisaxe, o laio pola anormalidade cultural de Galiza, a propia indefensión fronte aos atrancos da vida... Todo se compendia cunha exquisita escolla rítmica e léxica.
Edita Espiral Maior.

En A NOSA TERRA

Compra libros tamén nos quioscos

Web da Lonxa das Letras Web da Lonxa das Letras

O quiosco, relacionado tradicionalmente coa prensa e con coleccións de libros populares, agora tamén será punto de venda para os produtos de Xerais e de Galaxia. É unha maneira nova de impulsar a difusión e venda dos títulos da literatura galega en estabelecementos que contan co cariño do público.
Lonxa das Letras é un proxecto da Rede Galega de Quioscos no que se integraron Galaxia e Xerais nesta primeira etapa aínda que se abrirá a outros selos editoriais a medida que se vaia afianzando o proxecto. Arestora véndense nos quioscos novelas, literatura xuvenil e infantil, ensaio, didáctica, poesía, cociña e biografía.

En A NOSA TERRA

Noah Barleywater escapa da casa

John Boyne John Boyne 
 
Noah é un cativo de oito anos que decide fuxir da súa casa. Nese camiño cara a ningures, atopa un vello artesán que ten a casa inzada de xoguetes e de monicreques. Noah vai vivir moitas aventuras e escoitar moitas novas historias nas que as propias figuras son as protagonistas.
Velaí o argumento de Noah Barleywater escapa da casa, do irlandés John Boyne, que se fixo famoso nas letras galegas coas exitosas O neno do pixama de raias e Motín na Bounty.
O libro busca unir os intereses lectores de persoas de diferente xeración, na liña de clásicos como Alicia no país das marabillas ou O Principiño.
A tradución é de Carlos Acevedo. Edita Faktoría K.


En A NOSA TERRA

06/08/2011

A sombra dos teus soños

Anxo Rei Ballesteros Anxo Rei Ballesteros. X.C.
Seis relatos compoñen A sombra dos teus soños, libro de Anxo A. Rei Ballesteros que se publicou por primeira vez no 1998. O escritor de Boqueixón –falecido hai tres anos– compuxo nestas estampas unha visión descarnada da realidade.
Os personaxes das pezas son covardes ou mediocres, reprimen os seus desexos ou os disolven en fantasías sobre si mesmos. Rei Ballesteros pescuda nos seus ambientes, con cheiro a suor e halitose, para entender cal é o camiño posíbel para unha sociedade completamente absorbida polos soños crebados. Amores imposíbeis, desexos corrompidos, a confusión entre valentía e patetismo... Os valores tradicionais nas obras de Ballesteros agora en formato máis breve.
Edita Galaxia.

En A NOSA TERRA

Non hai noite tan longa

Agustín Fernández Paz Agustín Fernández Paz
A historia de Non hai noite tan longa percorre os últimos 50 anos da historia de Galiza. A figura que Agustín Fernández Paz escolle é a de Gabriel Lamas, un exiliado retornado tras varias décadas en París.
O seu regreso a Monteverde supón o reencontro cos seus fantasmas. Coa morte do pai, condenado por un delito que non cometera no 1972; coa evolución política e social de Galiza. Lamas terá que reconstruír as pezas do seu pasado para poder enfrontarse ao seu porvir.
Fernández Paz, mestre da técnica narrativa, emprega nesta novela unha sorte de modelo de novela de intriga para manter o lector enganchado a unha historia que vai máis alá de xéneros e que supón unha ollada crítica sobre nós mesmos.
Edita Xerais.
En A NOSA TERRA

Historia cíclica

“Ter unha prensa que informe dende posicións abertamente galegas supón afirmar a nosa identidade nacional”. Podería ser unha frase pronunciada por alguén no último mes. Pero foi parte do editorial do número 0 da xeira iniciada por A Nosa Terra en 1977, hai 34 anos.
“Selección galega xa”. Podería ser o lema que están escribindo estes días nunha pancarta uns rapaces que se preparan para reivindicar equipos de seu en poucos meses. Pero é a portada da revista Bravú en 1997, hai 14 anos.
“¿Se ha creído acaso que no está obligada una nación, cualquiera que sea su forma de gobierno, a mantener el buen orden en todas sus provincias, a contener el espíritu de división y escisión y a emplear todos los medios disponibles para conservar la unidad del Estado?”. Podería ser unha declaración actual de Mayor Oreja, ou un editorial de El Mundo ou Intereconomía, incluso palabras recentes de José Bono ou Francisco Vázquez. Pero estas frases publicáronse sobre pobos sudamericanos que querían independizarse de España no periódico El Universal, en 1821, hai  190 anos.
“Queremos acadar a normalización do idioma e a cultura galega, ate conseguir que, na práctica, o galego sexa o idioma de Galicia”. Podería ser unha protesta diante do conselleiro de Educación hai pouco. Pero forma parte do programa fundacional do BNG, en 1982, hai 29 anos.
“No curso das crises, cando o momento de pánico pasou e a industria se estanca, o diñeiro está fixado nas mans dos banqueiros”. Podería ser a análise dun economista decente sobre a actual crise, pero foi escrito por Karl Marx en 1850, hai 161 anos.
“Rubalcaba promete un nuevo estilo de hacer política”. Podería ser un titular do venres pasado. Pero saíu en El País sobre a súa estrea como portavoz do Goberno en 1993, hai 18 anos.
“Los presupuestos que prepara el Gobierno incluirán medidas "muy drásticas" para reducir el déficit público que afectarán a todas las partidas del gasto, incluidas las de protección social”. Podería ser unha noticia de onte mesmo, pero é da mesma data que a anterior e fala dun Goberno do PSOE, en El País un 17 de xullo de 1993, hai 18 anos.
“La izquierda deberá aportar sus propias soluciones a la crisis económica, pero procurando que sus remedios no agraven la crisis fundamental, es decir, no buscando más empleo con más consumismo”. Podería formar parte dalgún dos manifestos que saen ultimamente sobre a refundación da esquerda, pero aparece nun libro do profesor Víctor Alba en 1982, hai 29 anos.
“Un grupo subversivo, al amparo de unas reivindicaciones que siempre tienen sus cauces muy definidos y de todos conocidos, ha irrumpido con violencia deliberada violando toda norma y haciendo inevitable la actuación de las fuerzas del orden en defensa de la paz de los ciudadanos, que se sintieron amenazados. Quienes siembran el desorden y la confusión, tratando de sustituir la convivencia pacífica a la que todos los españoles tenemos derecho, no hacen sino ponerse al servicio de intereses bastardos, que solo intentan, aunque los disfracen, destruir lo que tan costosa como unánimemente hemos edificado todos: la paz”. Poderían ser as explicacións de calquera Delegación do Goberno a algunha salvaxe carga policial contra membros do 15-M ou folguistas. Pero é un editorial do ABC logo de que a policía franquista matase a dous obreiros en Ferrol, en 1972, hai 39 anos. “Non creo na forteza dos sentimentos patrióticos da dereita galeguista. Non estou disposto a deixarme convencer con ádoas de vidro. Poñen a Galiza por debaixo doutros intereses”. Podería ser unha frase referida ás declaracións de galeguismo de Feijóo cada 25 de xullo, pero foi escrito por Castelao en 1945, hai 66 anos.

Son necesarios máis medios de comunicación en galego e de esquerda real, pero só para unha cousa, para facer cambiar definitivamente os eternos titulares da frustración e a maldade.

Por RODRI SUÁREZ en GALICIA CONFIDENCIAL

05/08/2011

Sinfonía fiorentina

Unha fonte en Florenza
A novela é o testamento literario dunha viaxe a Florenza. Sinfonía fiorentina, de Manuel Lamas González, pescuda nas pegadas históricas e artísticas da cidade da Toscana para compoñer un fresco no que a viaxe se funde cos propios sentimentos dos protagonistas.
Os paseos pola rica cidade que viviu o seu esplendor no Renacemento baixo o goberno mercantil dos Medici serven para que os personaxes se encontren a si mesmos, fagan repaso das súas vidas e consigan poñer en orde lembranzas, desexos e renuncias.
O autor recorreu á autoedición da súa obra aproveitando os servizos da plataforma Meubook, que se encarga da publicación en formato físico e electrónico.
En A Nosa Terra

Saudades de Kissinger

Saudades de Kissinger é o título dun dos 49 relatos curtos que contén este libro de Etgar Keret, considerado un dos escritores máis sobranceiros das letras hebreas.
O libro, traducido ao galego por Moncho Iglesias, publicouse orixinariamente no 1994 e agora chega aos nosos andeis con forza e a frescura habitual nos libros do israelí.
A atmosfera opresiva do Israel contemporáneo, a amálgama de personaxes de diferentes procedencias e ideas; o humor como xeito de superar o medo; a loita pola supervivencia incluso contra a propia lóxica... Velaí os esqueletes que Keret arroupa con historias onde o posíbel se confunde co imaxinado, nas que as cousas que parece máis de ficción teñen un pouso de realidade brutal.
Edita Rinoceronte. Etgar Keret En A Nosa Terra

1Q84

Haruki Murakami en Santiago Haruki Murakami en Santiago. AGN. En A Nosa Terra
Autor seguido en todo o mundo con paixón polos seus lectores, o xaponés Haruki Murakami é unha das estrelas do catálogo editorial de Galaxia. 1Q84. Libros 1 e 2 é unha novela que vai tecendo historias que combinan a imaxinación coa cotidianidade.
Unha asasina capaz de matar sen deixar rastro; un escritor inédito que ten a encarga de refacer unha novela que lle parece brillante; unha comuna misteriosa cuxos membros levan anos desaparecidos. Estes son algúns dos vieiros que o escritor marca no papel e que lle van dando forma ao trazo da arañeira de ficción.
A edición de Galaxia chega ao galego en tradución de Mona Imai e Gabriel Álvarez Martínez.

04/08/2011

Resurrección

Un 14 de febreiro, en vez de celebrar a festa do amor, Emma, unha adolescente de 17 anos, vive un episodio do que os médicos chaman 'morte aparente'. Contra o tópico, nese intre no que a rapaza estivo entre a vida e a morte, non viu túneles nin luces brancas. Pero si coñeceu un rapaz, Ethan, que ha deixar unha pegada imborrábel.
Resurrección foi un éxito de vendas nos EE UU. A súa autora, Lea Tobery, constrúe unha historia na que a intriga e o sobrenatural van engaiolando o lector capítulo a capítulo.
A tradución ao galego é de Ana Boullón. Edita Xerais.

Fragmento da capa de 'Resurrección'  En A Nosa Terra