Amosando publicacións coa etiqueta País. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta País. Amosar todas as publicacións

2 de abr. de 2011

O horto ecolóxico (Publicado por Jeanfrujo)

O horto ecolóxico


“Y sin duda nuestro tiempo… prefiere la imagen a la cosa,
…la representación a la realidad,la apariencia al ser…"
Ludwig Feuerbach

O último número da revista Ágora do Orcellón, que se presentou o venres no Carballiño, está dedicado ó concello do Irixo. Nun dos artigos, don Antonio González Bernárdez, párroco de Santa Mariña de Loureiro, fai unha breve historia da Cooperativa de Loureiro, da que foi o principal impulsor. Merecería estudarse en escolas e institutos, e tamén nos seminarios, esta exemplar historia da loita dun párroco por mellorar as condicións de vida dos seus fregueses –neste caso tamén dos seus veciños, porque don Antonio é natural da mesma parroquia de Loureiro-, loita na que chegou a remover Roma con Compostela para levar adiante o proxecto –baste dicir que foi a igrexa alemana, a través de Misereor, quen financiou o proxecto inicial con 60.000 marcos, a principios dos anos 70-, buscando a modernización das antigas estruturas das explotacións agrarias. O acto do Carballiño, onde ademais se presentou un DVD que documenta en imaxes a citada historia, propiciou que logo compartira mesa e mantel con don Antonio, con quen tiven a honra de coincidir durante algúns anos no claustro do Instituto do Carballiño, e con algúns amigos máis. Foron uns discípulos de don Antonio na empresa os que, durante a cea, falando do presente e vaticinando arredor do futuro, aportaron un dato que me estremeceu: en todo o concello do Irixo non quedan máis de catro ou cinco familias que vivan exclusivamente da terra!; e, sobre o futuro, presaxiaron que ó colexio de primaria non lle quedarían máis de cinco ou seis anos de vida, mentres calculaban que en vinte anos do Irixo non quedarían máis ca algúns veciños na capitalidade municipal….

Tal como sospeitaba, nada dicían o sábado os medios de comunicación sobre o acto de presentación  da revista do Instituto de Estudios Carballiñeses. Pero, chamou a miña atención o titular principal da edición de Ourense do diario La Voz de Galicia, que rezaba: “Ourense estrena una zona de ocio destinada al cultivo ecológico”, todo isto en grandes letras e con fotografía a todo color. Tratábase de informar que os habitantes da cidade de Ourense tiñan á súa disposición un “horto ecolóxico” de 1938 metros cadrados, para  conseguir, supoño que entre outros fins, o importante obxectivo de que “os nenos se dean conta que os tomates non nacen nas bandexas do supermercado”, segundo declaraba ó citado diario  o alcalde.

Fixeime nese titular porque non deixa de resultar un sarcasmo que nunha provincia que está quedando erma; a mesma onde se deixou morrer todo o tecido agrario que, fundamentalmente, a sostiña; aquela na que resulta imposible acercarse ó rural sen contemplar o tráxico espectáculo das casas arruinadas, dos pobos baleiros e das herdades abandonadas; a noticia máis importante sexa a inauguración na capital dun horto ecolóxico de 1938 metros cadrados de superficie. Pero non me sorprende, simplemente confirma algo que veño sospeitando desde hai tempo; mentres miramos de esguello, ou non miramos, para o fundamental, o anecdótico e o accesorio pasan á primeira plana da actualidade; por certo, con gran contento de boa parte do vulgo. Algunha explicación tiña que ter que, a pesar de sermos ese país marabilloso que, segundo dicen moitos, somos, sempre esteamos na traseira de todo. Tal vez esta costume tan nósa de ignorar a realidade, e de aplaudir tonterías, teña bastante que ver co triste presente que nos apreta e co incerto futuro que nos agarda. E desta tendencía á irrealidade poucos se escapan, nin sequera a por tantas razóns eloxiable revista Ágora do Orcellón, que, a pesar das xuizosas reflexións do seu director Avelino Muleiro na introducción do número, dedica logo bastante máis espazo a un invento persoal denominado “A insua dos poetas”, que poderíamos enmarcar, igual cós “hortos ecolóxicos”, dentro do que Debord chamara a sociedade do espectáculo, có gran drama que viven estas terras.


Como diría un veciño meu: veña bombas!

12 de feb. de 2011

Saumede (en Aldeas abandonadas)


Esta aldea do Condello da Bola (parroquia de San Martiño de Berredo (San Martiño)) abandonada nos anos 70, e que forma parte da Reserva da Biosfera-Área de Allariz, foi escollida pola asociación francesa "El pueblo" para o seu proxecto de potenciación do medio rural, para o que contan coa axuda da alcaldesa, e parece que tamén dos propietarios, xa dispostos a facer cesións. De momento vemos as tendas de campaña nas leiras, pois os novos "veciños" son respectuosos coa propiedade privada, e so fixeron traballos de desbroce de leiras e camiños, instalación de aseos no exterior...pero a realidade é que a aldea xa parece rexurdida das súas cinzas. Contan xa cunha casa onde pasar o inverno, e xa levan feitas diversas actividades culturais (por certo, por se alguén se anima, están dispostos a que lles aprendan galego). Falamos con eles e quedamos invitados a voltar o próximo verán, cando xa serán visibles as tarefas de rehabilitación. Esperemos que de verdade este sexa un paso adiante sen retorno para Saumede.

3 de feb. de 2011

Xunta e Igrexa rehabilitarán o pazo de Diomondi (Galicia conficencial)

Hai unhas semanas dabamos conta aquí da caída dun muro dun dos pazos civís románicos máis importantes de Galicia, o pazo bispal de Diomondi, residencia de verán durante a Edade Media dos bispos de Lugo.

Esta semana, a Dirección Xeral de Patrimonio e o Bispado de Lugo chegaron a un acordo para rehabilitar o edificio, co que se evitará que afecte a outras estruturas, principalmente, á igrexa de Diomondi, á que está adosado, unha xoia do románico.
Visita guiada

E para defender o patrimonio cultural, a Asociación O Sorriso de Daniel organiza unha visita guiada a este monumento para destacar a importancia histórica do edificio.

María Nieves Peiró, investigadora da universidade da Coruña que se ten ocupado da historia do e do arquivo do Pazo Bispal; Ramón Yzquierdo Perrín, autor da tese La Arquitectura Románica en Lugo e de Xan Rodríguez, Decano do Colexio de Arquitectos de Ourense, serán algúns dos que participarán nesta iniciativa.

A visita forma parte do programa Xeiras Románicas que a asociación ven desenvolvendo e complementarase cunha visita no mesmo domingo pola tarde á igrexa de Seteventos tamén no concello de O Saviñao.

2 de feb. de 2011

Dúas intelixencias, un mesmo pensamento: Galicia ven sendo... "nada"

Feijóo sinala que Galicia é unicamente unha “autonomía política”, rango que, ao seu xuízo, “acredita” que “España non é un Estado plurinacional”. Neste sentido, como xa acontecera en anteriores viaxes, Feijóo enfatizou ante a prensa madrileña que “a única nación que existe é a española” algo que, asegura, acontece dende “hai 500 anos”. “O Estado plurinacional é unha cousa e o autonómico é outra”, enfatiza.
O titular da Xunta quixo deixar claro que Galicia non é un mini-estado, senon que acata a Constitución e que non ten "problema de definición" nin se sentan "en el diván de un psiquiatra para ver qué somos".



Imos Indo alédase de que non se pare moito a pensar que somos ou non, porque se se para e o pensa, moito nos tememos que as conclusións serían as mesmiñas as que logo de tanto pensar chegou o que foi delegado do goberno en Galiza e hoxe director xeral de Aviación Civil  Manuel Ameijeiras (coñecido como Macario), e que eiqui transcribimos:
        "lo que me gusta de ese pais (EEUU) es que solo tiene un idioma (...) ,todo el mundo deberíamos hablar un idioma; ¿que tiene que ser el esperanto?, bueno, pues ala, a estudiar el esperanto, y no digamos  que Galicia es un pais, porque SI GALICIA ES UN PAIS, ¿QUE ES ESPAÑA? ¿UN CONTINENTE O UN PLANETA?"

Dia Mundial dos Humedais (Adega)

Este 2 de febreiro celébrase o Día Mundial dos Humidais. A data conmemora a sinatura hai 40 anos, na cidade iraniana de Ramsar, do Convenio de Humidais de Importancia Internacional, no que se marcaron os obxectivos para a conservación e a xestión destes importantes ecosistemas. En Galiza esta celebración ven marcada por dúas fitas: malia sermos un dos países que maior número de humidais conservan do SW Europeo, o desinterese da Xunta pola conservación destes espazos queda patente ao estar só 5 humidais, dos máis de 1.100 inventariados no país, incluídos na lista de humidais de importancia internacional. Porén, semella que son os colectivos ecoloxistas, no marco de proxectos estatais, os que estamos tomando iniciativas para conservar e mirar polos nosos humidais.

1 de feb. de 2011

Nacen novos partidos , para aqueles que sendo de dereitas ou de centro, son ante todo galeguistas, e polo tanto non tiñan a quen votar

Converxencia XXI presenta en Santiago a súa primeira candidatura

 

Por Galicia Confidencial
O profesor Fernando del Río encabezará a lista de Converxencia XXI ás eleccións municipais por Santiago de Compostela. É a primeira candidatura confirmada de Converxencia XXI  a unha das cidades galegas.
Os primeiros nomes da lista que arroupará a Fernando del Río daranse a coñecer nas vindeiras semanas, segundo anuncia esta formación liberal e galeguista nun comunicado.
Fernando del Río, nado en Ordes en 1968, é doutor en Economía na Universidade Carlos III de Madrid, e profesor na Facultade de Económicas de Santiago de Compostela.  É ademais vicepresidente de GALIDEM, a Asociación Galega pola Liberdade e a Democracia, unha asociación pertencente á federación de fundacións liberais de Europa.

Nas vindeiras semanas Converxencia XXI asegura que irá avanzando na organización da campaña electoral coa presentación do resto do equipo que formará a candidatura e coa publicación das liñas básicas do programa.
"A nosa intención é presentar candidaturas sólidas que respondan á orientación de Converxencia XXI. Non ten sentido presentar listas por presentar, senón por ofrecer unha verdadeira alternativa aos cidadáns", sinalou Carlos Vázquez Padín, líder da formación centrista. Trátase das primeiras eleccións locais ás que se presenta Converxencia XXI.

25 de xan. de 2011

Por un mercado local e sostible, unha idea con selo galego

O Abastos 2.0 revoluciona Madrid Fusión coa súa "taberna reinventada"

Galicia desembarca nesta cita culinaria da man de Marcos Cerqueiro e Iago Pazos, que debullarán as claves do éxito do local situado no mercado compostelán a través de conceptos como cociña miúda, barra efémera ou cociña sen neveira

Marcos Cerqueiro, esquerda, e Iago Pazos no exterior do Abastos 2.0, situado nas casetas exteriores do mercado compostelán FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Marcos Cerqueiro, esquerda, e Iago Pazos no exterior do Abastos 2.0, situado nas casetas exteriores do mercado compostelán
Tradición e modernidade servida a través de produtos galegos, frescos e de calidade cociñados e presentados na mesa única que preside un espazo de 28 metros cadrados e que funciona grazas a un binomio perfecto: Marcos Cerqueiro e Iago Pazos. Esta é a fórmula do Abastos 2.0, unha "taberna reinventada" que tras un ano de vida non só conseguiu dinamizar e dotar de vida a contorna do mercado compostelán, senón revolucionar o panorama gastronómico actual. A través desta parella de emprendedores, Galicia estará representada nunha das citas culinarias máis importantes do Estado: Madrid Fusión, que de hoxe ó xoves reunirá os chefs máis recoñecidos do momento, dende Adrià -que presentará o novo El Bulli-, ata Aduriz, Arzak, Quique Dacosta ou Beatriz Sotelo.
A fórmula do Abastos 2.0 é tan sinxela como innovadora. Marcos, como cociñeiro, sométese cada mañá ó ditado do Mercado de Santiago -convertida na súa despensa diaria- para deseñar a oferta gastronómica, apostando non só polo produto do país senón tamén polo mercado local e sostible. Con esta compra, de 12 a 3 e de 7 a 10, o Abastos 2.0 ofrece entre tres e seis pequenos pratos que poden ir dende un bocado a media ración e para os que empregan gramaxes semellantes ás dos menús degustación. Á hora da comida e da cea, o Abastos 2.0 transfórmase e a súa barra convértese nunha mesa única, compartida ó mediodía e a porta pechada para grupos pola noite. Todo baixo previa reserva e respondendo tres cuestións básicas: se o cliente é novo na experiencia, canto quere gastar, e que non pode ou non lle gustaría tomar nun menú "a cegas". Unha experiencia adubiada cunha coidada selección musical e regada polos mellores viños galegos recomendados por un Iago Pazos reconvertido a mestre de cerimonias. Unha dinámica diaria que Marcos e Iago trasladarán este xoves en Madrid a través de conceptos como cociña miúda, barra efémera, cociña sen neveiras, porta pechada ou interacción 2.0 co cliente, que centrarán o relatorio A rendibilización do espazo: mínimo e polivalente.
Tras Madrid, esta novidosa e exitosa fórmula estará no Fórum Gastronómico de Girona, o que terá o Marcos e Iago lonxe de Santiago en febreiro. Non obstante, para todos aqueles que estes días se senten un pouco orfos, calma. Porque o Abastos 2.0, cun novo concepto e ánimos renovados, volverá abrir as súas portas o vindeiro 1 de marzo.
(Galicia Hoxe)

24 de xan. de 2011

Como envellecen os galegos? (Xornal)

O CSIC estudará os galegos para saber como envellecen

A investigación fará o seguimento a miles de persoas maiores durante dúas décadas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) iniciará nunhas semanas unha investigación sobre como envellecen os maiores e coñecer que factores inflúen na aparición de enfermidades e a discapacidade, cal é a evolución do apoio no ámbito familiar, se aspectos como os ideais políticos ou as crenzas relixiosas actúan de forma determinante ou cales son as etapas críticas no proceso de envellecer. Para levar a cabo o proxecto denominado ELES (Estudo Lonxitudinal Envellecer en España) os científicos farán un seguimento de como envellecen miles de maiores de 50 anos durante os vindeiros vinte anos. A primeira fase comeza este ano e nela participan máis de 1.500 persoas coa previsión de dar continuidade ao proxecto despois de 2012 cuns 6.000 voluntarios.

FACTORES PARTICULARES
O presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) Andrés Vázquez Piñeiro, explica que “o envellecemento non é malo en se mesmo” sobre todo en Galicia que en positivo “é a rexión con maior esperanza de vida do país onde moitas persoas chegan a moi maiores, con calidade de vida e saúde”. De feito distintas enquisas “demostran que os anciáns galegos non sofren estados graves de depresión ou infelicidade” comenta, pero o problema, matiza, “é que hai que abordar este fenómeno, asumilo, estudalo e telo en conta desde a Administración e desde a sociedade para que non teña consecuencias negativas”. Para iso é necesario utilizar as ferramentas “imprescindibles e básicas, que non se están potenciando” como “a formación especializada en xeriatría e xerontoloxía e a súa inclusión na Sanidade, e dos seus profesionais en todos os ámbitos posibles”.
En canto a como se produce o envellecemento, Vázquez lembra que “en Galicia existen varios factores particulares e diferenciadores que xeran os efectos negativos deste envellecemento”. Entre eles, a dispersión poboacional, o aislacionismo, a soidade, a orografía que dificulta o acceso ás vivendas e o traslado aos centros de saúde ou a acción dos servizos de teleasistencia... unha circunstancia que se traduce en cifras: “das 610.000 persoas maiores de 65 anos que viven en Galicia, unhas 350.000 viven soas ou acompañadas doutras que superan os 70” segundo datos da SGXX.
De feito, 175.000 destes anciáns superan os 80 anos, dos que o 30% reside en núcleos de poboación rural disperso e de menos de 500 habitantes. Por outra banda ainda non se están aplicando políticas de rexeneración xeneracional o que se traduce en “crecemento vexetativo negativo, hai moitas máis persoas maiores que novas o nadas” explica Vázquez, polo que “non se están levando a necesaria renovación” agravada pola emigración que se suma aos devanditos factores particulares de Galicia.

Morre o bosque atlántico galego (Galicia Hoxe)

Morre o bosque atlántico galego: só se conserva o 1%

A franxa atlántica só conserva o 1% de monte galego pola presión urbanística, produtiva e humana ·· O último reduto: As Fragas do Eume, en regresión polo eucalipto

As Fragas do Eume son o último reducto de bosque autóctono na franxa atlántica. Nos últimos 50 anos, o eucalipto apoderouse do 20% do territorio
As Fragas do Eume son o último reducto de bosque autóctono na franxa atlántica. Nos últimos 50 anos, o eucalipto apoderouse do 20% do territorio
O enorme potencial de Galicia no sector forestal -cunha extensión próxima ó 70% da superficie total do país e responsable da metade da xeración de madeira do Estado- contrasta coa grave regresión do seu bosque autóctono. Á visión produtivista do monte -iniciada a mediados do século XX coa introdución de monocultivos de especies de rápido crecemento, eucalipto e piñeiro maioritariamente-, sumouse nos últimos anos unha forte presión humana e urbanística e unha desprotección dos ecosistemas que levou ó bosque atlántico á súa práctica desaparición e a unha forte degradación nos do interior. Perda de biodiversidade, emprobrecemento do solo ou a multiplicación de incendios forestais son algunhas das graves consecuencias desta perda.
A franxa litoral, na que se concentra a maior parte da poboación galega, é a peor parada. Nos primeiros trinta quilómetros de costa, as fragas de carballos persisten de forma testemuñal, aglutinadas en manchas moi pequenas e sen conexión entre si. A situación dos bosques de ribeira -ameneiros, freixos e bidueiros presentes nas marxes dos ríos- non é mellor, xa que presentan un alto grao de degradación, levando a que a franxa atlántica apenas conserve o 1% do bosque autóctono galego. "O 99% do bosque costeiro está ocupado por diferentes variedades de eucalipto e piñeiro, especies que nas últimas dúas décadas aumentaron dez veces a súa superficie", explica Adolfo Cordero, profesor da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal da Universidade de Vigo.

O eucalipto fíxose co 20% do parque en 50 anos
O parque natural das Fragas do Eume constitúe o último gran reduto duns ecosistemas vitais para a biodiversidade. A protección deste espazo, incluído na Rede Natura 2000, non o exime de problemas. Segundo constatou un equipo de investigación da Universidade Rey Juan Carlos, os seus carballos, castiñeiros, ameneiros e abeleiros van camiño da extinción. A causa: a introdución do eucalipto no parque, que chegou a ocupar uns 48 quilómetros de bosque de ribeira e máis de 650 hectáreas de frondosas, provocando unha regresión do 20% no seu bosque autóctono en 50 anos.

Emprobrecemento do solo e incendios, as consecuencias
As consecuencias derivadas desta perda son fatais: á importante perda de biodiversidade hai que sumarlle outros factores como o empobrecemento do solo ou a profusión de incendios forestais. "A substitución do bosque autóctono por especies como o eucalipto empobrece o chan, non só polas características da propia especie -xa que os fungos non son capaces de transformar as súas follas en humus-, senón pola necesidade de manexar estes exemplares exóticos con maquinaria moi pesada e herbicidas", apunta Cordero. A estas engádeselle unha máis: a perda do acerbo xenético das especies propias do país, que pode derivar na súa total extinción. "Cos exemplares autóctonos aglutinados en manchas sen conexión córrese o risco de que calquera modificación, como as que provoca o cambio climático, empobreza a xenética dos individuos, que acaban por morrer e desaparecer", aclara Alexandre Cendón, coordinador xeral da Federación Ecoloxista Galega (FEG). Por este motivo, a conexión das manchas existentes a través de corredores ecolóxicos -papel que desempeñan de forma natural os cursos fluviais- sería clave para frear a regresión do bosque autóctono na franxa atlántica.
Unha medida que debería completarse cunha política forestal que primase a función ecolóxica do monte, evitando a plantación de monocultivos, rendibles económicamente pero altamente prexudiciais para o medio. Este cambio de mentalidade traería consigo unha serie de beneficios ecolóxicos pero tamén económicos como un maior control sobre pragas como a do nemotodo, os incendios forestais ou mesmo sobre o ciclo da auga en lugares desforestados, evitando as riadas. "Lexislatura tras lexislatura, vense primando o sector produtivo sobre o resto, obviando que un bosque é un ecosistema complexo e primordial para a vida mentres que unha plantación non é máis que un conxunto de árbores", engade Cendón. Cordero coincide coa visión ecoloxista: "En Galicia favorécese a produción de madeira, que supón un beneficio a curto prazo. Algo lóxico dende o punto de vista empresarial pero non da Administración, que debería pensar máis no futuro", afirma o profesor, quen achega outro dato: a Administración está gastando máis cartos en apagar lumes do que obtén coa actividade do sector forestal, que hoxe en día representa o 3"5% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade.

Industria e infraestruturas prevalecen sobre o monte
Esta política forestal, que prima a filosofía produtivista, ten unha segunda consecuencia para o movemento ecoloxista: a ausencia de políticas de preservación no noso territorio. Cómpre recordar que a superficie protexida de Galicia é a metade da que lle correspondería, tendo a Rede Natura máis cativa do Estado. A causa: en calquera tipo de actividade prevalece o interese económico sobre o natural. Así o cre Benito Andrade, integrante da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APdR), quen denuncia a prevalencia no monte dos intereses privados -sexa a industria madeireira, a celulosa ou a mineira- ou os denominados "de interese xeral" como as infraestruturas. "As vías de agresión estanse multiplicando", afirma Andrade, quen cre que calquera medida para reverter esta situación pasa por ampliar a protección e facer efectivas as figuras de protección existentes.

20 de xan. de 2011

Tecendo redes de soberanía alimentar--O Peto

Tecendo redes de soberanía alimentar

Portal de Economía Solidaria

A crise alimentaria actual, con máis de mil millóns de persoas no mundo que pasan fame (unha de cada seis persoas no planeta!) Destaca a falta de produtos agroalimentarios políticas promovidas polas institucións internacionais e multinacionais.


O modelo de agricultura intensiva e de alimentos, offshoring, o petróleo-dependente, quilométrica ... resultou ser totalmente inútil para atender as necesidades nutricionais das persoas. Aínda hoxe producir máis alimentos que nunca e que o aumento de poboación non foi superior á produción [2], unha parte importante da humanidade non ten acceso aos alimentos. Alimentos non son máis un dereito, para facer unha commodity para o maior tiro.


Dado o fracaso do actual modelo agrícola ten gradualmente emerxeu un paradigma alternativo centrado no concepto de soberanía alimentaria, entendida como o dereito dos pobos a decidir as súas políticas agrícolas e alimentarias. A perspectiva da soberanía alimentaria expresa a necesidade de recuperar o control sobre a forma como producir, procesar e distribuír alimentos, e no centro destas políticas de dereitos dos agricultores, dos traballadores e unha alimentación saudable para todos.
Enmarcado nesta estratexia política foi lanzada no proceso de construción do Estado español dunha Alianza para a soberanía alimentaria dos Pobos, coa intención de teceduría de redes locais, pero como parte dun proceso global para recuperar os nosos dereitos campesiños e dos alimentos, a construción de lazos de solidariedade entre o campo ea cidade e conexión con un proceso global impulsada polo movemento da Vía Campesina. Pero onde é que esta proposta da Alianza para a Alimentación Soberanía do Pobo? Que despois? Quen está implicado? Que con locais e globais? Algunhas das preguntas que respostas neste artigo:

http://www.opeto.org/novas/tecendo-redes-de-soberan%C3%ADa-alimentar

18 de xan. de 2011

Plurilingüismo no hemiciclo


Plurilingüismo no hemiciclo
Galego, catalán e vasco dan un paso no Senado

Este martes o Senado falará por primeira vez en galego no transcurso dunha sesión plenaria logo de máis de trinta anos de democracia sen que isto fose posible. Será nunha intervención do representante do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, no debate das mocións previstas para a tarde. No entanto, este é o único ámbito no que a reforma impulsada por 34 senadores nacionalistas contempla o uso do catalán, o vasco e o galego, xa que nin nas iniciativas lexislativas nin na sesión de control ao Goberno os senadores poderán facer uso dos seus idiomas maternos.

Ademais, e aínda que sexa unha cita histórica, non se trata da primeira vez que o galego se emprega no hemiciclo. Xa se facía na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas e en textos escritos. Tampouco será o paso definitivo no camiño para a normalización das linguas cooficiais, ou polo menos así o cre Pérez Bouza. "É importante, pero non definitivo. O BNG defende que sexa espallable a todo o conxunto das actividades da Cámara", sostén o senador nacionalista.

¿Senadores políglotas?
Da mesma opinión é Iñaki Anasagasti, un dos representantes do PNV na Cámara, quen considera que o obxectivo debería ser "poder utilizar o eúscaro en todos os debates do Senado". Hai uns meses, no seu blogue, Anasagasti cualificaba de "estrambote" que os deputados non puidesen falar na lingua de España que considerasen oportuna. O nacionalista vasco fixaba un horizonte maior. "Non hai que traducir unha lingua a outra, o que hai que facer é convertelas a todas nun medio habitual de expresión dos senadores", proclamaba e instaba aos representantes monolingües a aprender as demais: "Se non son capaces, que se dediquen a outra cousa".

Para o senador do PSC Ramón Aleu, en calquera caso, trátase dun avance. "Este paso adiante é un recoñecemento de España tal e como é, precisamente no Senado, que é a Cámara onde están representados os diversos territorios de España. Un recoñecemento de España polo que significa de respecto aos seus territorios", anunciou o portavoz da Entesa Catalá do Progrés e o encargado de inaugurar a nova medida na presentación dunha moción sobre o fracaso escolar.

Pérez Bouza argumenta de forma parecida para xustificar unha reforma que reverterá "unha situación anómala". A "lóxica", para el, ditamina que se fale en eúscaro, galego e vasco nunha cámara de representantes territoriais dun estado plurilingüe.

Neste senso, outra vía que tamén se debaterá na Cámara Alta é a que pretende que o ente televisivo público -todas as cadeas de RTVE- dispoña dun sistema de audio ou subtítulos en galego, vasco ou catalán. A iniciativa foi rexistrada o pasado venres polo senador do Bloc per Mallorca e PSM-Verds, Pere Sampol, e prevese que sexa debatida durante o mes de marzo.

Pérez Bouza considérao un dos pasos posibles. "Un Estado plurilingüe, como este, é unha riqueza e un activo. É intolerable que o ente público e o Instituto Cervantes pasen da promoción das linguas do Estado, sobre todo, se temos en conta que todos, cataláns, vascos e galegos incluídos, pagamos impostos", resolveu senador do BNG.
(en De Luns a Venres)

Galiza quere ver a tv portuguesa

Galicia quere ver a televisión portuguesa
O BNG, co apoio da Esquerda lusa, busca a reintegración lingüística

O BNG instou o Goberno galego para adoptar as medidas necesarias que posibiliten a recepción do sinal de radiotelevisión portuguesa en Galicia a través de TDT, co fin de avanzar cara á "reintegración lingüística" no mundo galego-portugués como factor "normalizador" do galego.

Así o sinalou en roda de prensa o deputado do BNG Bieito Lobeira, acompañado da voceira parlamentaria do Bloco de Esquerdas de Portugal, Catarina Martin, os que avanzaron que a Cámara portuguesa abordará unha iniciativa similar durante o mes de febreiro.

Lobeira transmitiu a "honra" de participar "conxuntamente" co Bloco de Esquedas de Portugal para a consecución dun obxectivo "irrenunciable, histórico e estratéxico" nos últimos 150 anos de existencia do nacionalismo, como é afondar nas relacións entre Galicia e ou mundo lusófono. Este sistema, destaca, aglutina máis de 220 millóns de persoas en todo o mundo e sitúao en "sexta posición" na lista de idiomas máis falados do globo.
Así mesmo, recordou a existencia dun acordo adoptado na Cámara galega para avanzar nese sentido e lamentou que a Xunta "non deu un só paso" para efectivizar ese "mandato parlamentario".

"A partir do mes de febreiro temos como esperamos o acordo do parlamentario portugués, e é evidente de que queda o campo libre e aberto para que os gobernos fagan todas as xestións para que isto se poida efectivizar", considera. Por iso, transmitiu a súa intención de evidenciar que "non existe ningún impedimento político", xa que "depende da vontade" do Goberno galego "incluír canles televisivas en español vinculadas a determinadas ofertas dende o punto de vista ideolóxico político" ou optar pola radio televisión portuguesa. "Que ninguén se ampare en coartadas ou escusas", advertiu.



Aumento das relacións transfronteirizas

Pola súa banda, a voceira parlamentaria do Bloco de Esquerdas de Portugal, Catarina Martin, destacou a "importancia" de afondar nas relacións transfronteirizas entre ambos os dous territorios dende o punto de vista cultural e do desenvolvemento económico e social, ao partir "do mesmo espazo" lingüístico.

A recepción do servizo público de TV por parte dos galegos e viceversa será, segundo afirma, "un paso importante" na creación de "lazos" entre ambas as dúas rexións, tras manifestar a súa satisfacción por que "todas as persoas reciban nas súas casas" a forma en que os portugueses perciben o mundo.

"Abrámonos ao mundo, pero empezando polo que temos máis preto", afirmou Lobeira, quen criticou que os centros de ensino estremeños ensinan portugués "en maior medida" ca en Galicia. "Esquecen que temos un pobo irmán co que tanto compartimos", sinala.

"Nun mundo globalizado", aproximarse á lusofonía vai enriquecer a sociedade galega, "abre novos camiños" e suporá unha "vantaxe competitiva".O BNG fundamenta a súa iniciativa no artigo 35.3 do Estatuto de Autonomía.
(en Galicia Hoxe)

13 de xan. de 2011

Lidia Senra na defensa do noso agro en Europa


Lida Senra defende en Bruxelas unha reforma da Pac que pase pola soberanía alimentaria e a regulación dos mercado

Este mércores celébrase en Bruxelas unha reunión de especial transcendencia para o campo galego. Os grupos consultivos que van debater as novas propostas de política leiteira e de Política Agraria Común da Comisión Europea sentan a dialogar, e escoitarán a proposta da representante da Coordinadora Europea da Vía Campesiña, a sindicalista galega Lidia Senra.

A que foi secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego durante 18 anos defendeu na capital belga unha reforma profunda da Pac que estea baseada no dereito á soberanía alimentaria dos pobos, no marco "dunha produción sustentable, segura, nutritiva, variada e adaptada ambiental e culturalmente". Así mesmo, a Vía Campesiña esixiu que se regulen os mercados agrarios para terminar co contexto actual de prezos "de miseria" que están a sufrir todos os sectores produtivos "e que están a provocar o peche de miles de explotacións agropecuarias cada ano".

"O resultado de continuar cunha Pac cuxo obxectivo é desregular o mercado", advertiu Lidia Senra, "coñecémolo o suficiente: prezos agrarios á baixa, miles de millóns do erario público en axudas para que os campesiños poidan sobrevivir malvendendo o produto do seu traballo a prezos por baixo dos custos de produción, e as multinacionais e grandes distribuidoras da alimentación amasando beneficios millonarios grazas aos nosos impostos e ao esforzo das explotacións". é o que describiu a sindicalista como "a fórmula perfecta" para que na Unión Europea e en Galicia continúen botando o peche miles de explotacións e se desertice "aínda máis" o medio rural.
(en De Luns a Vernres)

12 de xan. de 2011

A Ponte de Cruzul merece a declaración de BIC


12-01-2011
Por razóns históricas e artísticas, unímonos á solicitude de declaración de BIC deste exemplo da enxeñería civil
A declaración de BIC da Ponte de Cruzul en Becerreá



Esta ponte, situada no concello de Becerreá pertence ao primitivo Camiño Real e foi construído a fins do século XVIII. Posteriormente entrou a formar parte da estrada N.VI, ata que se levantou unha nova ponte nos anos 70 do século pasado dentro do chamado Plan Redia. O Concello de Becerreá e varios colectivos pediron a súa declaración como BIC (Ben de Interese Cultural), estando pendente de que se atenda esta solicitude que foi apoiada coa recollida de sinaturas no seu favor.

Esta zona entre Becerreá e Pedrafita, ten a particularidade de que desde a autovía A-6 pódense ver tramos dos trazados da vía romana, coñecida polos veciños de Cadoalla como o Camiño da Antiga, unha boa parte do cal desapareceu ao cambiar o trazado desta infraestrutura, o Camiño Real de Carlos III, e a antiga Nacional VI do Plan Redia. Do mesmo xeito temos pontes de distintas épocas que se corresponden coa evolución desta primitiva vía de acceso a Galicia desde Castela.

O Camiño Real de Carlos III

A rúa principal de Becerreá chámase Avenida de Carlos III, porque é un anaco do antigo Camiño Real que xurdiu grazas ás súas políticas ilustradas, inspiradas por Tomás Fernández de Mesa, o padre frei Martín Sarmiento e Bernardo Ward, que impulsan un novo trazado do Camiño Real. Os executores foron Leopoldo de Gregorio, marqués de Esquilache (h. 1700-1785) e José Moñino e Redondo, conde de Floridablanca (1728-1808). O Real Decreto de 10 de xuño de 1761, ten por finalidade a construción de camiños rectos e sólidos en España, recoñecendo a prioridade dos camiños a Andalucía, Cataluña, Valencia e Galicia. É dicir, unha rede radial, centralista por partir da capital do reino, cuxo resultado práctico hoxe está en cuestión.

O director do Camiño Real de Madrid a Coruña, e o trazado desde Astorga, débese ao tenente coronel de enxeñeiros Carlos Lemaur, traído a España polo marqués da Ensenada e autor de varias obras de arquitectura en Galicia entre as que está a capela maior da catedral de Lugo, e con toda posibilidade esta ponte. O camiño terminouse nos últimos anos da década final do século XVIII.

A ponte de Cruzul, que se construíu nos anos finais do reinado de Carlos III (1759-1788) e primeiros do de Carlos IV (1788-1808), está situado no quilómetro 465, da antiga estrada N-VI, salvando o desnivel por onde discorre o río Cruzul ou Narón, afluente do Navia. Ten unha lonxitude de 93 m e 9,60 m de ancho. É unha obra de enxeñería de estilo neoclásico que está plenamente integrada na contorna, de pedra calcaria extraída da zona, emerxendo entre unha potente vexetación. Neste caso a estética da ponte contribúe á estética da paisaxe, pero o abandono da agricultura na zona fixo que se invadise a zona con vexetación arbustiva que impide a contemplación, e mesmo fotografala.

As lendas

Aprendín da miña nai, e ela á súa vez do seu pai, o dito que pasando de xeración en xeración magnificaba esta obra:

Entre picos y azadones costó 14 millones

Ignoro cal foi o custo, pero con iso o que querían reflectir as xentes era a admiración que no seu momento causou a propios e estraños.

Chegou a circular a lenda, atribuída sen fundamento por razóns cronolóxicas a Isabel II, de que cando lle presentaron as contas da ponte, asombrouse do seu custo, e saíndo ao balcón do Palacio de Oriente coa man posta a modo de viseira sobre os ollos, mirando cara á serra de Guadarrama, dixo que non o vía. A raíña tería que ser María Luísa de Parma, esposa de Carlos IV.

Alberto Blas Ferreiro ocupouse de facer historia da ponte en varios artigos publicados en El Progreso no verán de 1964. Comezaba o seu primeiro artigo dicindo que escoitara de neno "lo que han oído y siguen oyendo todos los niños de la comarca de Becerreá, sobre lo que tradicionalmente viene diciéndose del puente de Cruzul".

Recomendaba velo desde a curva da Porteliña, onde morrera nun accidente o célebre doutor Culebras, en dirección Coruña, pois está situado no quilómetro 466 da antiga N-VI, divisoria entre os ríos Navia e Cruzul.

A outra lenda é que os franceses voárono en 1809, cando de ser certo quen o tería que facer eran os ingleses que ían en retirada cara á Coruña para embarcar no seu porto, e retardar así o paso dos seus perseguidores, dous corpos de Exército, un con 25.000 homes ao mando de Soult, e o outro con algo menos, ao mando de Ney. A retagarda dos ingleses ía voando as pontes para retardar o avance dos franceses pero non conseguiron voar a de Cruzul, que debuxou o médico dos ingleses Adam Neal.

Por razóns históricas e artísticas, unímonos á solicitude de declaración de BIC deste exemplo da enxeñería civil que debemos conservar como unha parte da historia da arquitectura e das comunicacións en Galicia.
(en Terra e Tempo)

Móllate polos humidais


(foto : lagoa de Xuño)
Móllate polos humidais. Móllate polas lagoas de Xuño e Muro
ADEGAA Asociación

2 de febreiro, DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS. A 'Fundación Biodiversidad' e o CEHUM veñen de seleccionar unha actuación proposta polo Proxecto Ríos-ADEGA no marco da iniciativa MÓLLATE POLOS HUMIDAIS. Estas actuacións realizaranse con motivo da celebración no 2011 do 40 cabodano da Convención Ramsar e do Ano Europeo do Voluntariado; desenvolvendo no estado cinco actuacións simultáneas o día 2 de febreiro, Día Mundial dos Humidais, unha delas en Galiza. Proxecto Ríos-ADEGA ten previsto desenvolver nesas datas diversas actuacións encamiñadas a mellorar o estado ecolóxico de dous humidais protexidos: as lagoas de San Pedro de Muro e Xuño, no concello de Porto do Son. Baixa a MEMORIA das actuacións (257 Kb).
As intervencións pretenden divulgar os seus valores e problemáticas realizando actuacións dirixidas á eliminación de especias exóticas invasoras. Os traballos realizaranse con voluntariado ambiental coordinados por persoal técnico do Proxecto Ríos-ADEGA, seguindo en todo momento as indicacións que establezan os servicios de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza e do Ministerio de Medio Ambiente, dacordo cos protocolos para a erradicación de especies exóticas invasoras.

Como actuacións previas para dar a coñecer a acción que se desenvolverá o día 2 de febreiro realizaranse:

-Charlas divulgativas para dar a coñecer os valores e as problemáticas dos humedais costeiros e para presentar as actuacións á población local e fomentar a sua participación na acción central do día 2 de febreiro.

-Actividades cos centros educativos cercanos: Realizaranse actividades (palestras, obradoiros e saídas), destacando a importancia dos humedais e a súa conservación. Con estas accións preténdese involucrar tamén á comunidade educativa no proxecto.

As voluntarias e os voluntarios que queiran participar na acción do día 2 de febreiro poden apuntarse no seguinte enderezo:

Ramsés Pérez
Coordenador de Programas de Educación Ambiental de ADEGA
ramses@adega.infoEste enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Telf: 981 57 00 99 e móbil: 616 23 80 50

11 de xan. de 2011

Ana Pontón ,sobre a inauguración da Cidade da Cultura


" Queren eliminar o adxectivo nacional do arquivo e da biblioteca ao inauguralas este martes cunha exposición fotográfica foránea, coma se non tivésemos fotógrafos en Galicia para protagonizar esa exposición!", sentenciou Pontón.
(en De Luns a Venres)

9 de xan. de 2011

Aldeas de fin de semana (Galicia Hoxe)


Aldeas de fin de semana
Pequenos núcleos como Froxán ou Seceda, no Courel, que foron declaradas Ben de Interese Cultural, convertéronse en refuxios para urbanitas e amantes da natureza
Tradicións como a pisa da castaña mantéñense vivas na aldea de Froxán, no Courel



Cada vez son máis as aldeas gale­gas que se quedan baleiras, conver­tidas en núcleos pantasma. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) son xa máis de 1.300. E é que cada vez resulta máis difícil manter a vida nesas pequenas aldeas repartidas pola xeografía da comunidade galega.

O paraíso verde da serra lu­cense do Courel é un deses lugares que está quedando sen xente e moitos dos seus núcleos baleiros. De non variar a súa tendencia demográfica moi pronto será un páramo humano. Nun munici­pio que esmorece no ámbito social e poboacional localízanse dous pequenos núcleos: Froxán e Seceda que tratan de romper moldes e cambiar esa ameaza­dora dinámica regresiva.

Estas aldeas, rehabilitadas ó amparo do plan Leader do Courel, foron declaradas pola Xunta, hai case catro anos, Ben de Interese Cultural (BIC). A xustificación para outorgarlle a cat­egoría de monumento etnográfico radica en que representan un sin­gular exemplo do mantemento da vida tradicional no rural galego, nun excepcional contor­no natural.

Hoxe estas dúas aldeas, sobre to­do Froxán, son unha especie de re­fuxio para urbanitas, amantes da natureza e para algún que outro bohemio. E nelas conviven os nativos do Courel con estes novos veciños de fin de semana e de épocas vacacionais.

Vitorino, un compostelán namorado do Courel e da vida rural, que tra­balla e reside en Santiago, adquiriu, hai 15 anos, unha casa neste nú­cleo rural. "Paguei por ela un millón de pesetas de entón e xa rompín moldes de prezos á alza", comenta. Engade que "hoxe os prezos triplicáronse e un sequeiro cotízase ao redor dos 6.000 euros e unha casa en ruínas para rehabili­tar sobre uns 18.000 euros".

Vitorino utiliza esta segunda residencia as fins de semana, pontes e en épocas vacacionais. Na súa mesma situación, segundo si­nala, hai unha decena de persoas en Froxán. É xente de cidade que comprou unha pequena casa na aldea para escapar do cemento e dos coches a este paraí­so verde, fóra do tempo.

Pese ó novo valor de reliquia etnográfica destas aldeas, que propiciou eses asentamen­tos, algo máis de actividade social en datas sinaladas e un certo movemento no mercado inmo­biliario, a realidade é que se están apagando pola falta de perspec­tivas de futuro para os nativos. Os que hoxe viven nelas non che­gan a medio centenar, segundo os últimos rexistros do INE.

Para que se manteñan eses modos de vida tradicional que lles valeu a categoría de BIC ten que haber xente e cada vez hai menos no Courel.



Vitorino: "Teñen que declaralo Parque Natural"

En opinión de Vitorino, defen­sor sen concesións dos valores da serra courelá, a solución pasa "por que o declaren Parque Natu­ral, aí está o exemplo asturiano de Somiedo. Aquí a agricultura e a gandería teñen que estar sub­vencionadas, pois senón desa­parecerán. Son necesarios fondos económicos como os que reciben estes parques", afirma rotundo este compostelán.

En opinión de Vi­torino "os que vivimos en Froxán creo que estamos bastante inte­grados na vida da aldea, eu polo menos relaciónome con todo o mundo e adoito acudir á casa de veciños amigos a charlar ou to­mar un viño, isto é algo que me parece fundamental para a vida da comunidade".

Esta situación non se dá en igual medida en Seceda, unha aldea de conto, cunha arquitectura tra­dicional que foi rehabilitada respectando a súa estética tradicio­nal. Aquí, a decena de urbanitas asentados, que adquiriron unha casa como residencia estacional, acoden de forma máis esporádica e van máis ó seu aire, segundo reco­ñece un veciño asentado no lugar.



TRADICIÓN Un modo de vida "medieval"

Segundo o de­creto emitido no seu día pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, estas dúas aldeas das terras montañosas do Courel representan un singular e destacado exemplo de vida tradi­cional, de forma que a dureza do clima e a topografía do terreo, o seu illamento secular e a súa pobre­za económica, que contrasta coa súa riqueza natural e paisaxística, permitiron o mantemento de modos de vida tradicional que, en moitos casos, proceden de tem­pos medievais.

Arquitectura e construcció­ns populares, tradicións -como a pisa da castaña-, paisaxes e costumes son os elementos xe­nuínos e distintivos de Froxán e Seceda que se mantiveron in­alterables desde hai séculos e que serviron para outorgarlles a estas aldeas esa categoría de Ben Cultural.

7 de xan. de 2011

O domingo temos cita


Membros de Ríos con Vida, grupos ecoloxistas, pescadores deportivos, promotores do desenvolvemento rural e amantes dos ríos e da natureza manifestaranse este domingo, 9 de xaneiro, ás 12:00 da mañá, ó pé da presa do encoro da Capela pola recuperación do Eume. Cúmprense un ano da denuncia posta pola asociación Ríos con Vida por mor da desecación do Eume por parte de Endesa e mentres se segue esperando a que "se faga xustiza", os manifestantes lembrarán esta fin de semana os danos causados ó río e lerán un manifesto.

No texto, titulado "O Eume: Medio século desecado", denuncian que este río leva cincuenta anos "arruinado pola vella cultura da auga". "Antes de que existise esta presa, o Eume era un río cheo de vida. Había nel unha canle viva e os salmóns e reos vivían no tramo que Fenosa no seu día, e agora Endesa, desecaron desde hai máis de cincuenta anos", aseguran. Por que? Segundo Ríos con Vida, por "unha falta total de sensibilidade e de interese na conservación do medio", pero tamén "porque os que tiñan que velar pola boa conservación do río permitíronllo, como permiten novos danos", como o "enchido das minas das Pontes, verteduras acedas e unha nova explotación mineira", e tamén "porque os cidadáns permanecemos pasivos, aceptando os feitos consumados e mirando, resignados, o leito do río seco".

Ríos con Vida naceu coa vocación de defender os ríos das tropelías que sofren, utilizando para iso o traballo dos seus socios e a Lei que moitas veces os poderes públicos non velan o suficiente para que se cumpra.

Esta organización denunciou a Endesa hai un ano por secar o Eume e agora lémbrano "para que as reivindicacións da cidadanía en defensa dos ríos non caian no esquecemento, para que os malintencionados, os prevaricadores e os que regalan os nosos ríos saiban que estamos vixiantes e para que nunca máis se abuse das veas da nosa terra, do país dos mil ríos, dunha forma tan indigna", din no manifesto, no que advirten que pronto lles tocará tamén "ó Xallas, ó Sil, ó Umia e a outros ríos", mentres "os que lles extraen beneficios" non o fagan " nunhas condicións dignas para o río e os seus moradores, e deixen de burlarse da cidadanía".

Endesa, detrás deste desastre

Ríos con Vida denunciou pola vía penal no 2010 a Endesa ante a Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG. Acusa a eléctrica de desecar o río durante os últimos 50 anos. Segundo o informe remitido á Fiscalía e redactado por Mark Adkinson "a presa propiedade de Endesa mantén secos 3,4 quilómetros", entre o muro da presa e a central eléctrica onde se turbinan as augas. Para a asociación, os feitos poden ser constitutivos de "delito contra os recursos naturais e o medio".