Amosando publicacións coa etiqueta Colaboracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Colaboracións. Amosar todas as publicacións

19 de maio de 2022

Roteiro Manuel María

Hoxe realizamos, grazas a A. C. Avantar, o Roteiro Manuel María polas rúas da nosa vila xunto co CPR Sagrada Familia






 

 

11 de feb. de 2022

Día Internacional da muller e a nena na ciencia

Como todos os anos, dende os diferentes departamentos, pero moi especialmente dende o de Bioloxía e Xeoloxía celebramos esta importante e necesaria efeméride



 

21 de dec. de 2021

Gala Anti-Covid 2021

 Esta foi a aportación de toda a comunidade educativa do IES a Gala Anti-Covid organizada por todos os centros da contorna:


Para quen a queira ver integramente:




29 de nov. de 2021

Semana da Música

    Ó longo de toda a semana pasada realizáronse diferentes actividades no centro para conmemorar a Semana da Música. Aquí van:



Video-resumo 

19 de nov. de 2021

Mes da Cienca en galego

    Dende o departamento de Bioloxía e Xeoloxía do noso instituto sorprendéronnos a todos con esta maquenas elaboradas polo alumnado co gallo da celebración do Mes da Ciencia en galego. Parabéns!!!




22 de maio de 2012

EN LEMBRANZA DOS MEUS MAIORES

 E cando marchemos de Sobradelo, vós, pobres maiores, quedaredes sen festa metidiños na casa con esperanza. Esperanza de vernos voltar. E nós voltaremos con un futuro ó lombo. Orgullosos estaredes de nós, tristes de que volvamos marchar e lonxe de vós estaremos. O río quedará sen auga, os invernos sen neve, a primavera sen flores, todo murchará... Esperaredes por nós, nun futuro non moi afastado, todo renacerá: auga, neve, flores, sol e esperanza. Sobradelo, lugar de terras vermellas, río alto e peixes dourados. Terra de moitos, terra de poucos.      A.L.A. 2ºBach.B

4 de maio de 2011

TOPÓNIMOS DE GALICIA



Constitución e forma do terreo:
            -Referentes ás augas: Abanqueiro, Areas, Cachoeira, Esteiro, Fontiñas, Fumiñá, Pozo, Ribadiso, Roxos.
            -Referidos á topografía: Catasós, Catabois, Cotón, Penido, Serrón, Montalvo, Valga, Valilongo, Vista Alegre.
Nomes de lugar referidos ao mundo natural vexetal ou cultivado:
            O Carballiño, Cerdedo, Fraga, Castañeda, Soutelo, Teixido, Xardoal, A Xesta, Carballo.
Topónimos relacionados coa fauna salvaxe ou doméstica:
            Abelleira, Aguiar, Cebreiro, Golpellás, Lobeira, Sardiñeira, Vacariza, Lobás
Nomes de lugar referidos a nomes persoais ou familiares:
            Allariz, As Pontes de García Rodríguez, Nogueira de Muñiz.
Nomes de lugar referidos a algún santo ou advocación sagrada:
            O Corpiño, Santalla, Santo Estevo, San Fiz, San Martiño, San Xes, Sanxenxo.
Derivados de xentilicios ou etnóminos:
            Astureses (ASTURENSES, de Asturias), Cambeses, Cumbraos (CONIMBRICANOS, de Coimbra), Foramontaos, Francos, Lemos (de LEMAVOS), Toldaos (de TOLETANOS, de Toledo), Trives (de TIBURES).
Núcleos de poboación:
Aldea, O Burgo, Casal, Castro Caldelas, O Lugar, Vila, Vilar
Límites e referencias espaciais, ás veces resumidas nun adverbio:
Alén, Limideiro, Pedrafita, Suso ou Susao
Construccións:
            -Edificios e construccións: Antas, Arcos, Cabanas, Casasnovas, Castelo, Pazos, Orros.
            -Edificacións relixiosas: Cruceiro, Eirexa, Ermida, Mosteiro, Sinoga.
            -Explotacións agropecuarias: Curros, A Graña, A Granxa, Rozadal.
            -Explotacións industriais e comerciais: Muíños, Porto do Son, Viveiro.
Condicións meteorolóxicas:
Ventosela, Escuriscada, Invernal.
Institucións (políticas, económicas, sociais...):
Alfándega, O Condado, Couto, Encomenda, O Foro, Temple.
Pobreza e riqueza:
Famelga/Falmega, Laceiras, Podentes, Vilarrica.
Topónimos derivados doutros:
Rozavales, Santiago, Sarreaus.
Creacións expresivas diversas:
Mexadeiro, Mollafariña, Boimorto, Salsipodes, Cuspedriños.

19 de feb. de 2011

DO XAPÓN PARA A GALIZA



DO XAPÓN PARA A GALIZA


15-02-11 Gabriel Álvarez Martínez

Foi no verán entre primeiro e segundo de Bacharelato cando comecei a estudar xaponés. Após unha intensa etapa de afección pola banda deseñada europea (Tintin, Le Petit Spirou…) e estadounidense (Daredevil, The Punisher…) durante a ESO, adentreime no mundo do manga (sempre preferín os clásicos como as obra de Osamu Tezuka, o “Deus do manga”, ou Nausicaa do Val do Vento, ou as obras de Jirô Taniguchi). A afección pola BD nipónica e a paixón polos idiomas (aí tivo moito a ver o feito de estudar grego antigo e latín) leváronme a comezar a estudar xaponés pola miña conta, con material que encontraba nas librarías e na Internet. No comezo limiteime a estudar a lingua, mais aos poucos foi xurdindo o interese por diversos aspectos culturais: a música, o cinema, a gastronomía, o folclore, a relixión… E, finalmente, o anseio de visitar o país e coñecer as súas xentes.

Algúns anos despois, estou a vivir o meu soño en Kobe, unha cidade de 1 millón e medio de habitantes ao sul da illa de Honshu (a máis grande das catro illas principais que forman o Xapón).

Quero enviar un saúdo a toda a rapazada do IES nº 1 do Carballiño. Loitai polos vosos soños sen esquecerdes nunca o que sodes e de onde vindes.

Déixovos un tema do anime Evangelion, un clásico nos karaokes xaponeses que fala sobre amor, futuro e superación:
                                               http://www.youtube.com/watch?v=CXxZAxin6IU


Traducións do xaponés ao galego:
  Mona Imai        
  Gabriel Álvarez Martínez
  Editorial Galaxia
  Rinoceronte Editora




                         Tradución do xaponés ao castelán :
                         Gabriel Álvarez Martinez.
                         
                                        1Q84  TusQuets Editores



             

 
                                                                                          
                              


23 de feb. de 2010

Crieur à Midi (reflexión do voso profe Xulio)



Crónica dunha viaxe

Polo Antroido viaxamos cara as terras de Val d’Oise, departamento próximo a París que acolle un conxunto de paisaxes naturais, fermosas ribeiras do Oise, o Epte ou la Seine e vilas todas elas a ben seguro cun grande encanto. Fomos a Saint-Leu-la-Forêt, unha vila fermosa e tranquila; as xentes que nos trataron, amables e, coma din na súa fala, “très gentils”.
Nun dos días de andaina, o noso anfitrión levounos a unha vila chamada Auvers-sur-Oise, onde se atopa un fermoso castelo, a casa do doutor Gachet e, alén doutras moradas, o museo do asente, licor preferido dos artistas de finais de século XIX (feito a partir dun preparado de plantas entre as que se atopa a Artemisa absinthium), utilizado tamén con fins terapéuticos e que daría para outra historia distinta a que refiro.
A vila de Auvers-sur-Oise é famosa por acoller no camposanto as tumbas dos irmáns Vincent e Théo van Gogh. Auvers-sur-Oise foi un dos lugares favoritos de numerosos artistas como Cézanne, Pisarro, Sisley, Monet e o devandito Vincent van Goth, seica seducidos polo carácter rústico e pintoresco da vila…
A min chamoume a atención todo canto escribo, e ver como na praza de “la Mairie” (do Concello), ao mediodía, un home de voz forte e profunda, le crieur public (que eu traduzo como “berrón público”), sobre un caixón, contaba historias de amor, denuncias, venda de obxectos, chistes, poemas… Escoitabamos aquel home na compaña de moitas máis persoas, algúns foráneos coma nós, outros, os máis, veciños e veciñas da vila; e a cada intre aplaudiamos o recitar dos textos…
Logo de facer parada nun café , chamado “Sous le Porche”, descubrín de certo a historia: desde hai tres anos, cada domingo ao mediodía, na praza do concello de Auvers-sur-Oise, le crieur public grita as mensaxes e anuncios que os veciños da vila redactan nas follas que se atopan a disposición do público no citado café e que deben depositar con antelación nunha caixa azul situada á porta do mesmo, polo módico prezo de 1 € cada unha; seica as mensaxes de amor son gratuítas, pois como din nos folletos explicativos: “as mensaxes de amor non teñen prezo”.
Pensei na Galiza, nas prazas dos concellos das nosas vilas, en que ben poderiamos nomear un crieur public para cada unha delas, e aos domingos ao mediodía, tódolos domingos do ano, berrar sen desmaio poemas de amor pola nosa terra, protestas contra dos que queren que sexamos plurilingües e reneguemos da nosa lingua, anuncios de cousas alegres, denuncias dos parlamentares que se apropian do indebido e din que son disfuncións, contos do pasado e do presente…E todos poderíamos escribir de vez en cando algunha historia para contar e todos iríamos a escoitar ao crieur public ao mediodía dos domingos, e sería o lugar e a hora de conversa dos veciños, tan escasa nos tempos que están a correr… e quen sabe?... Se cadra este sería o xeito de sermos máis nós.

Xulio Álvarez Crespo
Muíño do IGIX

Polo Febreiro de 2010, no Carballiño.