31/05/2010

'Negra sombra' en versión reggae

Desde o Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra chegamos a esta nova:

Taru e os Paxaros Coiro presenta unha versión moi apta para o verán do inmortal poema de Rosalía.


O grupo, que se presenta como "puro reggae da Galiza para toda a xente do mundo", amosa unha nova perspectiva do poema Negra Sombra de Rosalía de Castro, cun enfoque musical intimista, aínda que menos triste cás versións anteriores, xa coñecidas. Cantada en clave de reggae, pero esta vez cun toque nuroots, que fai que se converta nunha canción chea de profundidade en canto a sentimentos e lírica, enmarcada entre os ritmos caribeños xamaicanos e os ritmos propios do folclore galego.


En galego tamén se fai ciencia


As tres universidades presentan a campaña En galego tamén se fai ciencia para demostrar que a nosa lingua é válida para todos os eidos e que os preconceitos só se asentan na ignorancia ou na mala fe.


En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

30/05/2010

San Simón: De como "aillar" aínda máis a memoria desta illa

Só desde unha cegueira ideoloxista moi torpe se podería caer na tentación de mudar de política a respecto da illa de San Simón


Semella que o obxectivo é borrar o rastro do sucedido na illa de San Simón. O proxecto que presenta a Consellaría camiña cara a incompatibilidade da súa dinamización cultural e turística co feito incuestionábel de que "San Simón" foi o corredor da morte de milleiros de persoas que agardaron sentenza nese paradisíaco lugar e que vivían cada segundo coma se fóra o último, saboreando cada mirada, cada conversa, cada sorriso, cada bágoa...


Encontro Nacional da memoria historica. Homenaxe ao Exilio Galego from Fundación Bautista Álvarez on Vimeo.

Novoneyra, palabra luminosa no medio da espesa néboa que nos invade

Manuel López Foxo en Terra e Tempo:



Tiveron que pasar dez anos desde a súa morte e tivo que chegar o Día das Letras Galegas para que a obra de Novoneyra fora obxecto de atención. Son escasísimos os traballos que se elaboraron sobre a súa figura e a súa poesía ao longo destes últimos anos. Só agora, co gallo da celebración do 17 de maio, fomos convidados a regresar á súa obra e a redescubrir o poderoso canto de Uxío Novoneyra e o seu inquebrantábel compromiso coa súa patria. Só agora se reeditou un libro tan fundamental para o coñecemento deste autor como é Dos soños teimosos. Resulta dramático que un poeta tan extraordinario como Novoneyra teña que morrer e agardar dez anos unha decisión da Real Academia Galega para que a maioría da sociedade galega teña que descubrir a súa existencia na nosa literatura e na historia do noso país.

Moito é o que se dixo e o que se escribiu de Novoneyra estes días, mais aínda hai quen despois de ler a súa poesía non entende a filosofía profunda da súa obra, a verdade do seu verso, a raíz que nutre o seu verbo, a luz que desprende a súa palabra. Aínda hai quen non sabe que a lingua galega brinca como un cervo libre nos labios de Novoneyra transformando a fala do Courel en pura emoción e en altísima poesía. Aínda hai quen confunde o concepto de paisaxe co concepto de terra e quen non sabe o amor e a entrega que hai detrás de cada verso de Novoneyra. Aínda nos queda moito por descubrir para alcanzarmos o seu gozo fronte á grandeza e a marabilla da Natureza ou para sabermos da angustia vital que invade ao poeta nos tempos do Courel que están detrás de Os Eidos ou do Vietnam canto.

Novoneyra é unha fonte inesgotábel de sabedoría e de humanismo, de entrega á terra e de compromiso con Galiza, de fidelidade ás raíces e de vangarda estética. E un estremece só imaxinando a Novoneyra recitando os nosos Cancioneiros medievais na Compostela de 1957, naquel recital poético que se celebrou no Círculo Mercantil e Industrial de Santiago, dentro dun ciclo de conferencias impulsado polo inesquecíbel Manuel Beiras e inaugurado cun texto de don Ramón Otero Pedrayo, que ao final non puido asistir debido á morte de súa nai. Era a primeira vez que na posguerra, en público, alguén falaba en galego naquela Compostela dos anos escuros.

Estremecemos tamén lendo a despedida de súa nai que nos narra Antón Lopo no libro A distancia do lobo: "Polo velorio pasou a xente da aldea e a dos arredores. Eu non quería rebumbio. Espelinos con amabilidade, sen présas, e fun buscar unha rosas de Alexandría que a miña avoa Petra trouxera do seu Bierzo natal. Inzaran no xardín nunha roseira de pólas recias. Rodeei coas rosas o cadaleito e pechei a porta para que ninguén nos molestase. Estiven só, toda a noite, acompañándoa, oíndo na súa boca lacrada o meu nome". O seu nome na boca de súa nai: "Eugenio, Eugenio, Eugenio, Eugenio..., porque en Parada era Eugenio". Agora sabemos que o ritmo do Vietnam canto vén de aí, do berro constante de súa nai nesa etapa final da súa vida, da súa desesperación. A lectura deste magnífico libro de Lopo deixa á luz a inmensa grandeza humana do poeta do Courel. Certamente, Novoneyra era deses homes aos que non lles cabe o corazón no peito.

Anatomías IV: Desgana

Francisco Carballo Carballo en Terra e Tempo:

17 de maio, 2010. O Xornal de Galicia deu de portada, ao día seguinte, os fotogramas das catro manifestacións a prol do galego. Unha páxina a conservar. Mais alí, no Obradoiro, atopo unha veciña de Asadur que me di: "É posíbel termos que reivindicar a alma?" E, pouco antes, en conversas de rúa, espetárame máis dun a mesma pregunta. Para pensar. Para ollar caras de raiba, caras de deputados, de vellos militantes de trincheiras.

Cada cultura é un logro de multitudes durante milenios. Os pobos que crean cultura, que a enriquecen ano tras ano, que a modulan con novos pentagramas, que a incendian para a vida en cada horizonte climático, eses pobos son tesouros de infinda grandeza e valor. Esa é a Galecia, a Galiza milenaria. Un país de terra e mar, de climas e de persoas. Un país creador da lingua galega. A única lingua súa. Con sustrato de mitos e lendas, con estructura de sabiduría clásica, co lentura de idades e coa febra actual da ciencia. Todo un universo de estrelas en rota cara o punto omega: a flor da eternidade.

Somos galegos, vivimos nunha esquina verde que atrae todas as moscas a este mel. Até hoxe houbo terreos abertos. Mesmo Idacio de Chavez, s.V., que era e sentíase galaicorromano, incluía na Galecia aos suevos para el uns bárbaros turbulentos. Cando Requiario, 456, perde a vida na batalla, Idacio escribe: Regnum suevorum destructum et finitum. Mais non foi así, perviviron e cen anos despois gobernaban o Regnum Gallaeciae.

No 1486 Fernando e Sabela cruzan Galiza do Cebreiro por Santiago até a Coruña. Comeza un rifirrafe por ver se nos asimilan. Martiño Sarmiento, pontevedrés nacido en Vilafranca, afirma: "Non foron galegos os que introdiciron o castelán na Galicia, foron casteláns que viñeron con mando e o impuxeron". Iso ten sido sempre -et ubique- o comportamento dos colonizadores.

Ricardo Carvalho Calero distingue dúas culturas na Galiza: a dos asimilados e a dos autóctonos. Entrando máis na análise antropolóxica: de cultura mimética versus de cultura creativa. Desde Dna. Sabela a hoxe, que constante proceso de maduración humana! Porque sermos nós non é fútil, é produtivo.

Asumir a historia é sentar a mente en piares sólidos: o que nos ven dado e a sumar.

Perder o idioma creado por nós é a maior perda dun pobo: por séculos será cidadán de rebaixas. Isto sábeo calquera, non o sinte calquera. E así nos colocamos nas entrañas vivas da cultura: que é coñecer, sentir e producir. Todo país en normalidade creativa ten unha lingua de ubicación e moitas de aprendizaxe. A escola tería de ser a constatación do normal, do normante, do inspirante. A escola en Galiza só pode ser vehículo da lingua de Galiza e desde ela de todas as que a necesidade ou o capricho queiramos.

Mais a miña veciña da parroquia de Asadur, que ten casa no lugar de Baldrei e vive en Boiro, tiña raiba porque roubarnos a alma é o maior delito, inconcebíbel. Ela é mestra. Coñece toda a mentira dos escolantes asimilados que levan anos a burlar a lei; e sabe toda a valentía dos escolantes non asimilados que levan a vida na loita pola humanidade creativa, insuperábel dos galegos autóctonos.

E dígome: Non hai lugar á desgana. Porque esta está detrás da silveira; é coma un xílgaro que eu escoitaba de 9 anos no Amieiral, ao escurecer e antes de tanguer. Ollaba e contaba 10 estrelas para irme, mais o xílgaro cantaba e non me ía largar sen que o xílgaro se botase a durmir. A desgana entra nas caras de raiba dos sufrintes que o poder dos delegados do Imperio provocan día tras días nunha interminábel invasión de bárbaros.

Mentres, na tribuna a cantar e a deletrearen os carreiros dos espías. Non nos moverán. Este é o tempo da descolonización: nin un paso atrás, cada día un adiante. Hai que terminar a seitura. Cantaban nela na miña infancia: "Meu cabaliño, cabalo, meu cabaliño redondo, eiche de cortar as pernas antes de cegar ao fondo".

Obrígannos a tomar parte

Iria Taibo en Terra e Tempo:



Nestas últimas semanas, o goberno galego está a demostrar a súa capacidade de sorprendernos chegando até límites e barreiras que ninguén antes ousara superar. Até esta mesma semana, podiamos pensar que a estratexia do goberno actual sería a de cansar á masa social que defende o galego. Na segunda metade da lexislatura darían o tema por rematado, deixarían que esmorecese, co obxectivo de que a parte menos belixerante desa base o esquecese. Dentro desa teoría, podiamos pensar que farían pequenos retoques no decreto, co obxecto de rebaixar pouco a pouco o nivel de mobilización, e pasado o comezo do próximo curso o debate iría acalmando.

Esta teoría parte da base de que os dirixentes do Partido Popular teñen claro que o idioma é para eles unha interesante arma electoral. De feito, en parte grazas a teren sido capaces de crear unha confrontación lingüística até entón inexistente, cren que gañaron as eleccións. Nin a vitoria foi tan estrondosa nin é todo branco ou negro neste tema. Mais a propia idea de usar a lingua como parte da estratexia electoral é unha irresponsabilidade. En calquera caso, si que parece que o partido do actual goberno e os seus satélites gañaron a batalla nos medios de comunicación. Conseguiron que na rúa se fale da imposición do galego, cando a día de hoxe eu non conseguín que ninguén me explicase un só caso no que unha soa persoa fose obrigada a escribir ou falar en galego. Casos de xente que é obrigada (presionada, coaccionada, etc) a usar o castelán nos máis diversos ámbitos si que coñezo uns cantos. Por desgraza. En fin, o que nos debe facer pensar é a facilidade que ese discurso tivo para callar, coa escasa substancia que ten.

Mais en dúas semanas sucederon moitas cousas importantes que fixeron mudar a miña teoría. O ditame do Consello Consultivo, unha manifestación multitudinaria en defensa do galego e a aprobación do "decretazo".

O ditame do Consultivo, sen dúbida, representa un duro golpe para o decretazo e para os seus piares fundamentais, como a consulta aos pais e a propia falta de medidas de apoio á lingua galega.

A manifestación con certeza foi significativa para o goberno. De feito, só tres días despois aproban o decretazo, en resposta que ofende aos que acudimos ese día a Compostela, que por moito que digan non eramos pouca xente. Por certo, sen entrar na guerra de cifras, aínda que só fosen 20.000 persoas (como dixo a policía), alguén entende que esa cantidade de xente se manifestase en Madrid, Barcelona, Sevilla ou Teruel e que non aparecese a máis mínima referencia a esa mobilización na capa dos principais medios de comunicación do estado o día seguinte? A mañá do 18 de maio, eu encendín a radio como case todos os días, na emisora máis escoitada en Galiza, e na súa programación para todo o estado durante unha hora non escoitei nin unha soa referencia a unha mobilización que, de terse dado en calquera outro lugar da península ibérica, tería sido unha das principais noticias do día.

Ademais da lectura xornalística, a manifestación ten outras moitas. É verdade que podiamos pensar que o pulso da mobilización en defensa da lingua galega estaba a piques de decaer, mais o día 17 viuse que non é así. Que o goberno de Feijóo aínda ten unha importante oposición social. Tamén continuamos vendo que se mobiliza unha importante cantidade de persoas castelán falantes, ou polo menos non militantes do monolingüismo en galego. É tremendamente positivo que sexa así, pois demostra que Feijóo e os seus palmeiros obrigan a polarizarse a toda a opinión pública, e cando é así, erran ao pensar que a maioría social quere medidas que vaian en contra do galego. Por outra banda, esa polarización tamén axuda a rachar con esa idea de que o nacionalismo patrimonializa a defensa do galego. Non é certo, nin tampouco xusto: o que sucede é que en tempos relativamente calmos, só algúns sectores fan o esforzo de defender a nosa lingua, por desgraza. Canto maior é o ataque, máis amplo é o abano de defensores do galego. Cada quen cos seus matices, mais seguramente nesta cuestión o Partido Popular está a conseguir o efecto contrario do procurado.

En fin, tres días despois desa significativa mobilización, Feijóo anuncia a aprobación do decreto, tendo en conta, só parcialmente, o ditame do Consello Consultivo, para a retirada de parte da polémica consulta ás familias. Como era fácil prever, os entes que propugnan o falso bilingüismo móstranse tremendamente airados e xogan co goberno a "policía bo-policía malo". Chaman a Feijóo "mentiroso en el sentido literal de la palabra" por retirar a consulta aos pais. Curiosa defensa a ultranza do bilingüismo, por certo, só en castelán.

Mais seguramente máis preocupante que todo isto é a intención de Feijóo de modificar a Lei de Normalización Lingüística. Parece que non vai ser posíbel rebaixar o ton de crítica contra este goberno, pois en lugar de procuraren o consenso (máis alá das palabras e declaracións de intencións en días sinalados), cada medida que toman en relación co galego é un paso atrás para o noso idioma. Até esta semana, todas as medidas lexislativas aprobadas en relación co galego no ensino pretendían, aínda que fose só como declaración de intencións sen verdadeira aplicación, a promoción do galego neste ámbito. Partían da base da realidade, o galego é unha lingua que precisa protección, e procuraban un consenso o máis amplo posíbel para a súa aprobación. Outra cousa é que o seu cumprimento práctico fose máis ben relaxado. Mais agora mesmo, o odio contra o galego domina as accións do goberno galego. A instrumentalización electoral dun sinal de identidade do noso pobo tan importante como o idioma, sen ningún tipo de complexo, antepoñendo sempre a cuestión das urnas e do programa, parece que o permite todo. As cousas están así, cando unha lei me impide deixar de protexer a lingua de todos e todas as galegas, cámbioa.

29/05/2010

Chega o verán

Sempre é unha ledicia. Ou non?

Guía Trilingüe

Atopei en Retranca esta moi boa Guía Trilingüe que boa falla nos pode facer para nos mover por este país atrasado:

Xa era hora de chamar todo polo seu nome, non si?

This month en Today´s Temas celebramos las nosas first 25 entregas e mailo Day das Letras Trilinjües con este prático and jeitoso map de Jalicia que non pode faltar nas juanteiras de los vosos coupés. Enjoy it and que vos queime the devil, lowbáns :-)


Suso de Toro, Manuel Forcadela e Miguel Barros levan os Premios da Crítica

Tamén recoñecen como Galego Egrexio ao maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, pola súa defensa do galego na Xustiza.


Suso de Toro, polo seu libro Sete Palabras obtivo este sábado o recoñecemento dos Premios da Crítica de Galiza, na súa trixésimo terceira edición, na modalidade de Creación Literaria. O xurado valorou que “é unha obra na que se recolle a súa evolución como escritor, respondendo ás esencias galegas sen renunciar á universalidade”. Tamén o “tratamento de temas fundamentais, como a memoria, o auto-coñecemento e a referencia ao pasado como fórmula para entender o presente e proxectar o futuro”.

Na modalidade de Ensaio e Pensamento, o gañador desta edición foi Manuel Forcadela, polo libro A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro. Nesta mesma categoría, quedou como finalista o libro de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Calidade de lingua e planificación.

Miguel Barros, polo libro Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo conseguiu o premio na modalidade de Investigación. O xurado valorou o “traballo de investigación completo, que se fundamenta nunha achega documental notábel, que arrisca unha interpretación e unha lectura global ao tempo que ofrece unha construción historiográfica coidadosa da traxectoria intelectual e política dunha figura marcante do pensamento e da historia de Galiza na segunda metade do século XX”.

Xa na categoría de Música, o premio foi outorgado á colección Ars Gallaeciae Musicae, fundada e dirixida dende 1992 por Joam Trilho. Na modalidade de Ciencias e Artes da representación, o premio foi parar a Enrique Acuña, fotógrafo, documentalista e asesor literario, pola súa dilatada traxectoria a prol do activismo cultural en numerosas fontes. E na de Iniciativas Culturais, o premio foi parar á Casa das Ciencias da Coruña, pola longa traxectoria de 25 anos facendo “atractivo, pedagóxico e lúdico o mundo científico para a poboación en xeral”.

Normalización lingüística na Xustiza
Doutra banda, nesta edición foi nomeado Galego Egrexio: Xosé Xoán Barreiro Prado, maxistrado-presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. O xurado valorou a súa actividade normalizadora, que vén realizando dende hai máis de 20 anos, no ámbito da xustiza, coa utilización comprometida da lingua galega en milleiros de sentenzas e actos procesuais. Asemade, valora as súas “achegas no campo da fixación dunha terminoloxía xurídica moderna e galega” e a súa “contribución á creación da Irmandade Xurídica Galega”, unha entidade que fomenta o uso da lingua na Administración de Xustiza.


Catro editoriais galegas únense para vender libros en Internet

Artigo no País:

Positivas, Rinoceronte, Urco y 2.0 Editora venderán en una colección común, Módicos, libros a 9,90 euros bajo demanda. Cada ejemplar se imprimirá en papel en el momento en el que alguien lo solicite, exclusivamente a través del portal toupa.net. Las editoriales decidirán por su cuenta qué títulos de su catálogo añaden al proyecto común.

"Decimos 'chegou a parcelaria á edición' porque el minifundio no es exclusivo de la agricultura", resume Moisés Barcia, de Rinoceronte. La idea es adaptar el libro en papel al mercado electrónico y, de paso, ofrecer literatura en gallego a buen precio. "El libro de bolsillo se entiende como un saldo reglado, una segunda oportunidad que se le da a un libro. Eso aquí es inviable porque es casi imposible amortizar una primera edición". Para abaratar los libros de bolsillo, decidieron eliminar intermediarios y, principalmente, gastos de impresión. "Aquí el stock es de cuatro o cinco libros; cuando baja, se reponen. No creo que a una editorial grande le interese, pero estamos abiertos a todo".

A falta de que Positivas y 2.0 Editora escojan sus títulos, los primeros módicos de Urco son Sleepy Hollow e outros contos, de Washington Irving; A praga escarlata, de Jack London; Planilandia, de Edwin A. Abbot, y Relatos de terror sobrenatural, de Robert E. Howard. Prevalece también la narrativa internacional en Rinoceronte, que aporta Unha soidade demasiado ruidosa (Hrabal), A casa das belas atormentadas (Kawabata), O condutor de autobús que quería ser deus (Keret) y O xiro postal (Sembène).

Nace Meubook, o portal galego dos lectores, editores e librarías

A posta en contacto de autores, lectores, libreiros e editores será o obxectivo de Meubook, unha plataforma dixital que comezará a funcionar en xullo. Un catálogo en liña, a impresión baixo demanda e mesmo unha rede social na que interactuarán todas as pezas deste universo dixital serán algúns dos servizos que ofertará este portal de internet nacido en Galicia.

“A nosa batalla non é o dispositivo electrónico, como iPad ou o Kindle. Buscamos poñer en valor os contidos dixitais que moitas veces non están á disposición dos usuarios”, explicaba onte na presentación en Santiago do proxecto o conselleiro delegado de Meubook, Jacobo Bermejo. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, o director da editorial Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello; o presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, Carlos del Pulgar; o director de Gradiant, Fernando Pérez; a community manager de Algueirada, Tati Mancebo, e o director de Meubook, Fernando Jiménez.

Para os lectores, Meubook ofrecerá a posibilidade de acceder a un catálogo de produtos en liña, en formato físico e dixital, e servizos de consulta e descarga de arquivos. Tamén porá a disposición dos particulares ferramentas para singularizar contidos e adoptar o papel de ser eles mesmos os seus propios autores. Poderanse enviar fotografías por correo electrónico que se converterán en caricaturas integradas dentro de contos personalizados.

TERCEIRA REVOLUCIÓN

“Trala aparición da lingua escrita e da imprenta, a posta en marcha da galaxia dixital é a terceira gran revolución, o futuro xa está aquí”, apuntaba o editor Fernán Vello. O director de Espiral Maior destacou dúas das facetas de Meubook: “O encontro creativo e a súa gran capacidade empresarial de oferta de novos contidos”. Durante a presentación, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, predixo “unha longa convivencia entre o libro dixital e o libro impreso”. Neste sentido, o mundo editorial empregará Meubook para comercializar electronicamente os seus títulos ou o libro baixo demanda. Esta última opción consiste en que un usuario elixe un título dun catálogo dixital e este imprímese en papel, axustando mellor a oferta en soporte físico á demanda real.

Para as librarías, Meubook achegará as tendencias do mercado e os gustos do público. Ao mesmo tempo, estas empresas contarán co seu propio espacio na plataforma e xestionarán a venda de facsímiles e produtos personalizados. Meubook tamén funcionará como operador de arquivos de bibliotecas, museos e fundacións e integrará espazos para centros de formación, nos que profesor e alumno intercambiarán contidos. O proxecto de Meubook está impulsado por varias empresas do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, varias institucións e editoras españolas e o seu desenvolvemento técnico corre a cargo da Universidade de Vigo.

28/05/2010

A faciana do blogue

A nosa compañeira de centro e de Equipo de Normalización Gracia Santorum é entrevistada xunto co seu colega blogueiro Xosé Anxo Fernández polo Xornal A Nosa Terra na súa sección "A Faciana do blogue". Parabéns por ese recoñecemento a tanto traballo diario chamado Trafegando ronseis:

Xosé Anxo  Fernández e Gracia Santorum

Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández: 'Queremos educar'

Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso son os autores do blog 'Trafegando ronseis'. Mestres de Lingua Galega e Matemáticas no IES Número 1 de o Carballiño e o CPI don Aurelio de Cuntis respectivamente, teñen nos Dereitos Humanos, a violencia de xénero, a igualdade e a educación os alicerces do seu espazo na rede. O seu é un dos blogs de cabeceira de Agustín Fernández Paz e Manuel Bragado e está considerado como 'imprescindíbel' no Planetaki das bibliotecas escolares andaluzas.


Trafegando ronseis é un blog colectivo, non?

Santorum: Si. Facémolo entre dous: Xosé Anxo Fernández e mais eu. Os dous somos profesores de instituto e, polo tanto compañeiros de traballo que decidimos facer un blog. Actualmente non traballamos no mesmo centro pero seguimos unidos polo blog.

Que é 'Trafegando ronseis'?

S: É o que di a palabra. Un ronsel, que é a estela que deixa atrás o barco cando navega, e que no noso caso fai referencia ao alumnado que deixas no teu camiño ou traxectoria profesional e que forman parte de nós... E trafegando fai referencia a traballar en todos os temas e frontes co alumnado... Pero agora, co tempo, sabemos que o noso público foi medrando e non está composto unicamente polos nosos alumnos, senón que é moito máis disperso e os nosos escritos chegan a moita máis xente.

Fernández: É coma un fillo que vai medrando sen apenas darte conta, ás veces afastándose e outras achegándose. Se unha persoa como Agustín Fernández Paz declara que o noso é un blog fundamental, o orgullo é inmenso. Que o consideren imprescindíbel no Planetaki das bibliotecas escolares andaluzas, que Manuel Bragado nos sinale entre os seus preferidos, que nos teñan en conta... son estímulos para seguir...

Dende cando funciona?

Fernández: Tivemos un blog anterior pero con este levamos catro anos, dende o verán de 2007.

Por que o fan?

S: Cando decidín facer un blog non sabía moi ben como era nin como funcionaba. Os meus coñecidos recomendáronme facer unha web, pero tiña claro que quería chegar ao maior número de persoas posíbel e o blog permitíame facelo. Quixemos facer este blog porque nos preocupa o futuro e a educación e a cultura son as únicas ferramentas que temos para saír desta situación na que se atopa a nosa lingua, por exemplo... O blog déixanos tratar temas que nos preocupan e importan e que non podemos tratar nunha web ou nas nosas clases como son a igualdade, a violencia de xénero e os dereitos humanos.

F: Aínda que o blog sostense sobre dous piares fundamentais que son os dereitos humanos e o mundo da lectura e dos libros, non esquecemos outros temas como a arte, a música, o humor, o cine, a tecnoloxía ou mesmo a publicidade... De todos eles se nutre o blog que ten máis de 3.100 entradas, aínda que o momento que estamos a vivir a respecto da situación lingüística fai que o galego sexa agora o principal alicerce do blog.

Que periodicidade teñen as entradas do blog?

S: Facemos tres entradas ao día: unha sobre dereitos humanos, outra sobre recomendacións e apuntamentos de libros que xa limos, e unha terceira con curtametraxes de animación e notas de humor. Tamén damos eco a actividades que se fan nos centros nos que traballamos e iniciativas que nos poidan interesar.

Que lles dá o blog?

S: É unha fiestra ao mundo que nos permite coñecer moita xente que, doutro xeito nunca coñecería. Temos seguidores na Arxentina, en Andalucía e en Catalunya. Chegamos a moitos sitios e permítenos interactuar con moita xente o moi diferente.

F: A posibilidade de crer nun futuro mellor. Se alguén grazas a todo este traballo que facemos no blog reflexiona e dá un paso adiante, é que algo estamos facendo ben. Malia que só sirva para un, o obxectivo cúmprese... Con que unha persoa reflexione e se faga solidaria, deixe de levantar a man, recicle... significa que o traballo inza. E esta idea é a que fai que nós amemos a nosa profesión.

Ten moitas visitas?

F: Adoita ter entre 100 e 200 visitas diarias e chega aos 3.000 comentarios. Tamén estamos nas redes sociais e Facebook e Twitter, porque cremos que é necesario estar ao día nas novas tecnoloxías e ter a nosa presenza nelas: son imprescindíbeis.

O crime perfecto

María Reimóndez en A Nosa Terra:

Dende o día un, estivo no punto de mira. O Ministerio de Igualdade provoca un proído na nosa sociedade que non fai máis que poñer de manifesto a súa necesidade perentoria. Os ataques á ministra Bibiana Aído deberían pasar á historia do sexismo reseso digno de ser perseguido pola vía penal. Sería demasiado longo enumerar as lindeces que de cote ten que aturar esta señora e a permanente ridiculización e infamia máis extrema á que se ve sometida. Pois ben, agora estas mentes lúcidas teñen a coartada perfecta para botar pola borda o rango político adquirido polas reivindicacións da igualdade: a crise. A misoxinia completa do Estado español, enfundada iso si en todas as formas e cores, teno claro: hai que recortar non “ministerios” senón “ese” ministerio. Mira ti que conveniente. Seguirán, claro está, a importante estela do goberno de Alberte Núñez Feixóo, que para axudar a que a nosa sociedade galega, inzada de paro e de todo o resto, se recupere, decidiu recortar o investimento público e o apoio á cidadanía, que é o máis intelixente que se pode facer, empezando por ese molesto asunto da igualdade entre homes e mulleres. Será por iso que os tres países europeos que peor levan a crise son os que menos gasto social (malia a prensa intereseira que di o contrario, abonda con mirar as cifras) fan de toda a Unión e os que amosan os datos máis preocupantes en termos de tolerancia á discriminación das mulleres. Se teñen que pechar algún ministerio, que comecen co de Economía, que parece que funciona peor. Precisamente, en tempos de crise os esforzos pola igualdade son máis que nunca imprescindibles.

Saír do círculo vicioso

Henrique Monteagudo en El País:

O pasado 17 de maio Feijóo ofreceu un pacto lingüístico asentado en catro principios: a cooficialidade entre o galego e o castelán, a consideración do primeiro como lingua propia de Galicia, a acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e maila aplicación do principio de non discriminación. Despois dun ano liderando un goberno empeñado na erosión da súa propia lexitimidade a base de maltratar o idioma que identifica o país, resulta toda unha novidade que o presidente da Xunta se comprometa a asumir o artigo 5º do Estatuto de Autonomía de Galicia, vixente desde 1980. Non era sen tempo!

Pero esa oferta de pacto veu arroupada por declaracións contraditorias. Dunha banda, o secretario xeral do PP e conselleiro da Presidencia acusaba á oposición de querer voltar aos tempos da ditadura galeguista (polos vistos, moito peor cá de Franco). Case ao unísono, o mesmo partido profería un comunicado en que acusaba os/as manifestantes do Día das Letras de padeceren "mono de imposición". Coñécese que o galego é unha droga adictiva, e será por iso que as mobilizacións na súa defensa suman xa catro nun só ano, cun amplo eco cidadán. Agora se entende a contundencia das medidas preventivas aplicadas contra un perigo tan grave para a saúde pública!

Aínda máis contraditoria foi a aprobación no Consello da Xunta do pasado día 21 do decreto do plurilingüismo, que constitúe a chave do disenso entre o PP e os partidos da oposición, e o principal motivo de repulsa social á súa política lingüística. Como se pode propor un pacto, e ao tempo sancionar o decreto da discordia?

- O decreto da discordia. Ata chegarmos á proposta de pacto, o discurso lingüístico do PP foi mudando un algo ao longo do último ano. Cando as eleccións autonómicas, o problema consistía na "imposición do galego" e a receita era a "liberdade lingüística". Ante a contestación social que provocaron as primeiras medidas contra o galego (con xordas pero significativas réplicas dentro do propio partido), pasou a pórse o acento na denuncia da "inmersión lingüística" no ensino, que se remediaría con "equilibrio". A menciña ía ser o tal decreto, pero no seu proceso de elaboración saíu a lume o rexeitamento frontal non só dos consabidos colectivos de activistas, senón de canta institución tivo ocasión de pronunciarse, desde a Academia ata os consellos da Cultura, Escolar e Consultivo. Nunca tal se vira. Polo camiño, o goberno ía recuando, ao tempo que o presidente da Xunta gañaba protagonismo, ata acabar aparecendo el propio como responsable directo da desfeita.

Porque dunha desfeita se tratou: conforme medraba a alarma pública, ao sabor dos demoledores ditames que caían a vao un detrás do outro, a proposta inicial da Xunta foise esluíndo. Pero, por culpa da torpe arrogancia do Goberno, que adobiou cada paso atrás non cunha man tendida (madia leva!), mais cunha nova argallada, os ánimos, en lugar de aplacárense, queceron sen vagar. Dunha banda os primitivos apoios do PP se sublevaban contra a traizón, e doutra banda a oposición inzaba, cargándose de razóns. En cada ocasión, Feijoo atopou a maneira de non saír dun souto sen meterse noutro: pasouse do disparatado reparto por terzos co inglés á paridade entre galego e castelán, pero aderezando isto co descaso da votación familiar cada catro anos. A final, Consello Consultivo mediante, esta quedou fóra, adiada iso si baixo promesa dunha lei ad hoc (velaí o próximo souto), e o decreto limítase a esmagar os galegofalantes no ensino infantil, e excluír o uso do galego para matemáticas, tecnoloxías e física e química, en Primaria e Secundaria.

Decidir o idioma das clases por maioría simple da lingua dos estudantes é un procedemento, ademais de dubidosamente legal, gravemente daniño para o galego. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística referidos a 2008, o galego é xa lingua minoritaria na faixa de cinco a catorce anos (as cifras cantan: 25% galegofalantes, 39% castelanfalantes e 34% bilingües iniciais). Xa que logo, moita rapazada galegofalante quedará en minoría nas aulas, así que a regra da maioría simple terá un efecto multiplicador da exclusión do galego. Ademais, o decreto ignora a alta frecuencia de bilingües iniciais (para que lingua contarán?) e o feito de que en bastantes centros a proporción de falantes das dúas linguas se atopa equilibrada, tipo 55%-45%, máis ca tipo 95%-5%. Vale a mesma fórmula da maioría simple para situacións tan diferentes?

- A renuncia ao idioma. Doutra banda, por culpa da vixencia dos prexuízos contra o galego, reavivados agora pola crispación lingüística alentada desde certas instancias (entre elas, importantes sectores da propia Xunta e do PP), as familias galegófonas van sentirse apuxadas a renunciar ao seu idioma. Canto á pretensión populista de facer depender o uso das linguas de consultas ás familias, á parte as asisadas obxeccións legais do Consello Consultivo, debe lembrarse a crítica formulada recentemente por Habermas contra o desleixo de responsabilidades de certos políticos: "O retrato demoscópico da opinión da xente non é o mesmo que o resultado da formación dunha vontade democrática dos cidadáns deliberativamente constituída".

En definitiva, hai dez anos a porcentaxe do 50% para o galego podía considerarse un avance, pero nas actuais condicións constitúe un severo retroceso: segundo datos do IGE-2008, arredor do 72% dos estudantes entre 5 e 16 anos veñen recibindo o seu ensino maioritariamente en galego. O recorte imposto polo decreto tornaranse nunha fonte explosiva de conflitos: moitos profesores e centros xa anunciaron que se van negar á desgaleguización. O idioma propio do país esixe un tratamento igualador, non un goberno que, en nome dun impostado equilibrio, lava as mans, coma Pilatos, sobre o seu destino.

É certo que as previsións iniciais eran moito peores, pero a Xunta non pode arrogarse mérito ningún polas melloras parciais conseguidas no proceso de elaboración do decreto, dado que só recuou cando e onde se viu obrigada, releando con avaricia cada nova concesión, de modo e maneira que o resultado, non sendo bo para o idioma, constitúe unha derrota política para o PP. Se desde hai un ano o Presidente tivese optado por procurar o consenso, disporía agora dun decreto moito máis presentable, que contaría cun amplo apoio, incluído o groso do seu partido e do seu electorado.

- Cara ao futuro. A sinceridade da proposta de Feijoo comprobarase coa súa disposición a renunciar ao discurso de deslexitimación do galego, asumindo como propios, con todas as consecuencias, os principios que el mesmo evocou, abaixando a súa fachenda (ghavota, dicimos en muradán) e rectificando o rumbo. Foron el e o seu partido os que plantaron lume no conflito lingüístico, a eles corresponde a iniciativa para apagalo. Trátase de prestixiar a lingua, no canto de aventar prexuízos e reticencias na súa contra. De promover o seu uso, non de recortalo. De valorala como recurso estratéxico, fonte de creatividade e de cohesión; non desprezala como factor de discordia, atraso e illamento. De facer pedagoxía para a convivencia, non demagoxia para a división. De pular polo seu futuro, non de condenalo á agonía.

Dará o PP saído do círculo vicioso? Convencerase de que o idioma é asunto de interese xeral, así que ten que deixar de servir de monicreque en manobras de voo rasante? Finalmente: cal será o contido real do anunciado pacto pola lingua cando se acaba de expulsala ao ventimperio? Ovella será, pero cheirar cheira a can.

Que son oito!!!

27/05/2010

O Parlamento rexeita as palabras machistas de Pedro Arias


A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, ordenou retirar do diario de sesións polo seu carácter machista as palabras do deputado popular, Pedro Arias, nas que chegou a empregar termos como “unha enfermeira cañón” ou cualificou de “sexo escuro” o feminino.

En concreto, Arias empregou estas verbas no debate dunha interpelación do BNG á conselleira de Facenda sobre a crise económica. O popular utilizou a “metáfora” de “enfermeiras cañón” nun símil no que comparaba ao goberno español cun médico que, pode telo todo e, aínda así, acabar por “matar” ao paciente pola súa “incompetencia”. Cando foi interrompido e increpado por varias deputadas da oposición, aínda engadiu (sempre en castelán): “todos somos un tanto incomprensíbeis, temos unhas zonas de sombra, non só as mulleres sodes o sexo escuro”.

Contra o decoro da Cámara
As protestas da oposición levaron a Rojo a interromper o pleno e a apercibir a Arias, considerando que as súas afirmacións ían “contra o decoro”. Pedro Arias aceptou a decisión de retirar as súas palabras do diario de sesións e xustificou a súa actuación asegurando que só recorría a un “estereotipo” para a construción do seu discurso. A maiores, insistiu en aclarar que a expresión “sexo escuro” para referirse ás mulleres “é de Freud”.

Ao remate do pleno, a nacionalista Ana Pontón e a socialista Mar Barcón censuraron as palabras do deputado popular, a que acusaron de “persoa sexista e rancia”. Ambas as dúas exixiron que non volvan usarse expresións machistas no hemiciclo.

A escola das areas

Animación en plastilina baseada nun texto de Frai Martín Sarmiento.

Frei Martín Sarmiento vén a Pontevedra para buscar un remedio contra a variola. Alí discute cun mestre sobre a necesidade de lles ensinar aos nen@s o galego. Para demostrar a súa tese en favor do noso idioma, Sarmiento aposta que pode ensinarlle a un rapaz, Alfonsiño, a ler e escribir en tres días co seu método.
Dirixido por Victoria Curiá, Tomás Conde.


Metáfora

Andaba eu a cavilar na precariedade lingüística e recibo este correo. E diredes: nada ten que ver. Pois xa vedes: a min pareceume unha boa metáfora das linguas en Galicia...


video

O predominio do castelán

Desgrazadamente, algo que xa sabiamos:

"O castelán é o idioma no que len habitualmente libros o 93,6% dos entrevistados. Un 5,5% le en Galego e só un 0,9% le nalgún idioma estranxeiro (inglés principalmente). Un 63,7% dos lectores le en dúas ou máis linguas ademais da habitual (hai un 36,3% restante que tan só le nunha). As linguas alternativas de lectura son preferentemente o Galego e o inglés. Se sumamos lectura habitual máis ocasional, o 54,4% dos entrevistados le en galego".

Son algunhas das conclusións do estudo Hábitos de lectura e compra de libros na Comunidade Autónoma de Galicia, realizado pola empresa Conecta Research Consulting por encargo da Consellería de Cultura, por mediación da Asociación Galega de Editores.

"Considerando que precisamente o menor índice de lectura lles corresponde aos hábitats de menor tamaño, que son os que teñen a poboación máis avellentada e con menor nivel de estudos, atopámonos con que os maiores índices de lectores están naqueles colectivos nos que o galego está menos enraizado. De aí que a lectura de libros en galego sexa habitual só no 5,5% da poboación. Se a isto lle sumamos un 48,9% que utilizan o galego como idioma ocasional de lectura, atopámonos con que un 54,4% dos galegos de 14 ou máis anos le en galego habitualmente máis ocasionalmente", reflexiona o estudo.

O mesmo informe revela tamén que un 10,4% dos usuarios de internet mercan libros a través deste medio, un 8,4% len ou descargan literatura en internet e un 6,9% ten blogs ou participa en foros sobre libros ou temas literarios.

O Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros dos catro primeiros meses de 2010 da Federación de Gremios de Editores de España acaba de desvelar que case a metade dos españois le habitualmente en formato dixital, a maioría deles no computador (47,3%); mentres no móbil ou axendas electrónicas o fai un 6,6% e a través de e-reader o 0,8%. Este ano, o barómetro mediu por primeira vez a lectura dixital e profesional.

Así, do 59% dos españois maiores de 14 anos que le libros, o 4,7% faino en soporte dixital, a maioría, no seu tempo libre, e un 20,9% por traballo ou estudos. En canto ó formato tradicional de papel, o autor máis lido segue sendo o sueco Stieg Larson, aínda que o libro máis vendido foi O símbolo perdido de Dan Brown. O número de españois maiores de 14 anos que declara ler en calquera tipo de material, formato e soporte, xa sexa impreso ou dixital cunha frecuencia polo menos trimestral chega ó 91,1%, e, deles, o 86,6% di ler polo menos unha vez por semana. Case o 80% le periódicos e un 52% revistas, polo menos unha vez ó trimestre.

Pero son os xornais os que lideran a lectura en soporte dixital (32,1%): as webs, blogs e foros acaparan o 37,6% de lectores. Os homes len máis que as mulleres, pero as mulleres len máis libros, mentres que eles len máis periódicos e cómics.

Outros dos datos que achega o Barómetro é que todos os nenos de 10 a 13 anos len polo menos unha vez ó trimestre e elixen libros para ler, aínda que un 48% tamén le revistas, un 43,2%, cómics, e un 36,8%, periódicos. Nesta banda de idade, un 55,2% le en soporte dixital, a metade deles no seu computador, e o 11,2% no móbil ou a axenda electrónica. Este estudo, no que colabora o Ministerio de Cultura, pretende coñecer de xeito continuo aspectos relacionados cos hábitos de lectura.

26/05/2010

O paquete de Feijóo: a fala no desván

Laura Lizancos no Xornal:

Un rapaciño, recén chegado a Londres, é escolarizado nun centro público da rede do Ministerio de Educación no exterior. Alí percátase do fraude: 4 horas semanais durante 10 anos da súa vida aprendendo inglés nunha escola galega só dan como resultado frustración: non entende nada, incompetente na lingua inglesa mesmo para os requerimentos básicos. No colexio de Portobello atopa fillos e netos de españois –a maioría galegos. Tamén a moitos alumnos ingleses que proxectan o futuro en España (entre outros, fillos de famosos futbolistas, seres “de intelixencia superior” que aprenden axiña a usar a lingua que lles dá de comer, sexa galego ou chinés). Saben en qué falaban todos no patio do recreo? En galego! (xa ve, señora. Aguirre, o que para vostede é folklore para moitos é unión e identidade).

De volta na Coruña, o neno repara que a lingua galega é tratada coma estranxeira, relegada ao apartheid máis pacato: galego na aldea e castelán para os da cidade. O porqué freudiano ven dende o século XIII, cando o reino de Castilla dominara aos sumisos galegos. Aínda así, mesmo en tempo franquista, en 1967, só o 13% dos nacidos en Galicia eran monolingües en castelán, pero foron os galego parlantes quen aprenderon a ser bilingües, non os “superiores” casteláns. Así foi como a lingua propia da terra –e non minoritaria– foi minorizada. Así ata que o Consello de Europa reclama ás institucións galegas que garantan os procedementos administrativos e xudiciais na lingua do país: “estraño dereito “de quen decide vivir na lingua do territorio que pisa. Por certo, ¿falará Amancio Ortega galego tras décadas amasando aquí a súa fortuna? Ignoro por que a mesma empresa que valora a fala do francés na Francia e considera un plus nos empregados o coñecemento do catalán en Cataluña, coarta a posibilidade de relacionarse cos clientes en galego. Será porque mesmo a Wikipedia continúa estereotipando aos galegos como tontos, brutos e pechados de mente?

A lingua non é posesión dos que choven “galeguismo á medida” e están a mexar por nós, nin dos que nin valentía teñen para denominar abertamente á súa Galicia segregacionista e monolingüe. Os mesmos que tentan meter mán –“ou pata”– na educación, elexindo o curriculum dos fillos. Iso permitiría, nun reducionismos básico, poder decidir que non lles ensinen a dividir –non están os tempos para quebrados– nin lles aprendan a xeografía mundial, xa a buscarán por internet cando toque ir de vacacións. Temos moitas autopistas da información, pero con buratos no camiño, no compromiso responsable coa educación. Tal vez, presidente, o seu correlixionario Sarkozy pode explicarlle o que propuxo nas aulas: recitar o himno patrio para fomentar a identidade. Máis teña presente o que di o noso: “Os bos e xenerosos, a nosa voz entenden, e con arroubo atenden, o noso ronco son, mais sóo os iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros, non nos entenden, non”…

Para rematar, propóñolles un “test” coa foto: nela, uns nenos contan confidencias ao oído. Pechen os ollos. Instálense nas emocións que lles traían pracer. Sintan, como cunha caracola na orella, a lingua coa que ríamos de pequenos. Agora, anote un calificativo para as seguintes “frases da semana”: 1) Rosa Díez e o termo de galego como insulto; 2) o “Pepiño” amolante do chaqueteiro Paquet Camps; 3) o xenio do presidente Feijóo “malversando” a Castelao; 4) o traicioneiro “desván dos monxes” do “docto conselleiro” da cultura galega. Agora revise a lingua que usou para anotalas. Pode ser útil para percatarnos da nosa relación coa fala dos avós e, sobre todo, coa que lle imos deixar aos nosos netos, se é que perdura ata entón.

25/05/2010

Encaixe de linguas

Marcelino Fernández Mallo en Vieiros:

A crise delongada dexenera cara á depresión. O goberno que ha marcar o rumbo leva descarreirado desde o comezo da viaxe. A oposición das esperadas alternativas dáse un festín de prea. A xustiza exculpa os verdugos para inculpar as vítimas. Os recursos naturais espólianse como se fosen infinitos. Os mercados ameazan os países tal que xoguetes de cristal. E o goberno próximo, o que determina o sentimento dos cidadáns, se un ha estar triste ou ledo, orgulloso ou avergoñado, cae na infamia como método de xestión. Xa o dicía o nazi aquel: “fai o que teñas que facer e afirma o que teñas que afirmar”.

No medio de tanta calamidade, coinciden nas datas dous acontecementos transcendentes: por unha banda, unha fusión forzada polas circunstancias, rexeitada dende as entrañas mais precisa para a boa saúde do organismo enteiro; pola outra, a loita por unha lingua propia amada dende os corazóns e odiada por algunhas cabezas. Semellan fenómenos alleos pero, especulo, non creo que o sexan tanto. De entrada, entidades galegas que utilizan o catalán en Cataluña e o castelán na súa terra.

O presidente pexorativo renegou da lingua e dubidou das caixas. Os patróns do Centro encirrábano para acabar cos riscos esenciais, os valores, as tradicións, o idioma, todo español de pura cepa e o demais, rústico folclore, extinguible coma os incendios. Alentaban tamén unha reordenación das finanzas na mesma dirección, os cartos centrípetos igualmente, o aforro galego para a capital. Pero entón alguén resta 1 a outro 1 o que resulta -2, e que así perdo as eleccións. E unha conselleira honesta, revelación e estrela dun executivo patético, que advirte: “presidente, se perdemos os cartos, adeus autonomía e adeus país.” E o presidente que corrixe: “comunidade, quererás dicir comunidade; ou rexión para Madrid.”

As caixas quedan e a lingua entrégase. Tanto teñen os manifestos e as manifestacións, os ditames, as análises, os discursos e as aseveracións. A lingua propia tórnase nun sacrificio para salvaren as caixas. E agora, 1 – 1 que dá cero para todo quedar igual. Feijóo repetirá e por acó, veredes, con créditos pero en castelán. Esa é a miña especulación.

24/05/2010

Novo disco de Lamatumbá


Grazas ao blogue da Silva sabemos que este grupo que tanto nos gusta vén de agasallar o mercado cun novo disco que estamos desexando ter e escoitar. O disco chámase "A órbita da banda hipnótica" e presentouse a semana pasada na sala Capitol de Santiago



Guía de lectura de Makinaria


A nosa benquerida amiga e compañeira nisto de andar nas aulas, Rosa Salgueiro, vén de agasallarnos a toda a comunidade educativa cunha estupendísima Guía de Lectura de Makinaria, un libro de poemas de Carlos Negro que todos deberiades ler, que tedes na biblioteca e que será o libro que peche o ano do Club de Lectura do noso centro.
A proposta foi elaborada en formato LIM e presenta dúas versións diferenciadas segundo o nivel de lectura e o tempo do que se teña para traballar o libro:
.- Gozar da paisaxe (versión completa de 40 actividades)
.- Ir polo atallo (versión reducida de 30 actividades)

Lacras da lingua

23/05/2010

Máis sobre Novoneyra

Dende o IES de Pontecaldelas chegan dous novos vídeos: o seu compañeiro Xosé Luis Alonso do Departamento de Ciencias Sociais, gran fotógrafo e artista na edición de vídeos agasállanos con estas dúas perlas sobre Novoneyra.


A casa de Novoneyra de Parada de Moreda.




Os Caligramas.

Lingua galega: Evidencias, verdades, mistificacións (e II)

Xa publicaramos a primeira parte deste artigo de Pilar García Negro en Terra e Tempo. Aquí tedes a segunda entrega:

No artigo anterior con este mesmo título, os trasnos mecánicos quixeron que, no canto de "necesidades", figurase o substantivo "verdades", mudanza que, ben mirado, non supuña redundancia a respeito do primeiro, das evidencias, senón confirmación destas, quer dicer, a verdade descritiva ou valorativa que quixermos comunicar nunca deberá sobreporse artificialmente ás evidencias, negalas ou desfiguralas intereseiramente. Elas, as evidencias, serán a materia prima de que derivarmos obrigadamente as necesidades a cobrir nunha política lingüística favorábel ao galego, que é do que estamos a falar.

No final dese artigo, publicado hai agora un mes, facía referencia a unha ampla entrevista, publicada no xornal El País, cos profesores Mauro Fernández (UDC) e Henrique Monteagudo (USC), entrevista que é un auténtico modelo de adaptación á autoridade reinante e de nadar entre dúas augas, na procura dun "centro" que, de por parte, é moi oportuno para se situar equidistante dos "extremos" perniciosos. Nun cabo estaría o negacionismo tipo Galicia Bilingüe e no outro os "radicais" nacionalistas. No medio e medio a seráfica bondade dos "moderados" e "ponderados" técnicos a quen non agradan totalmente, por exemplo, as previsións do anunciado novo decreto para o ensino, mais que, moi "sensatamente", avisan sobre os erros do nacionalismo e sobre as feblezas da sociedade galega, tan pouco enérxica á hora de reivindicar o idioma de seu. A tradución político-partidaria é transparente, a por de descarada: non valen nen PP nen BNG, senón esa "banda ancha" do PSOE-psoeísmo, con rama-modalidade máis españolista e pactista (aquí como na política española) co PP, se se der o caso, e rama-modalidade máis "galeguista", que non porá obstáculos a coincidir nominalmente co nacionalismo cando se tratar de denunciar a falta de "consenso" sobre a lingua, de cuxa ruptura se culpa ao partido ocupante no presente do goberno na Xunta de Galiza.

A partir de aquí, cómpre casar todas as pezas e as que non se dan encaixado botalas polo río abaixo, isto é, desfiguralas convenientemente para facer críbel o argumento. Vaiamos con algunha delas:

1º. Primeira falsía. A dicotomía non se produce entre realidades nominais, decretais, diferentes, porque a normativa actual para o ensino, como nengunha das que a precedeu, se cumpriu. Prodúcese entre unha tentativa de fixar no papel legal medidas emanadas dun Plano de Normalización aprobado por unanimidade (2004) e a destrución ilegal desas medidas, antes de que se aplicasen de forma xeral e consistente en todos os centros do ensino.

2º. O problema non está en que o nacionalismo galego se deba "descabalgar" do monolingüísmo que tería nado miticamente nos iniciais anos setenta do pasado século e que, agora, sería un atavismo ou unha rotina reiterativa. O problema está en determinar en que idioma se normaliza o galego, se prestixia e se populariza a súa extensión social: en galego, ou en español ou en "bilingüe". ¿En que cabeza cabe que para elevar a condición do galego, como lingua, do par existente na Galiza, que o precisa, se bote man da arma (bilingüísmo) utilizada contra o proprio galego? ¿Cando, en que ocasións, con que frecuencia, os "bilingüístas" utilizaron ese seu "bilingüísmo" para defenderen o galego, reclamaren que o sufixo "bi-" se cumprise a favor do galego ou denunciaren a clamorosa EXCLUSIÓN social e pública do galego en tantos e tantos lugares e funcións, exclusión que arruína calquer pretensión de igualitarismo dual?

3º. Cando se fala de resistencias e / ou inercias sociais, negativas para co galego, é perverso omitir que elas, con toda a carga correspondente de preconceitos, xenoestima, idolatría do español, temores reverenciais a "perder" (!) o español e cantas máis excrecencias do autoodio quixermos citar, non son unha planta ventureira ou unha propriedade psicosocial dos xens galegos, senón unha consecuencia, ben lamentábel, da doma a que se nos submeteu. Consecuencia, non causa, como se quer facer crer, confundindo a febre (síntoma) co virus (causa da infección). Todo goberno galego merecente de tal nome, tal e como a cativa lexislación vixente recoñece, debería disporse a que as súas políticas curasen estes prexuízos e axudasen a disolvelos como paso previo a unha efectiva reparación do uso do galego, que xa de seu foi e ha ser lenta, gradual e paulatina, por mor de anos abondos de presión españolizadora e de punición directa do uso do galego.

4º. A utilización por parte de ambos entrevistados de elementos consoladores para ben xustificar a situación actual do galego, ben distraír a atención dos seus problemas resolúbeis chega a extremos cómicos, se o asunto non fose serio dabondo... Infórmasenos de que a "garantía de supervivencia dos dialectos alemánicos de Suíza foi o valor doméstico", como se tal non existise a todopoderosa lingua alemá ao lado e por riba da Confederación Helvética ou como se nesta, demograficamente, o alemán non fose a lingua amplamente maioritaria, moi por riba do francés, do italiano ou do minúsculo romanche, omitindo, claro está, a pergunta de cómo o galego, sendo "doméstico" ("hiperdoméstico", diriamos) durante anos e anos, décadas e séculos, non deu conseguido sobreviver e prosperar. Dísenos que o "tagalo ten 40 millóns de falantes nativos e 200 como lingua de comunicación, e non pinta nada na ciencia", obviando que esta lingua nativa de Filipinas é claramente lingua B face ao omnipotente inglés e, aínda, o español, e ocultando que se mantén diglosicamente grazas a un altísimo volume de analfabetos. Cítase a definición de diglosia de Ferguson, como dogma inamovíbel, esquecendo que, moito antes, Psichari, Roïdis, Pernot ou Marçais xa a tiñan definido e aplicado a contextos como o grego ou o árabe ou ignorando olimpicamente como a definición de diglosia estrutural de Rafael Ninyoles é perfeitamente aplicábel ao caso galego (vid. O galego e as leis. Aproximación sociolingüística, dunha servidora, onde -páxinas 72-92- se recorda a orixe, evolución e aplicabilidade do tal conceito). Desestímase reclamar o galego para a "aeronáutica" ou para ser utilizado en Bruxelas, como se eses fosen os problemas, as necesidades e as reclamacións reais para o galego hoxe, como se o que estivese en xogo non fose, a rentes do chao, que as pequenas e os pequenos de Vigo e os escasos do Courel teñan a mesma oferta educativa con INCLUSIÓN do galego non submetida á eleición dos pais. Na delirante xustificación (feitos consumados) das pretensións do novo decreto, chégase a proclamar que as matemáticas realmente non son decisivas, xa que non crean "unha relación efectiva coa lingua", como si o fan os "contos, televisión, música, a tradición", rompendo así a baralla "bilingüe", ao destinar a porcentaxe de español a nada afectivas asociacións con adustas e foscas materias como a citada (que "maltrato" para o español!) e identificando o galego como máis adecuado para labores "riquiños" como os citados, que, por outro lado, tampouco se garanten nesta lingua nas pretensións do decreto destrutor. Óbviase a vulgar e non vulgar ecuación matemáticas = ciencia = prestixio = futuras carreiras de mellores saídas laborais...

En fin: manipulación e torsión da realidade de groso calibre, todo para negar as evidencias e mistificar as solucións. Mais a realidade é infinitamente máis clara e contundente do que a súa camuflaxe, para ben e para mal, e obstínase en abrirse paso. Os miles e miles de persoas que, máis unha vez, encheron o Obradoiro compostelano, abofé que non o fixeron por capricho ou por rotina, senón por proclamaren ben alto e forte todos os direitos esmagados que cómpre poder exercer en lingua galega. A case douscentos quilómetros de distancia, no Courel, o Presidente da Xunta da Galiza oferecía simultaneamente un "pacto pola lingua", coas seguintes esplendorosas medidas: cooficialidade; o galego, "lingua propia"; medidas para el de "acción positiva" e mais o principio de non discriminación por razón de lingua. Delirante, señores, espectacular!: unha detrás de outra, todas as bases, todos os presupostos en que se funda a lexislación actual: Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, Constitución española, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística... E, agora, tantos anos despois, proponse un "pacto" baseado no que xa está escrito, como letra legal vixente, non derrogada nen anulada, mais, desde logo, non cumprida. Estas si que son as dúas liñas reais do devir lingüístico galego. Real como a vida mesma: axudar a elevar a lingua galega ou a sepultala. Tanto os partidarios de unha e de outra solucións sábeno ben.

O galego Oliver Laxe gaña o premio da crítica en Cannes

O cineasta galego consegue este galardón que concede a Federación Internacional de Críticos de Cine coa súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns.


Os rumores ían polo dereito. Oliver Laxe gañou o premio dos críticos no Festival de Cannes coa súa primeira longametraxe. O premio Fipresci, que concede a Fédération Internationale de la Presse Cinématographique, vén significar que a xuízo dos profesionais Todos vós sodes capitáns é a mellor película, non só da Quinzaine des Réalisateurs, onde se exhibiu a opera prima do cineasta galego o pasado mércores cunhas 700 persoas no teatro do Palais Stéphanie, senón tamén da Semana da Crítica, outra das seccións paralelas do certame francés.

A única película española no festival resultou premiada, ao cabo, por un xurado netamente estranxeiro. Presidíao o turco Alin Tasciyan e contaba con Martin Andersson (Suecia), Gideon Kouts (Francia), Christian Jungen (Suíza), Akiko Kobari (Xapón), Heike Hurst (Francia), Gabriel Klinger (EUA), Igor Gouskov (Rusia) e Boryana Mateeva (Bulgaria) como membros. O éxito poderíase completar hoxe se outro tribunal, o que encabeza o actor Gael García Bernal, lle concedese a Caméra d’Or. Compite polo premio que no pasado gañaron Jim Jarmusch e Miranda July, entre outros cineastas, con outras vinte e tres operas primas. A recompensa, 50.000 euros en película virxe que Laxe podería empregar para o seu próximo proxecto, unha película que rodará entre Galicia e Marrocos, onde vive dende hai varios anos.

Producida, escrita, dirixida e protagonizada polo propio Oliver Laxe (Paris, 1982), fillo de emigrantes luguess que retornaron á Coruña cando o cineasta tiña sete anos, Todos vós sodes capitáns rodouse en Tánxer cun equipo mínimo, un orzamento moi reducido –recibiu unha axuda de 30.000 euros da Consellaría de Cultura, como recordou onte o Goberno galego nunha nota de prensa– e unha cámara emprestada polo Estado marroquí. A mesma coa que o gabinete de Hassan II filmaba as viaxes do monarca.

Antes de converterse no único cineasta español na 63 edición do Festival de Cannes e recibir o premio da crítica, fito histórico para o audiovisual galego, Laxe chamara a atención do público máis esixente cos seus primeiros traballos, as curtametraxes Y las chimeneas decidieron escapar(2006), Suena la trompeta, ahora veo otra cara (2007) e París #1, coas que obtivo varios premios e visitou distintos festivais.

A crítica de Cannes premiou tamén Tournée (Sección Oficial), filme dirixido polo actor Mathieu Amalric, e Pál Adrienn (Un certain regard), da húngara Agnes Kocsis. Pola súa banda, o premio Signis recaeu en Des hommes et des dieux, de Xavier Beauvoius –con mención para Another Year, de Mike Leigh– e o da Mocidade para Copie conforme, do iraniano Abbas Kiarostami, e Les amours imaginaires, do canadense Xavier Dolan.

O galego, unha lingua ameazada

Xosé Ramón Freixeiro Mato en Terra e Tempo:


No Atlas das Linguas en Perigo no Mundo (UNESCO Atlas of the World’s Languages in Danger), no ano 2001 o galego figuraba dentro do grupo de linguas “en perigo”, xunto co éuscaro, en canto o catalán aparecía no de linguas “potencialmente en perigo”. Porén, na terceira edición presentada en 2009 e dispoñíbel en internet con actualización constante o éuscaro mantense entre as 2.500 linguas en perigo, mais o galego foi eliminado pola súa proximidade do portugués. Trátase, pois, dunha cuestión metodolóxica e non de teren mudado favorabelmente as condicións do galego. Este non é, con efecto, unha das linguas en perigo do mundo porque co nome de ‘portugués’ se fala en varios continentes e goza de plena normalidade como lingua oficial de estados como Portugal ou o Brasil, que ten 190 millóns de falantes.

Mais onde non goza da mesma normalidade é precisamente alí onde conserva o seu nome orixinario de ‘galego’, que remite para a Gallaecia histórica en que se formou. É xustamente na Galiza onde non ten garantido o seu futuro. E isto é o que realmente nos importa a aquelas persoas que queremos unha Galiza orgullosa da súa lingua e dona do seu destino, á marxe de que tamén consideremos moito importante aproveitarmos e pormos en valor esa proxección exterior.

O galego é hoxe unha lingua ameazada e minorizada porque no seu propio territorio partilla espazo con outra lingua de máis prestixio que historicamente foi e aínda é a lingua de poder. Talvez estea tamén agora no transo de perder a condición de lingua maioritaria da sociedade galega que tivo anteriormente, desde a época medieval até finais do século XX. Por tanto, é unha lingua en declive que corre algún tipo de risco de desaparecemento porque está a ser substituída paulatinamente polo español, seguindo un proceso histórico que xa dura máis de 500 anos. Nas últimas décadas este proceso de substitución lingüística acelerouse de modo vertixinoso.

A dinámica do contacto entre o galego e o español segue dúas vías complementares: a da substitución, que neste caso supón unha perda constante de galegofalantes e o consecuente incremento dos castelanfalantes, e a da asimilación ou proceso de castelanización progresiva das formas e estruturas internas do galego. Canto ao número de falantes, a mudanza de século supón o momento máis crítico da historia da lingua galega, de seren fiábeis os datos máis recentes do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, dados a coñecer en dous volumes publicados respectivamente en 2007 e 2008, e que estudan a situación do galego na populación de 15 a 54 anos.

Segundo os datos do primeiro volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004 (quérese dicir que foron recollidos neste ano), en doce anos (1992-2004) teríase producido unha diminución do 40% de persoas que teñen o galego como lingua inicial. Tamén pon este estudo en relevo o avanzo do monolingüismo inicial en español e do bilingüismo inicial. Destaca como grupo máis numeroso o dos bilingües iniciais (41%), embora nel o predominio do español (25.9%) se impoña sobre o do galego (15.1%). Constata igualmente que a adquisición inicial única ou preferente da lingua galega só é maioritaria entre as persoas que naceron en localidades con menos de 10.000 habitantes e entre as que residen nas de menos de 5.000; no resto dos hábitats é maioritaria a adquisición inicial do castelán.
Non menos alarmantes para o futuro da lingua galega son os datos que recolle o segundo volume, centrado nos usos lingüísticos: neses doce anos que van de 1992 a 2004 duplicouse o número de persoas que nunca falan galego (do 13% ao 25.8%), dividiuse á metade o de monolingües nesta lingua (do 30.5% ao 16%) e reduciuse en 22 puntos o número de persoas que a teñen como lingua habitual (do 61% ao 39%); isto é o mesmo que dicir que o uso monolingüe do galego se reduciu en 14.5 puntos porcentuais, que o monolingüismo en castelán avanzou 12.8 puntos e que en xeral se mantén o bilingüismo mais “cunha suba importante de 9.3 puntos na categoría máis castelán e unha caída de 7.6 na de máis galego”. De isto ser así, inverteríase practicamente a situación lingüística a respecto de 1992 e por primeira vez proclamaríase estatisticamente que o galego é a lingua minoritaria da Galiza..

Á vista destes datos, recollidos dun estudo feito por especialistas, avalado pola Real Academia Galega e financiado con fondos públicos, como pode dicir o actual presidente do Goberno galego que a lingua propia do país non ten ningún problema?

De ‘Ginzo’ de Limia a ‘Jinzo’

Dende a Coordinadora de Equipos de Ferrolterra chámannos a atención sobre o que está a suceder coa toponimia galega:

Para o Ministerio de Medio Rural, no proxecto Sendas Verdes, existe sóOrense, Carfagino en vez de Carfaxiño, ou Lobera no lugar de Lobeira. O Instituto Xeográfico Nacional realizou correccións recentemente, pero na internet, en concreto na Wikipedia, os nomes sofren traducións realizadas ás veces de maneira sui generis.

Camiños verdes

O proxecto “camiños verdes”, destinado a promover rotas de sendeirismo, vencelladas a realidades históricas, foi promovido polo Ministerio de Medio Rural, en colaboración coa Consellaría. Cinco destas sendas sitúanse en Galiza. O convenio entre as dúas administracións foi asinado no 2007 e dispuxo dun orzamento de tres millóns de euros. O plan prevé o acondicionamento dos camiños, con firme de sábrego na maioría dos casos, a sinalización dos mesmos e a limpeza das beiras. A contrata foille asignada á empresa Tragsa, que se encargou de acometer as obras na primeira das sendas proxectadas, “O Camiño de San Rosendo”, entre a fronteira da Portela, concello de Lobios e Mondoñedo. Botóuselle grava ao chan e situáronse letreiros nos cruces. Nestes indicadores figuran os topónimos, ou traducidos ao castelán, ou directamente inventados.

Cexo converteuse en cejo ou Maus en manos de salas. Vilanova dos Infantes pasa a ser “de los”, tradución que non se chegou a realizar nin durante a dictadura, pois este lugar do concello de Celanova conservou sempre a forma galega.

O BNG denunciou a deturpación toponímica, cun escrito enviado á delegación territorial da Xunta en Ourense.

Xosé Manuel Firvida, deputado nacionalista, declárase abraiado: “máis alá dunha mera tradución, hai termos inventados, co presunto fin de castelanizalos”.

O organismo provincial autonómico recoñeceu o erro, asegurando que en breve corrixiran a desfeita lingüística.

Por outra parte, a instalación de novos indicadores, entre os concellos de Verea e A Baixa Limia, segue vulnerando a normativa e deturpando nomes que posibelmente xamais se escoitaran noutra forma que non fose a tradicional.

O Ministerio de Industria sinala como lugares con reemisores: ferreira valle oro, que debe aludir a Ferreira do Valadouro, nogales, ginzo ou jove.
A equivocación de Roberto Varela, rebautizando Sobrado dos Monxes, non é única na institución autónoma. A TDT chegou recentemente a puente nuevo, domayo ou puebla

Seis verdades sobre o galego

Pérez Lema no Xornal:

1. O galego é a única lingua propia da Galicia. O que non quita que o castelán sexa a lingua materna, por razóns históricas, de ducias de milleiros de galegos e galegas, da maioría dos vascos. Como o árabe de millóns de franceses e o inglés é lingua franca para os indios.

2. A literatura galega é a editada en galego. Cela e Torrente Ballester foron senlleiros escritores galegos da narrativa española, como Kafka foi un grande creador da literatura alemá, malia ser checo. Protexer a creación cultural en castelán non é da responsabilidade das institucións galegas, xa que é un labor para o que o Goberno do Estado inviste xa centos de milleiros de euros, non atendendo as creacións galegas, catalás e vascas.

3. A nosa lingua constitúe unha riqueza inmaterial incalculábel, mais tamén unha riqueza económica. Arredor do 3% do PIB galego ven xerado polas nosas industrias culturais, editoriais e audiovisuais, que naceron pola nosa diferenza nacional, cultural e lingüística. Galiza veu nacer empresas modernas nos ámbitos da creación cultural, produción editorial, produción e creación audiovisual, produción de eventos, contidos na web… que loitan por se reinventar fronte a crise e fronte ao desleixo e apatía do Goberno do PP a respecto das súas angueiras (e as do tecido empresarial galego, en xeral).

4. O galego aínda é a lingua maioritaria de uso, mais atópase minorizado por razóns sociais, económicas, xurídicas e institucionais. Malia a forte redución na cadea de transmisión da lingua nos últimos 20 anos o galego segue a ser a lingua de uso maioritario no conxunto da cidadanía. Porén, subsisten moitos esquemas diglósicos, moitos complexos sociais e, sobre todo, razón xurídicas (a Constitución e o Estatuto non recoñecen a absoluta igualdade do galego a respecto do castelán), sociais, económicas e institucionais que minorizan o galego no seu propio país e Estado. Un madrileño comprende mellor o dereito á diferenza dun holandés có dun galego ou catalán.

5. Existen un Estatuto, un Goberno e un Parlamento de Galicia por existir previamente un país galego e unha lingua galega. O Dereito limítase a recoñecer realidades preexistentes. Se España recoñeceu na Constitución o noso carácter nacional foi por existirmos como realidade diferente anterior á da propia Constitución e do Estatuto. En grande medida pola nosa lingua, que é a máxima creación da nosa cidadanía. Cando o Goberno actual elimina a protección da nosa lingua está a atentar contra un dos alicerces da súa propia existencia.

6. Moitos galegos non valoran a súa lingua por complexos e autoodio. Historicamente as nosas elites eclesiásticas e funcionariais e mesmo empresariais adoitaban ser forasteiras, porque Galicia non se gobernaba por si propia. A maioría galegofalante sofría discriminación no seu propio país, identificando o castelán como lingua de progreso e poder.

Un pacto pola lingua

Xosé Luís Pardo no Xornal:

Non parece preciso, arestora, facermos un comentario encol da proposta que remata de facer o señor Feijóo ás outras forzas políticas de Galicia de chegaren a “un pacto pola lingua” xa que, coma se fai nos réximes democráticos e parlamentares, tales pactos fanse, ou ben denantes de presentar, para a súa votación, o texto correspondente ou, xa aprobada a lei ou decreto do que se trata, logo de pasar un tempo e veren, todas as forzas políticas ou, cando menos, a maioría de elas, que tal norma legal non é boa.

Aplicando este sistema, básico para o funcionamento da democracia parlamentar, atopámonos no caso da lingua galega que xa nun primeiro tempo chegouse ao pacto maioritario cando se debateu e aprobou o actual texto de Estatuto de Autonomía e, así, a lingua galega definiuse como “lingua propia de Galicia” no artigo 5 do Estatuto, co que tal cousa forzosamente supón, e, ademais, impónselle aos poderes públicos de Galicia, ou sexa, Xunta, deputacións e concellos o deber de “garantir o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e dispoñerán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”.

Coido que, de acordo co pacto estatutario, rubricado polas Cortes Xerais e polo pobo galego en refrendo, non habería máis que falar e así se debateu e aprobou a vixente Lei de Normalización Lingüística e, como medio para facilitar o coñecemento do galego, foi aprobado polo anterior Goberno da Xunta, co apoio, tamén, do Partido Popular, o actual Decreto que agora quere sustituir o actual Goberno da Xunta ofrecendo, como acaba de facer no Courel no Día das Letras Galegas, en troques do que xa hai e foi pactado, outro pacto para rematar co el.

Pola miña parte tan só andaría na procura dun pacto se se tratara da reforma do Estatuto, como queremos moitos, e, no art. 5.2, onde pon que os idiomas galego e castelán “todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”, puxeran, tamén, que “todos teñen a obriga, a respecto do galego, de o coñecer”, tal como se fai na Constitución a respecto do español, no seu artigo 3.1. Iso si que hai que pactalo.

E xa, como remate, indicar que, baixo ningún concepto, e en detrimento do galego –e máis do castelán–, se pode aceptar o reparto trilingüe, co inglés como lingua do mesmo rango cás outras dúas, xa que, pensando nun futuro, tamén se podería pensar no chinés.

Feijóo teima en alimentar o conflito do galego

Rodri Suárez no Xornal:

Alberto Núñez Feijóo é un político con grande capacidade estratéxica. O éxito da súa carreira non se pode entender sen recoñecer a súa visión mediática, tanto agora no Goberno como, moi especialmente, no período anterior á campaña das eleccións autonómicas do ano pasado. Ten o presidente da Xunta bo olfacto e certa habilidade no dominio dos tempos políticos. Ese mérito non llo negan nin os seus adversarios políticos, loxicamente en privado. Pero ás veces, esa característica do líder dos populares galegos tamén amosa vías de auga. Ocorreulle en determinadas etapas da fusión das caixas e moi claramente con case todo o que ten que ver co conflito do galego, onde segue sen ser capaz de establecer unha rede de complicidades que relaxen a polémica e avalen a súa aposta, practicamente orfa de apoios fóra do propio PP.

A intelixencia política de Feijóo queda en evidencia arredor da lingua. Púidose comprobar esta mesma semana. O xoves, o Consello da Xunta aprobou o decreto sobre o uso do idioma no ensino. A redacción foi a esperada, co galego reducido á nada na educación infantil das zonas urbanas e o inglés ameazando a medio prazo con encoller a presenza da lingua propia, entre outros puntos polémicos. Quedou fóra a consulta aos pais, onde a Xunta tivo que ceder ante o claro ditame crítico do Consello Consultivo. Porén, nunha manobra sorprendente e un tanto sobrada, Feijóo anunciou que fará unha lei para legalizar esas mesmas enquisas. Polo tanto, a aprobación da norma non pecha a fronte lingüística, que segue a contar con flecos abertos. Unha decisión politicamente moi arriscada. Na vez de intentar que a poderosa defensa do galego vaia perdendo folgos, quizais devorada pola rutina e a crise e quedando nunha crítica moito menos central na axenda do que foi no primeiro ano de lexislatura, o PP opta por avivar a tensión con novas normas e leas nos centros, o que manterá viva e seguramente musculosa a protesta. De feito, tamén se espera que a hostilidade co galego sexa unha das pautas da campaña popular nas municipais na Coruña e Vigo, polo que semella evidente que nun tema tan espiñento como o do idioma o PP pretende saír a peito descuberto, o que resulta arriscado e seguramente, pouco responsable. Pode trabucarse nese apartado Feijóo. Non sería a primeira vez.

Nas entrañas do PP galego tiñan plena confianza en que a súa aposta lingüística acabaría sendo apoiada polo PSOE. Pero o vazquismo actual dos socialistas galegos pouco ten que ver co dos tempos do embaixador do Vaticano. Nunha decisión que o honra, o PSdeG mantén o pulso contra Feijóo no tema do galego. Percibiuse na manifestación do pasado Día das Letras Galegas, onde participaron moitos membros da dirección con perfil e presenza propia, moito máis visibles que en citas anteriores. “Pensaron que a lingua era unha cuña para abrir unha fenda entre socialistas e nacionalistas, pero trabucáronse”, destaca o deputado Xavier Carro. Ten razón. Fracasou o presidente da Xunta nunha das súas tácticas preferidas, a de dividir á oposición. E está a triunfar Pachi Vázquez, capaz de sumar a todo o seu partido nunha postura que non levanta demasiadas simpatías nalgúns sectores urbanos da súa formación. Se o galego é un grave problema para Feijóo é pola pluralidade ao seu favor. Quedou claro este 17 de maio, tanto nas rúas de Compostela, de novo ateigadas de manifestantes, como no Courel, onde a Real Academia Galega plantou elegante cara ás propostas do Goberno autonómico, o que obrigou a Feijóo a propoñer un pacto que rapidamente quedou claro que só contía fume.

E por se todo isto fora pouco, tamén dende a dereita medran as críticas contra o líder dos populares. Galicia Bilingüe xa o acusa de “traidor” e “mentireiro”. O grupo de Gloria Lago, apoiado no seu día por importantes referentes do PPdeG nunha boa xogada no electoral pero terrible no institucional, séntese defraudado e presiona á Xunta sabendo que detrás está a posibilidade dunha pequena pero significativa fuga de votos que deixarían aos populares para irse con UpyD, sempre que sexa capaz de repoñerse dos insultos de Rosa Díez, ou incluso a formacións localistas moi hostís co idioma propio, como pode ser o caso de Unión Coruñesa. A soidade do PP neste campo é absoluta. Só algunha asociación de pais dos centros privados está do seu lado. O resto, en contra. Ese feito nótase na incomodidade que amosan dirixentes como Alfonso Rueda, empeñado en apagar o lume con gasolina con cargas explosivas como a dirixida aos manifestantes do 17-M, acusados de “ditatoriais”. Fea estratexia.

"There are several ways to love Galiza", ou "Hai varios gheitos de amar a Ghalicia" ou "La maté porque era mía"

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe:

Non é que vaia ensaiar hoxe a peripecia saltimbanqui de escribir a miña prédica dominical en trilingüismo harmónico. Inda que ben poidera ser. Primeiro, porque á miña xeración cadroulle ter que aturar catro décadas de franquismo e que aprender a camiñar na corda frouxa da loita clandestina ao longo das últimas duas desas catro sen esfragarse na toxeira fascista -de xeito que, pesia que os músculos e os artellos do meu corpo xa non son o que foran, aínda seguen a estar adestrados abondo para outra travesía funambulesca duns poucos anos máis de franquismo-sen-franco desta volta. Segundo, porque, a diferencia dos bífidos galegófobos -e se cadra a resultas desa dura aprendizaxe existencial nosa da conquista da liberdade e do coñecemento na resistencia á tiranía e á barbarie- @s galeg@s da miña xeración tivemos que aprender algún idioma máis ca o noso proprio e xenuino -ou sexa, da nosa "gens". O español, "of course", na escola onde o noso estaba excluído e era causa de asaño e castigo ter o despiste de falalo, ou sexa, de non traducirmos o pensamento. Pero sobre todo tivo que aprendelo a imensa maioría -labregos, mariñeiros e operários- para o trato "en cristiano" co señorito, o patrón, o xuíz, o inspector de facenda ou policía e demáis corte celestial desta paradisíaca colonia celtibérica. E o inglés -ou alemán ou francés- na emigración a Europa, claro está, ou qué pensabas, que esa e non outra foi a formación profisional e o curriculum laboral de un de cada tres galeg@s moz@s de cando eu novo -agás o caso duns pouquiños privilexiados coma min mesmo que nos fomos á ventura de estudantes nómadas alén-pirineus coma os "goliardos" de antano. Que manda truco que agora lle veñan coa andrómena do trilingüismo a un povo no que a xente do común do meu tempo xa foi trilingüe ou mesmo tetralingüe á forza, e ben sabe o que é iso: ter que aprender idiomas que non son o seu pra lles falar en cadansua lingua aos amos de acó e de aló, de dentro e de fóra, que os amos nunca se rebaixan a aprenderen o dialecto dos servos, faltaría máis, falaren os señoritos a "lingua proletaria do meu povo", que dixera o Celso e arrepuxéranselle os ananos todos do país, como fan os de agora, vade retro. Inda lembro o día en que me dirixín en francés a Rajoy dende a tribuna do Parlamento de Fonseca, farto de que a il non lle dese a gana de falar galego. Si, a Rajoy, que fora vice da Xunta de Albor nos seus derradeiros estertores -políticos. Encetei o meu discurso en francés, até que o presidente da cámara me interrompíu pra me chamar a atención. Porque seica o vice podía non falar en galego, mais eu non. Ben o entenderan as xentes do común que logo me abordaban onde me vían e dicíanme "fixo moi ben, que se nós tivemos que aprender na emigración a fala do país onde iamos traballar a ver por qué non van ter iles que aprenderen aqui a nosa, que pra algo lles pagan, ou é que están na polìtica de balde...".

Así que, por poder, o que se di poder, ben podería eu facer eiquí saltimbanquismo trilingüe -sucesivo, iustaposto ou simultáneo, segundo quixesen os pais dos escolinos governantes. Porque aprender aprendin inglés, que a min non me pariron no soberbio cimo duns peares nen dun trono imperial, senón que nacín nunha familia do común compostelán sensíbel á cultura dos diversos povos, do proprio e máis dos outros, os que ollaba transitar pola Rúa do Vilar da miña infancia camiño das Praterías. E pesia que o teño un tanto enferruxado por infrecuente uso e o moito que eiqui chove, inda podo botar unha parrafada escrita sen demasiados erros nen que se perda o fío do que pretenda dicir, e en último recurso podería calcar un anaco calquera escolmado de Huxley, Poe ou Faulkner, por caso, a gusto do consumidor, sen que os pais dos governantes se decatasen de que non era meu. E en español, cando o emprego cos habitantes monolingües de Terra Ancha e outras bisbarras estranxeiras, adoitan dicir que o falo e escribo con decoro, millor que moitos diles, seica, e moito millor ca os pailáns de cidade colonizados de acó, que seguramente por iso reclaman que o milloren os seus vástagos, misión imposíbel onde as haxa por mor do imperativo xenético. E ademáis é un fermoso idioma cando se escribe ou se fala ben, como o escribe Delibes e o falan os seu paisanos campesinos -da Tierra de Campos, claro é. E emocióname nos ardentes sonetos de amor de Quevedo, que navegan no ronsel dos portugueses de Camõens, dos ingleses de Shakespeare, dos italiáns do Petrarca -e das cantigas de amor e de amigo dos nosos devanceiros galegos de aquén e alén Miño, ben antes de que a lírica en castelán fose inventada. Xa digo: por poder, ben podería. Só que non quero. Non son tan imbécil como pra teimar en escribir, sen necesidade, no meu país e praos meus paisáns, nun idioma que non sexa o meu, o seu e máis o diles, o deste povo que os romanos chamaron galego. Reiteraba Novoneyra que a sua patria era o seu idioma. Abofé que non era il só. Mesmo con levar decenios a vivir na Franza, dicía Cortázar, o incomensurábel Julio Cortázar, nunha entrevista que nunca esquencerei, cando un xornalista de aló lle perguntaba se algunha vez pensara en escribir en francés, que dominaba á perfeición, e é antolóxica unha sua tradución de Marguerite Yourcenar, dicía il que sempre seguiría a escribir na que era a sua lingua propria, en español, "o mejor dicho en argentino", pontualizaba -e tomen nota os españolitos "enragés", a empezar polos cipaios da brigada de limpeza étnica caseira.

De xeito que non é que vaia ensaiar eu hoxe eiquí o cómico trilingüismo pra badocos de vila podre. Non é debido a iso o rótulo trilingüe ou cousa así da miña prédica -e digo cousa así por mor do castrapo intercalado, o único modelo lingüistico que se me resiste. Non. É que "hay amores que matan" -en español. Díganllelo ás mulleres asasinadas, vítimas dunha aberrante manifestación machista de amor-odio levada ao paroxismo, que a cada pouco son noticia perante a impertérrita insensibilidade dun sistema socioinstitucional degradado. Cando un sumo pontífice do enguedello babélico enxebre declara que hai varias maneiras de amar a este recanto da fisterra europea, está a dicir, conscientemente ou non, unha obviedade. Pro mesmamente unha desas varias maneiras de amar, unha maneira perversa ela, éo a dos amores que matan. Son amores exacerbadamente posesivos, que cousifican ao ser -o "obxeto"- amado, que o convirten en propriedade feudal, en dominio do "señor de vidas y haciendas". Son amores negadores da alteridade. Son amores destrutivos, aniquiladores: amar ao país e, por amor, matarlle o idioma -matarlle a alma. Son amores patolóxicos, ao cabo. Certeiramente tipificados polo imaxinario popular en cadansua expresión cultural. Como naquela outrora ben famosa e tan castiza: "La maté porque era mía" -en español, claro está.