Amosando publicacións coa etiqueta Denuncia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Denuncia. Amosar todas as publicacións

25 de nov. de 2021

1 de xan. de 2012

Incineradora no Irixo? Non, graciñas.

Incineradora no Irixo? Non, graciñas. 

Unha nova agresion da Xunta contra o medioambente galego. Solidariedade!
Primavera de 1979, miles de galegos e galegas saían ás rúas para manifestarse baixo o lema “Nucleares? Non graciñas?” cando o Goberno propoñía a construción dunha central nuclear no noso país como una oportunidade para a creación de centos de postos de traballo que non supoñía ningún risco para a saúde.
Outono de 2011, a Xunta de Galiza anuncia a construción dunha incineradora de residuos no Irixo. Preséntano como una grande oportunidade para a creación de emprego e o desenvolvemento económico da nosa provincia, e aseguran que é “tremendamente segura”·
Estes feitos sepáranos 32 anos, pero os 'actores' que nolo venden son os mesmos que durante décadas o único que entenderon como creación de emprego na nosa provincia é encher a Deputación de amigos, familiares e compañeiros de partido.
A grave situación económica e social que atravesa Ourense, con miles de persoas desempregadas que desbordan a capacidade dos bancos de alimentos e das ONG´s, fai que a proposta que agora nos fai a Xunta non soamente me pareza un insulto á intelixencia de todos os ourensáns e ourensás, senón dunha falla tremenda de humanidade ao tentar aproveitarse da desesperación daqueles que están sufrindo con maior intensidade a crise.
De seguro que nos próximos meses desfilarán pola nosa provincia políticos do PP, 'expertos' na materia e  xestores doutras plantas que intentarán vendernos unha industria que pasa os máis “rigorosos controis ambientais” , moi segura desde o punto de vista ambiental e da saúde. Pero os feitos falan máis que as palabras. Desde o punto de vista ambiental, recordar que no ano 2008 puidemos ver como máis dun milleiro de troitas morrían nas augas do río Lengüelle polos vertidos de Sogama. Sorprendíanos tamén a nova de que dende hai dez anos milleiros de toneladas de medicamentos estaban a ser soterradas sen ningún tipo de tratamento no vertedeiro que esta sociedade ten nas proximidades da incineradora. Dende o punto de vista da incidencia na saúde das persoas, basta con comentar que estudios realizados en incineradoras suecas demostran que a posibilidade de sufrir cáncer de pulmón aumenta entre tres e cinco veces ao traballar nunha instalación deste tipo.
¿Outras opcións para crear emprego? Hai moitas e moito máis sostibles: mellorar a clasificación dos residuos para posibilitar una maior reutilización e reciclaxe , atraer a industria da reciclaxe (practicamente inexistente no noso país), crear pequenas plantas de compostaxe... Entón, ¿por que a Xunta aposta como fonte de creación de emprego pola construción dunha incineradora? Porque o seu concepto de medio ambiente é pintar un ladrillo de verde e para favorecer a empresas amigas e que algún político da provincia obteña beneficios por 'publicitar' a planta.
Poderedes pensar que a decisión xa está tomada, que non hai nada que facer, pero quero facer un chamamento a non resignarnos, a mobilizarnos, a loitar unidos polo que é noso e a esixir aos poderes públicos que fomenten o emprego pero que non o fagan a costa da nosa saúde e do noso medio ambiente.
Hai 32 anos a forza dos galegos e galegas impediu a construción dunha planta nuclear. Hoxe, o lema cambia, pero o engano é o mesmo: “¿Incineración no Irixo? Non, graciñas”.
[Ourense, 20 de decembro de 2011]

8 de out. de 2011

O ego do artista

María
Reimóndez
 
 
Por moito que ás veces nos gabemos de vivir no século XXI como un grande avance, en realidade este feito implica tamén ir acumulando cargas herdadas cada vez maiores. A nosa vida diaria vai ben reberetada con expectativas e discursos que, moi lonxe de revisarse, tenden ao perpetuo. Un dos máis inmutables semella ser o do ego do artista. Os debates sobre o papel do artista na sociedade teñen sido abondosos e complexos mais quitando as achegas feministas ao respecto, algunhas xa ben antigas (léase sen ir moito máis atrás As Literatas de Rosalía de Castro) poucas veces se reflexiona sobre este tema dende o xénero. O ego do artista semella desenvolverse de forma fundamental en masculino, deixando as artistas novamente nun caixón, comprimidas e con importantes obstáculos. A ninguén semella chamarlle a atención o discurso case demiúrxico de algúns arquitectos, ou as diatribas pseudofilosóficas dalgúns cineastas, pero cando o mesmo elemento se pon en boca dunha muller entón as críticas non cesan. O ser “riquiñas” e humildes son as virtudes que deben rodear as mulleres, aínda hoxe constatadas de forma implícita nun cento de reaccións. Por iso se cadra ás artistas non adoita saírnos o espírito de autopromoción que a moitos señores tan de natural lles acae.
Estes feitos, xunto coa composición dos xurados e a falta de compromiso real coa igualdade de instancias como editoriais e promotoras de eventos poden ser as razóns que expliquen por que dende o ano 1978 só oito mulleres recibiron algún galardón nos Premios da Crítica de Galicia. Por iso dende aquí comezo hoxe campaña para conseguir uns premios da crítica en feminino: escribámoslles ás editoras, ás produtoras, para que candidaten mulleres que en 2010 fixesen país e historia. Somos moitas as mulleres con méritos (e xa ía glosar “perdoando a falta de modestia”!): é hora de facernos visibles.

En A NOSA TERRA
 

4 de out. de 2011

Notas para unha insurrección desde a palabra

De todos os roubos de carácter social dos que estamos a ser vítimas durante esta crise, o peor e o máis imperceptible é o da palabra. Será moi difícil conquistar algún día un mundo xusto, un mundo equilibrado, participativo, un mundo para a cidadanía, mentres non lle devolvamos a dignidade á palabra. Só ela ten a virtude de designar as cousas na súa exacta medida. Pero foi desposuída, saqueada, a palabra. E baleira, oca, deshabitada, só serve para designar o superficial, o insubstancial. Só é confusión. Hipermetropía.
Nestes tempos en que as palabras enganan; nestes tempos en que, por exemplo, a palabra «mercados» oculta canda si, baixo un mesto pano de anonimato, o significado real de «especuladores» (ao que se lle podería adherir o adxectivo «ricos» sen temor a equivocarnos); nestes tempos en que o apelido Botín se converte en todo un símbolo do roubo social (fraude fiscal millonaria) e, ao tempo, nun símbolo da hipocrisía máis funesta para a confusión da palabra (pretendendo sobreescribir en «roubo» outros termos como «mecenas», «filántropo»); nestes tempos en que se decreta a «necesidade» de recortar en educación (futuro), en cultura, en servizos sociais, pero non se poñen trabas aos gastos fastuosos na visita do Papa ou aos delitos seculares dos evasores de impostos; nestes tempos en que se eliminan brutalmente prestacións sociais a unha cidadanía que fixo posible o Estado do benestar, agora castigada polo paro e pola falta de expectativas, pero se capitalizan os bancos a fondo perdido e sen condicións (eses mesmos bancos que a uns anos vista incrementarán brutalmente os seus beneficios pola implantación sistemática da banca electrónica e o despido progresivo de persoal); nestes tempos en que a palabra, empregada como arma política, se utiliza para asustar a cidadanía e impregnala da adxectivación dun medo (terror dialéctico) que faga máis doada a consecución dos obxectivos que os especuladores pretenden conseguir a costa do empobrecemento xeral da poboación; nestes momentos, digo, precisamente nestes momentos, é máis urxente ca nunca, máis vital, máis indispensable ca nunca, e tamén máis liberador ca nunca, a recuperación da palabra; a imprescindible loita por devolverlle a súa dignidade, a denuncia da súa manipulación, a visibilización do seu saqueo. Se a palabra volve a ter entidade, se volver ser corpórea, sincera, precisa, honrada, exacta, o futuro tamén o será. Desde a palabra, insurrección.


Fran
Alonso
Escritor
En A Nosa Terra

2 de abr. de 2011

O horto ecolóxico (Publicado por Jeanfrujo)

O horto ecolóxico


“Y sin duda nuestro tiempo… prefiere la imagen a la cosa,
…la representación a la realidad,la apariencia al ser…"
Ludwig Feuerbach

O último número da revista Ágora do Orcellón, que se presentou o venres no Carballiño, está dedicado ó concello do Irixo. Nun dos artigos, don Antonio González Bernárdez, párroco de Santa Mariña de Loureiro, fai unha breve historia da Cooperativa de Loureiro, da que foi o principal impulsor. Merecería estudarse en escolas e institutos, e tamén nos seminarios, esta exemplar historia da loita dun párroco por mellorar as condicións de vida dos seus fregueses –neste caso tamén dos seus veciños, porque don Antonio é natural da mesma parroquia de Loureiro-, loita na que chegou a remover Roma con Compostela para levar adiante o proxecto –baste dicir que foi a igrexa alemana, a través de Misereor, quen financiou o proxecto inicial con 60.000 marcos, a principios dos anos 70-, buscando a modernización das antigas estruturas das explotacións agrarias. O acto do Carballiño, onde ademais se presentou un DVD que documenta en imaxes a citada historia, propiciou que logo compartira mesa e mantel con don Antonio, con quen tiven a honra de coincidir durante algúns anos no claustro do Instituto do Carballiño, e con algúns amigos máis. Foron uns discípulos de don Antonio na empresa os que, durante a cea, falando do presente e vaticinando arredor do futuro, aportaron un dato que me estremeceu: en todo o concello do Irixo non quedan máis de catro ou cinco familias que vivan exclusivamente da terra!; e, sobre o futuro, presaxiaron que ó colexio de primaria non lle quedarían máis de cinco ou seis anos de vida, mentres calculaban que en vinte anos do Irixo non quedarían máis ca algúns veciños na capitalidade municipal….

Tal como sospeitaba, nada dicían o sábado os medios de comunicación sobre o acto de presentación  da revista do Instituto de Estudios Carballiñeses. Pero, chamou a miña atención o titular principal da edición de Ourense do diario La Voz de Galicia, que rezaba: “Ourense estrena una zona de ocio destinada al cultivo ecológico”, todo isto en grandes letras e con fotografía a todo color. Tratábase de informar que os habitantes da cidade de Ourense tiñan á súa disposición un “horto ecolóxico” de 1938 metros cadrados, para  conseguir, supoño que entre outros fins, o importante obxectivo de que “os nenos se dean conta que os tomates non nacen nas bandexas do supermercado”, segundo declaraba ó citado diario  o alcalde.

Fixeime nese titular porque non deixa de resultar un sarcasmo que nunha provincia que está quedando erma; a mesma onde se deixou morrer todo o tecido agrario que, fundamentalmente, a sostiña; aquela na que resulta imposible acercarse ó rural sen contemplar o tráxico espectáculo das casas arruinadas, dos pobos baleiros e das herdades abandonadas; a noticia máis importante sexa a inauguración na capital dun horto ecolóxico de 1938 metros cadrados de superficie. Pero non me sorprende, simplemente confirma algo que veño sospeitando desde hai tempo; mentres miramos de esguello, ou non miramos, para o fundamental, o anecdótico e o accesorio pasan á primeira plana da actualidade; por certo, con gran contento de boa parte do vulgo. Algunha explicación tiña que ter que, a pesar de sermos ese país marabilloso que, segundo dicen moitos, somos, sempre esteamos na traseira de todo. Tal vez esta costume tan nósa de ignorar a realidade, e de aplaudir tonterías, teña bastante que ver co triste presente que nos apreta e co incerto futuro que nos agarda. E desta tendencía á irrealidade poucos se escapan, nin sequera a por tantas razóns eloxiable revista Ágora do Orcellón, que, a pesar das xuizosas reflexións do seu director Avelino Muleiro na introducción do número, dedica logo bastante máis espazo a un invento persoal denominado “A insua dos poetas”, que poderíamos enmarcar, igual cós “hortos ecolóxicos”, dentro do que Debord chamara a sociedade do espectáculo, có gran drama que viven estas terras.


Como diría un veciño meu: veña bombas!

30 de mar. de 2011

E dalle..............(Chuza)

Aznar xustificou nunha entrevista a Pedro J. Ramírez en Veo7 a forma de ser de Mariano Rajoy pola súa "condición de gallego". Á pregunta de se é certo que Rajoy sería menos resolutivo do que el era como presidente, asegurou:
"Rajoy ten capacidades para ser presidente, o que pasa é que ten a súa forma de ser, a súa condición de galego, de exercer de galego".

Espazo sen barbarie lingüística

                                 Ferreres na contraportada de Público de onte e en El periódico

(As miñas historias)

29 de mar. de 2011

Alfredo Conde en Intereconomía

Veño de ver un anaco de Intereconomía, que hoxe emitíase dende Ourense (Orense para os contertulios); para a miña sorpresa, Alfredo Conde foi presentado como un exitoso "escritor  en castellano; bueno, también en gallego, pero sobretodo en castellano" (di o presentador), cousa que ao escritor non pareceu inomodarlle.
Despois Mario Conde pregúntalle polo trato que reciben el e outros escritores galegos que se negan a renunciar ao "castellano"(como se estivesen perseguidos!); e eiquí comezan os laios dese pobre escritor xenuinamente galego, malpagado so polo delito de escribir en castelán!!!!!; afortunadamente estragóuselle o micro e deixouse de escoitar tanta hipocresía.
Todo isto ocorreu ante a presencia nada incómoda de Baltar pai, que co seu silenzo foi cómplice deste que foi un capítulo máis na "lenda negra" da persecución do castelán na Galiza

14 de mar. de 2011

A Xunta envía unha queixa ao Goberno de Portugal (en As miñas historias)


A Xunta envía unha queixa ao Goberno de Portugal (como se tivesen algo que dicirlles) sobre o prezo das portaxes. En que idioma está escrita?:

a) En gallego no, que no nos entienden

b) En inglés, como toda comunicación con el extranjero y por ser la lengua de más prestigio, como se enseña en los coles.

c) En portugués, como deferencia

d) En castellano, hombre, que el portugués es unha lengua ideológica

P.D.: hoxe teño o día lusista

11 de mar. de 2011

O seseo e a gheada, non so non lle gustan a Marta GH, senon que ademais son incompatibles cun bo nivel de inglés (no meu diario lingüístico)

Un dos meus bos amigos (dos moi bos, dos de sempre, dos que me coñeceron cando falaba castelán) comentoume abraiado algo que lle chamou poderosamente a atención e aínda lle custa crer:
"estaba en un bar, en la terraza, en Sanjenjo, " e ao seu carón falaba un paisano, con ese galego "cerrado cerrado, con seseo y gheada", e aos poucos minutos pasou o inaudito, para o que o meu ben querido amigo non topa explicación: "no te lo vas a creer, cogió el móvil y empezó a hablar un inglés perfecto, no solo en la lengua sino también en el acento, qedé flipado,  no parecía el mismo señoriño del seseo y la gheada de poco antes"

O triste é que o que vos  conto é rigurosamente certo, e que xa case non me quedan folgos para contestar a tanto prexuízo!!

aínda non atopei ningún xoguete educativo en galego,(reflexión de Jesús Rodríguez)

(Jesús Rodríguez, profesor de Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC)
O material didáctico das escolar galegas debería ser en galego?

Evidentemente é fundamental que haxa material en galego e que exista, sobre todo, nalgunhas das áreas nas que se carece por completo del. Voulle poñer un simple exemplo: Teño unha nena de once meses e aínda non atopei ningún xoguete educativo, como os bonecos que emiten palabras, que sexan en galego, ou tipo caixa de música. Non podo dicir que non haxa ningún, pero eu non o atopei. Está o de Pepe Carreiro, que son materiais de lectura, pero creo que a carencia é importante, non sei se vostede coñece.

De lectura infantil, temos material moi importante en Galiza, e en cd e dvd está por exemplo o superéxito de Mamá Cabra, ou o disco "Tic, tac" de Pablo Díaz, pero a verdade é que material como o que me está a describir tampouco o vin nin lle escoitei a ningún pai/nai falar del. Só sei de quen recorre aos xoguetes en portugués, iso si.

Claro, e en galego está Ponte nas Ondas, cousas moi interesantes... pero nos xoguetes non hai. E tampouco hai material en galego para necesidades educativas especiais. Falta moito camiño.

( Galicia Hoxe)

Orzamento para a normalización da lingua galega na Administración local (en As miñas historias)


Orzamento destinado na orde de subvencións da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a normalización (actual promoción do uso) da lingua galega na Administración local. (DOG do 11 de marzo de 2011)

* 2008: 800.000 €
* 2010: 602.668 € (-25% menos a respecto de 2008)
* 2011: 420.000 € (-30% a respecto de 2010 e -50% a respecto de 2008)

10 de mar. de 2011

antes catalán que reintegrata (en As miñas historias)


Curiosidades: o correo electrónico do PP da Coruña é :
            corunya@pp.com
               (antes catalán que reintegrata)

9 de mar. de 2011

Protexer a "onomástica galega", parécelle ao PP "cavernícola" (Xornal)


Os votos do PPdeG veñen de botar por terra unha proposición de lei do BNG encamiñada a protexer a "onomástica galega", isto é, a garantir a aplicación da Lei de Normalización Lingüística, que establece que a "única" forma dos topónimos é a galega, e a facilitar que as persoas que así o desexen poidan restituír a forma galega do seu apelido ou galeguizar o seu nome propio.
Mentres que a proposta, que en opinión do nacionalista Bieito Lobeira, só tende a protexer a "liberdade" dos cidadáns, recibiu o apoio do PSdeG -o socialista Francisco Cerviño tan só apostaba por cambiar o "ton" dalgúns treitos do texto-, o popular Agustín Baamonde escenificou o rexeitamento dos conservadores á iniciativa con argumentos como que, ao seu xuízo, o plan do BNG pasaba por avanzar cara a unha "nación monolingüe".
Cun duro ton, xa empregado en anteriores debates polo que noutrora representara unha das faccións galeguistas do PP, Baamonde mesmo empregou clichés frecuentes no argumentario da asociación Galicia Bilingüe, asegurando que os "excesos de tradución" poden levar a empregar a expresión numérica "tres ao caldeiro" ou a falar de "Alicerce Vermello" para se referir á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo.
As palabras de Baamonde chegaron inseridas nun discurso no que o conservador considerou "cavernícola" a proposta lingüística do BNG, a quen culpa da "desafección" da cidadanía cara á lingua galega, ademais de atribuír a proposición de lei debatida hoxe á non asunción "da derrota electoral" de 2009.
As palabras de Baamonde causaron un visible malestar nas bancadas nacionalistas. Para Lobeira, "Baamonde desenvolveu o manual do perfecto colonizado", cuns argumentos "propios dunha coñecida concursante de Gran Hermano" cunha "caricaturización esperpéntica da lingua do país".

27 de feb. de 2011

No meu diario lingüístico

o peso dos prexuízos

Sigo co meu diario lingüístico, no cal desgrazadamente, case cada día teño algunha incidencia que contar; e as incidencias soen ser sempre de tipo prexuízos cara ao galego:
onte estiven con alguén que coñezo hai moitísimos anos, e cunha persoa que era "nova" para os dous; ante a miña sorpresa o meu coñecido (familiar) "preséntame" dicindo :"esta es de las que como no hables gallego te riñe......." ; se fose certo, nada que dicir; pero resulta que eu non fixen semellante cousa na miña vida, e así o dixen. Non era capaz de entender de onde saía semellante afirmación en alguén que nunca me viu facer tal!.Pero logo, pasado o susto, dinme conta de que non é máis que o mesmo de sempre: os prexuízos que te levan a afirmar algo que NUNCA viches.

22 de feb. de 2011

Balance lingüístico da miña presidencia da comunidade de veciños (no meu diario lingüístico)


Veño de deixar a presidencia da miña comuidade de veciños, co seguinte balance lingüístico: sempre, todo o que viña da axencia, avisos de empresas...estaba en castelán sen que nadie tivese ningunha obxección que facer; pero cando eu puxen este aviso, como vedes, algún ofendido veciño tardou pouco en facer a traducción (o cal por outro lado, demostra que entendeu todo sen problemas: os problemas son outros!)

15 de feb. de 2011

Terceira entrega de "a muller que escapou das gazoupas da imposición"

(imaxe en CiberIrmandade da Fala)

Hai dias preguntabámonos como esta heroina que leva o nome de Galicia tan lonxe, foi capaz de salir incólume deses longos escuros tempos da IMPOSICIÓN; tempos nos que o castelán estaba procrito, e so a xente bruta, nomeadamente os de Lugo, eran capaces de entender o que dicían os libros de texto.
Hoxe temos xa a resposta: ela mesma relata que axudada do seu avezado inxenio e sen dúbida animada polos seus tamén oprimidos profesores, foi capaz de conseguir o case imposíbel: LIBROS EN CASTELÁN; nunca saberemos como pero o conseguiu, e esta foi sen dúbida a clave do seu éxito; o que a axudou a manter na soidade a súa "fina habla madre" e a manterse moi lonxe de seseos e gheadas.
Sabemos que o camiño foi duro, moi duro; incluso nunha ocasión sufriu un acercamento por parte dun galegofalante, pero toda esa sabedoría aprendida nos libros en castelán axudoulle a identificar a este individuo como un menbro da secta ultranacionalista "por cojones", e a ser inmune ás súas brutas verbas.
O esforzo, como vedes, non caeu en saco roto.

14 de feb. de 2011

Intento descarado de españolización do alumnado galego

A Xunta predica co exemplo

A CIG-Ensino denuncia que a Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra enviou ao colexio de Randufe en Tui material só en español para a nova aula de infantil. O Xefe Territorial xustificou o envío do devandito material, unha ducia de libros e varios xogos para adquisición da lectoescritura, botando man dos resultados da enquisa realizada aos pais e nais sobre a lingua materna dos nenos e das nenas.



Desde a CIG-Ensino, denunciamos a tersiverxación que se pretende facer cos resultados destas enquisas que a Consellaría de Educación ten ocultos, pois despois de estes resultados seren reclamados pola CIG-Ensino en todas as Mesas Sectoriais habidas neste curso, a Consellaría segue sen dar unha resposta a esta petición. No seu día, xa denunciamos a intencionalidade deste proceso, pois tal e como se realizaba podía dar lugar ao incumprimento dos dereitos lingüísticos do alumnado e, por tanto, da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, ademais de que non ía dar conta de cal é a lingua do contorno familiar do alumnado, xa que só se preguntaba sobre a lingua materna do neno ou da nena, sen especificar que criterios se debían ter en conta para estabelecela. En definitiva, denunciabamos que estabamos ante un proceso que podía dar lugar a unha situación que non se corresponde coa realidade. E agora encontrámonos con que a Consellaría utiliza eses datos terxiversados para estabelecer o material que enviará aos centros. Todo isto comprobámolo no caso concreto aludido, onde os resultados da enquisa discriminan o galego, precisamente nunha parroquia rural dunha comarca, o Baixo Miño, en que o uso do galego é predominante.

Así as cousas, preguntámonos se a ocultación dos datos da enquisa por parte de Educación obedece a que pretenden utilizalos exclusivamente para o seu interese que, como estamos comprobando día tras día, se concreta na redución da presenza do noso idioma nas aulas.

Cabe sinalar que, mesmo no caso de que os resultados da enquisa sexan maioritariamente que o alumnado utiliza cos seus proxenitores o español, sempre hai, nas aulas, alumnado galego falante. Ademais, para que as nenas e os nenos adquiran progresivamente o noso idioma deben recibir, polo menos, unha parte do ensino en galego, por máis que a lingua maioritaria non sexa o galego e porque ese é o seu dereito como estabelece a Declaración Universal dos Dereitos lingüísticos.

Unha vez máis, comprobamos o interese desta Administración na españolización descarada do alumnado galego e o seu rexeitamento de todo o que nos é propio, pois o envío de material exclusivamente en español non só é inaceptábel desde o punto de vista da formación do alumnado que, mesmo sendo galego falante, ten dereito a recibir ensino en galego, senón que é unha práctica que non apoia a industria editorial galega que ve así minguados os seus recursos.

(en Terra e tempo)