Amosando publicacións coa etiqueta Actualidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actualidade. Amosar todas as publicacións

2 de out. de 2024

 LETRAS GALEGAS 2025:

Cancioneiro popular galego. 

Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música. 

https://academia.gal/-/as-cantareiras-e-a-poesia-popular-oral-protagonizaran-o-dia-das-letras-galegas-2025




26 de feb. de 2014

ROSALÍA SEMPRE VIVA

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014 [23/2/2014] Hoxe e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario. Rosalía de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe. Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste. E, ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de carácter burocrático. Moi pola contra: é un documento humano escrito con sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz da poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado. E esa dignidade comeza pola restauración do uso escrito da lingua galega, convertida en símbolo de rebeldía. Desde ese compromiso, padecemos a través dela os dramas dun pobo que sofre, mais que nunca atopou unha pluma que o defendese. E ela, literata consciente, converte a súa obra nunha casa de acollida para todas aquelas mulleres invisibles que padecen maltrato e desprezo; e cede a palabra a todas esas viúvas que tecen soidades, a todas as labregas que loitan e non se renden, ás mozas que aman e ás que odian, ás que van alegres de romaría e ás que collen con rabia a fouciña. Non reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume. E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro. E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras. E por iso, desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano. Querémola pola rúa e nas escolas, nos barrios e nos arrabaldes, nas aldeas e nas prazas, nas fachadas brancas dos edificios. Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza. Para que a súa voz ilumine o noso futuro, alta e clara como murmurio e como alento. Ceiba coma sempre. Nosa e de toda a cidadanía consciente de si mesma. Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2014 Carlos Negro, vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega


Agora cabelos negros,
máis tarde cabelos brancos
agora dentes de prata,
mañán chavellos querbados,
hoxe fazulas de rosas,
mañánde coiro enrugado.
Morte negra, morte negra,
cura de dores e enganos:
Por que non matas as mozas
antes que as maten os anos? 

9 de out. de 2013

Torneiro, primeiro autor en galego en recibir o Premio Nacional de Poesía

Manuel Álvarez Torneiro, nado na Coruña o 7 de xullo de 1932, desenvolveu a súa carreira como xornalista e, aínda que foi un dos fundadores do grupo poético Amanecer nos anos 50 na Coruña, iniciouse tardiamente na publicación de poesía co seu debut en 1982 con 'Memoria dun Silencio'.
Desde entón publicou catorce títulos individuais, entre eles, 'Rigorosamente humano' (1995, Premio Esquío); 'Luz de facer memoria' (1999, Premio González Garcés e Premio da Crítica); 'Campo segado' (2001); 'Epicentro' (2003); 'Setembro Stradivarius' (2004), e 'Parábola do incrédulo' (2006).
A obra galardoada co Premio Nacional de Poesía, 'Os ángulos dá brasa', foi publicada en 2012 na colección Tambo de Factoria K da editorial Kalandraka. Este poemario obtivo tamén o Premio da Crítica de Poesía en lingua galega e o Premio Ánxel Casal.
“Os ángulos da brasa” será un dos libros expostos no stand da editorial pontevedresa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que  comeza mañá. Consta de 67 composicións divididas en tres seccións  -Trama de vida, Terreal e sagrado e Tapiz de cinsa- nas que Manuel  Álvarez Torneiro reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións  íntimas e os pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.
Antes de Álvarez Torneiro, e antes de que se instauraran este galardón, tamén o escritor e poeta Xosé Luis Franco Grande, gañara o Premio Nacional de Literatura "Rosalía de Castro", en 1967, coa súa obra "Entre o si e o non".
En GALICIA CONFIDENCIAL

3 de out. de 2012

Nace a revista educativa "Ollos de aula"

A Coordinadora Galega de ENDL está detrás desta publicación que ten como destinatarias as familias do alumnado non universitario.

 

"Ollos de aula" é unha nova publicación que dará cabida á actualidade educativa e a temas de interese pedagóxico e achegará suxestións para axudar na tarefa educativa ás familias.  
A Coordinadora Galega de ENDL está detrás desta revista para as familias do alumnado non universitario que chegará ás casas a través dos centros educativos e dos Equipos de Normalización Lingüística.
A publicación ten como obxectivos achegarlles ás familias información variada ao redor da educación e convidalas a reflexionar sobre aqueles temas que lles preocupan como 
nais e pais. Ao longo das distintas seccións procurarase darlle resposta ás preguntas que formulen as familias, afondar en temas de actualidade, explicar conceptos propios 
do ensino ou achegar suxestións (lectura, música, viaxes…)  para seren compartidas cosfillos e fillas, sen esquecer, loxicamente, a  actualidade da lingua galega e as reflexións sobre a súa aprendizaxe.
Especialistas no ensino
Os artigos estarán asinados por profesionais do ensino e especialistas na materia que se trate co obxectivo de que a información sexa rigorosa e se axuste o máximo posible 
á realidade que se vive nos centros e nas casas.
"Ollos de aula" ten unha periodicidade mensual, unha extensión de oito páxinas e pode ser personalizada por cada centro ou ENDL para adaptala á súa realidade máis 
próxima. Ten unha versión dixital que pode visionarse na www.coordinadoraendl.org.

EN GALICIA CONFIDENCIAL

27 de feb. de 2012

Toma de posesión de Monteagudo como académico da RAG

“Se o galego é un dereito fundamental en Galicia, carece de sentido falar de imposición do galego no seu territorio" argumentou o lingüista na súa toma de posesión como membro da Real Academia da Lingua.

O profesor Monteagudo foi claro e directo ao referirse á situació actual da lingua galega. “En realidade ocorre é que hai persoas e estamentos sociais que aspiran a vivir e desenvolverse en Galicia ignorando a súa lingua".
Unhas verbas pronunciadas diante do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, e do novo director xeral de Cultura e ex secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o seu substituto, Valentín García, que asistiron este sábado ao seu acto de ingreso como membro numerario da RAG en substitución de Antonio Gil Merino.
“Facer país co idioma”
No seu discurso 'Facer país co idioma. Sentido dá normalización lingüística', Monteagudo cualificou de "falacia" a imposición do galego e a contraposición entre "normalización e liberdade lingüística". "É unha falacia que nace tanto dunha serie de malentendidos da primeira como de lecturas tendenciosas da segunda", sentenciou.
“A liberdade lingüística é unha condición esencial da normalización, do mesmo xeito que a normalización é condición esencial da liberdade lingüística", suliñou ao tempo que destacou que a normalización "ben entendida" ten como obxectivo establecer "as condicións do exercicio da liberdade dos falantes".
O novo académico denunciou a “grave crise” que sofre este idioma. “ É un cataclismo que se inscribe noutro moito máis amplo e que está a dar lugar a un modelo económico, social e cultural que ameaza con engulir as conquistas de traballadores, vincular á escravitude á maioría do xénero e esnaquizar definitivamente o patrimonio cultural do que forma parte inseparable a diversidade lingüística".

 EN GALICIA CONFIDENCIAL

26 de xan. de 2012

Catro novos membros na Academia Galega

O plenario da Academia Galega, celebrado o21 de xaneiro, aprobou o nomeamento de catro novos académicos correspondentes: Ana Isabel Boullón, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e Xosé-Henrique Costas. Xunto a eles foi nomeada académica de honra a profesora italiana Giulia Lanciani, en recoñecemento pola difusión da cultura galega e, en concreto, no que atinxe á lírica medieval.
A proposta dos novos académicos, realizada no mes de setembro do pasado ano, pretende reforzar e desenvolver o traballo de comisións como a de sociolingüística, onomástica ou toponimia.
 Xosé-Henrique Costas, profesor de Filoloxía Galega e actual vicerreitor de extensión universitaria da Universidade de Vigo, é catedrático en historia e dialectoloxía galega. Na súa investigación destacan os estudos das zonas dialectais de Asturias, León, Zamora e o Val do Ellas (Cáceres). Dirixiu o departamento de Filoloxía Galega e Latina (2000-2006) e a Área de Normalización Lingüística da universidade (2006-2010).  Como membro de Prolingua coordinou o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Recentemente publicou na Editorial Galaxia, xunto a Iago Castro, unha edición da poesía completa de Álvaro Cunqueiro tras a guerra.
Ana Isabel Boullón é investigadora no Instituto da Lingua Galega (ILG) e profesora titular na área de Filoloxía Galega na Universidade de Compostela. Doutorouse cunha tese verbo da antroponimia medieval galega e en 2008 coordinou para o Consello da Cultura Galega o libro Na nosa lyngoage galega, que aborda a emerxencia da lingua galega nos textos escritos na Idade Media. Ten unha ampla nómina de estudos arredor da toponimia e da onomástica. Tamén participou na elaboración de dicionarios e é socia fundadora da Asociación Galega de Onomástica.
Da Universidade de Vigo tamén proceden Gonzalo Navaza e Antón Palacio, ambos recoñecidos especialistas en onomástica e toponimia, sendo membros do Consello de Toponimia da Xunta de Galicia. Investigador do ILG, catedrático e profesor de literatura galega, Gonzalo Navaza é autor de numerosos estudos de onomástica e toponimia. Coordinou distintas edicións do dicionario Xerais. Destaca tamén na faceta literaria con obras como Erros e tánatos ou o poemario Fábrica íntima, premio Eusebio Lorenzo Baleirón e da Crítica Española. En 1992 aparece o libro A torre da derrotA, escrito en versos palindrómicos. Foi fundador da Asociación Galega de Onomástica, que preside, e secretario do Centro PEN Club de Galicia.
Ao igual que os dous precedentes, Antón Palacio é un outro socio fundador da Asociación Galega de Onomástica, creada en 1999, e investigador do ILG. Catedrático e profesor titular de Filoloxía Galega, dirixe o Servizo de Publicacións da universidade viguesa. Participou na fundación  da Asociación de Tradutores Galegos, formando parte da súa directiva.

EN GALICIA CONFIDENCIAL

25 de xan. de 2012

Sobre o debate da incineradora do Irixo en Telemiño

O outro día estiven a presenciar o debate en Telemiño acerca da
conveniencia ou non de instalar unha planta incineradora (complexo
mediambiental, segundo a persoa que interviu telefonicamente en nome da
empresa, Estela Eólica) no Concello do Irixo. E gustaríame facer algunha
matizacións e puntualizacións ao que alí se dixo. En primeiro lugar, non
creo que unha linguaxe eufemística (complexo medioambiental por planta de
tratamento de lixo, ou valoración enerxética por incineración) axude a
clarificar de que estamos a falar realmente. Así que sería desexable que
fora abandonada dita linguaxe canto antes polos responsables da empresa e da
administración. Non digamos xa polo señor Penedo, empeñado dende o
principio en soster que a planta só emite vapor de auga, como se dunha pota
de auga  a ferver no lume se tratara. Non sei que información ten, pero a
xulgar polas declaracións que fai semella vivir na máis absoluta ignorancia
sobre este tema. Empeñado tamén en que pasemos os vindeiros anos mirando a
pantalla do ordenador, segue a afirmar que poderemos controlar o nivel de
contaminación cada 3 minutos (primeiro eran cinco), cando todo o mundo
admite xa que, por exemplo as dioxinas, só se miden cada seis meses, xa que
é o que marca a lei.
      Ao fin e ao cabo, o señor Penedo é certo que non ten por que saber
moito sobre incineradoras e métodos de tratar o lixo, xa que simplemente é
o alcalde do concello do Irixo, e se non fora tan “aventureiro” seguiría
tranquilamente a día de hoxe sen ter que saber  noción algunha sobre a  cuestión. E nós, os veciños da comarca, igual. O que xa me preocupa máis
é que os representantes da administración en ese debate estaban nunha
situación moi similar. O primeiro deles, Justo de Benito, director xeral de
Calidade Ambiental, acabou por dicir que el non sabía moito do asunto, que
el non era un técnico, e que había que fiarse dos técnicos. Claro, el é
“director xeral”, de que Consellería é o de menos, fai uns anos
tocoulle de fomento do emprego, agora de calidade ambiental, na próxima xa
veremos. A verdade é que se non es “tecnico” en nada, podes ser director
xeral de calquer cousa. Caso diferente foi o director de Sogama, o señor
Lamas, que se presentou a si mesmo baixo o disfrace de técnico, a xulgar
polos estudos científicos que manexaba, e que segundo el amosan de maneira
clara que este tipo de instalacións son inocuas, grazas a unha teconolxía
cada vez máis perfecta. É máis, permitiuse incluso citar un estudo, feito
en Cataluña, polo centro superior de investigacións científicas, segundo o
cal se concluía, segundo el, que non había ningun risco para a saúde das
persoas que vivían a carón dunha incineradora, nen tampouco para os
cultivos ou o gando da zona. O dicía con tanta seguridade, empregando algún
tecnicismo, corrixindo un erro dun adversario con afán de desacreditalo (era
o único que tiña unha formación en ciencias naturais, e debeu consideralo
“perigoso”),  ilustrounos con moitos datos doutros países, máis
“avanzados” co noso, que incluso poñían as incineradorea como reclamos
turísticos nos centros das cidades, que case me convence. O problema foi que
case, xa que nun despiste ocórreselle dicir que el non vivía da política,
que el estaba alí de paso e que o día de mañá volvería ao seu traballo
de sempre. Como non vivía da política, eu pensei que o nomearían entón
director de Sogama por ser un gran entendido na mateira, con ampla formación
científica sobre os procesos que se levan a cabo nunha planta destas
características, especializado en xestión de residuos, que sei eu. Pero
mira ti por onde que non, cando rematara este periodo en que el “non vivía
da política” pensaba voltar ao seu traballo de ¡avogado!. E digo eu, se  es avogado, que razón se che ocorre a ti para que te nomeen responsable do
tratamento do lixo de toda Galicia?. Dame a min que a única explicación é
política, e ten moito que ver coa situación do anterior persoaxe que
mencionamos, o Director Xeral de Calidade Ambiental. En resumidas contas, que
os dous individuos empezáronseme a parecer moito. E empecei a sacar
conclusións. Os únicos que estaban alí a favor da planta de Incineración
do Irixo eran: 1º) Un “político” que se declara incompetente na
materia, xa que non é técnico; 2º) Un suposto técnico que non é tal, é
avogado, e que vive (moi ben por certo, xa que con ese salario débese vivir
moi ben) de que os mesmos que nos pretenden instalar unha incineradora
“inocua” o nomearon director doutra que fixeron eles mesmos; 3º) O que
faltaba, un responsable da empresa encargada de facer a incineradora inocua,
perdón, complexo medioambiental, ao cal sería unha falta de respecto grave
suporlle algún interese particular no asunto. Polo tanto decidín empezar a
dubidar de que estés tres homes foran unha fonte de información fiable
(como verán, e por respecto ao alcalde do Irixo, o señor Penedo, a el xa
non  o considero nen sequera unha fonte de información, fiable ou non). Así
que de repente recordei por exemplo que o informe do Centro superior do
investigacións científicas non dicía iso exactamente, senón que dicía
que os dez anos de estudo non parecían tempo suficiente para sacar
conclusións epidemiolóxicas, o que nos leva exactamente a concluír o
contrario do que dixo este señor, que é que non sabemos se pode ser
perigoso ou non, moi  diferente a dicir que como de momento non o é non o
vai ser nunca. Tamén recordei que outros estudos publicados, feitos por
persoas aparentemente un pouco máis neutrais neste asunto e que si son
técnicos (un exemplo demoledor é Incineración e saúde pública, colgado a  día de hoxe en ducias de páxinas web) parecen indicar unha clara relación
entre determinadas doenzas, algunhas tan graves que poden ser mortais, e a
presenza de plantas deste tipo na zona. Tamén recordei que en varios deses
países “avanzados” dos que falou se instalan en zonas urbanas (para non
facer que o lixo, que se produce nas cidades sobre todo, ande de turismo
rural) porque as que se instalan en zonas rurais, con agricultura e
gandeiría, afectan ao tecido produtivo desas zonas, que en ocasións ten que
ser eliminado. Tamén recordei que estas plantas non serven para producir
enerxía tal e como empezou dicindo, xa que segundo os propios datos de
Sogama, que este señor parece ignorar a pesar de dirixilo, gastan máis
enerxía da que producen. E que se o negocio é rentable é porque estafa aos
concellos, xa que lles cobra por incinerar cando en realidade enterra no
macrovertedoiro da Areosa. Por certo, Sogama pretendía precisamente acabar
cos vertedoiros en Galicia. Estrana contradicción.  E isto lévame a outra
cuestión. Este señor dixo tamén que esta incineradora era necesaria,  que
o lixo era un gran problema e que había que “resolvelo”, algo no que
tamén coincidía o responsable da empresa, que cando dixo que o peor que lle
pode pasar a un residuo é que o abandonemos enterneceume o corazón.
Parecía estar a falar con tanto cariño dese residuo que era como se lle
fose un familiar cercano.  Empecemos por recordar que fai case vinte anos iso
mesmo se nos dixo para xustificar a construcción de Sogama, e que lonxe de
solucionar o problema parece que o empeorou. É certo que os nosos hábitos
de consumo teñen moito que ver con esta situación, de feito a crise, e a
baixada consecuente do consumo, aliviou un pouco o panorama. Pero sobre todo
ten que ver a nefasta política de xestión de residuos que se leva feito
neste país dende que eu teño memoria (e teño o cabelo escaso e branco, ou
sexa que fáganse unha idea), e que lonxe de apostar pola reducción,
reciclaxe, reutilizacion e compostaxe, como mandan as normativas europeas,
empeñouse na incineración, que é o último que se debe facer segundo as
mesmas normativas. E non olvidemos que o señor Lamas, como director de  Sogama, é un dos responsables directos desta desfeita mediambiental.
Todo isto levoume á seguinte conclusión: a administración non minte en
parte ou conta a verdade a medias aos cidadáns, a administración minte
sempre, polo menos sempre que o necesita. E neste caso o necesita de xeito
imperioso: a ver quen vai querer que ao carón da súa casa instalen unha
planta onde se queima lixo, onde se producen escoiras perigosas e cinzas
aínda moito máis tóxicas, que ten un vertedoiro asociado que pode acabar
sendo grandioso como o da Areosa en Sogama, que xera postos de traballo de
baixa calidade, xa que moitos consisten en tratar directamente co lixo, que
contamina acuíferos polas filtracións, que emite substancias tóxicas pola
súa chiminea, que se espallan nun amplo radio, que ao ser tan grande o
volume de lixo que vai tratar concentra esas emisións nunha zona, etc. Polo
tanto hai que contar outra “realidade”, e incluso invitounos a todos nós
a visitala. Non sei se inclúe un chapuzón no Acuaparc, porque se é así eu
prefiro deixalo para o próximo verán, cando mellore o tempo. Mentras tanto,
a min gustariame invitar a todo o mundo a buscar outras fontes de
información (é evidente que moita xente xa o fixo), a visitar a planta de
tratamento de lixo que se atopa no Barbanza, que incinera pero moito menos, e
recicla e recupera moitos máis, como en eses “países avanzados” dos que
nos falou o señor Lamas e a ver esta semana dous documentais que o Cine Club
Carballiño proxecta na Casa da Cultura ás 20:30 horas: o mércores Comprar
tirar comprar, onde falará tamén unha experta en xestión de residuos para
explicarnos por que xeramos tanto lixo e a insostibilidade desta situación;
o xoves Alternativa Cero, que contará coa presenza do seu director, o
carballiñés Pachi Baranda, e que analiza polo miudo o que pasou fai uns
poucos anos en Carballeda de Avia cun proxecto semellante e cales foron as
reaccións dos veciños e dos políticos. Porque non esquezamos que cando a
administración necesita mentirnos, pouco importa quen estea ao fronte dela.

Ricardo Paz

13 de xan. de 2012

Que pasa no Irixo?

No Irixo pasa que manda máis o alcalde có pobo. Concibe a práctica democrática como unha actividade singular de catro en catro anos. No medio, calados. Xa está el para mandar que para algo delegou a cidadanía o seu poder político. Así conciben a democracia: eu son elixido, eu son quen mando. E punto. Así pensa Manuel Penedo, alcalde do citado concello.

Isto pasa no Irixo e pasa en tantos sitios onde unha decisión de relevancia non é consultada co pobo. Aquí non se trata de facer un referendo por todo o estado. Nin falamos dun concello de quince millóns de habitantes. Bastaba con esculcar a opinión da veciñanza. Porén, ante un estafador deste calado, debe ser o propio pobo quen asuma o control do concello. Xa sucedeu hai anos nos conflitos de Cangas do Morrazo ou de Allariz.
 
Nos municipios pequenos debería resultar máis doado practicar a democracia no cotián. É teima, din, pero que ben se faría de dotar de vida política ás parroquias, con consellos parroquiais ou alcaldes pedáneos. Pero no Irixo hai un alcalde elevado a ditador que semella traerlla ao pairo construír unha incineradora no concello.
 
A proposta ten unha repercusión directa. Pois no canto de atoparmos un alcalde que abra unha rolda de contactos e coñecer as inquedanzas dos colectivos sociais, opta por decretar o que lle pete sen agardar por ninguén. Como se o seu cargo non respondese a unha elección popular, como se estivese alí como o xefe dun chiringuito que tanto lle ten o que diga o persoal.
 
Colectivos veciñais, sociais, políticos, sindicais, ecoloxistas e mesmo relixiosos xa amosaron o rexeitamento á incineradora. Fixeron unha numerosa manifestación estes días que rematou nas portas do concello. Pois nin caso. Todo o contrario. Manuel Penedo, o alcalde, dedicouse a inxuriar nos medios da extrema dereita (concretamente na radio de Jiménez Losantos) a varias das persoas que forman parte desa oposición veciñal, dende o crego até o arquitecto pasando polos intelectuais do municipio. E non tivo pelos na lingua.
 
O que non damos comprendido é que interese ten Manuel Penedo en que se constrúa esa planta no Irixo. Cal é a súa motivación? Algo cheira mal no Irixo denantes de construír a incineradora.
 
EN GALICIA CONFIDENCIAL

“O galego está en serio perigo de extinción”

Francisco López é un dos impulsores de Galiza co Galego, entidade que pretende garantir o dereito a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego. Critica á Xunta por non defender o idioma e pide o compromiso social para espallalo.

Galiza co Galego naceu no ano 2009 como un  movemento popular, resultado do debate social suscitado pola decisión da Xunta de impoñer o decreto do trilingüismo e co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego.
 
Conta coa colaboración de asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.
 
Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro terá lugar a asemblea de ampliación desta asociación.
Galicia Confidencial (GC).- Está Galiza co Galego cumprindo as súas expectativas iniciais?
Francisco López (FL).- Estamos a cumprir co calendario de traballo proposto. En Maio de 2011 superamos os 3000 compromisos e recibimos o mandado de organizar o movemento mediante unha asociación que garanta o dereito á educación en galego da cidadanía. O 28 de xaneiro faremos a asemblea da Asociación Galiza co Galego, na que se incorporarán como socios e socias máis de 3.150 persoas. Organizaremos unha Rede de Escola Populares Infantís e tamén unha Cooperativa de Ensino Popular.
 
Escola “democrática, de calidade e en galego”
 
GC.- Cales son os obxectivos a longo prazo?
FL.- A longo prazo o noso obxectivo é non ter razón de ser. A curto prazo, é o de facer efectivo e garantir o dereito –en especial da infancia- a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego.
 
GC.- E credes que o país ten unha masa crítica para soportalos?
FL.- O País está ateigado de xente boa e xenerosa que, con independencia das súas ideas ou da lingua en que se expresan, desexan que os seu fillos aprendan en galego. Eles saben que é unha riqueza.
 
GC.- Por que credes que desaparecen os medios en galego?
FL.- Seguramente non conveñan a quen está a promover o unionismo español, aniquilador da diversidade, e quizais, dende o punto de vista capitalista, non sexan rendíbeis. Pero a responsabilidade do seu mantemento é da sociedade e de quen está na vangarda da súa dirección.
 
Sen “administración propia”
 
GC.- Xa tedes dito que o papel da Xunta non axuda, que debería facer unha administración polo seu idioma?
FL.- A administración pública debera servir á cidadanía, defender o propio, xerar auto-estima e dar apoio. Mais acontece que Galiza non conta cunha administración propia, así que non hai moito que agardar.
 
GC.- Credes que o galego corre risco de desaparición?
FL.- O galego, de seguir coa presión do unionismo español e o desleixo social, está en serio perigo de extinción. É unha teima de diversos sectores, algúns incluso antagónicos entre si, que o galego pase a ser unha reliquia etnográfica e desapareza como lingua diferenciada e propia de Galiza.
 
GC.- E cal é a solución para evitar males peores?
FL.- O apoio decidido e práctico á educación infantil en galego.
 
O papel dos medios
 
GC.- E o papel dos medios neste conflito, cal debería ser?
FL.- Os medios deberan prestar máis atención ás actuacións daqueles que empregan o galego na súa acción diaria, con independencia dos avales”,“persoeiros” e demais que os acompañen. Non dar bombo ás accións contrarias á lingua, asociacións, etc. que buscan o descrédito da mesma e o enfrontamento entre a cidadanía.
 
GC.- Están os partidos políticos a altura das circunstancias?
FL.- A lingua galega non é unha cuestión de partidos políticos, é unha cuestión dos galegos e das galegas. A lingua galega é unha creación do Pobo da Galiza. A cidadanía dá o seu apoio electoral a partidos políticos que actúan na Galiza, que non son galegos e que xeralmente entenden a lingua propia de Galiza como un atranco. En xeral, os partidos políticos que son galegos defenden e actúan en favor do idioma.
GC.- Un desexo para o futuro....
FL.- Que aprender en galego sexa doado, normal e un dereito pleno.
 
EN GALICIA CONFIDENCIAL

10 de out. de 2011

En galego, agora e sempre

Con este lema a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vén convocando tódolos anos aos concellos galegos para organizar actos nos camposantos coa finalidade de restituír a memoria lingüística dos nosos devanceiros. 

 Por Xosé Glez. | Redondela | 08/10/2011

 Estes espazos, que os antropólogos denominan “parroquia de mortos”, están situados na “parroquia dos vivos”. Tan arraizada está en Galicia a cultura da morte  que os veciños negáronse a trasladar os cemiterios fóra dos núcleos rurais consonte co establecido pola Lei de cemiterios, por razóns de salubridade.
Aínda non hai moito que o alcalde de Lugo anunciaba visitas guiadas ao camposanto municipal. Os panteóns  espertan o interese  e admiración pola ricaz arte das súas construcións. Outros rivalidan pola mesma curiosidade, como son os de Pereiró, en Vigo; San Mauro, en Pontevedra, nos que  arquitectos de prestixio como Gómez Román, Antonio Palacios, etc... ou escultores de renome como Acuña, Asorey, Xoán Piñeiro... deixaron  abondosos exemplos da súa creatividade. Por esta razón, o de San Francisco en Ourense foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural). No resto dos de Galicia  (3792 cemiterios parroquiais) tamén hai arte popular. A eles acuden decote os veciños para coidaren o ornato e limpeza de nichos e sartegos. No noso País a cultura da morte aínda está moi viva.

Porén, o que máis chama a atención dos cemiterios é a imaxe distorsionada  que ofrecen da nosa  identidade. Só unha de cada mil lápidas está escrita en lingua galega. Máis chamativa é a convocatoria  que fan os familiares aos sepelios e funerais mediante esquelas castelán. Isto si que é unha contradición. Só un 2% das necrolóxicas publícanse nos xornais en lingua galega. Unha incoherencia absurda que ten oríxes históricas. Mais, superados os contextos sociopolíticos que deron pé a estes  perversos costumes, hoxe a responsabilidade das familias é decisiva para seren coherentes, respectando a memoria cultural e lingüística dos falecidos.
A proposta que a Asociación de Funcionarios está a enviar aos concellos galegos anda na procura de maior atención nas medidas de fomento da lingua galega no ámbito funerario. O Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística encoméndalles ás Corporacións Locais medidas de fomento da lingua galega en TODOS os  ámbitos da vida social e cultural. As suxestións que se lles fai son de variado alcance:  homenaxe aos falecidos coa colocación dunha placa nas portas dos cemiterios co seguinte texto: “Na memoria de tódolos que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu”; a publicación dun bando chamando ao vecindario para que restitúan a lingua galega nas lápidas, etc...
A este chamamento xa responderon os concellos de A Bola, Cartelle, Calvos de Randín, Cotobade, Cuntis, Chantada, Maceda, Pontevedra, Redondela... e algúns colectivos culturais, como o Centro de cultura popular de Xinzo de Limia.  Na Estrada procederase á substitución das lápidas en castelán por outras en galego dos irmáns Marcial e Avelina Valladares, escritores do Rexurdimento Galego.
O primeiro de novembro  podería converterse nunha gran oportunidade para restituir a memoria lingüística de Galicia.

 

Novo manifesto contra a marxinación do galego nos medios

Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Henrique Harguindey Banet e Francisco Pillado Mayor abandeiran unha nova iniciativa a prol da conservación e a difusión do galego nos medios de comunicación. Un dos seus obxectivos é que xornais, radios e televisións utilicen o galego no 50% dos seus espazos ou programacións.Por Xurxo Salgado | Compostela | 08/10/2011

 

O manifesto, que se dará a coñecer o vindeiro luns nun acto que terá lugar na libraría Couceiro de Compostela, denuncia a marxinación do galego nos medios de comunicación privados de Galicia.

A pesar de que aínda non se presentou oficialmente xa conta co apoio de 400 persoas de variados ámbitos, profesións e opcións ideolóxicas que tentan, segundo os seus impulsores, representar un "amplo espectro" da sociedade galega e, especialmente, cunha "sobranceira presenza" de persoas relevantes do mundo da cultura e do ensino.
Manter as declaracións na lingua orixinal

Os obxectivos deste novo manifesto é que o galego sexa utilizado no 50% do espazo dos medios escritos ou nas grellas de programación de radios e televisións. Tamén se reclama a "reprodución literal" en galego das entrevistas, declaracións e intervencións feitas nesta lingua, así coma a transcrición literal dos eslógans e pancartas das mobilizacións na súa lingua orixinal.

Tras a súa presentación pública, o manifesto será accesible a través da Internet.

En GALICIA CONFIDENCIAL

 

8 de out. de 2011

Cento catro anos despois, un novo até logo. A actual etapa de A Nosa Terra acaba. As publicacións do diario dixital rematan hoxe. A empresa desaparece; o proxecto agarda renacer no futuro.

Deseño de Francisco Leiro co gallo do primeiro centenario de A Nosa Terra, no 2007 Deseño de Francisco Leiro co gallo do primeiro centenario de A Nosa Terra, no 2007 
 
Todo proxecto xornalístico ten unha empresa detrás. Os problemas económicos obrigan a liquidar Promocións Culturais Galegas, S.A.
O esforzo denodado e o apoio de moitos, o alento dun gran número de galegos (moitos deles desde a emigración), chocaron non só contra a realidade económica da crise senón tamén contra a transformación que están a vivir o conxunto dos medios de comunicación.
Como xa catro veces antes, ao longo dos seus 104 anos de vida, a desaparición da empresa non ten por que supor a desaparición do proxecto, pois non é unha aposta empresarial, senón un proxecto de país.
Así que, unha vez máis, o proxecto de A Nosa Terra ficará conxelado.
Sabemos que algún día –agardamos que antes ca despois– renacerá coa mesma ilusión e con máis forza. Coa forza dunha nación que necesita unha voz propia.
Preservar o proxecto foi a nosa maior preocupación nos últimos tempos.
As outras foron que os traballos realizados, tanto no campo xornalístico coma no editorial (máis de 1.200 libros editados, ducias de exposicións e proxectos realizados), sigan tendo a presenza que se merecen conforme á súa vixencia e utilidade social. Apostamos por que o publicado no semanario e no xornal sigan estando na rede e os libros nas librarías.
Xa que logo, só queda darlles as grazas aos máis de 10.000 subscritores, aos máis de 6.500 seguidores nas nosas redes sociais, aos case mil accionistas, aos máis de 500 colaboradores, aos integrantes dos distintos consellos de administración, a ducias de traballadores e a todos os que, dun xeito ou doutro (de moitos xeitos e maneiras, moitas as máis das veces anonimamente), fixeron posíbel está xeira de A Nosa Terra que comezara en 1977 e que ninguén agardaba fose tan longa e frutífera. A todos vós, moitas grazas e até sempre.

Afonso Eiré
En A Nosa Terra do 23 de setembro de 2011.

23 de dec. de 2010

Linguas indíxenas, vehiculares en Bolivia (nova tirada do Portal Galego da Lingua)


Nova lei da educação estabelece que as línguas indígenas serão veiculares na Bolívia
Nas populações onde o quíchua, o aimará ou o guarani forem predominantes, a educação passará a fazer-se naquela língua, em vez do castelhano · A lei estabelece a obrigatoriedade do ensino até o bacharelato e não só até primária · A igreja católica opõe-se frontalmente porque estabelece a laicidade da educação

Quarta, 22 Dezembro 2010 00:00

Evo Morales e a lei "Avelino Siñani-Elizardo Pérez"
- O governo da Bolívia, presidido por Evo Morales, aprovou nesta passada segunda-feira a nova lei da educação, denominada "Avelino Siñani-Elizardo Pérez", que estabelece que "a língua predominante será a que irá ser usada nas aulas".

Assim, nas populações onde a "língua originária" se falar de maneira predominante, a educação será naquela língua, em vez de se fazer em castelhano, como até agora.

A lei -que estabelece a obrigatoriedade do ensino até o bacharelato e não só até primária, como até agora- também tem em conta as línguas em perigo de extinção, afirmando que "serão implementadas políticas linguísticas de recuperação e desenvolvimento com participação direta dos falantes destas línguas, motivo pelo qual serão desenhadas estratégias pedagógicas e linguísticas específicas para a cada região ou comunidade".

Quanto ao ensino de idiomas estrangeiros, a nova lei estabelece que serão ensinados "desde os primeiros níveis de escolaridade de maneira gradual", conquanto não especifica qual ou quais serão estes idiomas.

Conscientemente, a lei denomina-se "Avelino Siñani-Elizardo Pérez" em honra aos dois mestres pioneiros na educação para indígenas a princípios do século XX, que experimentaram um tipo de educação intercultural que promovia o conhecimento e os direitos dos povos indígenas desde uma perspetiva libertadora.

Educação "libertadora"

Morales afirmou que a lei pretende "descolonizar" Bolívia, fomentando o "patriotismo" nas aulas para serem os alunos os que defendam "os interesses nacionais face as imposições estrangeiras". De fato, o novo texto derroga a conhecida como Lei 1565 de Reforma Educativa, imposta precisamente pelo Banco Mundial no ano 1994. "A nova lei foi construída pelos bolivianos e não por consultores do Banco Mundial ou do Fundo Monetário Internacional, como passava faz uns anos. A educação boliviana já não será alienada, submetida e subordinada, senão que será revolucionária e libertadora", enfatizou Morales.

Apesar de ter sido elaborado de maneira participativa, implicando tanto educadores como famílias, especialistas e autoridades, para que fosse o mais consensuada possível, a lei agora aprovada conta com a oposição frontal da igreja católica e das escolas confessionais, porque propõe uma formação laica e não confessional, conquanto garante "a liberdade de consciência e de fé, e do ensino da religião."

5 de dec. de 2010

Falece o escritor ourensán Marcos Valcárcel


A través do seu blog asuvasnasolaina.blogspot.com, deuse a coñecer hoxe o falecemento do profesor e escritor ourensán Marcos Valcárcel López, colaborador durante moitos anos de "Galicia Hoxe".

2 de dec. de 2010

Adeus a Fernández del Riego

A clase política e cultural galegas renderon onte homenaxe ao intelectual galeguista, impulsor do Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, falecido a semana pasada en Vigo aos 97 anos.
Tamén nós dende este blogue agradecémoslle o seu profundo amor a Galiza, a dignidade da defensa da identidade propia.

"Relatos verídicos", de Luciano de Samósata, en galego (nova tirada de A Nosa Terra Diario)

Ilustración: ilustración clásica das viaxes de Luciano de Samósata.
En edición e notas de Xurxo Pereira e Xosé Abilleira publícase en galego a tradución dos 'Relatos verídicos', de Luciano de Samósata. Edita Rinoceronte.

1 de dec. de 2010

"Galiza",obra inédita de Manuel María


Con coidada edición e profusamente decorada, sae á luz esta obra do autor chairego finado no 2004. A obra vai especialmente adicada ao público xuvenil, amosando a traverso de diálogos entre xente nova, aspectos salientábeis do noso país.

Parabéns á nova caixa polo seu posicionamento coa língua do país (nova de A MESA)

foto: acto de fusión das caixas en Santiago
A Mesa pola Normalización Lingüística expresou hoxe os seus parabéns á nova caixa galega por ser a primeira entidade financeira que presenta a súa escritura no Rexistro Mercantil no idioma propio de Galiza. Para a organización presidida por Carlos Callón, trátase dun “fito que cómpre recoñecer” e no que se “poden mirar no espello tanto empresas como entidades de todo tipo, porque facer a documentación xurídica en galego é posíbel e desexábel”.Desde A Mesa tamén se consideran “moi positivas” as declaracións realizadas por dirixentes da entidade fusionada no sentido de que van garantir á súa clientela “comunicarse e operar en galego”, “participar en iniciativas de todo tipo para a difusión da lingua do país” e “facer do galego o idioma oficial para a publicidade comercial e sociocultural das entidades”.Callón manifestou o seu desexo de que se “cumpran os compromisos publicamente estabelecidos”, pois “sería bo que a nova caixa deixe atrás as discriminacións cara ao galego que aínda persistían en Caixa Galicia e Caixanova, entidades que, por contraditorio que pareza, continuaban a utilizar moito máis catalán en Cataluña que galego en Galiza”.