30 de xuño de 2010

A ambición dos votos

En Galicia Hoxe:

Pola esquerda, Agustín Baamonde, Manuel Bragado e Bieito Lobeira,  onte no Consello da Cultura  FOTO: Antonio Hernández
Pola esquerda, Agustín Baamonde, Manuel Bragado e Bieito Lobeira, onte no Consello da Cultura



A previsible incidencia de Galicia Bilingüe e UPyD na bolsa de votos que podía decidir a cor do último e decisivo escano nas eleccións de marzo do 2009, foi o factor que levou os "estrategas" do PP a incorporar o tema da lingua na campaña "de xeito claro" coas promesas de derrogar o decreto do galego do bipartito e consultar os pais. Así o admitiu onte, nunha mesa redonda no Consello da Cultura Galega (CCG), o deputado popular Agustín Baamonde. Diversos analistas xa o advertiran, pero onte o parlamentario do PP confirmouno, nun debate co deputado do BNG Bieito Lobeira na cuarta e última sesión do Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, organizado polo CCG.

"O tema da lingua non era nun principio un obxectivo fundamental. Pero a aparición de colectivos como Galicia Bilingüe, de clases urbanas que expresaban a súa frustración co decreto do bipartito, xerou un caldo de cultivo que preocupou ós estrategas do PP. Feijoo contaba con gañar, pero por unha marxe axustada. E a aparición de Galicia Bilingüe, e de UPyD, fixo temer que podía haber aí unha bolsa de votos que podía afectar ó último deputado que resolvería o mapa electoral. Por iso o PP introduciu o tema da lingua dun xeito claro, e formulou dúas promesas: derrogar o decreto e consultar os pais. Tras gañar as eleccións, tivo que cumprir as promesas", explicou Baamonde.

"O PP vendeu o idioma do país por un puñado de votos", retrucoulle Lobeira. Durante a mesa redonda, á que non puido acudir o deputado do PSdeG Francisco Cerviño e na que Baamonde respondeu a numerosas críticas que se lle formularon desde o público, o parlamentario popular non deixou de apelar á lectura do seu partido da "realidade social".

"Na sociedade galega producíronse cambios importantes" desde a transición política, -apuntou-, e Feijóo "non pode facer o que lle dea a gana" no seu partido, que "se debe ós seus votantes". Existen tensións dentro do PP, -recoñeceu-, pois a súa base social é "ampla", e inclúe non só o sector "galeguista" co que se identifica o votante "do medio rural", senón tamén o sector das "contornas urbanas" que non está pola defensa do galego. "Feijóo defende o galego, e ten que nadar e gardar a roupa, pero eu creo que está a ser moi sensato", afirmou.

É certo -engadiu en resposta ás alusións de Lobeira a El Mundo-, que hai medios que tentan "crear opinión" cun enfoque "centralista", e iso pode ter "transcendencia en parte do electorado do PP", pero ao seu ver "iso é o menos relevante". Na súa opinión, a cuestión é que "o futuro da lingua non se decide por decreto", e pouco se avanzará se "os medios, os empresarios" non falan galego, e se a maioría dos pais queren que se eduque os fillos en castelán. Para solucionar isto, sinalou, cómpre "intelixencia" e "autoridade moral", e un modelo baseado no "equilibrio e a liberdade".

Bieito Lobeira denunciou, pola súa banda, as trampas deste discurso da "liberdade", ademais dos incumprimentos por parte do Goberno da "cativa" lexislación vixente sobre a lingua, que evidencian a contradicción coas declaracións de "amor" do PP cara ó idioma. O deputado do BNG salientou a "estigmatización" do galego na que afondará o "mal chamado decreto do plurilingüismo" ó excluír este idioma das aulas de matemáticas, física e tecnoloxía. Subliñou que o principio do 50% non se cumprirá na práctica, por exemplo no itinerario tecnolóxico de 4º da ESO, que reserva 3 horas para o galego fronte ás 9 do castelán.

Lembrou a "pregunta trampa sobre a lingua materna" en infantil, as webs dependentes da Xunta en castelán, a negativa de conselleiros do PP a usar o galego, a sinaléctica ou a publicidade institucional en castelán, a supresión da obrigatoriedade nas oposicións de facer unha das probas en galego, a documentación interna de consellarías en castelán, a exclusión dos concellos de menos de 3.000 habitantes das axudas á normalización, a marxinación do galego no ámbito xudicial, ou as posibles "represalias" aos profesores que se neguen a deixar de dar aulas en galego.

Lobeira propuxo como alicerce do pacto lingüístico o cumprimento da lei vixente e do Plan de normalización lingüística. "Podemos debater sobre os ritmos, os métodos, os prazos, pero non sobre os obxectivos do plan", dixo. Baamonde, despois de eludir responder e centrarse en acusar o BNG de tentar "facerse dono" da lingua ou consolidar a súa posición central no seu concepto de nación, pediu "flexibilidade" para aplicar un plan que é para o seu partido só "un marco que se pode interpretar de moitos xeitos".

O filósofo Antón Baamonde propuxo a celebración dun referendo sobre o tema da lingua entre toda a poboación, cunha "pregunta consensuada". O sociólogo Fermín Bouza pediulle a Agustín Baamonde que faga de mediador co seu partido, "que necesitamos, porque representa a metade da xente", para deter o camiño do galego cara á desaparición, e insistiu, como Lobeira, en que a política contraria ó galego vén "importada" desde o PP de Madrid. O profesor Juan Carlos Moreno denunciou tamén o nacionalismo lingüístico español, que segundo sinalou rexeita o intento de situar outras linguas ao mesmo nivel que o castelán como un "ataque" á unidade da nación española e a unha "lingua común" que considera superior e Ángel López propuxo estender o "plurilingüismo" a todo o territorio do Estado español. Georg Kremnitz avogou por unha reforma constitucional que facilite unha simetría maior entre as diferentes linguas.

A Academia prepárase para recurrir o Decreto do Galego

No País:

"Estamos estudiando la posibilidad de recurrir el decreto del gallego". Oficialmente -en boca del romanista Francisco Fernández Rei- es lo único que sale de la Real Academia Galega. En privado, los académicos lo dan por hecho: "El plenario entiende que hay material más que suficiente para recurrirlo. El dictamen del Consello Consultivo [el órgano asesor jurídico de la Xunta puso en duda la constitucionalidad de medidas como la consulta a los padres sobre la lengua inicial] está ahí". El asunto se trató en el plenario del sábado, pero salió de la agenda para no opacar la designación de Lois Pereiro como figura del Día das Letras en 2011.

Prudente, el secretario de la RAG, Xosé Luís Axeitos, aplaza cualquier decisión al informe jurídico encargado por la institución a técnicos independientes: "Se valorará cuando tengamos las razones jurídicas". En el momento en que el informe valide la intención de los académicos, la comisión ejecutiva de la RAG -Axeitos, Fernández Rei, Euloxio Fernández Ruibal, Manuel González y Ferrín, que ayer se abstuvo de comentarios- podría decantarse por convocar al plenario a finales de julio, con carácter extraordinario, para explicar la iniciativa. A expensas de la decisión de la Academia, que se sustanciará probablemente por la vía del contencioso-administrativo, el decreto del gallego ya cuenta con los recursos judiciales de A Mesa pola Normalización, la CIG y -por razones opuestas- Galicia Bilingüe. El "rechazo total" de la Academia al Decreto do plurilingüísmo fue, a comienzos de enero, el primer no del galleguismo institucional a las bases de la norma para el uso de gallego y castellano en el sistema educativo, mantenido contra la opinión de todos los órganos asesores, sindicatos mayoritarios y comunidad educativa. Los cambios introducidos en el decreto desde entonces -en Primaria y Secundaria se eliminó la consulta a los padres para elegir el idioma de las asignaturas troncales- fueron explicados por el titular de Educación, Jesús Vázquez, como una apuesta por el "equilibrio" entre gallego y castelllano. El conselleiro se amparó entonces en la "tradición" para justificar la prescripción del castellano en Matemáticas y del gallego en materias como Coñecemento do Medio.

Sobre el ofrecimiento de Núñez Feijóo en el Día das Letras, cuando el presidente de la Xunta dejó "sellada" en Seoane do Courel su propuesta de "gran pacto por la lengua", no hay noticias. "Los hechos son tercos", apuntaron entonces fuentes de la Academia. Feijóo estuvo en la sede de Tabernas el pasado 15 de junio. Allí firmó un convenio por 216.000 euros que servirá para cambiar los tejados y rehabilitar el sótano que centralizará los archivos bibliográficos de la RAG.

O futuro xa non é alleo a Lois Pereiro

Alberto Quián en Galicia Confidencial:


Porén, eu non estou sorprendido. Tarde ou cedo tiña que pasar, e pasou. Aconteceu a tempo, no momento preciso, cando se está a pelexar por manter máis viva ca nunca unha lingua acosada.

No amparo do noso idioma temos que achegar aos mozos e mozas do noso país un galego vivo, contemporáneo, moderno, achegado, aclimatado aos tempos, axeitado ao contexto actual, adecuado ao noso presente e ao noso porvir, adaptado á realidade que viven os novos galegos. E a RAG semella que así o etendeu, adicando o Día das Letras do 2011 a un poeta contemporáneo e punk coma Lois Pereiro.

Manterse afastados no tempo da mocidade galega era soster a nosa lingua coma un vestixio, coma unha lingua pretérita zarrapicada de necroloxía e morriña decimonónica. Tiñamos que virar 180 graos, camiñar en galego ao revés e agarrarmos ao presente para achegarmos ao principio: de Lois Pereiro a Rosalía, do punk ao Rexurdimento.

O galego pode empezar unha nova andaina no 2011 con Pereiro. Unha etapa viral na que lles poderemos achegar ás novas xeracións unha lingua viva zarrapicada da contemporaneidade e, con ela, facer o camiño cara adiante e tamén cara atrás, cara o porvir e cara as orixes.

No 2011 hai que abordar a obra e figura maldita de Lois Pereiro sen escatimar nada, sen prexuízos e sen eufemismos sobre o poeta que deixou escrito: “O futuro é por forza alleo a min”. E logo haberá que seguir facendo prospeccións. Haberá que ir dando máis pasos cara a normalización do presente e a procura do futuro. Haberá que adicarlle o Día das Letras Galegas a un autor vivo. Porque o Día das nosas Letras non pode ser só unha sorte de festividade necrolóxica.

Hai que anovarse e darlle valor aos nosos literatos vivos. Hai que actualizarse e procurar e divulgar novas estéticas. Hai que achegar á mocidade galega novos paradigmas literarios e lingüísticos.

Temos que ser punks e rachar os canons para abrir novas fiestras e ampliar horizontes á nosa lingua e á nosa literatura, ou non haberá futuro. E o futuro, querido Lois, xa non é alleo a ti.

Galicia os está esperando

29 de xuño de 2010

Eu falo na nosa vila

Neste pequeno documental falan os veciños da nosa vila, reflexionando sobre a lingua que usan, sobre a lingua da escola. Eu teño claro que aquí fálase maioritariamente o castelán. Cando menos no IES.



Vía

Danza portuaria

Arturo Casas na Voz:

A obra intensa de Lois Pereiro revive na lectura como unha danza portuaria e cinematográfica coa morte. Unha danza na que o poema concedido e o poema adiado son espectros que xiran e foxen da tradición tráxica occidental -Sófocles, Shakespeare, Rimbaud, Celan, Valle-Inclán, Bernhard- e arriban ao escenario dunha guerra recén rematada que na lectura se alcanza a tocar cos dedos. Alí, os campos arrasados e un ballet de estraña piedade entrevisto por alguén que agoniza e semella rir; acolá, a cantina ferroviaria e as cancións de berce, a inocencia; ao fondo, a profanación, a inmersión, a vida estremeira... Un cabaré inmenso (a historia!) entre o Danubio e o Báltico, a danza industrial de mercancía e xuventude, gadañas, febre, violencia e desexo.

A obra breve, a vida breve tamén de Lois Pereiro. Orzán e Pena Moa, o Ruhr e o Mar de Aran, igual que no texto no que mellor o dixo todo. Como adoito neste poeta, entre citas e música acumuladas. «Alerta e vixiante», esa égloga metálica e bukowskiana do xardín de seu. A égloga que pinta Europa como lugar de vida e sabotaxe, pois Europa é en realidade o tema íntegro deste poeta que a amou e a coñeceu nas pintadas suburbiais, nos valses, no resto de discursos.

Ler agora estes libros, o aluvión todo que neles vén con concisión de agullas, é presenciarmos tamén as arquivoltas que preludian toda formulación do suxeito no tempo noso, a construción da subxectividade que explica as coordenadas políticas e morais nas que estamos instalados. Accedemos en efecto a un pórtico expresionista do eu, a unha transfusión caótica de textos e imaxes, a unha inminencia da rebelión, a un desexo de refuxio que explica a aparición nalgún poema igualmente relevante do que foi Chiapas a partir daquel xaneiro de 1994. O eu equiparado a unha gárgola multiplicada a deitar os fluídos e os signos da vida contemporánea.

O autor de Poesía última de amor e enfermidade, o guionista, o letrista Lois Pereiro, configurou ademais desas paisaxes só relativamente íntimas outras que o son das fantasmagorías colectivas e do nós que negociamos cos outros. Fíxoo con lealdade aos grupos cos que converxeu. En particular, en Madrid e A Coruña. E esta ocasión que agora abre a Academia será boa, será óptima, para reler o que foi por exemplo Luzes de Galiza, o que foron outras empresas irmandadas con ela, sobre todo o núcleo que, sen excesiva fortuna onomástica, o poeta e os seus camaradas denominaron De amor e desamor.

Lois Pereiro non foi un lobo estepario pero, como na balada australiana que reinventou Tom Waits, viviu moito tempo na compaña soa do seu fardo. E como nesa canción («Waltzing Matilda»), escoitámolo dicir algo cando foron por el. «Nunca me colleredes vivo».

Outra de racismo lingüístico

Alberte Ansede Estraviz en Terra e Tempo:



O argumento central do PP para modificar a lexislación en materia lingüística foi sempre a de poñer fin á imposición do galego sobre unha maioría da poboación que tiña a expresa vontade de non "querelo". Polo tanto, se este era o argumento, a medida correctora do decreto anterior debería ser que, por fin, se posibilitase a escolla individual do idioma no que cada quen prefira recibir o ensino.

Mais afortunadamente, o movemento social en defensa da lingua encargouse de demostrar que o argumento non era máis que unha argucia e, pola outra parte, a realidade social e dos centros encargouse de inviabilizar en parte tal suposta escolla individual.

Agora ben, se o argumento da imposición non era máis que unha argucia, a medida da "liberdade de escolla" non era máis que unha coartada. E isto quedou outra vez ao descuberto cunha nova medida persecutoria contra o galego, xusto nun ámbito no que os pais/nais tiñan feito unha escolla favorábel ao noso idioma.

Desde hai catro anos existía a posibilidade de que os nenos e nenas de tres anos que se incorporaban á educación infantil se adscribisen a un grupo onde se impartisen as aulas totalmente en galego. A oferta era tremendamente limitada, pois afectaba tan só a 23 centros públicos en todo o país e a 19 concertados. Por outra parte, as condicións esixidas eran realmente restritivas: petición dos pais/nais, acordo do Consello Escolar, vontade do profesorado para impartir as aulas e reunir cando menos un grupo (25 alumnos/as). Esta oferta, pensada fundamentalmente para os contextos urbanos, era positiva, aínda que, insisto, insuficiente pois estaba lonxe de satisfacer as demandas de ensino en galego. Por certo, unha parte moi importante dos pais e nais destes escolares falan habitualmente en español, mais comprenden que para que os seus fillos/as saiban galego é imprescindíbel o recibiren a totalidade da docencia nesta lingua e así compensar o seu ambiente social e familiar español falante.

Non se detectara até o de agora ningún problema nestas liñas en galego. Aquí non se podía aducir "imposición" pois requeríase unha demanda expresa previa de pais e acordo da comunidade educativa. Tampouco supuña ningún custo especial para a Administración, pois esta xa retirara no curso pasado as axudas para a adquisición de material que establecera o goberno anterior.

Mais o goberno do PP non descansa na súa cruzada contra o galego e acaba de eliminar esta oferta practicando o racismo lingüístico contra o noso idioma. Unha eliminación que é simultánea a outras medidas -estas si con importante custo- como son a supresión dos libros de texto en galego cando aínda tiñan unha vixencia de dous anos, e a implantación inmediata dun terzo do ensino en inglés no tramo obrigatorio. Ou sexa, unha aplicación inmediata e apresurada do Decreto 79/2010 que supón incentivar aos pais e nais, profesorado e centros para que o ensino se imparta en inglés, español e galego a tempos iguais. O disparate académico e lingüístico desta medida, así como o apresuramento ao poñelo en marcha ben merece outra reflexión. Fagamos hoxe tan só algunhas preguntas:

No Estado español tamén se dá unha incentivación universal para instaurar o ensino plurilingüe no tramo obrigatorio? Na Europa Central desenvolvida promóvese a competencia nun idioma estranxeiro por unha vía semellante a esta ou con medidas específicas no ensino desas linguas? Os pais e nais, moi poucos por certo, que tiñan gran preocupación polo fracaso dos seus fillos ao recibiren as matemáticas en galego, poden agora ter máis garantías de éxito ao recibilas en inglés? Non choca este interese na promoción do inglés como lingua vehicular, co abandono na atención do ensino do inglés como materia específica? De verdade que hai alguén que se crea que ese ensino vai ser realmente en inglés e cunha calidade lingüística aceptábel? Pódese permitir un País como o noso, con case o 30% de fracaso escolar no ensino obrigatorio, introducir unha medida que aínda afondará máis nese fracaso? Nada se entende sen enmarcar o feito na tentativa do PP de ir eliminando os nosos sinais de identidade. No ano de Novoneyra, dicimos con el deste goberno: "Só loitou contra o seu pobo".

28 de xuño de 2010

Papeis

Que sinxelo e gratificante é o riso. Humor para o remate de curso, que ben nos cómpre, dada a situación actual:


27 de xuño de 2010

A ver se cabemos todos

Escribe Iago Martínez no Xornal:

Que equivocados estabamos. Durante os catro anos que levamos traballando en Contra a morte, o noso documental sobre Lois Pereiro, Alexandre Cancelo e mais eu fixémonos cen veces a mesma pregunta: que clase de Real Academia Galega lle dedicaría o Día das Letras Galegas a un poeta coma o de Monforte? Ningunha, claro, contestabámonos afoutos. Que soberbios. Vaia mantra de saldo o noso.

Parecía difícil que na casa da lingua se acordasen de Lois Pereiro. Publicou pouco, fardou menos e morreu axiña. Perdón pola crueza, pero deixou un cadáver perfecto. Foise con 38 anos e dous libros que mancan: Poemas 1981/1991 e Poesía de amor e enfermidade. O resto é póstumo, inacabado ou noso. A biografía prestábase. Convertémolo no reverso de todo o que hai. A falta de comité de empresa, lanzámolo contra a patronal da literatura. Desculpa, Lois.

Case mellor así, pensabamos. Deixádeo estar. Mentres as vosas sucias mans sigan nos petos, nós seguiremos sendo apóstolos na seita secreta de adoradores de Lois Pereiro. O poeta de Berlín. O único punk con galóns para estar no panteón laico dos galegos ilustres. A poética bisturí dos oitenta. O tráxico narcisista do cabalo e a colza. O enfermo. A ver como llelo explican aos cativos nas escolas.

Que equivocados estabamos. Había unha Real Academia Galega capaz de dedicarlle a Lois Pereiro o Día das Letras Galegas. Cando mo dixeron onte, fixen dúas cousas, por esta orde: lanzar a noticia no Twitter coma un pailán e acordarme dun mundo de xente. De Inés, de Xosé Manuel, de Pedro, de Raúl, de Geluca, da outra Inés, do pequeno Lois, de Piedad, de Saco, de Couso, de Amelia, de Pepa, de Suso, porque a biografía de Luisón está chea de xente. Só despois pensei nas Maribolheras Precarias: mellor descontroladas que institucionalizadas.

Tamén niso estabamos equivocados ao principio, supoño. Primeiro buscamos esa voz radical que nos lixara a mocidade toda dende un número solto de Luzes de Galiza que atopamos en Librouro. Despois pasamos do abraio á épica e intentamos reconstruír entre os cascallos o home atrás dos versos. Que idiotas. Coma se alguén puidese obrar semellante milagre. Coma se fose necesario. Coma se non abondasen xa as momias e os exorcistas neste país tan antigo.

Ao final acordamos. Decatámonos de que Lois Pereiro eran eles e elas. Os lectores, as amigas, os cómplices, os que se chaman coma el, todos os que perderon antes. Esa estirpe da fame e os grillóns que o poeta invocaba na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Porque teñen dereito. Porque temos dereito. O ano que vén van ter que facer sitio no Día das Letras Galegas. A ver se cabemos todos.

O galego é sexy e punki

Escribe Marcos Calveiro no seu blogue:


Supoño que a presenza de Rivas como académico e de Ferrín como presidente da RAG, así como a situación de emerxencia da nosa lingua, foi a determinante na escolla de Lois Pereiro para a homenaxe do Día das Letras do 2011 (aquí xa reivindicada de vello). Despois do belixerante informe da RAG contra o decreto do galego non había outra. O camiño xa fora marcado por Uxío Novoneyra este ano e había que seguir nesa andaina. Aqueles que nos negan e que nos atacan teríano moi sinxelo se unha vez máis se lle dedicaba o día grande da nosa lingua a outro deses cadáveres decimonónicos que adoitamos rescatar ano a ano. A nosa lingua viva aínda, malia os desexos suíños de moitos, presentaríase de novo perante a sociedade como unha lingua morta. Rivas e Ferrín sabíano.

Lois é un poeta centroeuropeo, desa Europa que soñou Thomas Bernhard, autor ao que el tanto citou coa devoción dos convertidos. As veces os seus versos son crípticos e mestos, pero coa cativadora beleza que ten una arcano indescifrable, no que, malia resultarnos inalcanzable, sabemos que reside a VERDADE, así en maiúsculas. Un poeta, como non, con luces e tebras, como calquera de nós, do que agardo se fale con claridade nos institutos sen ter que recorrer ao mediocre e mentirán verniz do politicamente correcto.

Lois é unha lenda para moitos dos que coma min somos uns neofalantes. Lembro cando con vinte anos quería ser poeta e escribía e falaba aínda en castelán. Lía en galego, si, pero para min non era sexy nin punki —prexuízos da mocidade, síntoo—. O que lía en galego estaba ben si, pero non atopaba o que encontraba noutras literaturas, e músicas, especialmente na anglosaxona. Non atopaba unha voz que me falase de ti, que me bisbase na orella. Unha voz coa que identificarme. Unha voz que soltase verdades coma puños. Unha voz como a de Ian Curtis en Joy Division. Non tardei moito en atopala e resultou que foron dúas e non unha. A primeira foi a de Rivas en Ningún Cisne ( Sotelo Blanco 1989) e a outra foi a de Lois en Poemas 1981/1991 ( Postivas 1992). Con eles caeron os meus prexuízos, descubrín o sexy e punki nas nosas letras e comecei a escribir na miña lingua. Sei que no camiño da escrita que eu seguín non hai nada deles, xa me gustaría. Mais non deixo de pensar de que eles foron os responsables de que, ante aquela afastada encrucillada onde unha vez estiven, escollese o camiño correcto, o único camiño. E estoulles moi agradecido.

(Agora mesmo, mentres escribo isto no portátil, no corcho que teño na parede fica cravada unha postal cun extraordinario retrato seu obra de Manuel Vilariño. Hai quince anos que me acompaña, resistiu mudanzas, fracasos e éxitos. É o meu particular santiño, laico, punki e galego, por suposto)

(Amais, que por vez primeira eu e moitos outros da miña quinta teñamos nos nosos andeis todos os libros dun homenaxeado no día das letras ten que significar algo, ou non?)


Eu respondo: pois si, certamente teño todos os seus libros, é un autor que sempre levei comigo e estou feliz pola homenaxe

Carta aberta a Anxo Lorenzo

Desde a coordinadora galega de ENDL, como docentes e moitos tamén como nais e pais, dirixímonos a vostede para amosarlle a nosa enorme preocupación e o noso abraio sobre o que vai ocorrer coa lingua galega no ensino, especialmente na etapa de infantil, onde non se garante a súa aprendizaxe, máis ben o contrario.

Nós, que interpretamos a riqueza lingüística de Galicia como unha vantaxe, porque cremos que as linguas realmente suman, asistimos con perplexidade ao feito de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística que vostede dirixe, creada para impulsar a normalización da lingua galega, non faga nada para conseguir este obxectivo. En realidade, as medidas artelladas ata o momento, levan –e vostede como sociolingüista sábeo moi ben e así o ten manifestado– á castelanización dos galegofalantes e a seguir convertendo o galego nunha lingua estranxeira para os nenos de contextos castelanfalantes.

Todos os docentes sabemos que o que está redactado no Decreto 79/2010 referido a esta cuestión: “Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, ben que deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo” é imposible de levar á práctica en contextos castelanfalantes.

Deixando á marxe o pouco rigor do termo “lingua materna” e o pésimo sistema que se propón para dictaminala, como sociolingüista, sabe que o peso social do castelán na nosa sociedade e a presión que exerce o grupo nestas idades, require a posta en práctica de medidas concretas e activas que garantan a aprendizaxe da lingua minorizada en todos os contextos pero especialmente nos castelanfalantes, onde –se non é así– resulta imposible que o alumnado adquira competencias nas dúas linguas por igual nesta etapa tal e como establece a LOE.

Como docentes coñecedores da realidade diaria dos centros, informámolo de que nos resulta máis imposisible aínda atender “de xeito individualizado o alumnado tendo en conta a súa lingua materna” con ratios de 25 nenos e nenas por aula, o que leva a unha clara marxinación lingüística do alumnado galegofalante, que deixa de selo na primeira semana en que asiste ás clases.

Esta filosofía de atender o alumnado segundo a lingua materna xa rexía o Decreto 247/1995, tendo como consecuencia unha clara e masiva desgaleguización da poboación máis nova durante os últimos anos, tal e como se aprecia en todos os estudos e informes existentes... ou simplemente escoitando o que se fala na rúa.

Non atopamos por ningures as medidas de apoio á lingua galega que vostede anunciou, polo momento, a única medida tomada foi en sentido contrario: a eliminación dos Proxectos de Innovación Educativa para as aulas de Infantil en galego en contextos castelanfalantes, programados no PXNLG, plan que axudou vostede a redactar e que foi aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004, co voto do actual presidente do Goberno. Estes Proxectos de Innovación Educativa, denominados “liñas de galego”, foron avaliados moi positivamente porque se mostraron eficaces na aprendizaxe do galego por alumnado de contornos castelanfalantes, sen que se resentise nada a adquisición de castelán presente de maneira permanente no seu contorno habitual.

Dada a gravidade deste asunto, pedímoslle, señor Lorenzo:

a) Que se permita a permanencia das “ liñas de galego” en contextos castelanfalantes nos máis de 40 centros da nosa comunidade que están funcionando sen custo ningún para a administración. Facer isto non sería outra cousa que aplicar unha medida normalizadora e mais –de paso– cumprir o prometido por vostede e mais polo señor conselleiro de Educación na reunión mantida connosco hai escasamente un ano.

b) Que se teña en conta a situación de desprotección e debilidade en que se atopan os nenos e nenas galegofalantes, aínda en contextos de uso habitual do galego, pois a presión social do castelán é cada vez maior. Solicitamos, por tanto, medidas concretas para a súa protección.

Como responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística está na súa man demostrar que esta institución traballa para os fins para os que foi creada e que a Consellería da que forma parte realmente busca a igualdade das dúas linguas existentes na nosa comunidade, feito que pasa –e vostede ben o sabe– por axudar á minorizada.

26 de xuño de 2010

Lois Pereiro, a encarnación dunha xeración

Recollido de Galiciaé:

'Contra a morte' rematou de gravarse hai unhas semanas. Trátase dun documental que, a través de testimonios, recolle a traxectoria vital dunha das figuras máis tráxicas da literatura galega: o poeta de orixe monfotina Lois Pereiro. Dous mozos, Iago Martínez e Álex Cancelo, colleron a iniciativa e comezaron a recoller imaxes dos escenarios da dura vida do poeta para recuperar a memoria dun dos grandes esquecidos da literatura galega.

A figura de Lois Pereiro é en parte unha encarnación da xeración na que lle tocou vivir: desde Monforte transládase a estudar idiomas a Madrid, onde no 81 é vítima da colza. Volta a Galicia xa co corpo enxoito e cunha enfermidade que había de acompañalo o resto da súa existencia.

''Entre o lado do libro e o lado da vida, el estaba do lado da vida'', afirma Iago Martínez. Nunha entrevista no número 11 de Galicia Internacional, o propio Lois Pereiro afirmaba que ''todo forma parte dun ciclo: vivir-falar-falar da propia vida-escribir e calar. Isto último é o máis difícil''. Así é a obra de Lois Pereiro nace dentro del propio, para percorrer as entrañas do ser e amosarnos como é a súa vida e tamén a de toda unha xeración que se desenvolveu nos anos 80.

O compromiso político tamén está presente na obra de Lois. Aínda que el nunca foi un militante nos seus poemarios si que se declara anarquista e tiña unha clara concepción política da vida. O máis interesante dos seus textos neste sentido é o seu visionario ensaio publicado en Luzes de Galiza titulado 'Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia'. Ademais, nos seus poemas aparece a xente de Chiapas, os republicanos...

A colza
No ano 1981 moita da xente que integraba o círculo que editaba 'Loia' xa non estaba en Madrid. Lois ficara vivindo na capital do Estado español para continuar os seus estudios de idiomas. Era unha época moi axitada. ''Unha vez os guerrilleiros de Cristo Rey parárono pola rúa e estiveron a punto de zouparlle'', conta Iago Martínez. E non só axitados a nivel político. Nestes anos aparece tamén a enfermidade da colza. Unha das súas vítimas, Lois Pereiro.

''Daquela o aceite vendíase na porta dos casas, era unha cousa bastante normal, sobre todo en Madrid. A eles venderónllo os butaneiros e comezaron a cociñar con el'', explica Iago. Os integrantes do piso no que vivía foron todos infectados pola colza, pero Lois foi o que en peor estado quedou. ''Perdeu moita masa muscular, non tiña mobilidade nas articulacións'', describe.

''Ó comezo non sabía que era, e recordo a ollada que me botou un médico en Lugo cando lle dixen que os síntomas que tiña eran os daquela enfermidade que había en Madrid'', lembra Xosé Manuel. O asunto da colza continúa rodeado de mestos neboeiros. A desinformación sobre o que estaba a ocorrer e as desafortunadas declaracións dos políticos non axudaban a comprender o que pasaba. O ministro de Sanidade daquela época dicía que a colza ''es un bichito que si se cae de la mesa se mata''. Resulta que non foi tan inofensivo como afirmaban as voces oficiais.

Anos 80 na Coruña
A comezos dos 80 Lois Pereiro anda saltando de Monforte á Coruña, onde vive o seu irmán, pasando por Compostela. Despois instálase na Coruña. A pesar de que a doenza da colza sempre vai facer mella na súa saúde, conseguira recuperar masa corporal e mobilidade. Nesta etapa compartirá diversos proxectos co seu irmán Xosé Manuel, que aquelas alturas era integrante do grupo punk Radio Océano, un dos referentes da 'movida coruñesa' e que puxeron música a algún poema de Lois.

Xosé Manuel di daqueles tempos que a afirmación de que houbese dous focos culturais, o de Vigo e d'A Coruña ''máis ben eran etiquetas. Musicalmente, na Coruña eramos máis duros e máis sinistros. En cuestión de publicacións, La Naval apostaba pola épica irónica e Tintimán, polo glamour. A diferenza fundamental era que en Vigo os poderes locais despepitábanse por apoiar e aproveitar o fenómeno, e na Coruña ignorábano, no mellor dos casos''.

O papel de Lois foi máis de espectador que de dinamizador da 'movida' coruñesa. ''El sempre foi por libre, non era quen de integrarse en grupos que non fosen os de amigos ou os afectivos'', di o seu irmán. Entre os proxectos nos que traballou atópase a revista La Naval, do que formaba parte do consello de redacción.

Tamén estivo activo na organización do Desembarco das Forzas Atroces do Noroeste, unhas xornadas culturais que tiveron lugar en Santander no ano 86, ás que foron convidados músicos e artistas galegos coa finalidade de opoñerse á nova concepción 'mediterránea' que se estaba a impoñer da cultura do Estado español.

Colaborou co grupo poético coruñés 'De amor e desamor' fundado no ano 1984. Este grupo, no que estaban entre outros Manuel Rivas, Lino Braxe ou Fernán-Vello, dedicábase a dinamizar a vida cultural coruñesa e organizaba recitais en diferentes locais. Poemas de Lois apareceron nas dúas antoloxías que existen sobre o grupo. A xente que provén desta xeración tamén impulsará diveersos proxectos culturais como a revista Luzes de Galiza.

A poesía última
Tra-lo seu ingreso no hospital por un grave empeoramento do seu estado de saúde, Lois Pereiro viu a vida dunha forma nova. É consciente de que se lle deu unha segunda oportunidade para continuar con unha vida que, tal como expón en 'Poesía última de amor e enfermidade', non ten tampouco expectativas de prolongarse moito no tempo.

O propio Lois nunha entrevista recoñece que é un libro cronolóxico. Despois da primeira parte do poemario ''hai unha resurrección en min no libro, quen escribe o resto de poemas non é mesma persoa''. Tra-la publicación desta obra conseguiu un efémero recoñecemento, chegando incluso a participar en diversos recitais.

Sen embargo este nova oportunidade que lle brindou a vida contra a morte non durou moitos. No 96 foi xa o tempo de dicir adeus a este mundo. Mais a ironía estivo a tras del toda a vida: marchou o mesmo día que se fixo pública a sentenza sobre o caso da colza

Lois Pereiro protagonizará o Día das Letras Galegas de 2011

O plenario da Real Academia Galega, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou dedicarlle ao poeta Lois Pereiro o Día das Letras Galegas de 2011. En palabras do académico Manuel Rivas, Lois Pereiro "é un mito contemporáneo en potencia". Ademais, o escritor amosouse "emocionado pola decisión valente" da Academia. Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, gabou a importancia de Pereiro e destacou que a decisión se tomou "despois de intercambio de opinións, non de discusións".

Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid onde cursou estudos de Políticas, que logo abandonou polos idiomas e a informática. Na cidade madrileña fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996), libro no que se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”, que fora dado a coñecer ese mesmo ano nas páxinas da revista Luzes de Galiza.

De regreso ao país, onde compaxinou profesionalmente o exercicio da tradución co labor poético, figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións nas que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias, mais que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostemento da revista.

Sempre reticente á difusión individual do seu traballo, foi non obstante colaborador de non poucas empresas de fasquía renovadora, de aí a participación en consellos de redacción e mailos artigos, poemas e relatos espallados por La Naval, Trilateral, Das Capital ou Luzes de Galiza, onde viron a luz –amais do ensaio xa citado- os oitos primeiros capítulos da súa novela inconclusa Naúfragos do paradiso. Nesta mesma liña actuou como letrista con Radio Océano e redactou guión televisivos.

En vida, Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (Santiago de Compostela, Positivas, 1992), na que segundo consta na contracapa se recollen “tódolos poemas que escribiu ó longo da súa vida como poeta”; e Poesía última de amor e enfermidade (Santiago de Compostela, Positivas, 1995), duros e espidos poemarios nos que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura.

Lois Pereiro demorado e morno na publicación dos seus artigos cultivou desde os inicios unha imaxe e unha estética que logo fixeron del un autor de culto. Cartografou coma mingúen o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo. A súa proposta callou na sensibilidade emerxente, mergullada no posmodernismo, e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo, acuciante e non retardario.

Vítima da colza desde o ano 1981, a enfermidade acompañouno o resto dos seus días e converteuno nunha das figuras máis tráxicas da historia da literatura galega. A súa loita contra a morte, marcou unha vida sementada de ironías até o final, pois finou o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que se fixo pública a sentenza sobre o caso da colza.

Máis aquí.


Estou feliz: un poeta que sempre me acompañou!


Noites en branco coma sabas húmidas
nas circunvolucións do meu cerebro
tendidas sempre ó vento do perigo
da erupción e da combustión eterna
doutra pel desexada que ardería
no lume que a súa visión provocara.

En min aniñan sempre ano tras ano
as aves migratorias
que buscan climas cálidos
nun exilio forzado polo inverno
vencidos desarmados e cautivos
os seus feridos corazóns perplexos
que a dor vai tinguindo dun odio frío.

Unha estación no inferno, outra no ceo
temporalmente amable e despexado,
e ó final sempre a triste pulcritude
doutro ensaio xeral do soño eterno.

Linguaxe universal

Porque o riso non precisa de nada máis...




Vía

Rosa Aneiros, finalista do Premio Casino de Santiago

Alédamonos pola amiga Rosa, quen nos visitou no centro este curso, e nos deixou prendados da súa amabilidade e simpatía.

Rosa Aneiros xa gañou o Premio Xerais con ‘Sol de inverno’ FOTO:  AXENCIAS

Unha vez máis os composte­láns formarán parte do xurado que escolla a gañnadora do premio Novela Europea Casino de San­tiago, cuxas finalistas se presentaron onte no Ca­sino da capital galega.

A muller do mediodía, da alemá Julia Franck; A porta dos infernos, do francés Laurent Gaudé; A estraña desaparición de Esme Lennox, da esco­cesa Maggie O"Farrell; Outras islas, de Manuel Lope; e Sol de Inverno, a novela coa que Rosa Anaeiros gañou a edición pasada do Premio Xerais de novela, foron as obras elixidas para participar neste concurso, que pretende promover a lectura e o espírito euro­peísta.

O premio conta co patrocinio do Centro Comercial Compos­tela. Á presentación das novelas finalistas asis­tiron Ubaldo Rueda, di­rector do Casino de Santiago; Carmen Ríos, ca­tedrática de Lingua e Lite­ratura Galega; Margarita Pardo Fernández, catedrá­tica de Lingua e Literatura Española; e Pati Blanco, xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés Galicia.

O xurado estará formado por tres grupos. A sección A integradas polos com­posteláns que queiran despositar os seus votos no Casino ou no Centro Comerical Compostela, que terá un peso do 30%; a B, formada polos socios do Casino (20%); e a C for­mada por dez represen­tantes de institucións de Santiago (50%). Autores como Ian Mc Ewan ou Ana Gavalda gañaron este premio.

"O BNG vive de costas"

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, negou onte no Parlamento que a consulta aos pais sobre a lingua materna dos seus fillos en Educación Infantil non é "unha votación" senón unha "pregunta" que ademais, replicoulle ao BNG, non ten "ningún custo adicional", dado que xa se facían durante a etapa de Goberno do bipartito dende a entrada en vigor do decreto 124/2007.

"Os pais ou titores só teñen que responder á pregunta de cal é a lingua materna do seu fillo, non se lles pide a súa opinión sobre cal debe ser a lingua predominante na aula nin que se pronuncien sobre o idioma que ten que falar o profesor", indicou Lorenzo na comisión parlamentaria para responder á deputada do BNG Carme Adán. O cuestionario, reiteroulle, está encamiñado unicamente a "saber a lingua materna de cada neno".

Tras esta explicación, e ante as críticas da nacionalista a unha "consulta torticera e confusa" que "non achega rigor", o subdirector xeral atribuíu estas afirmacións a que ao BNG "non lle gusta escoitar" e "vive de costas á sociedade". "Non é unha consulta, senón unha pregunta", insistiu.

A maiores, despois de que a parlamentaria do Bloque denunciase que do novo decreto do galego no ensino non universitario abre a posibilidade de que os alumnos de Educación Infantil non teñan "contacto" coa lingua galega neste período polas "ansias plurilingüistas" da actual Xunta, Lorenzo sostivo que "garante a adquisición dunha competencia" en igualdade nas dúas linguas oficiais" ao tempo que "aposta polo coñecemento efectivo dunha lingua estranxeira".

"O modelo lingüístico continúa sendo o mesmo que se desenvolve en Galicia dende o inicio da autonomía", destacou, e explicou que o seu obxectivo é que "todo o alumnado teña un coñecemento axeitado" do galego e do castelán nun "modelo lingüístico educativo dirixido ao mantemento da lingua galega".

No caso concreto de Educación Infantil, segundo o secretario xeral, as previsións regulamentarias permanecen "igual" ca en 1995, baseándose nun modelo que recolla a lingua materna predominante tendo en conta a lingua do ámbito circundante.

"Isto garda evidentes similitudes co disposto no decreto 124/2007", evidenciou, aludindo así ao decreto aprobado polo bipartito.

A maiores, Lorenzo rexeitou as críticas ao novo texto que regula a presenza do galego nas aulas e subliñou que "garante o coñecemento das dúas linguas" e "respecta a legalidade".

24 de xuño de 2010

Os montes a monte

Luis Davila coma sempre acertadísimo:

DesconxeLe

Os nosos compañeiros de Trafegando Ronseis xa publicaron esta entrada o día 6 de maio, e a nós pasóusenos publicala aquí tamén. Algo que agora solucionamos. Recollemos integramente:

Reverso Comunicación Cultura e Lingua desenvolve con 2.0 Editora esta campaña, proxecto de fomento do hábito lector dirixido a mediadores de lectura no Mes das Letras. Un proxecto 100% capital privado co que pretenden implicarnos no fomento dos hábitos lectores en galego.

Lede este magnífico artigo de Mónica Pazos en Terra e Tempo:

Celebremos o Día das Letras Galegas mergullados/as nun libro galego e continuemos esa experiencia todos os días. Lermos en galego é un acto subversivo pois é unha maneira de rebelión. Tamén é un acto revelador porque imos descubrir unha riqueza que nos emocionará, sorprenderá e impresionará. Nós, os lectores e as lectoras, tamén necesitamos os escritores e escritoras pois conforman a nosa identidade cultural. Fan que as nosas referencias literarias sexan propias e orixinais.

En maio, e todo o ano, debemos defender a nosa lingua e tamén a nosa literatura. A mellor maneira é séndomos militantes da cultura galega. O noso orgullo de sermos galegos e galegas debe manifestarse nos nosos actos cotiáns. A lectura de libros galegos é un acto que nos identifica. A cultura non debe ser só palabras senón tamén feitos. Feitos como mercar libros galegos, música galega, arte galega, porque iso tamén forma parte do noso compromiso e da nosa vida.

Para moitas persoas a literatura galega aínda é un descubrimento por facer. Axudemos a estender a nosa literatura agasallando libros galegos ás persoas que queremos. É unha forma de demostrar o noso cariño cara a eles/as e tamén cara a nós mesmos/as pois a literatura é parte da identidade cultural do noso pobo. Fagamos de activistas literarios/as nas nosas relacións sociais e persoais. Sexamos embaixadores/as da nosa literatura.

Lermos a nosa literatura actual asegura a existencia da literatura nacional. De que serve a lingua se non hai falantes? De que serve a literatura se non hai lectores e lectoras? A lingua e a literatura van da man como expresou no discurso de ingreso na RAG Manuel Rivas. Usemos o galego, existamos en galego e gocemos co galego das obras dos nosos escritores e escritoras.

O domingo foi o día dos maios, festa tradicional na que se lle dá a benvida á primavera. O maio máis coñecido é o de Manuel Curros Enríquez:

Eu sonvos o probe
do pobo galego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno! ...

Esta denuncia da realidade debe servirnos para cambiarmos a sociedade. A literatura fai que deixemos de ser pobres de espírito e así puider afirmar algún día que nas letras galegas sempre é maio e que non hai inverno.


Unha gran pira no Obradoiro

Xosé Mª Lema no Xornal:

No goberno de Núñez Feijoo día a día a realidade supera a ficción; no que toca á tarefa da liquidación da lingua galega, claro. Unha brigada de demolición de todo o que cheire a galego. En Xornal de Galicia publicaba eu o 18 de novembro de 2009 un artigo titulado Entre os dous Cirilos, escolleron o malo, que se pode ler no libro de recente publicación Feijóo, o galego e nós (Laiovento). Aínda fresca a estrea do filme Ágora de Amenábar, comparaba a bárbara destrución da famosa Biblioteca de Alexandría por fanáticos cristiáns inducidos polo seu intolerante bispo Cirilo, co labor aniquilador sistemático da lingua e cultura galegas iniciado polo “noso” presidente. Eis algúns parágrafos do artigo: “Cada papiro polo aire eran os folios dos nosos Cancioneiros medievais ciscados por unha ventá á ventoeira. Cada pergamiño rachado eran as páxinas arrincadas das Cantigas de Santa María. Cada cacharela no patio eran as obras de Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Cunqueiro, Ferrín ou Rivas reducidas a borralla. (…) Deste noso goberno só coñecemos amputacións no corpus da nosa lingua. (…) En fin, agora estamos na tensa espera da pira (¿funeraria?) final: o anunciado novo decreto relegador do galego no ensino e a derrogación da Lei de Normalización Lingüística. ¿Atreverase a facer o sumo sacerdote un acto “depurador” solemne na praza do Obradoiro ó estilo dos antigos autos de fe de Filipe II? A Santa Faes reloucaría contemplando as labaradas…”

Pois ben: nin que o “noso” Goberno tomase a deprimente escena do filme como exemplo a seguir, pois todo isto foise cumprindo paso a paso. Ítem máis: el mesmo procurou rapidamente esa materia combustible para esa pira no Obradoiro cos milleiros de libros escolares de matemáticas, física, química e tecnoloxía publicados en galego; un dispendio de 3,8 millóns de euros que o “noso” Goberno vai tirar ó lixo sen o máis mínimo remorso de conciencia (a crise para “joder el gallego” non conta). Como o “noso” Goberno xa decidiu a extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral compostelá o maior número de libros escolares de materias científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de Rosalía e Castelao. Coas cámaras da TVG presentes –of course– convidemos logo ó señor presidente da Xunta a que exerza de sumo sacerdote e teña a honra de prenderlle lume á pira coa solemnidade áulica dos sacrificios da Antigüidade ou dos autos da Inquisición do século XVI. Os fachucos incendiarios xa hai tempo que llos teñen acesos o conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística. Que o noso haraquiri cultural sexa completo, dirixido polo noso máximo mandatario, que xa terá un lugar na Historia deste país por tal acto. A ver se con este acto purificador a insaciable Santa Faes se dá por satisfeita e nos deixa en paz. ¿Ou teremos que inmolarnos tamén na pira os galegofalantes?

De verdade

Antonio García Teixeiro en A Nosa Terra:


De que a LIX é unha literatura invisible non existen dúbidas. Un bo número de amantes da palabra escrita levamos anos e anos predicando (como din os meus queridos Xabier, Paco ou David) para que a lectura sexa considerada como algo esencial na formación dos cativos. Bibliotecas, Casas de Cultura, colexios públicos e privados saben desas palabras sementadas con ilusión. Os medios de comunicación acostuman a dar as costas á literatura para os pequechos. Non a valoran. E velaquí que, hai uns meses, El País dedica ¡dúas páxinas! a falar de libros para nenos.¿A razón? Que dous escritores de verdade escribiron senllos contos para rapaces.¡Aleluia! E na conversa entre os dous autores atopamos opinións coma estas: “Existe un tipo de literatura infantil que fala aos nenos coma se fosen torpes ou parvos. E os nenos teñen unha lucidez e unha lóxica que xa quixésemos os maiores”. Ou “o importante é que a LIX axude a salvar a lectura para que non desapareza. Esa é unha posibilidade que non hai que descartar. Hai unha literatura utilitaria, para formarse, que non vai desaparecer, pero á literatura podería pasarlle”. E falan e falan. Vanme permitir que dubide de que a eles lles importe moito a LIX. Véñenme á cabeza, en Galicia, moitos profesionais do ensino,das librarías e das bibliotecas, anónimos pero implicados, especialistas e escritores que levan anos dicindo estas cousas –e máis– tan evidentes en circunstancias difíciles sen atoparen o eco preciso nos medios. Persoas que traballan acotío cos pequechos porque cren niso. Non se chaman, dende logo, Mario nin Arturo, pero apostan de verdade pola dignidade dunha literatura absolutamente imprescindible.

22 de xuño de 2010

Prexuízos lingüisticos

Presentación para combater os prexuízos lingüísticos realizada por tres alumnas de 3º ESO do CPI Don Aurelio de Cuntis. Este traballo foi un dos gañadores do concurso que sobre esta temática levou a cabo a Coordinadora ENDL de Terras do Umia. Parabéns!


A soidade tráxica do freaky galegofalante

Silvana Castro García en Terra e Tempo:


Non estou a descubrir nada novo se digo que o futuro da lingua está na mocidade, realidade de hoxe e alicerce dos falantes de mañá.

Neles (mais non só) deben recaer especialmente as medidas de fomento e dinamización da lingua galega porque as crianzas non nacen con prexuízos, senón que os adquiren a partir do contacto co mundo que os rodea e das fobias que lles transmite a sociedade.

Porén, moita mocidade galega ve coutada a súa liberdade para se comunicar con normalidade e dignidade na lingua de noso en todos os ámbitos da sociedade por medo. Medo a ser o diferente, o bicho raro, o freak. Prodúcese entón o que os expertos en Sociolingüística chaman a latencia ou ocultación da lingua B, da lingua marxinada, da lingua freak.

Hai pouco máis dun ano, cando eu estaba a impartir aulas no CPI de Zas, onde o 99% do alumnado é galegofalante e ademais fai un uso máis ou menos normalizado da lingua galega (na medida en que a sociedade e as leis que a rexen llo permiten) a rapazada de 3º da ESO contoume a súa experiencia nunhas xornadas de convivencia das que acababa de chegar.

Xunto a este alumnado acudían ás xornadas outros mozos e mozas do mesmo curso escolar de Ferrol e mais dun instituto convidado de Cataluña. O asunto foi que cando o alumnado ferrolán viu con abraio que os de Zas empregaban o noso idioma sen vergoña, isto é, sen ocultala, preguntáronlle con estupefacción se falaban galego sempre, ao que os e as zasenses responderon afirmativamente. A resposta dunhas alumnas ferrolás foi absolutamente esclarecedora dos prexuízos aos que a nosa mocidade está sometida: "Que freakies soys!!".

A rapazada catalá non acreditaba no que oía, estrañáballe que a mocidade galega non empregase a nosa lingua propia sendo de aquí e moito menos que se mofasen dela. Os de Zas explicáronlle en castelán que aquí era "o máis normal nas cidades", mais que eles sempre falaban en galego, a pesar de dominar perfectamente a outra lingua e incluso algunha máis, e non con pouca destreza (todos eles participaran en intercambios con alumnado francés e algúns mesmo tamén con alumnado inglés a través de programas subvencionados pola Xunta de Galiza).

O alumnado de Zas comunicábase perfectamente en dous idiomas mentres durou a convivencia: en castelán cos cataláns e en galego entre eles e cos ferroláns. O alumnado ferrolán só empregaba unha, o castelán, para todos os contextos. No primeiro caso, o emprego do castelán foi un vehículo de comunicación, algo carente de prexuízos e connotacións. O emprego do castelán no segundo caso foi a única opción que lle queda a unha mocidade á que non se lle deu o dereito de escoller. Velaí a "imposición" do galego na Galiza.

Mais isto foi hai pouco máis dun ano. Un ano no que desgraciadamente, a mocidade galega foi coartada un pouco máis, vía decretazo, da súa liberdade de escolla.

Pode a escola ser empregada para facernos sentir desposuídos de algo tan intrínseco ao propio ser (individual ou colectivo) como é a escolla da lingua de cada un, a lingua propia, con todo o que ten de significativo?

A resposta, a día de hoxe é ben simple: pode. Outra cousa é que o consiga. E aí é onde xoga o papel máis importante a sociedade na que a mocidade medra. Porque só se lle proporcionamos información serán libres e só sendo libres poderán apreciar, no sentido máis etimolóxico do termo, ao diferente. Só recibindo unha educación e un ensino onde se respecten as liberdades individuais e sociais, a historia común e os símbolos que nos fan sermos unha comunidade diferenciada poderemos formar individuos libres de prexuízos que respecten ao outro e que poidan expresarse tal e como queren ser, sen ataduras. Pero para isto fan falta dúas cousas: información e acción.

A información é algo que debe partir de todos os axentes implicados no proceso normalizador, é dicir: da sociedade. A acción é algo ao que nos temos que atrever todos e todas, e ao que a mocidade se debe enfrontar, mesmo en soidade (caso das cidades e grandes vilas de Galiza), soportando situacións de marxinación física e moral, correndo o risco de ser o freaky da clase, do instituto ou da facultade.

E que fai o Goberno galego do Partido Popular para mellorar estas situacións de acoso escolar? Pois elaborar un Decreto no que, entre outras cousas, deixa caer o seguinte con respecto á Educación Secundaria:

"En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior [as de lingua e literatura galega e castelá] e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo".

É dicir, que isto abre a porta para que nas materias de ámbito científico, o alumnado sexa obrigado, non só pola situación de presión social ou polo condicionamento de ter diante a quen o vai avaliar, senón por imperativo legal (véxase a dupla visión que pode ter o verbo "procurarase"), a usar a lingua A, a dos vencedores, a dos "normais", afundindo nunha soidade tráxica ao alumno ou alumna da última fila, ao freaky que fala galego. Si: ese que se senta só e que disque veu da aldea...

Lingua

Xosé Manuel Sarille en A Nosa Terra:

Este curso comecei a impartirlles Economía en 1º de Bacharelato a oito alumnos. Dous falan sempre en castelán, un porque está instalado nel e o outro porque apenas é capaz de expresarse en galego, debido a que nunca o usa. Os demais empregan sempre o galego, o idioma deles, pero con moi mala calidade, o puente, o ajercicio e así, que lles corrixo sen desalento e poucos froitos. Como o decreto 79/2010 impide obrigarlles a usar o galego, advertín que podía rebaixar puntos polas incorreccións, nas dúas linguas, oralmente e nos escritos. É algo razoábel porque o instrumento de comunicación ten importancia, para alén de conflitos sociais de lingua. O Opus Dei facía iso no Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago, con bos resultados. Entón dixéronme que cambiaban de idioma, porque en castelán non tiñan ese problema. Efectivamente, dominan máis ou menos o seu estándar, mentres que o do galego non.

Que máis din as normas? O artigo 4 do novo decreto enumera principios. Un é a “Garantía da adquisición dunha competencia en igualdade nas dúas linguas oficiais de Galicia”. É un sofisma. Absurdo, paranoico e discriminatorio para o galego, porque a competencia nunha lingua non se logra en igualdade con nada, senón co esforzo, o tempo e as medidas necesarias para acadar esa competencia. Neste caso a suposta liberdade de uso e igualdade de linguas nas aulas garante o fracaso absoluto de todos eles no dominio do galego ao remate dos ciclos de ensino, que é o que esixe a Lei de Normalización Lingüística no seu artigo 14.

Capital (literario) no lixo

Marcelino Fernández Mallo en Vieiros:

Podería apostar que tódolos Premios Nobel de Literatura teñen a súa Casa Museo, incluso máis dunha por mor das diversas residencias que foron ocupando ó longo da súa vida. Algunhas cidades montaron auténticos centros de peregrinaxe arredor de escritores, artistas ou científicos que viviron algún tempo na vila. Mentres, en Galicia, sitio distinto, tratamos os legados como se fosen plástico biodegradable.

Na cidade de Bath pasou uns anos difíciles Jane Austen. Varias familias ocupan a casa na que ela residiu. Así pois, o Concello habilitou unha casa semellante na que instalou unha sorte de exposición sobre a vida e obra da escritora romántica inglesa. Visitámola un día calquera de outubro tras aboar a entrada de 12 libras per cápita. Por mor da cantidade de xente que acudira, tivemos dificultades para ler algún dos módulos expositivos. A caixa rexistradora da tenda onde se vendían todo tipo de artigos relacionados coas novelas da Austen botaba fume. Que falar de Stratford-upon-Avon onde supostamente naceu William Shakespeare? Ademais da casa natal, onde se instalou un magnífico circuíto para o visitante, esta vila do condado de Warwickshire ofrece visitas ás casas da nai, da filla e a algunha outra onde disque residiu algún tempo o dramaturgo inglés.

Certo que estamos a falar de lendas da literatura. Non menos certo, Cela é o último Premio Nobel español trala curta cadea que forman os escritores Echegaray, Benavente, Juan Ramón Jiménez e Vicente Aleixandre e os científicos Ramón y Cajal e Severo Ochoa. E igual de veraz resulta que en Padrón residiu e faleceu unha das máis sublimes poetisas do século XIX cuxa obra transcende o capital literario para internarse no da cultura dos pobos e das linguas e na historia dos homes e as mulleres.

Tralo desastre da Fundación Cela, o Concello enteiro manifestouse a xeito “fuenteovejunesco” en contra do posible traslado do legado do Nobel galego. Mais eu pregúntome o que demo fixo tal concello, así como a deputación, e a Xunta, que fixo Galicia en definitiva, para evitar chegar a tan patética situación: NADA, contesto. Pois Padrón ben podería se-la gran cidade literaria do País e destino complementario inevitable para aqueles que visitan Compostela por razóns culturais. Podería igualmente funcionar como centro neurálxico dunha rede que xuntase os museos Valle-Inclán en Vilanova de Arousa e na Pobra, o da Pardo Bazán na Coruña, o de Otero Pedraio en Trasalba, Cabanillas en Cambados, Curros en Celanova, Risco en Allariz e algún outro que estarei esquecendo.

Se ate agora non se fixo nada do estilo, que esperarmos do goberno actual se...

Eliminan o 70% do orzamento para a promoción da lingua galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

Reducen drasticamente as axudas as institucións vinculadas á cultura galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

Rexeitan sumarse ó proxecto de Casa Museo de Manuel María pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

Desaloxan o centro de estudos de música tradicional galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

Retiran calquera apoio para a feira das industrias culturais galegas pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

Manteñen en ruínas a casa natal de Rosalía Castro en Compostela pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

(Os puntos suspensivos van polo gasto salvaxe que segue a engulir a “súa” Cidade da Cultura).

Carta da Coordinadora de Mestres/as de Educación Infantil de Ourense

Estimados/as compañeiros/as:
Ante o inminente último intento, por agora, de retroceso da presenza do galego no ensino facemos a seguinte reflexión:
1º.- Onde van contabilizar os inmigrantes: senegaleses, marroquís, romaneses, portugueses, que deben responder? , descoñece a consellería a sociedade e os colexios galegos?
Sería necesaria a resposta outras ?
2º.- Cal é a lingua materna dun neno ou nena que escoita falar aos seus pais entre eles en galego,
que comparte horas e días cos avós e que ás veces se dirixen a el en castelán?, podemos pensar que
a súa lingua materna é o castelán?
Sería necesaria a resposta as dúas ?
3º.- Por que teima tanto a Consellería en escorar a resposta cara o castelán?
4º.- Teñen dereito os pais, nais e titores a coñecer a realidade das nosas aulas?, saben que se a lingua maioritaria é o castelán non terán ningunha competencia nin oral nin escrita en galego? Saben que se a lingua maioritaria é o galego acadarán competencia en galego e en castelán ? (aínda que superior en castelán)
5º.- Temos e teñen dereito pais e nais a pedir que os seus fillos e fillas sexan ignorantes na lingua propia do país? Teñen dereito a afastar aos seus fillos e fillas dunha lingua moi próxima (o portugués, a lingua dun país emerxente, o Brasil) con 240 millóns de falantes, a que sen apenas esforzo poden aprender? Saben que os emigrantes galegos acceden a postos en empresas por ter coñecemento de portugués, pasando por diante de outros que non o teñan?
6º.- Como se defenderá un neno/a de 6 anos que debe estudar Coñecemento do Medio e Lingua en
galego, se non tivo antes clases no noso idioma? Ou do que se trata é que se aborreza o galego
desde os primeiros cursos de primaria?
Por todo iso pensamos que non podemos quedarnos de brazos cruzados vendo como se trata de
quitarlle a unha xeración o dereito a coñecer unha parte fundamental de nós mesmos como é a
lingua.
En definitiva, podemos e debemos convocar os pais a unha reunión informativa , a que soemos
facer ou en xuño ou en setembro, pero que é máis efectiva en xuño, (pois hai aspectos como o da
roupa, zapatos, hábitos que non deberían esperar a uns poucos días de empezar o curso, senón que é
mellor conciencialos agora); e entón explicarlles as vantaxes do bilingüismo; bilingüismo é o máis
parecido a clases en galego, e clases en castelán supón saber só castelán. Témolo ben comprobado
nos colexios onde tivemos a oportunidade de dar as clases en galego, aínda que só fose durante tres
ou catro anos. Ter competencia nas dúas linguas só é posible se escollen o galego como “lingua
materna”.
Animámosvos a todos/as a que faledes cos pais e lle expliquedes as nosas experiencias, e os
motivedes de forma positiva a que pidan as clases en galego, e principalmente os que xa as tiñamos;
nós somos os que mellor sabemos que os nenos non perden ningunha competencia en castelán.
CMEI - MEDRAR EN GALEGO
Coordinadora provincial de mestres de Educación Infantil da provincia de Ourense

As primeiras letras

Carlos Callón en Galicia Hoxe:

 FOTO: Estévez
FOTO: Estévez

"Temen que a nuestros propios hijos les enseñemos a volar", canta Silvio Rodríguez na canción "Expedición", dentro do seu disco do mesmo nome. Se quixésemos adaptar este verso aos tempos que nos toca vivir en Galiza, non abondaría con traducilo á nosa lingua. Teriamos que mudar a última palabra por outra moito menos metafórica, porén máis fundamental: "Temen que aos nosos propios fillos lles aprendamos a falar".

Non me refiro, claro, só ao ámbito educativo, onde Alberto Núñez Feijóo está especialmente empecinado en reducir á mínima expresión a presenza do galego. No entanto, como demostran diferentes casos ao longo e largo do planeta, o ensino é unha condición necesaria mais non suficiente para o proceso de normalización dun idioma.

Para alén da escola, en todo o resto dos ámbitos da vida social dos nosos pequechos e das nosas pequechas, este goberno da Xunta actúa contra a nosa lingua, for por acción (p. ex., o caso dos Teletubbies) ou por omisión (ningunha medida na defensa do idioma galego desde marzo de 2009...). En pleno século XXI e despois de tres décadas de autonomía, unha crianza que ten como lingua familiar a propia de Galiza ten serias dificultades para acceder a xogos, filmes, cancións etc neste idioma, dependendo dun tremendo esforzo voluntarista dos pais que se poida corrixir parcialmente (e nada máis que parcialmente) esta situación.

Se Alberto Núñez Feijóo quixese ver con honestidade algún lugar onde haxa carencias de "liberdade lingüística" e onde debería tomar medidas compensatorias, debería comezar mirando para aquí. Mais, como calquera persoa que teña ollos na cara pode saber, a "liberdade lingüística" non é nada máis que un lema propagandístico cheo de hipocrisía para defender unha ofensiva política para a proscrición do galego. Unha ofensiva meditada, máis estratéxica que táctica, coa que perseguen a desaparición de Galiza como tal sociedade diferente, con cultura e historia de seu.

Sinalaba antes a escola como unha condición necesaria mais non suficiente para a revitalización dun idioma. En Galiza, a tal condición necesaria non era realidade xa antes do decretazo 79/2010, de forma máis grave e especial na etapa da educación infantil. É incríbel a capacidade que determinados medios de comunicación e poderes económicos teñen para facer ver o mundo ao revés e que haxa xente que continúe a falar da "imposición del gallego en la enseñanza", cando a realidade dos centros é totalmente diferente.

Podería citar aquí datos extraídos de estudos elaborados pola Mesa pola Normalización Lingüística, mais é que xa o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o propio Parlamento galego (por unanimidade, hai que subliñalo) elaboraron e aprobaron informes nos que sinalaban a mesma conclusión: nas etapas máis temperás da escolarización é onde menos presenza ten a nosa lingua. Contribúese así á castelanización dos falantes de galego e a que os nenos que chegan tendo como idioma inicial o castelán vexan o idioma de Galiza como algo foráneo e alleo. Seguro que moitas das persoas que ledes estas liñas podedes contar historias de nenas e nenos das cidades, ou mesmo dalgunhas vilas, que ao veren alguén falar a nosa lingua exclaman: "¡Mira, mamá, un gallego!" Estranxeiros na propia patria, como na denuncia rosaliana.

Co decretazo contra o galego, a situación empeora cualitativa e cuantitativamente, non só polas regresivas medidas que estipula (contra todo criterio pedagóxico ou construtivo), senón tamén pola negativa mensaxe gobernamental de que o idioma de Galiza non ten futuro.

Ante isto, cómpre que as nais e os pais ergan a súa voz na defensa de que os seus fillos e as súas fillas poidan ter unha educación en galego. Por iso, non podo deixar de aproveitar este espazo para difundir unha proposta de texto elaborado por Queremos Galego, que se pode descargar desde o web desta plataforma cidadá. Esta campaña ten importantes dificultades de intendencia debido ao momento do curso no que estamos e ás carencias humanas e económicas de Queremos Galego, polo que é básico que nos impliquemos a nivel individual na súa divulgación. Xa que estas agresións colocan a nosa lingua nunha posición moi delicada de cara ao futuro, temos que estar á altura do momento en que nos encontramos.

Velaquí o formulario, dirixido ao conselleiro de Educación:

Comunícolle a miña solicitude para que se me comuniquen as medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen unha atención específica, os nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.

Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto 79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima na lingua propia da nosa sociedade.

A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art. 13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en 2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8 que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5 que se "procurará" que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais, mais sen determinar como.

Por todo isto, SOLICITO:

1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.

3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo 5.3 do decreto 79/2010 estipula.

Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual..

Convocatoria de manifa en Celanova





A Plataforma en defensa do uso público do mosteiro de Celanova convídate aos actos reivindicativos que se celebrarán o vindeiro sábado 26 na vila de Celanova.
Os actos desenvolveranse ao longo da tarde, de acordo co seguinte horario:
17:30 Presentación do libro “En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro”.

18:30 Presentación do vídeo promocional do IES de Celanova O IESplicable”, realizado por encargo da Plataforma, e dirixido por Bruno Nieto.

19:00 Manifestación que transcorrerá pola rúas da vila, e lectura dun Manifesto na praza Maior ao remate da mesma.

É preciso que este acto teña éxito, e queremos poder dicirlle ao alcalde de Celanova con voz clara e alta, todos xuntos, que non imos consentir que o Instituto e o Centro de Servizos Sociais sexan desaloxados do Mosteiro; que defenderemos con todas as nosas forzas o uso público do patrimonio, que aproveitará neste caso á formación de calidade dos nenos desta comarca, aos nosos maiores, a tódolos veciños da vila e da comarca, e tamén a todos aqueles que por unha ou outra causa se acerquen a visitalo nalgún momento.

20 de xuño de 2010

Demolición

Como gustamos moito das metáforas, imos aproveitar este vídeo para comparalo co que están facendo coa nosa lingua. Será Anxo Lorenzo a nena que quere derrubar o seu cole e aproveita para destruír a nosa lingua?


“Reafirmámonos na nosa vontade de continuarmos a dar as aulas en galego”

Preto de 250 profesores/as participaron no encontro organizado pola CIG-Ensino e Queremos Galego, no marco do Museo do Pobo Galego, en Compostela, en defensa “de podermos continuar a impartir as aulas de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en galego e para amosar o rexeitamento a este decreto que procura erradicar o galego como lingua de comunicación científica”. Dende a CIG-Ensino, o seu secretario nacional, Anxo Louzao, denunciou que o decreto do plurilingüismo pretende marxinar o noso idioma do sistema educativo, impide a normalización lingüística e imposibilita que o alumnado acade a competencia suficiente para que poida usar o galego con toda a normalidade.

Pola súa banda, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma cidadá Queremos Galego, declarou que a nosa lingua pode e debe ter os mesmos dereitos que calquera lingua do mundo. “É indecente o que pretende facer este goberno, indecente que se pretenda tirar todos eses libros de texto que xa pagáramos entre todas e todos, e que teremos que volver pagar entre todas e todos. Mesmo nas materias que hai que impartir en galego non hai material suficiente”.

No acto interviñeron ademais representantes da AS-PG, de AGAPEMA (Asociación galega de profesores e profesoras de matemáticas), APETEGA (Asociación de profesores e profesoras de tecnoloxía de Galiza) e ENCIGA (Asociación profesores e profesoras de ciencias de Galiza) e entre os asistentes estaban tamén representantes dos Comités e ADEGA, así como os profesores Xosé Masa, Elvira Cienfuegos, Xosé Manuel Penas Patiño e Pepa Baamonde, estes dous últimos expedentados no curso 1980-81 por dar as súas aulas en galego.

Tras das intervencións abríuse unha quenda de intervencións e adoptáronse unha serie de actuacións a levar a cabo durante o videiro curso porque, segundo subliñou Louzao, “xa que non podemos ficar impasíbeis perante o lingüicidio do que nos é propio, reafirmando a firme vontade de ensinar en galego como compromiso e lealdade co idioma. Coa unión e a firmeza de todos nós, faremos posíbel que o noso labor normalizador continúe”.

Acordo

O profesorado de matemáticas, física e química e tecnoloxía:

· Reafimámonos na nosa vontade de continuarmos a dar aulas en galego

· Manifestamos a idoneidade do emprego do galego para a aprendizaxe das ciencias

· Entendemos que é absolutamente necesario continuar a impartir as nosas aulas en galego para que a nosa lingua non retroceda na súa presenza nos centros e como medida normalizadora para ampliar o seu uso

· Non estableceremos libros de texto en español polo noso desacordo co Decreto 79 e para non contribuír ao malgasto previsto pola Consellaría botando ao lixo os libros aínda vixentes

· Non fixaremos os libros até setembro, pois até setembro non haberá Proxecto lingüístico de centro, documento que é o que ten que recoller que materias se impartirán en galego

· Faremos explícito centro a centro o apoio ao profesorado que siga impartindo as súas aulas en galego

· Promoveremos unha Semana da ciencia galega e un día da ciencia galega

Alén diso, concluíuse que o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza supón un retroceso sen precedentes e un atentado ignominioso para a nosa lingua. Trátase dun decreto que pretende marxinar o noso idioma do sistema educativo, impide a normalización lingüística e imposibilita que o alumnado acade a competencia suficiente para que poida usar o galego con toda a normalidade.

Lembrouse que, por primeira vez, se pretende prohibir ao profesorado de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química impartir as aulas no noso idioma coa intención de continuar desprestixiando a nosa lingua, evidenciando, tamén, o desprezo polo traballo, esforzo e compromiso do profesorado que ensina en galego.

Abondando nos contidos do decreto, Anxo Louzao declarou que pretende botar por terra o esforzo do profesorado enviando á sociedade unha mensaxe de que o galego non é útil para a aprendizaxe das ciencias. Lembrou o labor normalizador realizado polo colectivo Vacaloura que a finais dos setenta publicou o primeiro libro de matemáticas en galego, subliñando que educar é moito máis que transmitir coñecementos. “A educación en Galiza debe estar ao servizo da educación das e dos cidadáns e iso significa tamén aprender o seu idioma propio”.

Manuel Díaz Regueiro, representante de Agapema reiterou que todas as publicacións da asociación son en galego e manifestou que seguirán esa tradición. Díaz Regueiro entende que non está axustado a dereito que o obriguen para sempre a dar as súas aulas en castelán, porque é inconstitucional e salinetou que Agapema entende que a lingua apropiada para dar as aulas en Galiza é o galego, por moitas razóns, porque hai máis de mil anos que o falamos e porque é pedagóxico dar as clases en galego e non en castelán.

Ao tempo, trasladoulle ao goberno que se queren experimentar coa impartición das aulas en inglés que primeiro o fagan en Madrid e comproben alí que resultdados dá esa política e afirmou que o profesorado de matemáticas está plenamente capacitado para dar as súas aulas en calquera lingua, mesmo moi capacitado, mais a súa vontade é dar as aulas en galego.

Pola súa banda, Pedro Gerpe de Apetega deu lectura ao manifesto aprobado por unanimidade polo profesorado de APETEGA, quen, malia a grande variedade de sensibilidades dos integrantes da asociación, estivo plenamente de acordo na súa redacción e aprobouno por unanimidade. Un manifesto no que se declara a preocupación pola derrogación do Decreto 124 e pola situación desfavorecida do noso idioma e que conclúe reclamando o dereito do profesorado de dar as súas aulas en galego.

Consuelo Campos, profesora de FeQ que non é galega mais que sempre deu as súas aulas en galego, xa desde o 79 sinalou que “naquel ano había unha lexislación que deu lugar a expedentes por dar aulas en galego, e houbo grandes mobilizacións por casos como o de Pepa Baamonde que impediron a execución dos expedentes e tamén provocaron cambios na lexislación do noso idioma posteriormente. “Entón non había materiais en galego e tiven que elaboralos, din clase en todos os niveis educativos en galego, e nunca ningún alumno tivo ningún problema para aprender e aprobar a Física e Química” afirmou, engadindo que “se os que sempre demos as nosas aulas en galego nos autocensuramos e os que non as deron nunca seguen sen dalas, porque todos sabemos que as ordes e os decretos anteriores non se cumprían, imos retroceder, o obxectivo da Consellaría é que nos autocensuremos. Temos que seguir dando as aulas en galego.”

Clara Ogando lembrou que no seu día subscribíuse un manifesto dos licenciados en galego (no primeiro lustro dos 70, probabelmente en 1972) e que desde entón asumiu que debía dar as súas aulas en galego.

Ao igual que Consuelo Campos, asegurou que “nunca tiven problemas co alumnado, porque o conflito xenérase fóra das aulas, non nas aulas e tamén din aulas en diferentes niveis. Non só foi dar as aulas en galego, senón tamén preparar os materiais. E, despois de mási de 35 anos de docencia que non se valore este traballo... Os que falamos galego sabemos outras linguas, mais queremos dar as nosas aulas en galego”.

Química en galego

Lemos no Faro de Vigo que oito alumnos do IES Pedra da Auga de Ponteareas recibiron do presidente Feijoo o segundo premio na Olimpíada galega de Química na modalidade de proxectos: "Contando moléculas de ácido oleico para obter o número de Avogadro".
O curioso é que está en galego. Como fixeron? Se en galego non se pode aprender Química! Cando menos a partir do curso que vén.

A Lei de Normalización do galego, acosada polo PP

Rodri Suárez no Xornal:

A decisión está tomada por moito que razóns tácticas recomenden agochala. O PP ten previsto atacar a Lei de Normalización do galego que aprobou por unanimidade o Parlamento en 1983. Aquela norma, sempre con timidez, foi a guía da política lingüística das institucións galegas ao longo da presente autonomía. Ata hai quince meses, cando o novo PP de Núñez Feijóo gañou as eleccións e retomou o poder na Xunta de Galicia. Dende entón, aquela Lei recoñecida pola propia dereita converteuse para os gobernantes populares nunha sospeitosa, nunha incomodidade e as máis das veces nun vello ornamento doutros tempos que xa non consideran actuais. Agora, este PP prefire apostar pola “liberdade lingüística”, termo cuxa tradución ben podería ser a de deixar morrer o galego por inanición e que se basea en crenzas manipuladas que equivalerían a defender a “liberdade urbanística” malia que poidera levarse por diante a Catedral de Santiago ou a “liberdade de ser ignorante” pola que calquera tería dereito a que na escola non lle aprenderan a contar máis alá do cinco, que é o número que se necesita para poñer a Belén Esteban na televisión, que iso si que é cool para as novas xeracións e non a choromicas de Rosalía.

Vai contra a Lei de Normalización o novo PP. Non o dixo ata o de agora Feijóo, que incluso sostén que o polémico decreto das linguas no ensino, que aprobou entre protestas da oposición, e da comunidade escolar se axusta a ela. Porén, esa afirmación xa foi posta en dúbida polo propio Consello Consultivo e moitos xuristas. A Lei de 1983 indica que a introdución do galego nas aulas ten que ser sempre progresiva de forma favorable para a lingua propia, algo que non ocorre co actual decreto, que abre a porta a reducila ao 33 por cento dende o mínimo do 50 por cento que dictaba a derrogada norma do bipartito, que tamén permitía superar esa porcentaxe de galego, algo que volverá atrás na actualidade xa que o PP non autoriza superar a metade das materias, algo que en número de horas favorece ao castelán. Polo tanto, non é certo que a actual Xunta respecte a Lei de Normalización por moito que o seu hábil discurso publicitario asegure o contrario. Como non será acorde á regra legal que aprobara o Goberno de Albor esa norma que a Xunta sacará da manga para legalizar a elección de lingua polos pais. Din unha cousa, pero fan outra. Soa a aperitivo. Unha vez que a Lei de Normalización xa non valga na práctica será o momento de fulminala da teoría institucional. Primeiro o acoso, logo o derrube.

Os tempos xa están marcados para boa parte da dirección do PPdeG. En vermello aparece a campaña electoral para as municipais, que será longa. Os eixes da promoción popular fixarán a súa mirada nos supostos “despilfarros dos bigobernos” pero outra, especialmente nas grandes cidades, acometerá contra a lingua galega. Candidatos urbanos como Carlos Negreira ou Corina Porro presumen sen reparo do seu achegamento a organizacións como Galicia Bilingüe, contrarias a todo aquilo que teña que ver cunha Lei de Normalización que, nun dos seus puntos, declara que os topónimos oficiais serán sempre na forma galega, o que fai precisa a súa derrogación para que, por exemplo, A Coruña engada o ‘L’ castelán a súa denominación oficial, asunto que será central na campaña herculina do PP, talvez ante o despiste monumental dos socialistas locais, moi amigos de xogar con esa posibilidade en contra da posición do seu partido a nivel galego.

A sentenza que o PP dictou sobre a Lei de Normalización xa ten tamén o seu reflexo no día a día. O decreto do ensino rebautizou os equipos escolares de normalización como equipos de dinamización. Seica non hai nada que normalizar arredor do galego, que como se sabe é o que usa todo o mundo para pedir traballo no centro comercial, dirixirse ao xuíz, o médico e o policía, ademais de utilizarse amplamente nos medios de comunicación. Ante tamaño panorama, os coordinadores provinciais deses equipos decidiron dimitir. Queda claro que traballar pola lingua con esta Xunta é complicado. Porque semella que máis que unha secretaría xeral de Política Lingüística o que hai é unha secretaría xeral de contención do galego. E o que virá.