29 de maio de 2010

Suso de Toro, Manuel Forcadela e Miguel Barros levan os Premios da Crítica

Tamén recoñecen como Galego Egrexio ao maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, pola súa defensa do galego na Xustiza.


Suso de Toro, polo seu libro Sete Palabras obtivo este sábado o recoñecemento dos Premios da Crítica de Galiza, na súa trixésimo terceira edición, na modalidade de Creación Literaria. O xurado valorou que “é unha obra na que se recolle a súa evolución como escritor, respondendo ás esencias galegas sen renunciar á universalidade”. Tamén o “tratamento de temas fundamentais, como a memoria, o auto-coñecemento e a referencia ao pasado como fórmula para entender o presente e proxectar o futuro”.

Na modalidade de Ensaio e Pensamento, o gañador desta edición foi Manuel Forcadela, polo libro A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro. Nesta mesma categoría, quedou como finalista o libro de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Calidade de lingua e planificación.

Miguel Barros, polo libro Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo conseguiu o premio na modalidade de Investigación. O xurado valorou o “traballo de investigación completo, que se fundamenta nunha achega documental notábel, que arrisca unha interpretación e unha lectura global ao tempo que ofrece unha construción historiográfica coidadosa da traxectoria intelectual e política dunha figura marcante do pensamento e da historia de Galiza na segunda metade do século XX”.

Xa na categoría de Música, o premio foi outorgado á colección Ars Gallaeciae Musicae, fundada e dirixida dende 1992 por Joam Trilho. Na modalidade de Ciencias e Artes da representación, o premio foi parar a Enrique Acuña, fotógrafo, documentalista e asesor literario, pola súa dilatada traxectoria a prol do activismo cultural en numerosas fontes. E na de Iniciativas Culturais, o premio foi parar á Casa das Ciencias da Coruña, pola longa traxectoria de 25 anos facendo “atractivo, pedagóxico e lúdico o mundo científico para a poboación en xeral”.

Normalización lingüística na Xustiza
Doutra banda, nesta edición foi nomeado Galego Egrexio: Xosé Xoán Barreiro Prado, maxistrado-presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. O xurado valorou a súa actividade normalizadora, que vén realizando dende hai máis de 20 anos, no ámbito da xustiza, coa utilización comprometida da lingua galega en milleiros de sentenzas e actos procesuais. Asemade, valora as súas “achegas no campo da fixación dunha terminoloxía xurídica moderna e galega” e a súa “contribución á creación da Irmandade Xurídica Galega”, unha entidade que fomenta o uso da lingua na Administración de Xustiza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario