Amosando publicacións coa etiqueta Política Lingüística. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Política Lingüística. Amosar todas as publicacións

10 de ago. de 2014

O galego desaparece de Infantil

Os resultados da enquisa da Mesa pola Normalización sobre o uso do galego como lingua vehicular dos centros de Educación Infantil (o que inclúe o emprego de materiais didácticos en galego) testemuña o que xa coñeciamos: o Decreto de Plurilingüismo provocou a súa práctica desaparición en todas as cidades.


En Galicia Confidencial

5 de nov. de 2012

25 de xan. de 2012

Propostas dos Equipos de Normalización ao secretario de Política Lingüística

Na tarde do luns 23 de xaneiro membros do Consello Directivo da CGENDL foron recibidos en San Caetano por Valentín García, en calidade de novo Secretario Xeral de Política Lingüística.Nun clima de diálogo franco e cordial, a CGENDL expúxolle a Valentín García a necesidade urxente de mudar a política levada até o momento polo seu departamento para que se comecen a executar políticas de normalización lingüística realmente efectivas. A Coordinadora presentoulle unha serie de propostas e demandas dos Equipos de Normalización Lingüística ao novo Secretario Xeral, que se comprometeu a estudalas coa maior atención, aínda recoñecendo a dificultade de aplicalas no seu conxunto. Pola súa parte, Valentín García mostrou a súa vontade de diálogo permanente coa Coordinadora, así como o seu apoio ao proceso de normalización da nosa lingua. No apartado de compromisos concretos, afirmou que pretendía intensificar o labor dos coordinadores provinciais da administración no asesoramento aos Equipos e que desexaba ter en conta as súas propostas no deseño de xornadas de formación ou nos criterios para a convocatoria de axudas.

Polo demais, Valentín García anuncioulle á CGENDL que a convocatoria de axudas ao fomento do galego nos centros escolares deste curso farase pública nos próximos días e que durante o mes de febreiro se pagaría o adebedado do ano 2011. Desde a CGENDL críticouse a tardanza tanto nos pagos pendentes como na convocatoria de novas axudas, xa que provocaron unha paralización da actividade dos Equipos, e esixiuse que a partir do vindeiro curso se volvan convocar as subvencións en setembro, para así poder planificar ben o traballo normalizador e desenvolvelo dun xeito eficaz durante todo o curso.
Por último, e máis alá das propostas concretas, reclamouse por parte da administración educativa un maior compromiso coa defensa e promoción do labor dos Equipos de Normalización, para que estes perciban no día a día un apoio institucional que sirva de reforzo positivo da súa acción social a favor da lingua propia de Galicia.
EN GALICIA CONFIDENCIAL

17 de xan. de 2012

A Xunta reduce os cursos de galego un 22%

A convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos certificados de galego terá un 41% menos de orzamento este ano. Os niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga redúcese drasticamente respecto da convocatoria do pasado ano, deixando a 11 localidades sen garantía de oferta, segundo denuncia a CIG.

Na orde publicada no DOG do 9 deste mes o orzamento destinado á realización destes cursos preparatorios redúcese en máis do 41%. Na convocatoria de 2011 o orzamento destinado a esta actividade ascendía a 450.000 €. Na convocatoria para 2012 o orzamento redúcese en 185.000 €, di a central.

En 2011 a Xunta ofertaba 58 cursos de xestión directa repartidos entre as sete cidades (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) e as vilas  de Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Monforte, Sarria, Vilalba, Viveiro, O Barco, Verín, Celanova e Ribadavia.Porén este ano soamente realiza unha convocatoria directa de 43 cursos (un 22,5% menos), sen realizar oferta ningunha fóra das sete cidades, polo que non queda garantido que haxa oferta fóra das sete cidades.

A CIG denuncia que "a Xunta do PP está utilizando a súa falsa política de austeridade para ir reducindo as axudas e as iniciativas a prol do uso e o coñecemento do noso idioma nun momento no que todos os estudos científicos indican que o galego está reducindo o seu espazo lingüístico na sociedade".

EN GALICIA CONFIDENCIAL

9 de xan. de 2012

A CGENDL valora a xestión do Secretario Xeral de Política Lingüística

Co anuncio feito onte por parte da Xunta de Galicia da marcha do actual Secretario Xeral de Política Lingüística ponse fin a unha das etapas máis nefastas deste organismo, durante a que se adoptaron medidas lesivas para a nosa lingua en todos os ámbitos,  lanzouse un discurso negativo ao redor do idioma e  creáronse novos prexuízos, mesmo amparados e potenciados pola propia administración galega.
Esta situación foi se cabe máis grave no que respecta ao ensino, ámbito no que se desenvolve a CGENDL, xa que durante os anos de xestión de Anxo Lorenzo se tomaron unha serie de medidas que nos reiteran nunha valoración negativa do seu traballo á fronte da SXPL:
1/ A derrogación do decreto 124/2007, que desenvolvía a LNL e recollía as medidas do Plan Xeral de Normalización, refrendado por unanimidade no Parlamento Galego coa finalidade de asegurar que o alumnado rematase os seus estudos obrigatorios con plena competencia en ambas linguas oficiais.
2/ A aprobación do decreto 79/2010, que reduce a presenza do galego como lingua vehicular contornos urbanos e semirubanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias.
4/ A falta de interese por aumentar os recursos didácticos, actualizados e de calidade para impartir aulas en galego e por elaborar recursos para a súa aprendizaxe por parte do alumnado estranxeiro e do que ten necesidades educativas especiais.
5/ A despreocupación por dotar o Programa Abalar de materiais en galego (sendo este escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua), feito que está a provocar que o idioma fique abeirado nas novas tecnoloxías.
6/ A inacción ante cuestións importantes para o idioma como a desaparición de diversos medios en lingua galega, que son recursos de grande valor didáctico e normalizador, a desaparición de ferramentas normalizadoras de uso didáctico (flocos.tv, oferta cultural aos centros...) ou algunhas simbólicas e de plena actualidade como o silencio outorgador ante a falta de rigorosidade do Valedor do Pobo na censura dun libro de texto.
7/ O abandono dos Equipos por:
    
  • o desamparo ante os ataques criminalizadores que sufrimos e seguimos a sufrir por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua,
  • a falta de coordinación real das actividades normalizadoras dos equipos,
  • a ausencia de medidas que faciliten o labor diario, como a regulación de horas de dedicación para os membros dos EDLG, a posta en marcha de programas formativos e de propostas para desenvolver nos centros, a transmisión de información e orientación correcta do traballo, etc., e
  • a falta de apoio económico que impide unha planificación seria do traballo: rematou o 1º trimestre do curso 2011-2012 sen que lles ingresaran aos centros as axudas resoltas en novembro de 2010 e neste momento aínda non se convocaron as deste ano, que contemplan un 33% de recorte (dende o ano 2009 a diminución das axudas foi dun 60%). Como consecuencia disto, reséntese fortemente a programación cultural dos centros educativos, desenvolvida en grande parte polos EDLG, que complementan con numerosas actividades a formación do alumnado.
A CGENDL agarda que este departamento comece unha nova etapa na que asuma as funcións que lle son propias e pase a planificar e executar políticas de fomento e promoción do galego na sociedade.


En GALICIA CONFIDENCIAL, 5 DE XANEIRO DE 2012

9 de ago. de 2011

Entrevista co autor de 'El nacionalismo lingüístico'

 O catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Carlos Moreno Cabrera (Madrid, 1956), publicou "El nacionalismo lingüístico. Una ideología destructiva" (Ediciones Península). Trátase dun traballo que aborda o nacionalismo lingüístico español, ao que considera excluínte.


A priori, o título do seu libro parece unha diatriba contra o nacionalismo periférico e as linguas do
Estado distintas do castelán.

Esa é a impresión que dá. O editor buscaba un ámbito amplo de difusión e, como título, “O nacionalismo lingüístico español” tiña pouca chicha.

En Galiza, o conflito da lingua dase co exterior pero tamén interiormente.
No libro non analizo a situación lingüística, senón a ideoloxía que oculta o nacionalismo do Estado. Trato de demostrar que si que existe ese nacionalismo de Estado e que é explícito aínda que non se vexa. É unha ideoloxía que toma corpo en moitos lugares, como en Galiza, aínda que o fai con pequenos matices. Ese nacionalismo preséntase baixo datos que se proclaman obxectivos, pero que están motivados ideoloxicamente e que teñen como intención dotalo dunha pátina científica. Moitos filólogos empregan o seu prestixio para avalar esa visión do Estado. Por exemplo, dise que o castelán é un idioma máis fácil porque ten cinco vocais. É unha idea que parte de Menéndez Pidal e que aínda se repite. Pois ben, o vasco tamén ten cinco vocais, pero dese idioma non din que é doado.

Aquí, un sector da sociedade reclama o dereito a escoller lingua –o castelán– na que se expresar e mesmo na que estudar. Sitúan o debate nunha cuestión exclusivamente de dereitos individuais.


A ideoloxía estatal considérase allea a etnias e afirma que se basea nos cidadáns e os seus dereitos, pero detrás diso hai un nacionalismo estrito. Se non fose así, calquera galego podería montar unha tenda en Madrid e prestar todos os servizos no seu idioma, non habería problema, estaría a exercer un dereito individual. Porén, iso non é así, obrígano a empregar o español.

Tal vez por operatividade, porque non podemos saber todas as linguas dos que chegan aquí.

Esa é unha idea falsa, unha tapadeira do nacionalismo lingüístico español. As comunidades teñen dereitos lingüísticos. O propio Estado resérvase na Constitución o dereito a defender o idioma español.

Estaría conforme con que o deber de coñecer español desaparecese da Constitución?

Caben dúas opcións, obrigar a coñecer as outras linguas de España, se que é estamos nun Estado plurilingüe, ou non mencionar ningunha obriga nin deber a respecto dos idiomas, o español incluído. Claro que se se propón algunha destas posibilidades, o máis posíbel é que o Estado manteña o seu discurso nacionalista.

No seu momento, cando se formulou a posibilidade de que a Lei de Normalización Lingüística do galego incluíse o deber de saber galego, a Constitución prohibiuno.Como se pode entender que se lle diga a un pobo como o galego o que debe facer coa súa lingua? Iso é colonialismo.

En A NOSA TERRA 

20 de xan. de 2011

A "modestia galega"

A "modestia galega"
Preséntase en Bremen unha tese de licenciatura que toma o Decreto de Feijóo como modelo para levar as linguas minorizadas á beira da súa extinción
O principal resultado é que "a vitalidade é un proceso inherentemente creador" e que o Decreto do ensino do Goberno Feijóo "corta" un campo do uso do galego (as matemáticas o as ciencias naturais, denominados Loss of existing Domain), de tal xeito que recorta a lingua na súa vitalidade, "porque de facto prohibe a creacion da lingua nun campo determinado e prohibe o desenvolvemento libre dos seres humanos", en conexión tanto cos dereitos lingüísticos como cos dereitos humanos.

Pesselova observa catro tendencias: a máis importante é a que deixa a lingua marchar cara ao "falecemento" e que se acomete unha "política de violación e manipulación", ao tempo que se rexistra unha perda do material educativo e a consecuente interrupción de transmisión entre as xeracións.

Deste xeito, co Decreto do 2009, o galego pasa de ser avaliada como unha lingua vacilante a quedar no estatus de "definitivamente en perigo".

Na segunda parte do traballo, a investigadora intenta chegar a un entendemento máis profundo do caso galego a través dos conceptos de "sentimento vs. emoción" (baseados en lingüística antropolóxica e psicoterapia moderna) e "concepto do mundo interno e externo" (baseados en Wilhelm von Humboldt). Facendo a síntese das dúas liñas, chega a unha interpretación de "modestia galega" que fai a situación comprensible.
(Galicia Hoxe)

19 de xan. de 2011

A Xunta recoñece a necesidade do requisito do galego nos procesos selectivos da Administración Pública Galega (Cadernos de Comunicación e Análise)

Conclusións do Congreso Europeo de Xuventude Galega no Exterior
(Nuremberg, 2010)
Os pasados 5, 6 e 7 de novembro de 2010 a xuventude galega en Europa
reuniuse para debater sobre a realidade das comunidades galegas no exterior.
Propuxéronse tres relatorios sobre as cales chegáronse ás seguintes
conclusións................................................................................................................................................................ Propostas como a creación de oficinas de traballo e xuventude nos
centros galegos ou a esixencia do requisito do galego para poder acceder aos
postos da administración pública, poderían beneficiar ao retorno daqueles que
o demanden.........................................................

18 de xan. de 2011

Obrigada a utilizar o castelán (Galicia Hoxe)

Moza de bacharelato denuncia o galego da Xunta nuns exames
Asegura que o idioma utilizado é moi deficiente e que dificultaba a comprensión dalgúns dos enunciados, o cal forzaba o uso do castelán

A denuncia pon en dúbida o uso do galego nos exames da Xunta

A Mesa pola Normalización Lingüística faise eco da queixa realizada publicamente por unha alumna de primeiro de bacharelato que denunciou que a última convocatoria de exames para premio extraordinario da ESO estaba realizada nun galego moi deficiente e que dificultaba a comprensión dalgúns enunciados, o que forzaba a utilizar a versión castelá, esta si redixida coa corrección debida.

Segundo declara a estudante, nas probas introducíase y no canto da conxunción galega e, una no canto de unha, la no de a, etc. Ademais, nas probas de matemáticas (unha das materias que a actual Xunta prohibe ministrar en galego), o galego da Xunta dificultaba gravemente a comprensión: "A cousa falaba dun foguete que despegaba e había que representar unha gráfica coa altura á que chegaba. Ao final, dicía: "dende o eixe do chan é x". Con todo o que dicía antes e o pouco que viña despois, non puiden comprender o que esa frase viña dicirme polo que tornei o papel para comprobar se é que o meu pavor polas matemáticas facía que non entendese de que ía o problema ou, como ben supuxen, era cousa da redacción. En castelán dicía: "donde el eje del suelo es x". Obviamente, hai unha moi clara diferenza entre dende e onde." A rapaza conclúe por iso a súa queixa sinalando: "Coido que como estudante galega que son, teño todo o meu dereito a poder ler, entender e facer un problema de matemáticas no meu idioma sen ter que darlle a volta ao exame".

Escrito a Jesús Vázquez

Para Carlos Callón, presidente da Mesa "é unha desidia procurada pola propia Xunta, que máis unha vez deturpa o galego porque non considera que sexa un idioma de verdade, útil e cohesionador da sociedade galega" e lamenta a "exhibición de desprezo pola cultura galega" por parte de quen debería ser "a primeira institución en coidala e promovela".

Neste sentido, Carlos Callón manifestou que se dirixiu ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, para lle reclamar unha explicación e mais para que situacións como as anteditas non se volvan producir.

14 de xan. de 2011

Liberdade para ignorar aos galegofalantes


Liberdade antigalega
A Mesa denuncia que desde maio do ano pasado non se realizou ningún xuízo rápido en galego

Se no ano 2009 foran setenta os xuízos rápidos en galego, desde o 4 de maio de 2010 a cantidade reduciuse a cero. A razón desta dramática redución é, en palabras do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, o novo programa informático proporcionado polo Goberno galego, denominado Minerva, impide desde o uso da lingua galega en calquera procedemento da administración de xustiza.

Os datos, apunta Callón, proporcionounos a propia Xunta e demostran o nivel de discriminación que padece o galego na administración de xustiza, "onde as persoas que queren usar o idioma propio do país son tratadas de forma deficiente, irregular e, sobre todo, inxusta".

O programa Minerva substituíu o pasado mes de maio o programa Libra, que permitía realizar en galego o vinte por cento dos impresos da Xustiza. Á Mesa, ese vinte por cento parecíalle insuficiente e protestaron ante a consellería, "pero a situación actual aínda é peor. Eu síntome como cidadán de segunda. Son as consecuencias do vello principio de liberdade de liberdade lingüística que defende o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo: es libre de escoller se escolles castelán".
(Galicia Hoxe)

5 de xan. de 2011

Segue a desmontaxe do país (nova tirada de A Nosa Terra)



De costas á comunidade escolar
Lei a medida para 'lexitimar' o Decreto do Galego
Redacción . A Xunta presenta o proxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa para darlle cobertura legal á consulta aos pais sobre o idioma no que impartir cada materia.

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez. Pepe Ferrín/AGN
A patronal dos xoguetes alertaba onte do perigo dos envoltorios. Case á mesma hora o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, presentaba o proxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa.

Non se fixeron agardar as críticas dos sindicatos do ensino.

A máis contundente foi a CIG, que revalidou hai pouco a maioría nas eleccións sindicais no sector.

“A Consellaría de Educación insiste en prácticas antidemocráticas para promover un proxecto de Lei reaccionario”, afirman desde a central nacionalista.

Consideran os nacionalistas que, no envoltorio doutras medidas, do que se trata é de “darlle cobertura legal ao decreto do plurilingüismo”, en consonancia co ditame do Consello Consultivo.

Tentaría deste xeito, como xa tiña anunciado o presidente, Alberte Núñez Feixóo, promulgar unha lei á medida que contempla a consulta aos pais sobre o idioma en que impartir as materias.

O conselleiro, Xesús Vázquez, na rolda de prensa, afirmou que se ben non pode ser consultada a programación xeral do ensino aos pais, si hai que garantir a “obriga da lei de promover o galego”.

Tentaría, co subterfuxio de “promover o galego”, consultar os pais e reducir as aulas dadas no noso idioma.

Cando foi preguntado se lles consultaría aos pais no novo curso sobre o idioma que querían para os seus fillos, limitouse a afirmar que “o noso plano e cumprir o programa do PP”.

Todos os sindicatos coinciden en afirmar que este proxecto é escurantista porque foi elaborado de costas á comunidade escolar, e presentado mentres se estaba de vacacións, como xa ocorrera co Decreto de Plurilingüismo.

Na Radio Galega, Xesús Vázquez, dixo que esas críticas non tiñan senso, pois habería que presentalo “algún día”. Tamén negou que se fixese de costas á comunidade escolar, “pois participou un grupo de especialistas”.

Pero a CIG denuncia que na última Mesa Sectorial do ano reclamou información sobre este tema sen conseguir por parte da consellaría “ningún tipo de información”.

As grandes medidas que aparecen no envoltorio desta lei, e que publicita a consellaría, son que Galiza será a primeira comunidade en regular por lei o acoso escolar, que se converte o profesor en autoridade pública con presunción de veracidade e que o Consello Escolar poderá pórlle límites á vestimenta dos alumnos, mesmo marcar un uniforme, se o consideran oportuno. Tamén requisarlles aos alumnos os obxectos que podan perturbar o desenvolvemento docente, tal caso como os teléfonos móbiles.

Desde a CIG afirman que os problemas do ensino non se resolven cunha “propaganda falaz” e que a autoridade e outros problemas se acrecenta “con máis medios e sen ter que realizar funcións que non son as súas, como a vixilancia”.

O sindicato nacionalista demándalle a consellaría que lle entregue o proxecto, que tampouco lle foi remitido ao Consello Escolar de Galiza, e que abra o debate preceptivo.

O conselleiro chamou na Radio Galego ao “consenso e á participación”.

3 de xan. de 2011

Xa era hora (nova tirada de Galicia Hoxe)


O Senado é a cámara territorial do Estado español e ata agora nela non se admitía falar nas linguas cooficiais (que non sexan o castelán)
Tódalas linguas cooficiais,entrarán de forma normalizada no Senado español no primeiros pleno deste período de sesións, os próximos 18 e 19 de xaneiro. A Cámara Alta cumprirá así a reforma do Regulamento acordada por todos os grupos parlamentarios para ampliar o uso das linguas cooficiais, xurdida por mor da iniciativa que presentaron 34 senadores, ningún deles encadrados no nacionalismo español. O uso dos idiomas cooficiais custará 11.950 euros por sesión, cifra moi criticada, precisamente, polo nacionalismo español, que o considera un gasto superfluo. Mentres que as axencias españolas informaron onte polo miúdo do gasto que supón o novo servizo, non informaron pola contra dos postos de traballo que se crearán.

20 de dec. de 2010

O director da RAE defende a inmersión lingüística (nova tirada de A Nosa Terra)


'O catalán ten que sobrevivir'
O director da Real Academia Española a prol da inmersión educativa
Redacción . O novo director da Real Academia Española (RAE), José Manuel Blecua, defendeu o modelo de inmersión lingüística que se desenvolve no ensino en Catalunya 'porque o catalán ten que sobrevivir'

Para o novo director da RAE, non existe conflito lingüístico en Catalunya. "Levo 50 anos vivindo en Catalunya e nunca tiven o máis mínimo problema". Considera este catedrático emérito da Facultade de Filoloxía Española na Universidade Autónoma de Barcelona que é o catalán a lingua que está en perigo e a que necesita apoio público. "O catalán ten unha posición débil porque o castelán ten unha potencia tremenda".

Blecua naceu en Zaragoza no 1939 e é experto en Fonética e Fonoloxía e considérase "o representante da lingua castelá en Catalunya desde o 1968". Desde esa posición de privilexio, o director da RAE gaba o modelo de inmersión lingüística na educación. "O catalán ten que sobrevivir. Desgraciadamente, un pasea polas rúas e ve un xornal escrito en catalán e unha ducia en castelán. Na internet a cousa é peor: hai mil webs informativas escritas en castelán". Para Blecua, "a presión é moi grande polo que hai que protexer o catalán, sobre todo no apartado da normalización lingüística".

Para o catedrático, o catalán enfróntase ao poder do castelán e ao cambio social, que fai que en Catalunya convivan nalgúns concellos máis de 20 nacionalidades. "En moitos sitios hai máis estranxeiros que nacidos en Catalunya". Entre as medidas tomadas que lle gustan destaca a aprobación dos topónimos oficiais nas linguas periféricas. "Son denominacións oficiais e poden usarse sen problema en castelán Girona, Maó e A Coruña". Engade "É lóxico que os falantes das linguas oficiais distintas ao castelán sintan que están menosprezados os seus topónimos. Todos os hispanofalantes estamos namorados da nosa lingua e temos que entender que un catalán, un galego ou un vasco tamén o estean da súa. -Estas linguas permiten rezar, namorarse e escribir".

10 de dec. de 2010

Maioría sindical contra o decreto (nova tirada de A Nosa Terra)

Os sindicatos do ensino que se opoñen ao decreto do plurilingüismo saen reforzados das eleccións sindicais. A CIG reforza a súa posición maioritaria, co 43% dos delegados escollidos en toda Galiza. CC OO é a segunda forza máis representada.


As eleccións sindicais no ensino non universitario reforzan á CIG-Ensino como organización maioritaria. O sindicato nacionalista conseguiu 63 delegados sindicais, dez máis que nas anteriores eleccións, con máis do 43% de representación.

A segunda forza máis votada foi Comisións Obreiras, con 25 delegados. A UGT obtivo 22 delegados.

A ANPE é a cuarta forza máis votada, con 18 representantes. O STEG obtén 14 delegados e o CSIF, catro.

A CIG venceu nas catro provincias agás en Ourense, onde quedou emparellado con oito representantes cando a Comisións Obreiras.

Estes resultados veñen confirmar a hexemonía sindical non só da central nacionalista senón o voto masivo ás organizacións que se opuxeron ao decreto do plurilingüismo.

9 de dec. de 2010

Informe Pisa



CIG-ENSINO
Os resultados do Informe Pisa en que o alumnado galego supera a media española, reférense ao momento en que as materias científico-técnicas se impartían en galego, contradecindo os argumentos usados pola Consellaría contra a nosa lingua
Sendo os criterios deste sistema de avaliación da OCDE cuestionables polo seu uniformismo, economicismo e reduccionismo
A CIG-Ensino lémbralle á Consellaría de Educación que os resultados do Informe Pisa, que tan positivamente avaliaron nos medios de comunicación, reférense ao momento en que aínda estaba en vigor o Decreto 124/2007 (abril e maio de 2009) e, por tanto, avalían a aprendizaxe das matemáticas e as ciencias no noso idioma.
Informe PISA

A CIG-Ensino considera que o informe Pisa non pode ser o único método de avaliación do sistema educativo galego, pois este informe feito pola OCDE con criterios fundamentalmente uniformizadores, non ten en conta o contexto en que se realiza a avaliación e trata por igual a estados e territorios con notábeis diferenzas en materia educativa.

Os resultados que recolle este informe sitúan a Galicia por riba da media española en comprensión lectora, competencia matemática e científica. No caso da comprensión lectora recóllese que Galicia está por riba da media de Reino Unido, Alemaña e España, entre outros estados. No caso da competencia matemática este informe sitúa a Galicia por riba de Suecia, Francia, Austria, Estados Unidos ou España. Para a CIG-Ensino o relevante destes datos é que o informe contradí os argumentos usados interesadamente contra a nosa lingua, pois como se pode comprobar estudar as matemáticas e as ciencias en galego non foi un obstáculo para o alumnado que colleitou uns resultados importantes, especialmente en competencia científica, ámbito en que o coñecemento do medio e as ciencias naturais veñen sendo impartidas no noso idioma desde o ano 1995.

Algo terá que ver o bon facer do profesorado galego, malia a que a inversión en educación na Galiza está moi lonxe do que dedica a OCDE.

A loita polo ensino en galego hai 30 anos, revívese estas datas (nova tirada de A Nosa Terra)


Nestas datas, A Estrada revive as manifestacións a prol do ensino en galego que se viviron no curso 1979-1980.
No curso 1979-1980 o Decreto do Bilingüismo abríalle a porta ao galego no ensino pero limitándoo a tres horas semanais. Na Estrada algúns profesores seguiron dando todas as aulas en galego, o que motivou a protesta dalgúns pais e a intervención da Inspección educativa, que incluso chegou a tramitar expedientes disciplinarios.

Aquela inspección provocou unha espiral de repulsa e protesta que se concretou na manifestación que o fotógrafo Brais inmortalizou coa súa cámara para unha reportaxe para A Nosa Terra que nunca chegou a publicarse.

26 de nov. de 2010

As razóns de "Profes co Galego"


Xa que estivemos a falar deles, e o claustro lles deu un apoio maioritario, ofrecémosvos algo máis de información sobre o grupo "Profes co Galego".
Engadimos enlace ao seu blog, no apartado "Recursos"