O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, ten previsto que o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario estea ‘listo en febreiro’ para presentarllo á mesa sectorial de educación, con retoques ‘en función dos consensos que se poidan tecer’.
Segundo explica, o texto ‘deixará claro’ que, mentres non se poida impartir o terzo das materias nun idioma estranxeiro, haberá ‘unha repartición igualitaria ao 50% entre galego e castelán de materias e horas semanais’, aparte das materias de lingua.
Nunha entrevista concedida a Europa Press tras finalizar a rolda de contactos con colectivos educativos, sindicatos e partidos políticos sobre o decreto que substituirá o que no 2007 aprobou o bipartito, Anxo Lorenzo reafirmouse en que "os principios que están detrás" do modelo proposto "non se van cambiar", pero si pensa que "hai moitos puntos para poder chegar a acordos".
Anxo Lorenzo garantiu que no próximo curso escolar que arrincará en setembro xa estará plenamente vixente o novo marco normativo, pero admitiu que "hai que ser realistas" e "haberá que ver certos temas na súa dimensión real e posibilidade de facelo". Así, explicou que "non sería nada problemático nalgúns asuntos, como os libros de texto, aplicar moratorias durante un ou dous cursos".
Sobre o artigo que permite ao alumnado "utilizar nas manifestacións oral ou escrita a lingua oficial da súa preferencia", o responsábel de Política Lingüística avanzou que na nova proposta buscarase "unha fórmula aberta" para non contravir o marco constitucional e, en particular, apostou polo modelo do decreto do 1995, que reflectía que "o alumnado debe procurar utilizar a lingua na que se imparta a materia", pero "sempre que se deixe un espazo de liberdade".
En canto a se considera que o PP empregou de forma electoralista a lingua na pasada campaña electoral, o secretario xeral de Política Lingüística respondeu: "prefiro mirar para o futuro, o pasado é o pasado. Eu non estaba aquí nese momento". Agregou que o Goberno puxo "todos os medios para conseguir o consenso cunha bases abertas", pero censurou que a oposición "se negou a entrar a falar e preferiu convocar manifestacións e folgas".
"A sociedade galega falou e expresou a súa opinión e calquera gobernante e calquera individuo que vive en Galicia e intenta dedicarse a facer políticas públicas ten que escoitar, tamén no caso das políticas lingüísticas", engadiu.
Así mesmo, recoñeceu que a elaboración das bases do decreto foi "complexa e lenta" porque "o PP é un partido grande, con moitas formas de opinar e de ver as cousas" e "tiña que haber un consenso". No entanto, asegurou que elaborou a proposta "con plena autonomía nun contexto de lealdade á formación política que ten responsabilidades de Goberno".
Finalmente, Lorenzo apelou a pechar "canto antes un conflito lingüístico que nunca existiu a este nivel de debate público e político" porque "non é bo nin para o presente nin para o futuro do galego ter este debate permanentemente aberto". "Non é bo nin saudábel", dixo.
Así mesmo, proclamou que "o galego xa non sobrevive, senón que o galego vive" e advertiu que non se pode fiar toda a visibilidade desta lingua só ao ensino. Por iso, apostou por "coordinar e planificar" esforzos, explotar o campo das novas tecnoloxías e estimular o uso da lingua entre os máis novos, entre outras liñas de acción.







