Amosando publicacións coa etiqueta Entrevista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entrevista. Amosar todas as publicacións

13 de xan. de 2012

“O galego está en serio perigo de extinción”

Francisco López é un dos impulsores de Galiza co Galego, entidade que pretende garantir o dereito a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego. Critica á Xunta por non defender o idioma e pide o compromiso social para espallalo.

Galiza co Galego naceu no ano 2009 como un  movemento popular, resultado do debate social suscitado pola decisión da Xunta de impoñer o decreto do trilingüismo e co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego.
 
Conta coa colaboración de asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.
 
Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro terá lugar a asemblea de ampliación desta asociación.
Galicia Confidencial (GC).- Está Galiza co Galego cumprindo as súas expectativas iniciais?
Francisco López (FL).- Estamos a cumprir co calendario de traballo proposto. En Maio de 2011 superamos os 3000 compromisos e recibimos o mandado de organizar o movemento mediante unha asociación que garanta o dereito á educación en galego da cidadanía. O 28 de xaneiro faremos a asemblea da Asociación Galiza co Galego, na que se incorporarán como socios e socias máis de 3.150 persoas. Organizaremos unha Rede de Escola Populares Infantís e tamén unha Cooperativa de Ensino Popular.
 
Escola “democrática, de calidade e en galego”
 
GC.- Cales son os obxectivos a longo prazo?
FL.- A longo prazo o noso obxectivo é non ter razón de ser. A curto prazo, é o de facer efectivo e garantir o dereito –en especial da infancia- a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego.
 
GC.- E credes que o país ten unha masa crítica para soportalos?
FL.- O País está ateigado de xente boa e xenerosa que, con independencia das súas ideas ou da lingua en que se expresan, desexan que os seu fillos aprendan en galego. Eles saben que é unha riqueza.
 
GC.- Por que credes que desaparecen os medios en galego?
FL.- Seguramente non conveñan a quen está a promover o unionismo español, aniquilador da diversidade, e quizais, dende o punto de vista capitalista, non sexan rendíbeis. Pero a responsabilidade do seu mantemento é da sociedade e de quen está na vangarda da súa dirección.
 
Sen “administración propia”
 
GC.- Xa tedes dito que o papel da Xunta non axuda, que debería facer unha administración polo seu idioma?
FL.- A administración pública debera servir á cidadanía, defender o propio, xerar auto-estima e dar apoio. Mais acontece que Galiza non conta cunha administración propia, así que non hai moito que agardar.
 
GC.- Credes que o galego corre risco de desaparición?
FL.- O galego, de seguir coa presión do unionismo español e o desleixo social, está en serio perigo de extinción. É unha teima de diversos sectores, algúns incluso antagónicos entre si, que o galego pase a ser unha reliquia etnográfica e desapareza como lingua diferenciada e propia de Galiza.
 
GC.- E cal é a solución para evitar males peores?
FL.- O apoio decidido e práctico á educación infantil en galego.
 
O papel dos medios
 
GC.- E o papel dos medios neste conflito, cal debería ser?
FL.- Os medios deberan prestar máis atención ás actuacións daqueles que empregan o galego na súa acción diaria, con independencia dos avales”,“persoeiros” e demais que os acompañen. Non dar bombo ás accións contrarias á lingua, asociacións, etc. que buscan o descrédito da mesma e o enfrontamento entre a cidadanía.
 
GC.- Están os partidos políticos a altura das circunstancias?
FL.- A lingua galega non é unha cuestión de partidos políticos, é unha cuestión dos galegos e das galegas. A lingua galega é unha creación do Pobo da Galiza. A cidadanía dá o seu apoio electoral a partidos políticos que actúan na Galiza, que non son galegos e que xeralmente entenden a lingua propia de Galiza como un atranco. En xeral, os partidos políticos que son galegos defenden e actúan en favor do idioma.
GC.- Un desexo para o futuro....
FL.- Que aprender en galego sexa doado, normal e un dereito pleno.
 
EN GALICIA CONFIDENCIAL

20 de set. de 2011

Francisco Castro: 'Cómpre un ‘15M’ dos consumidores de medios de comunicación’

 Velaí vai unha entrevista que lle fai A Nosa Terra ao escritor Francisco Castro,e que tivemos o pracer de coñecelo cando nos veu falar de "Chamádeme Simbad", libro que lemos o curso pasado.

Na contracapa do seu libro fala de parodia da novela negra mais In vino veritas parece máis unha deconstrución do xénero policial onde o cerne é a crítica social, especialmente contra a televisión.
Comparte coa maioría dos meus libros ese factor de crítica social. Eu creo na literatura como ferramenta de evasión pero tamén como xeito de falar do mundo. Quería ser explicitamente crítico cos medios de comunicación e cos consumidores de determinados contidos televisivos. Pero tamén é certo que quixen facer parodia do xénero negro. Non son un grande afeccionado á literatura negra pero apetecíame xogar coas estritas normas do xénero, de aí que encabecen os capítulos os puntos do decálogo de Raymond Chandler sobre a literatura policial.
A parodia moitas veces nace da admiración ou do coñecemento pormenorizado dun ámbito. Por que lle apetecía achegarse a un xénero que lle era indiferente?
Sobre todo porque estou canso da personaxe do detective investigador que canoniza a novela negra. Paréceme artificial de máis. Eu coñezo detectives que traballan en casos de divorcio, que espían traballadores de baixa e adolescentes de botellón e consideraba de xustiza crear un investigador real, alguén que os profesionais sentisen como máis próximo que os personaxes das novelas. A distancia entre un investigador literario dun real é igual de grande que a que existe entre Gregory House e os médicos de verdade.
A novela negra goza de grande éxito neste intre, aínda que moitas delas teñan poucos valores literarios. Como se explica que un libro policial predispoña o lector en positivo?
Calquera obra de ficción, e niso insisto nos obradoiros de Escritura Creativa que dou, debe ter intriga, debe conseguir que o lector, logo de ler o capítulo segundo, teña ganas de ler o terceiro, e así sucesivamente. Iso o xénero policial conségueo por defecto. Con esta novela é a primeira vez na que os que a están a ler me comentan: “Oe, que xa sei quen é o culpábel”, “mira que tal personaxe non me é de fiar”... Ese xogo co lector no que el pode adiviñar ou anticiparse ao que vai pasar é un elemento moi atractivo.
O cerne do libro é a crítica ao telelixo. Ten unha relación política o grande éxito dos programas do corazón e da explotación da intimidade na televisión?
Por suposto. E tamén co modelo educativo e socioeconómico no que vivimos. De seguirmos o camiño cara á banalidade, se afondamos no fomento da pobreza intelectual, está sementado o campo para actitudes case fascistas. Arestora, a escola non forma intelectual e culturalmente. A sociedade en xeral é incapaz de entender un artigo de opinión, foxe dun filme se ten “demasiados diálogos”. Como unha cidadanía así vai reflexionar sobre as causas da crise ou ter pensamento crítico? Entre todos estamos preparando a apoteose da barbarie.
Pero os produtores televisivos afirman que o éxito deses programas crea un círculo vicioso. A xente veos, os anunciantes pagan e o negocio aumenta. Cando alguén tenta outra cousa, a audiencia non o segue.
Se houbese vontade política por regular ese mercado, acababa a escusa. Onde está o límite do aceptábel? O noso país xa tivo outra televisión. Cando se lanzaron as canles privadas falábase de que a libre competencia aumentaría a calidade. Ao día seguinte triunfaban as Mamá-Chicho en Telecinco! Se antes podiamos ver na tele programas como La Clave, de José Luis Balbín, onde se debatía, con rigor e calma, sobre temas serios horas e horas nunha nube de fume de tabaco, por que agora nos conformamos coas trifulcas entre Belén Esteban e os irmáns Matamoros? O que pasa é que ao poder interésalle unha poboación “ocupada” no frívolo, pendente de Supervivientes, dos triunfos de La Roja... Así non pensa nas cousas graves nin busca saída.
E hai saída para ese modelo de medios de comunicación?
A min gustaríame unha especie de 15-M nos medios, que a xente se indignase e apagase a televisión, que se notase nas audiencias o cambio de actitude. De todos os xeitos, confío cada vez menos no valor dos medios tradicionais –especialmente televisión e prensa escrita– para contar o mundo que me interesa. É na internet onde flúe todo con moita máis liberdade. Pensemos que a cultura galega onde resiste é na rede. Nos quioscos e librarías somos ínfimos pero podes conectarte da mañá á noite e só consumir contidos en galego e non dás feito.
Pero as noticias máis lidas na internet son tan frívolas coma as da televisión.
Loxicamente, os que seguen a Belén Esteban tamén son internautas pero iso non é o importante, o revolucionario é que temos unha saída para algo distinto. Con moito sacrificio, con moito voluntarismo, con moita militancia, pero a cultura galega e a cultura en xeral teñen unha oportunidade de supervivencia e de aumento de influencia na sociedade. Por fin podemos saber que pasa a pesar das preitesías dos medios co Estado e cos anunciantes porque aínda que o xornal non informe de algo “pouco interesante” para o poder, alguén vai colgar un vídeo, facer unha convocatoria, difundir unha idea...
'Dependemos demasiado do ensino'
In vino veritas é unha novela negra pero vostede mantivo o seu estilo de narrador omnipresente e reflexión sobre o labor do escritor. Non tiña medo de que ese modelo entorpecese a lectura?
Cos anos que teño, sei o que quero e o meu estilo van canda min. Pero era consciente desa dificultade. Por iso o proceso de escrita desta novela foi dos máis complicados que vivín. Dediqueille dous anos até o 2008 e tras acabala, decidín metela na gabeta. Publiquei desde entón Chamádeme Simbad e O segredo de Marco Polo e hai uns meses volvín coller o mecanoscrito de In vino veritas armado cun rotulador vermello e corrixín a novela. Probabelmente era máis “doado” renunciar ao narrador pero considero que a miña voz debe estar presente e intervir opinando sobre o que me parece.
Vostede tamén escribe libros para rapaces e adolescentes. Cambia a maneira de enfrontarse a cada un dos públicos?
Hai quen di que son os editores os que lles poñen as etiquetas aos seus libros, eu digo que non. Cando escribo para meniños a trama é simple e liñal; cando o fago para mozos, hai certa complexidade narrativa pero a lingua quero que sexa accesíbel. Na literatura para adultos é onde crebo os límites expresivos e arrisco.
Galiza ten unha excelente canteira de escritores para nenos e mozos. Na actual conxuntura de recortes educativos, é posíbel que se perda o mercado dos máis novos e haxa menos títulos?
Existe unha enorme e triste dependencia do sistema de ensino. Precisamos un mercado pleno e autónomo coma o catalán. Esta valoración serve para o audiovisual ou para a prensa en galego, con lixeiros matices. O noso problema como cultura é que mentres a nosa produción cultural é de primeira división a todos os niveis e conseguiu normalizarse como expresión dunha identidade galega, o país como sociedade non é normal. Os que producimos cultura: escritores, editores, músicos, cineastas, actores, xornalistas... somos heroes porque a entrega e o esforzo non están pagos, porque a recompensa económica e social é exigua. Podemos botarlle a culpa aos poderes e á forza da cultura do Estado pero ás veces estrañas maior atención daqueles que para outras cousas si se senten identificados coa cultura propia. Se os que se senten desgustados cos ataques ao galego consumisen os produtos en galego teriamos unha cultura sustentábel e digna.
A pesar dese heroísmo, na literatura o 90% do que escriben os nacidos en Galiza está en galego. Non sería máis lóxico escribir na lingua do comercio?
E o que é máis importante. Os que temos 45 anos ou menos non chegamos á literatura como militantes ou para cubrir un oco ou para continuar as tradicións temáticas e literarias da Tradición. Non, chegamos á escrita porque queremos facer literatura, sen máis etiquetas. Eu non fago literatura galega, fago literatura, que é galega porque eu son galego e o idioma de Galiza é o galego, nada máis. Esa postura “profesional” diante da escrita convértenos en escritores moi modernos, á altura dos nosos colegas en calquera parte do mundo. Eu quero que cando me traduzan un libro, o lector sinta ese texto como propio, que se identifique cos personaxes e a historia, non que faga unha lectura “etnográfica”. Non me parece casual que sexan os autores infantís e xuvenís os primeiros que consguiron ser traducidos masivamente.
Nesa busca da profesionalidade, certos gurús aseguran que o libro electrónico é máis positivo para o autor porque o libera de intermediarios. Que opina vostede?
É un debate de moi moi longo percorrido. Arestora en España só hai vendidos 200.000 aparellos de lectura electrónica. Iso non é nada, non dá para falar de mercado. As vendas de libros electrónicos no Estado supoñen o 0,3% do total de libros. Nos países anglosaxóns a cousa vai moito máis avanzada pero aínda tampouco dá para tirar conclusións sobre que cambios vai supoñer na relación entre autor-editor-libreiro-lector.
O libro electrónico non é máis incómodo ca o de papel e amais nin sequera é máis barato?
Coincido con esa apreciación. O libro de papel é un grande invento. Esa vantaxe do electrónico din os gurús que estará nos libros enriquecidos, volumes nos que ao tempo que les podes escoitar as músicas da historia, ampliar información sobre os personaxes, ver infografías ou vídeos... Segundo estes expertos, o libro electrónico debería ser máis caro ca o tradicional porque abre un mundo novo. Seguro que pronto veremos autores e editores apostando por ese novo formato pero a crise económico vai ralentizalo todo. Vivimos un tempo de recortes brutais contra a cultura. É curioso que neste tema non se cumpre a lei xa que é obriga do Estado e da Xunta apoiar a creación e a difusión cultural como valor estratéxico. Non poden escudarse na crise porque un dos cometidos da administración pública é ese.
Pode a crise danar irremediabelmente a cultura galega?
Eu son optimista porque a crise vainos obrigar a espabilar, a ser imaxinativos e combater. Pase o que pase, a min ninguén me vai quitar de escribir. Eu seguirei levantándome cada día ás cinco da mañá para facer o que máis me gusta.

En A Nosa Terra

31 de ago. de 2010

Vocación de voz

Entrevista a Chus Pato en Galicia Hoxe:

Cine alemán. Música grega e galega. Literatura italiana e estadounidense. Vacacións canadenses. O verán de Chus Pato foi, dalgunha maneira, bastante internacional. Gústalle bañarse no río de Vilatuxe e falaría con Dante sobre a transformación dunha lingua vulgar en lingua poética.

Está a ter un verán de pracer ou de traballo?

Teño un verán de vacacións. Estiven no mes de xullo, xa que teño vacacións de dous meses, na miña casa de Lalín e facendo pequenos desprazamentos, bañándome moito no río de Vilatuxe e nas piscinas de Trasmiras e Sarreaus. No mes de agosto estiven en Québec.

Non practicou o Xacobeo...

Non, pero nin este verán nin ningún.

Ten algún proxecto para a próxima temporada?

Teño o proxecto de reincorporarme ó meu traballo en setembro. Ademais no plano literario é o de sempre, escribo poesía, escribín durante este verán e a principio deste outono supoño que sairá unha antoloxía que abrangue toda a miña obra poética publicada.

Que lle gusta máis do verán?

Bañarme e viaxar.

O verán ten algo de especial ou é unha estación coma as demais?

O que ten de especial para min é que non traballo, entón é un tempo de vacacións, no que dispoño dun tempo longo, sen interrupcións, para poderme dedicar dunha maneira máis concentrada a escribir.

Entre tomar cañas nunha terraza ou un volta e volta deitada na praia, que escollería?

Escollería o volta e volta, xa que ademais de que me gusta moito bañarme, tamén me gusta toma-lo sol e o contacto con esa natureza do verán que, para min, ten moito que ver xa non tanto co mar nestes últimos anos coma cos ríos.

Con quen lle gustaría compartir un espazo virtual?

Con Dante, xa que é un poeta co que me gustaría moito conversar sobre como consegue transformar unha lingua non normalizada, como era a lingua vulgar na que escribiu, nunha lingua poética.

Ademais de escribir, tivo tempo para ler?

Houbo dous libros de Giorgio Agamben. Un deles chámase La Fin du Poème, e o outro Idée de la prose. Ademais, estou lendo País de sombras, de Peter Matthiessen.

Escoita música ou vai ó cine?

Ó cinema só fun un día, en Montreal, e vin unha película alemá chamada algo así coma "A paixón do cociñeiro" (Köchin aus Leidenschaft). É unha pena porque aquí non chegou. Música si que escoito.

Están entre o seu repertorio os grandes éxitos de Georgie Dann?

Non (risos). Este verán escoitei moito a Iannis Xenakis, co audio-libro String quartets. Tamén escoito a Ataque Escampe, que son moi bos.

Aproveita o verán para practicar algún deporte?

Creo que non (risos).

A literatura para un escritor é á vez profesión e hobby?

É unha chamada á que hai que estar atenta e require unha atención continua. Ademais de ser unha chamada, é unha vocación de voz.

O escritor sempre ten un libro debaixo do brazo?

Non o sei, eu normalmente si. Creo que un escritor pode estar rañando a barriga moitas veces, coma todo o mundo.

Cando un está de vacacións adoitan vir á mente boas ideas para un vindeiro traballo?

Si, pero tamén cando traballo de vez en cando teño algunha idea. De tódolos xeitos non as teño moi a miúdo.

Como é o primeiro día de escritura trala tempada de vacacións? Custa arrincar?

Para min non ten nada que ver deixa-la escrita con estar de vacacións. Simplemente escribo ou non escribo, e ó haber períodos nos que non o fago, normalmente custa no sentido de que é unha espera. Non me refiro a pórme diante dunha páxina en branca e non sabe-lo que pór, senón que chega un momento no que hai algo que quere saír e non sempre é doado que saia.

30 de ago. de 2010

Fernández Naval: “Nunca o poder lle fixera tanto mal ao galego na autonomía”

Entrevista a Fernández Naval no Galicia Hoxe:

Poeta e narrador, Francisco Fernández Naval recibiu no 1980 e no 2006 o premio de poesía Cidade de Ourense polos libros A fonte abagañada e Miño; no 1988, o Xerais pola novela O bosque das antas e este ano o Fiz Vergara Vilariño por Bater de sombras. Tamén escribiu Pabellón habitado (1987), Ara solis (1996); Días de cera (1999) e Mar de Lira (2005), ademais das novelas Tempo de crepúsculo (1993), Sombras no labirinto (1997), Unha cita co aire (2005) e libros de relatos como Sete noites e un amencer (2003). No xénero infantil e xuvenil destacan No corazón da fraga (2001) e Suso espada, Istambul e o cabaliño de ouro (2008). Tamén é autor de teatro, guións de cine e televisión, e de ensaio. Publicou no 2006 Respirar polo idioma: Os galegos e Julio Cortázar.

Asinou, por outra banda, varias guías e libros de viaxes, como Unha viaxe á procura do solpor –Do Tambre á fin da Terra– (2000), A Coruña monumental e turística (2002), e Muros, ronsel de pedra, espiral de mar (2003), Guía de Pereiro de Aguiar e A Ribeira Sacra ourensana e Galicia, Rutas con sabor. Participou en numerosos congresos, feiras e encontros literarios, e impartiu obradoiros de iniciación á lectura e escritura promovidos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. É membro de varias asociacións culturais, desenvolvendo nelas unha intensa actividade de promoción da lectura.

Francisco, bos días compañeiro. Imos comezar estas conversas, da situación actual do idioma da nación, para min como para outras persoas, case dramática. Unha falla perversa polo menos de equilibrio. Falar de bilingüismo harmónico é unha auténtica falacia propia da dereita sempre reaccionaria, a ruindade do nacionalismo español en moitas siglas do abano político deste estado democrático, e á vez monárquico, unha conxuga imposíbel porque un status é decontado antagónico do outro. Nesta situación e como novo "decretazo" do PP español en Galicia, a situación agrávase, a diglosia perpetúase, e con ela o autoodio e a galegofobia, moi xunguida en liñas xerais á ignoración e a alienación brutal dos colonizados ou autocolonizados. Cal é, Chisco a túa resposta diante desta miña breve reflexión?

Entender a discriminación positiva como imposición, é unha falacia. Hai discriminación a favor da muller en determinados ámbitos, dos retornados da emigración, dos que padecen minusvalía, e non nos sentimos agredidos, senón que comprendemos a eiva e defendemos a actitude solidaria do corpo social. O galego, como ben dis, padece a situación de falta de equilibrio, a súa posición é débil na convivencia co castelán o que supón unha ameaza para a súa supervivencia. Iso tíñao claro antes o PP, agora non. Pero, para min, o peor, é que dende que temos goberno autonómico, nunca desde o poder se lle fixo tanto mal ao galego, argumentando tanta mentira e alimentando o discurso dos que o odian. Ese é o gran pecado deste goberno. Contaba Alberto Manguel, na conferencia que deu hai pouco na Real Academia, que o único xeito que teñen os habitantes de Quebec de defender a súa opción lingüística que é o francés, estando como están rodeados de territorios de fala inglesa, é con actuacións de discriminación positiva por parte dos poderes públicos e esa reflexión súa era unha clara referencia a nós. Con medidas de protección e de potenciación do galego só se aplicaba o sentido común.

De entrada, un estado federal co recoñecemeto das nación catalá, vasca e galega, podería ser un primeiro andar para mellorar e saír desta esperpéntica situación?

Para min ese é o horizonte e a aspiración. Unha República federal, para ser máis exactos. Quizais Galicia careza do pulo para ir construíndo o camiño que nos leve a iso, pero non Cataluña. Eles serán o referente no debate polo cambio e nós, se podemos, iremos detrás.

A Constitución española, malia o que digan os "expertos/as" é en si unha contradictio in terminis, un apaño feito por unha monarquía e mesmo estado parlamentar pre-democrático, cuxo texto non resiste unha análise seria rigorosa e intelixente… Cal é a túa opinión a propósito desta miña proposta, Francisco?

A Constitución é un pacto que cumpriu unha función nun determinado momento histórico, pero non é un documento pechado nin perfecto. Nós non temos unha tradición constitucional como a inglesa, que ten como fundamento o costume e a tradición; nin como a dos Estados Unidos, mellorada a base de emendas. Nós aprendemos aos poucos, por iso non entendo ese rexeitamento a debater a posibilidade de modificar determinados aspectos e mellorala. Dicía o outro día a presidenta do Tribunal Constitucional que quen poñía en cuestión a sentenza do Estatuto catalán, estaba en contra da Constitución. Paréceme unha redución perigosa, pero ademais non todos aceptamos a Constitución como un credo.

Concordas co reintegracionismo ou pola contra, como a min, che parece un erro que lle dá alicerces e pulo ao totalitarismo españolista?

O meu amigo Fernando Pérez Barreiro, que perdemos en xaneiro deste ano, defendía unha tese intermedia, na que avanzariamos na escrita cara ó portugués, pero iso, a priori, non lle afectaría á fala. Galego e portugués foron a mesma lingua, logo a evolución foi diferente, pero illarnos definitivamente dese tronco supón unha debilidade e, se cadra, unha condena. A solución non é doada. Penso que só hai un camiño, o da aproximación lenta e non traumática ao portugués, camiño xa iniciado.

O mundo global xa está inserido en nós, é a matemática perversa do imperio capitalista, de tantas e tan graves desigualdades que producen algo máis que noxo. A crise actual é unha patoloxía cíclica da barbarie capitalista, un pesadelo que parece non ter fin. Como erradicar esta pandemia, pregúntome eu ao tempo que che pregunto a ti?

Pregunteille iso mesmo a Juan Gelman cando estivo aquí en abril e respondeume que cando o soubera que llo dixera. O capitalismo e a dereita dos países desenvolvidos atoparon un discurso común diante da globalización, cousa que non foi quen de atopar aínda a esquerda. Vimos estes meses que a intervención de catro ou cinco personaxes da economía alemá, transmitindo información falsa ou interpretada de xeito perverso, colocou contra as cordas o Goberno español. Neste momento, ata a social democracia semella pór en cuestión o estado solidario do benestar, aplicando políticas e medidas claramente capitalistas, cedendo á presión dos poderes que manexan os fíos da economía mundial. Eu non sei cal é a posición da Internacional Socialista con respecto ao que aconteceu nestes dous últimos anos, nin se existe unha reflexión común e un programa de actuación que permita facer fronte ás ameazas que nos son comúns, pero unha reflexión común da esquerda e un mínimo programa para aplicar, son necesarios.

A felicidade podería ser o estado de graza dos idiotas, ou é posíbel ser feliz diante de estampas tan patéticas e mesmo atroces?

A felicidade, de existir, é algo temporal e efémero, unha intensa sensación de plenitude fondamente individual, pero que é posible compartir. O poeta palestino Madmoud Darwich dicía que nos campos de refuxiados os nenos xogan, mozas e mozos namoran e casan, a xente canta e baila e tamén choran aos mortos. Todo iso observeino na viaxe que fixen a Níxer con Camilo Franco e Alfonso Costa, colaborando coa ONG Acción contra a fame. A felicidade non é a tranquila seguridade burguesa. Para min, a felicidade, aínda no mundo cruel no que vivimos, é un estado de graza do home.

A poesía, Chisco, é para ti unha arma de amor e combate, un reto á vida e mais á infamia…?

Para min, a poesía segue sendo o argumento principal do home diante da vida, unha forma de coñecemento dos misterios a través da intuición e da metáfora, o único xeito de nos aproximar ao que non comprendemos. Amais diso, tamén é unha arma e un xeito de estar no mundo.

Poeta, narrador, ensaísta… En que terreo estás máis a gusto…?

Empecei escribindo versos, logo pasei ao teatro, que deixei pola narrativa. Gústame ler poesía e, ás veces, necesito escribila, pero tamén me gusta contar e que me conten historias. Quixera seguir traballando os dous xéneros, sen ter que renunciar a ningún e nestes últimos anos regresei con gusto ao teatro.

Hai unha obra de grande calado que está a agardar aínda pola túa escrita?

Non o sei, sobre todo porque non sei cal é o gran calado dunha obra ou dunha historia. Eu procuro, sobre todo, que os libros que escribo teñan dimensión humana, que comuniquen algo, que procuren complicidades nos lectores.

Marx e Engels seguen para ti vixentes?

Si. A filosofía de Marx sobre a sociedade e sobre a historia, para min, segue vixente. Digamos que comparto cunha querida amiga a opinión de que cada día nos sentimos máis marxistas e máis cristiáns, isto último non entendido nun sentido relixioso, senón de actitude, de comuñón cos outros, de xustiza social.

E Freud?

Estudei psicoloxía e Freud é un referente. Non podería comprender o mundo no que vivo sen as súas achegas e reflexións, pero eu síntome máis próximo a Jung. Hai unha parte irracional en nós que Jung admite e procura comprender.

Hai unha razón de ser e outra de vivir, Francisco?

Supoño que si, aínda que deberían coincidir unha e outra. Dáme a sensación de que cada día hai unha fenda maior entre o ser e o vivir, entre o ser e o sobrevivir.

Respecto dos credos, comungas con algún…?

Non. Teño a miña parte irracional, tal e como recoñecín antes, o que me leva a manter unha relación intensa coa natureza e con certos lugares, espazos nos que sentimos que hai algo que non comprendemos pero que nos convoca e nos chama: a Corticela, o Monte do Pindo, o petróglifo do Filladoiro en Carnota ou Santo André de Teixido. Procuro o baño no mar e nos ríos, aínda no inverno, lávome en regatos e fontes, dáme gusto agarimar as pedras e as árbores, pero tamén abrazar a quen quero, sempre reivindico a importancia do abrazo, e tamén a caricia, o agarimo, non podería vivir sen eles.

A sensación de ter vivido noutro tempo da historia é frecuente en ti?

Vivín noutro tempo da historia que foi o franquismo, logo non é unha sensación, senón unha lembranza, pero debo dicir que, aínda sentindo saudade da infancia e da xuventude, non prefiro aquel período, opresivo e gris, a este que agora vivimos. Polo demais, non teño a sensación de ter vivido un tempo histórico diferente a eses dous que comento, aínda que, ás veces, si me parece que acontecen cousas que xa sucederon e que deron lugar a momentos conflitivos e difíciles. Penso por exemplo na crise, comparándoa coa do 29, ou neste coller alento de certo discurso fascista que ás veces me parece percibir, ou neste intento de poñer en cuestión o estado das autonomías, cativo avance, pero avance ao cabo, na reivindicación das nacionalidades históricas, tan importante para a convivencia e que tanto protagonismo tivo na modernización do estado.

Unha República Socialista Galega, independente, solidaria e internacionalista é unha quimera?

Laica e honrada. Aínda que a historia é algo dinámico e sorprendente, na miña opinión, hoxe iso que propós é cousa impensable. Para empezar, é algo que non queren a maioría dos galegos e dubido de que sexa factible cambiar ese criterio en dúas ou tres xeracións, pero ademais, tampouco o permitiría nin o estado español, nin a comunidade internacional.

A moral burguesa, outro dos alicerces da brutalidade capitalista, non é unha falsidade que decote trata de nos abourar?

A moral burguesa e a súa relación coa igrexa. Eu non podo entender como é posible un ser humano culpable antes de nacer. Era Kafka quen se preguntaba como pode haber unha culpa orixinaria no home. Eu síntome lastrado por esa educación e ese estigma. Loito contra ela, procuro liberarme, pero non é doado. Un ser que se cre culpable dende antes de nacer, é un ser vencido.

O franquismo-fascismo está definitivamente morto ou aínda hai un veleno que inocula certos sectores da sociedade española ou españolista?

Si que hai. Vímolo hai pouco co asunto Garzón. Con independencia de que a resolución xudicial que o procesa sexa legal ou non, no debate que o acompañou vimos asomar o rostro do fascismo, desenmascarándose, amosándose tal e como é. Pero para enterrar definitivamente todo iso, debemos recuperar a memoria civil, a memoria da sociedade que se nos roubou coa Guerra. A transición non foi un acto de reconciliación, foi unha paréntese ou o aprazamento dun acto real de superación das diferenzas. A reconciliación é aínda asunto pendente.

Con cal dos libros que levas publicado te sentes máis satisfeito?

Quérolles a todos, pero se tivera que elixir un, só un, se cadra, polo que significou para min, escollería O bosque das antas, a primeira novela que escribín e que foi
premio Xerais.

E retornando aos credos/relixións… Aínda segue a ser o opio dos pobos –Marx-, ou tamén ese opio foise proxectando no fútbol, e outras para min banalidades propias da ignorancia dos alienados?

Da relixión e dos credos xa opinei antes. O fútbol non é opio por si, transfórmase en opio polo uso que fan del, como non é opio a televisión, pero si o que nos ofrecen como programación.

Galicia aínda é unha nación explotada, espoliada…?

Galicia é un territorio cun desenvolvemento e unha calidade de vida menor co das comunidades do seu contorno. Pero ademais, ultimamente, dende a entrada na UE, case toda a riqueza propia foi cuestionada, marxinada e condenada. Pero hai un problema que radica en nós e que non depende de decisións alleas, é o envellecemento da poboación, o desequilibrio territorial entre leste e oeste e o abandono do medio rural. Iso si hipoteca o futuro.

Tes algún libro ou libros aos que sempre retornas?

Os fillos do Capitán Grant, de Verne; O mar de Iris Murdoch, pero sobre todo teño autores: Conrad, Ferrín, Blanco Amor, Cunqueiro, Rosalía, Rimbaud, Elena Poniatowska, Valente, Gamoneda, Pessoa, Cortázar, Calvino...

, de Verne; de Iris Murdoch, pero sobre todo teño autores: Conrad, Ferrín, Blanco Amor, Cunqueiro, Rosalía, Rimbaud, Elena Poniatowska, Valente, Gamoneda, Pessoa, Cortázar, Calvino...

Traballas agora nalgunha obra ?

Si. Recentemente rematei varias cousas: o libro de versos titulado Bater de sombras, que mereceu o premio Fiz Vergara Vilariño deste ano e que sairá a finais de setembro; a tradución do poeta chileno-mexicano Ludwig Zeller, residente en Oaxaca, surrealista e amigo de Eugenio Granell, que tamén sairá axiña; unha nova novela de Suso Espada, ese personaxe protagonista xa de varias entregas e que tantas alegrías me dá, que estará nas librarías alá para o Nadal e un texto teatral. Así que este outono e inverno teño previsto centrarme na novela na que levo traballando cinco anos, con dificultades que, debo confesar, ata agora non conseguín superar. Será a última oportunidade que lle dea, se non vai desta, gardarei o proxecto no fondo dun armario ata a xubilación.

17 de ago. de 2010

Pousa Antelo: "O presidente é un arrecastado"

Entrevista en Galicia Hoxe:

A Fundación Alexandre Bóveda homenaxea hoxe, -no seo dos actos de celebración do Día da Galiza Mártir en Poio-, co premio á recuperación da memoria histórica ás mocidades que fixeron posible o trunfo do Estatuto do 36. Avelino Pousa Antelo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Isaac Díaz Pardo representan a aquela xente nova activista na campaña estatutaria. Pousa Antelo conta os seus recordos daquela.

Lembra moito daquela?

Xa choveu, pero hai recordos que non se borran. Oito días antes do plebiscito, andabamos un equipo de xente nova, cunha camioneta que nos cedera o alcalde, Ánxel Casal, desde Carnota e por toda a ría de Muros e Noia, dando mitins. De Mocedades Galeguistas estaba eu, e polas Xuventudes Socialistas Unificadas estaba Isaac Díaz Pardo, que tiña seis anos menos ca min. En cada aldea que houbese xente, soltabamos o noso mitin. A min tocoume en Muros, nun teatriño que aínda existe, e viñeron meterse comigo uns fachas que berraban Arriba España. Suárez Picallo, que era un home extraordinario, nos mitins das arengas na Quintana, vivira unha situación parecida. A xente queríalles zoupar ós fachas, pero Picallo pediu calma e dixo algo así como que se a España pola que berraban era a da democracia e o futuro, el tamén diría Viva España, pero se era a España negra, da Inquisición, do atraso, el dirá Muera España. Eu en Muros fixen coma Picallo, e sacáronme en ombros. En Rianxo falei moito de Castelao...

Agora parece que esa dereita se fai máis forte e visible...

O das bandeiras vén do fútbol, e hai xente que se aproveita. O PP está envelenado de bandeiras patrióticas, ou mellor dito patrioteiras. Alá eles, para min a azul e branca é a primeira. Non me importa que haxa xente que leve bandeiras españolas se así o sente.

Hai quen cuestiona que o Estatuto lograse consenso político e social, malia que detrás estivo o Partido Galeguista, os galeguistas da ORGA, un sector do PSOE e dos comunistas... Mesmo se chegou a dicir, sen probas, que houbo pucheirazo... Como viviu a sociedade a campaña do Estatuto?

Todos os sindicatos estaban a favor do Estatuto, todas as sociedades agrarias estaban directa ou indirectamente implicadas. Hoxe moita xente non entendería o ambiente que vivimos.

Teriamos o Estatuto de hoxe sen o do 36? Nalgunhas cousas era moi avanzado. Abría a posibilidade de ter unha xustiza galega...

O Estatuto actual herdou algo do do 36. E o do 36 non era o dos galeguistas, senón a única posibilidade que había daquela. Asumírono co obxectivo de poder melloralo no futuro.

De feito, o anteproxecto do Seminario de Estudos Galegos era máis avanzado: falaba de Galiza como Estado dentro da República Federal española... O texto que se aprobou, o da Asemblea de Concellos do 32, fala de rexión autónoma...

Eu lembro as primeiras reunións en Santiago, convocadas, por certo, polo avó de Rajoy. Nas primeiras reunións, a maior parte dos representantes dos concellos non sabían de que ía aquilo ou non lles importaba. Pero Alexandre Bóveda tivo unha tarefa extraordinaria coas súas explicacións. Conseguiu darlle a volta á torta totalmente: logrou convencelos, e que votasen a favor do texto, case o 80%. E foi grazas á labor de loita de Bóveda, que lles explicou o que podía supor para Galicia. Nada que ver co goberno arrecastado que temos hoxe. O presidente que temos hoxe non hai por onde collelo, é un arrecastado. Eu son español por ser galego, e nunca serei un arrecastado. E agardo que a xente saiba escoller no futuro un gobernante que se sinta galego.

Supoño que di iso en boa medida polo tema da lingua...

Galicia ten grandes problemas. O da lingua comezou con Galicia Bilingüe, que trouxo aquí desde o quinto pino a unha manifestación a xente de Falanxe, mesmo con apoio de xentiña do país. Eu teño claro que loitarei contra eles todo o que poida.

Cando o PG se integrou na Frente popular marchou a dereita galeguista. Lembra aquilo?

Os das mocedades coláramonos naquel congreso. Creo que foi Castelao quen dixo que podiamos seguir agardando o momento, ou integrarnos con aqueles que nos garantían que ía haber referendo. A gran maioría estivo de acordo. A historia de despois foi tristísima...

Como era Díaz Pardo daquela?

Parecía un neno. Era miúdo, pero tiña unha grande enerxía. E acaban de facerlle unha xudiada para roubarlle todo o que fixo. Ademais o xefe da traizón é unha persoa á que el protexeu.

Que pensa do comportamento da ORGA e de Casares Quiroga?

A ORGA non cumpriu o que prometera. Quiroga foi un pouco aproveitado, traizoounos. Por iso o PG tivo que encargarse do Estatuto.

Teremos un novo Estatuto mellor que o actual?

Con esa xentuza que temos agora non se pode pensar niso. Eu coido que hai que ter paciencia, xa chegarán tempos mellores.

FUNDACIÓN

X. L. Bóveda: "Con esta Lei da Memoria non imos avanzar moito"

A conmemoración do Día da Galiza Mártir 2010 comezará co acto institucional organizado polo Concello de Poio na Caeira, no que intervirá Xosé Luís Bóveda, fillo de Alexandre Bóveda e vicepresidente da Fundación que leva o seu nome.

Xosé Luís Bóveda salienta a "forza moral" do seu pai. No 2006 o Parlamento galego aprobou, coa abstención do PP, unha proposición non de lei para a rehabilitación dos represaliados, cun recoñecemento especial a Alexandre Bóveda. Pero coa Lei de Memoria Histórica quedou pendente a anulación dos xuízos franquistas. "Non só o PP pon problemas. O PSOE non fixo unha lei máis forte, por medo ás críticas. Non hai unha lei perfectamente racionalizada, polo que así non imos avanzar moito. O que nós queremos é que se dignifique a todos os represaliados", comentou.

Na actualidade, a Fundación Alexandre Bóveda, a asociación cultural e a cátedra do mesmo nome impulsan o traballo de recoñecemento desta figura, como algúns concellos e diversos investigadores, ou o BNG. "A Fundación nunca tivo moitas subvencións, agás co bipartito. Na Fundación agora estamos traballando para adaptarnos á nova Lei de Fundacións. E o convenio coa cátedra renovouse, aínda que con menos cartos". subliña.

16 de ago. de 2010

«Unha vez discutín con Castelao e insulteino: chameille reaccionario»

Entrevisa a Isaac Díaz Pardo na Voz:

«¡Adiante, pasen!». Isaac Díaz Pardo invita a entrar no seu estudio. Desde a ventá do mesmo vese enfronte o Museo Carlos Maside, de Sada, e as instalacións de Sargadelos. Sentado nun curruncho, diante dunha mesa chea de fotos, libros e papeis, con carpetas polo chan, está o intelectual galeguista que o vindeiro venres cumprirá 90 anos. Mirando por enriba dos anteollos, desculpa o desorde: «Trouxemos 20 caixas para aquí e outras mil levámolas para o Seminario de Sargadelos, porque tivemos que saír correndo do IGI e alí había moita documentación».

Queda no mesmo sitio para as fotos e segue remexendo entre os papeis nun silencio que racha para agasallar un libro (Tentando contruir uma esfinge de pedra. Desassosegos de Isaac Díaz Pardo): «Ese para vostede, que hai máis; despois dedícollo. Mire o que queira e colla o que queira».

-¿Vai facer unha festa para celebrar os 90 anos?

-É un ano máis; supoño que virán comer os fillos e diranme iso de que a ver se lles deixo xa a herencia, je, je, je...

-¿Segue traballando aquí?

-Si, case todos os días estou aquí; non teño tempo para nada porque hai que mirar estas caixas e un día tiña que ir ao Seminario, pero alí son moitas. Agora estaba buscando unhas fotos de Luís Seoane. Son 20 anos do IGI e hai moita documentación.

-De toda a xente que coñeceu, ¿a quen lle gustaría ter aquí agora con vostede?

-A Luís Seoane.

-¿Eran moi amigos?

-Penso que si, polo menos para min era o gran amigo e supoño que eu para el tamén. Estivo nos primeiros pasos de Sargadelos con aquelas formidables coleccións medievais. Era un personaxe moi comprometido, non era só artista. Ningún de nós comprendiamos o momento no que viviamos coma el.

-¿Está informado do que pasa en Galicia?

-No que podo leo a prensa, que nos chega aquí todos os días. Leo os titulares, a letra miúda hai que deixala para outro día.

-¿Ve a televisión?

-Non, non, non teño tempo para iso; un día dá para pouco.

-¿Como vai de saúde?

-Xa sabe que estiven dez días ingresado no hospital en Santiago e os médicos pensaban que ía morrer; iso deixoume un pouco escarallado. Estoume recuperando, pero non sei se terei solución. Son moitos anos.

-¿Témelle á morte?

-Render contas non me dá temor, non me preocupa. O certo é que nunca tiven problemas de conciencia, supoño que non fixen dano a ninguén.

-¿Cal é o recordo máis valioso que conserva?

-Hai moitas cousas orixinais de Castelao e tamén anda por aí un gravado orixinal que está firmado por Picasso.

-¿Que lembra de Castelao?

-Unha vez discutín con Castelao e insulteino: chameille reaccionario; nós eramos moi novos, estabamos dispostos a cambiar o mundo e parecíanos que o galeguismo ía moi amodo.

-¿Como foi esa discusión?

-Eu tiña 16 anos e estaba no taller de meu pai, onde se fixeron os dous carteis do Estatuto do 36; un era o que dicía «Para que Galicia sexa nosa vota o Estatuto» e no outro aparecía un señorito muxindo a vaca e unha rapaza dándolle de comer. Había que ir ao Concello poñerlle un selo para poder repartilos. Nós faciamos pasquíns atacando a Igrexa, o poder. Estando un día na imprenta Ánxel Casal, que era o dono, e o alcalde de Santiago, Castelao, meu pai e eu, Casal chamoume a atención porque repartiamos os pasquíns sen pasar polo Concello. Eu díxenlles que eran uns reaccionarios e marchei. Durante moito tempo tiven remordementos porque dous deles morreron inmolados e Castelao no exilio. Foi xente que o deu todo por Galicia.


Estes son os carteis:


13 de ago. de 2010

-AA+ Entrevista "O reintegracionismo é un dos motores para cambiar a situación da lingua"

Entrevista a Sechu Sende, autor de Animais, un libro do que vos falaremos proximamente porque xa está nas nosas mans.

P: Por que mudou neste libro ao reintegracionismo?

R: Pois foi un proceso persoal que fun completando nos últimos anos. Basicamente porque fun percibindo que nas contornas nas que eu máis me relacionaba ou que a min me parecían moi creativas, o 'nh' e o 'lh' eran marcas de identidade e entón escollín non ocultar esa opción persoal que talvez hoxe é o máis habitual incluso entre a xente que escribe de forma reintegrada.
Por exemplo eu, Made in Galiza escribino case nun 90% na normativa reintegrada e despois adapteino para a oficial sacando dous contos que se colaron. Mais esta vez quería que o libro saíse na súa versión orixinal. Foi un reto persoal, xa que, tanto a Galaxia como a Xerais, non lles pareceu ben a idea e non quixeron editalo así. Entón publicouno Através, que é unha editora que está impulsada por xente nova con moitas ganas de cambiar as cousas, moi xenerosa e sobre todo, actual e en contacto co país.

Para min o reintegracionismo é un dos motores que ten este país para cambiar a situación da lingua. O que non se pode facer é censuralo ou descriminalo e penso que esa poisición debería mudar sobre todo neses ámbitos que se consideran galeguistas. Non é de recibo botar pedras diante do camiño dos teus propios compañeiros de viaxe.

P:
Non cre que hai certo receo por parte da sociedade ao reintegracionismo?

R: Eu penso que hai moito tabú e, en certa medida, medo. Mais, coa situación actual da lingua, é unha mágoa que non se explore a vía reintegracionista coma un camiño para cambiar a situación da lingua.

P: Que propón neste sentido?

R:
Simplemente que haxa uns comportamentos democráticos arredor do que é a opción ortográfica, que as editorias arrisquen máis, que non dependan tanto das subvencións, que os concursos literarios acepten a norma galego-portuguesa. Que as publicacións non exclúan o 'nh' ou ao 'lh'.

Basicamente establecer unha relación entre iguais entre a xente da órbita galeguista, que non haxa ningún tipo de discriminación porque, sabendo que oficialmente o Goberno actual é anti-galego é inútil pedirlle xenerosidade. Mais penso que hai unha xeración que vén atrás e que vai facer imparable este cambio. Baixo a miña percepción véxoa cada vez máis reintegracionista e a situación nos últimos 25 anos, mais que debilitar ou facer desaparecer esa opción histórica, fotaleceuna.

P: No referido á oficialidade, estás a favor dunha cooficialidade das dúas gramáticas?

R: Eu aposto pola convivencia das dúas opcións, sabendo que é un proceso no que todas as forzas sociais deben participar en plena igualdade. O que non se pode facer é excluír a unha parte importante da xente que loita pola lingua.

Levamos toda a vida intentando convencer, expondo argumentos para que a xente que fala menos galego, ou nada, que fala castelán habitualmente, participe no proceso de normalizacion lingüÍstica, mais ao mesmo tempo estamos impedíndolle á xente que fala galego todos os días, que escribe en galego, que fai festivais, que organiza xornais ou revistas, que ten locais sociais, que participe desta corrente normalizadora como se estivesen estigmatizados.
Hai unha serie de prexuízos a diferente nivel, nos que cae todo o mundo e eu penso que é o momento de superalos. E así, que cando hai que saír á rúa ou defender a lingua, o fagamos xuntos.

P: Que lle diría á Real Academia cando di que o reintegracionismo é unha lacra da lingua?

R: Eu diríalle que o reitegracionismo é un movemento creativo e transformador que está aportando moita vitalidade, que ten diferentes discursos e que é preciso non invisibilizalo, non discriminalo e non estigmatizalo, porque basicamente somos todos irmandiños e irmandiñas da lingua, con ñ ou con nh.

23 de xul. de 2010

A muller do repóker


Que Fascinio, un dos fitos poéticos de Chus Pato, sexa reeditado agora, quince anos despois da súa publicación, non se debe a unha vontade "ou busca" da autora, senón a Carlos Lema, director artístico de Galaxia "que creu oportuno revisar algunhas das miñas obras. Pasou hai catro anos con A ponte das poldras", asegura a poeta, VOZ fundamental na renovación lírica galega deste entreséculos.

Quince anos despois, define Fascinio cunha metáfora, "é unha estación-empalme", termo sen dúbida inspirado no seu Ourense natal (1955), empalme ferroviario de Galicia desde mediados dos sesenta. "Por unha banda", engade, "ten unha serie de poemas que son un levar ao último o que viña escribindo até un certo momento e, ao mesmo tempo, aparecen outros textos que continuarán a súa traxectoria en Ninive e A ponte das poldras. Por iso Fascinio é un empalme: uns vagóns abandónanse na estación e outros continúan no tren".

Entre os textos que a acompañarán uns anos máis, salienta os que tratan da destrución da comunidade aldeá, "coa emigración no centro, tema único que despois ocupará A ponte das poldras". Outra liña enxertaría en Nínive a través da súa investigación metaliteraria e mitolóxica.

En ningún caso, puntualiza, Fascinio fai presaxiar a eclosión de m-Talá, que lanzará a Chus Pato como unha poeta de insólita radicalidade, capaz de rebentar o canon para instaurar nel novas medidas, "non son capaz de chegar a m-Talá con Fascinio". Máis aínda, este libro que comezou a escribir en Lisboa pouco despois do incendio do Chiado marca "o final dunha triloxía con Urania (1991)e Heloísa (1994). As tres obras debuxarían unha figura de full se lle engadimos a parella de Ninime e A ponte das poldras. Con m-Talá comeza outro ciclo que se prolonga até hoxe".

Secesión, o seu primeiro libro con formato editorial prosístico, editado por Galaxia no 2009 e presentado como unha especie de "memorias", pertencería ao mesmo ciclo. "Se ben a súa aparencia é prosística", subliña, "Secesión está concibido desde a matriz da poesía e non é diferente dos outros. Dalgunha maneira, estou moi cansa dos cortes dos versos por cuestións da caixa do libro e decido poñelos en prosa. Non quero que me corten os versos".

Pero este ciclo, con títulos como Charenton (2004) ou Hordas de escritura (2008), parece ter os días contados: actualmente escribe "algo" que lle dá pé a albiscar unha nova etapa. "Cando conclúa o segundo ciclo, poderemos dicir que a miña obra redunda nun repóker" e bota a rir cunha gargallada irónica que colpasa o auricular do teléfono polo que facemos a entrevista.

Ignora o alcance da nova etapa, entre outras razóns porque "non sei o que estou escribindo. Empecei hai pouco e non sabería definilo". Trátase, concede despois de insistirlle, "dunha escrita moi lenta. De momento, ten dúas partes: Unha fortaleza no deserto e Non debo preocuparme polo arco da vella". Fáltalle o título xeral e, ademais, "vai para largo". Calcúlalle, polo menos, tres anos de traballo.

¿Como ve a Chus Pato do 1995 en Fascinio? "Eu non me vexo neste texto, nin en ningún outro". Porén, son indiscutibles as pegadas autobiográficas, asunto que ela nega rotundamente. ¿Daquela que significa un poema tan estremecedor como "A miña lingua nativa é o fascismo / a imposibilidade do fascismo para dicir os nomes do real // perturbación // orixe". Ela non se arreda, "considero que as linguas nativas son idiomas pero tamén as circunstancias históricas nas que nace. Eu aprendín a falar baixo un réxime fascista, resultante da guerra civil. Nesa conxuntura histó- rica da ditadura, o idioma que eu recibo é un idioma completamente atravesado polo fascismo. Un idioma feito de silencios, ocultación, baseado na mentira. Así é como aprendín eu a falar, tendo en conta esa perturbación. Esa perturbación é a orixe de todo o meu contacto co idioma e, portanto, é a matriz da miña obra".

A militancia política da poeta é patente nos seus textos, nos seus discursos e nas súas manifestacións públicas. Ela, con todo, distinguiría dous aspectos: o textual e o persoal. "A nivel textual, esa militancia é a mesma en Fascinio que na recente Sedición: non cambiou. E o que eu podo sentir no eido persoal non lle interesa a ninguén". A resposta parece demasiado evasiva e ante a afirmación "pero a min talvez me interesa", ela recadea uns segundos. Rasca a gorxa e busca as palabras, "se di que a vostede lle interesa, podería dicirlle que eu non esquecerei o Comité Central pero o Comité Central pertence a outra época".

Chus Pato foi abandonando aos poucos os recitais que, a primeiros desta década, desenvolvera xunto aos membros da asociación das Redes Escarlata. Iso débese, "a que non teño tanta forza e estou cansa. Levaba moitos anos nesa dinámico e compría afastarme un pouco para volver con máis forza, pero sigo intervindo, lendo en público. Eu creo que a poesía intervén no sentido de que está construída con palabras e as palabras son recibidas polos corpos. Como toda cuestións que entra polos oídos, acaba por modificalos e cando os corpos se modifican estase a modificar a historia".

Quince anos despois, ¿que quedou das numerosas dedicatorias incluídas en Fascinio?: "Esas dedicatorias son eternas. Durarán o que dure o poema. Pertencen á Literatura, non á miña vida?". ¿E como ve a súa traxectoria literaria quince anos despois?: "É unha traxectoria esforzada. Moi esforzada. Traballei moito durante estes anos. Estiven atenta á poesía a tempo completo".

EN VIVO

A emoción de ver a Patti Smith e o sentido das fronteiras

No momento de facer a entrevista, Chus Pato está aínda "impresionada" polo concerto de Patti Smith en Vigo. Estivo alí e foi "moi sorprendente" porque reaccionou como -di- adoita reaccionar nas viaxes: "no momento non sentín unha emoción forte nin un cegamento, pero a medida que pasan os días, máis me emociona a lembranza de estar alí e máis contenta estou de ter escoitado o concerto".

Patti Smith pareceulle "unha gran diva en escena, unha muller cun don extraordinario que é capaz de compartilo dunha forma absoluta. A entrega total dese don aos que estabamos é o que a fai grande".

Unha das cousas que lle sorprendeu foi o descubrimento do "tremendamente coqueta e mais feminina que é", do mesmo xeito que é "unha muller tremendamente nacionalista americana". Patti Smith, engade, "non é unha figura universal no sentido de que estea por riba das fronteiras. Ela é o que é grazas a ser terriblemente country. O que ocorre é que sempre nos parece que as figuras do rock non están marcadas pola súa nacionalidade, que son parte do que se considera a cultura natural. Pero ela está marcadamente atravesada pola súa procedencia nacional ianqui. Iso non lle impide ser unha da grandes".

19 de xul. de 2010

"Non é casual que a Xunta elimine no ensino a palabra normalización"

Entrevista a Emilio Xosé Insua, en Galicia Hoxe:

Doutor en Filoloxía Galega pola Universidade compostelá, cunha tese sobre a figura de Antón Villar Ponte (2002), traballa actualmente como profesor de Lingua e Literatura no IES A Basella, en Vilanova de Arousa. Socio fundador e directivo do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, socio da entidade ecoloxista Verdegaia, membro da plataforma ProLingua e integrante do Grupo Etnográfico Mascato (Cambados). Poñente en diversos simposios e co-autor de libros de texto de bacharelato, tomou parte na elaboración de volumes colectivos como Literatura Galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001), Historia da Literatura Galega (A Nosa Terra/AS-PG) e Cento vinte e cinco anos de teatro en galego (Ed. Galaxia /Xunta de Galicia, 2007).
Preparou, asemade, diversas edicións críticas e estudos da poesía do escritor manchego-viveirés Prados Ledesma e do teatro de Antón Villar Ponte para a Universidade da Coruña e para a Biblioteca 120 e recibiu os premios Irmandiños (Moeche, 1996, accésit), por un estudo sobre o xornal Galicia da Irmandade da Fala de Ferrol, e o Ramón Piñeiro de Ensaio Breve (Centro Ramón Piñeiro, Santiago, 2004), polo traballo Antón e Ramón Villar Ponte: unha irmandade alén do sangue.
En colaboración con Carlos Nuevo Cal, foi distinguido asemade en dúas edicións do premio Ánxel Fole (El Progreso/Fundación Caixa Galicia): en 2002, polo ensaio O primeiro Antón Villar Ponte; e máis en 2009, por Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal (no prelo). É autor, igualmente, dos estudos Sobre O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte (Universidade da Coruña, 2005), Antón Villar Ponte e a Academia Galega (Edicións do Cumio, 2006) e Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo) (Seminario Terra de Viveiro, 2010). Como poeta, alén de ter participado na experiencia da editora Letras de Cal, escribiu os libros Devalar das esperas (Espiral Maior, 1995) e Acontece ás veces a ternura (Espiral Maior, 2005. Premio Prados Ledesma do Concello de Viveiro).

Emilio; acaba de se facer pública a sentenza do TC español, verbo do Estatut catalá recorrido, naturalmente, polo PP. Para tal tribunal, a Constitución española "no conoce otra nación que no sea la española". Os termos de nacionalidade histórica, e nación catalá, só serven cal trebello ou lilaila para entreter o muiñeiro máis que ao muíño, dúas ambigüidades sen vínculo ou valor xurídico. O Estado español cabo de todo non acepta outra nación que non sexa España, os/as demais, con idioma incluído, son iluminacións paisaxísticas e delirios lingüísticos da periferia española, que enreda para se constituír e mesmo esixir o que sempre foron e Castela devida en España negan, como negan as nacións de Euskadi, Catalunya e Galicia ou Galiza. Dende o punto de vista da interpretatio do Dereito constitucional non deixa de ser confusa tanto a Constitución como o ditame, porque lingüisticamente falando, mesmo en filoloxía, como en semioloxía, o sintagma "nacionalidade histórica" ignoramos tanto significado como significante, aparellos lingüísticos que o Dereito sui generis non considera, é dicir, que a "Constitución non coñece outra nación cá española", xa é un envurullo ou arañeira, non si?
Vou comezar por che citar a Castelao: "O problema interno de Hespaña non terá solución antramentres os políticos sigan usando, adrede, verbas impropias, pois o seu modo de confundir a Nación co Estado non se debe a iñorancia senón a táitica perversa". O sarillo do Estatut, como en definitiva todo o problema da arquitectura política e territorial do actual Reino de España, ten un nó gordiano último, que é a negativa ao recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, isto é, a negativa a facer principio constituínte o feito, para min innegábel, da existencia de varios suxeitos políticos colectivos, de varios pobos en definitiva, que poden e deben articular a súa unidade desde presupostos distintos ao histórico uniformismo centralista típico dos Estado-Nación. Cito novamente a Castelao: "O sistema de Estatutos autonómicos é inadecuado e até ofensivo para os cataláns, galegos e vascos. Galiza, como Cataluña i Euzkadi, é unha nación, e, por conseguinte, ten dereito a federarse con outros povos igoaes a ela; e non recoñecerlle o dereito de autodetermiñación- inclusive para vivir con absoluta independencia– será sempre un acto tiránico e antiliberal". A manifestación do pasado sábado en Barcelona, en todo caso, non ofrece dúbida sobre o inmenso grao de conciencia e de dignidade nacionais do pobo catalán e representa, ao meu ver, a acta de defunción da actual "autonomía estatutaria" como marco válido e operante, cando menos para Cataluña. E se o proceso de converxencia e aposta polas vías exclusivamente pacíficas e políticas da esquerda abertzale vasca vai adiante, non ha tardar en producirse en Euskal Herria un novo escenario político que redunde no mesmo cuestionamento. O triste é constatar o atrás que ficamos os galegos nos movementos desta partida…
Así, pódese desprender, que o galego, o catalán e o éuscaro son linguas vehiculares que non poden ser iguais ao castelán, que se lle pode impoñer á xente, pero nunca os idiomas propios de cada unha das nacións que constitúen o Estado español.
Hai moitos anos que está denunciada e perfectamente analizada a asimetría legal entre os idiomas peninsulares consagrada na actual Constitución, con todo o que isto implica. Por outra banda, resulta evidente, na perspectiva actual, a ofensiva ideolóxica, legal e política que se está levando a cabo desde certos sectores para recluír de novo as linguas non castelás á categoría de "curiosidades folclóricas", "saberes inútiles", "pezas de museo" ou "restos dun pasado a superar". Non é casual que a actual Xunta, entre outras moitas agresións, elimine no decreto sobre linguas no ensino a palabra "normalización", como tampouco o é que se empregue en defensa da supremacía do castelán unha etiqueta, a de "lengua común", que nin está recollida no texto constitucional nin responde á realidade obxectiva, posto que moitos cidadáns do Estado temos lingua propia e común distinta ao castelán. No fondo, o que se está dirimindo neste instante é a lexitimidade dos pobos con lingua propia a promover unha mudanza no estatus, historicamente marxinado, desas linguas, ou o que é o mesmo, asistimos ao enésimo intento de consagrar, pola vía dos feitos, mais tamén de iure, a idea da inferioridade e subalternidade do galego perante o castelán.
Tampouco a Constitución non recoñece posibilidade dunha República laica e socialista, nin o dereito a autodeterminación dos pobos que constitúen España. Así, digo eu, como se pode entender ou conxugar monarquía e democracia.
Se o que me preguntas é que penso da monarquía, contéstoche que me parece un auténtico anacronismo histórico que cómpre superar, tanto pola súa natureza radicalmente antidemocrática (expresión histórica do privilexio hereditario), como pola súa funcionalidade simbólica e política, claro herdo do propio franquismo. O meu corazón é, neste senso, decididamente republicano, como tamén o é laicista.
O franquismo enterrouse definitivamente no ano 1975 ou 76, ou pervive cal recidiva perversa na unidade inquebrantábel da Patria española?
Desde a etapa dos gobernos de Aznar, vía FAES e "Brunete mediática", todo o arsenal ideolóxico que nutriu a ditadura franquista foi "tuneado" e "posto ao día" para cumprir a función de ariete contra os tímidos avances que se lograran nas décadas anteriores tocante ao recoñecemento da pluralidade nacional e idiomática do Estado español. O problema non é tanto, penso, a existencia de sectores "nostálxicos" da pasada ditadura, como a actividade de poderosos voceiros mediáticos, instancias políticas e amplos segmentos sociais ("progresía" incluída) que asumen con "naturalidade" e espallan acotío a versión "moderna" do que, se ben o analizas, non son máis que os principios fundamentais que daban sustento ao franquismo… Abondaría con berrar nunha das concentracións futboleiras rexistradas estes días atrás España una, grande y libre ou Arriba España! para decatarse que escaso grao de prevención ou rexeitamento suscitarían esas emblemáticas e tráxicas consignas…
Que destino lle agarda ao noso próximo –supoño– Estatuto?
Dada a correlación de forzas no actual Parlamento galego e vista a ideoloxía dominante neste intre na dirección do PPdG, non teño moi claro que vaia haber novo Estatuto galego nesta lexislatura. E se o proceso de reforma estatutaria se pon en marcha, sospeito que a orientación resultante final poida ser en moitos aspectos mesmo regresiva. Oxalá estea trabucado.
A lingua galega submetida aos colonizadores, e aos autocolonizados, á perversidade da diglosia, non atravesa por momentos case dramáticos e moito máis co disparate do "decreto" do goberno do PP co traballo e aquiescencia dos "independentes", galegófobos e catro gatos lingüicidas?
O momento que vive o idioma é, efectivamente, moi delicado. A perda de uso nas novas xeracións e a residualidade crecente nos ámbitos urbanos e a escasa presenza en moi diversas áreas da vida social están aí, como síntomas sangrantes e premonitorios dun futuro estarrecedor, se non o remediamos. Hai unha parte de causalidade e responsabilidade de que sexa así na actitude deses sectores que ti sinalas, claro que si, que non fan ultimamente máis que traducir no DOG toda a súa galegofobia, a súa mentalidade señoriteira e prexuizosa, a súa falta de verdadeiro afecto cordial pola Terra. Mais o problema vén de moi atrás, afecta a amplísimas capas de poboación (sumidas nun profundo autoodio e nunha non menos triste falta de referentes culturais propios) e ten unhas raigañas moi complexas e poderosas, que non se solventan nin con consignas resistencialistas nin con simples apelos ao voluntarismo individual. Necesitamos, pola parte que nos toca, facer moita pedagoxía social aínda sobre a lingua, desde todos os foros posíbeis, romper os círculos en que moitas veces nos enviciamos e construír un espazo cívico verdadeiramente amplo, plural, autónomo e apartidario para traballar con eficacia e sen exclusións a prol da normalización.
Daquela, xa que logo, e cecais reiterativamente, Galicia ten significado para ti como nación…?
Eu non sei pensar Galiza se non é como pobo, como nación de seu, como comunidade humana da que me sinto afectivamente parte e que ao longo da historia amasa e constrúe unha lingua propia, unha cultura de seu, unha identidade orixinal e unha vontade colectiva de ser, moi pacífica, moi traballadora, moi lucidamente "relativista", talvez humildosa de máis, pero ao mesmo tempo moi digna e, en determinadas conxunturas históricas críticas, até insubornábel. Eu desa Galiza son e nesa Galiza creo, sen necesidade de ser "anti" ninguén.
A literatura galega, malia todo, vive un momento de esplendor…?
Non sei se "esplendor" é o termo axeitado. Que hai sobrada calidade, pluralidade e interese en moito do que se escribe en galego é un feito evidente. Mais que existe un cortocircuíto case permanente entre esa produción cualitativamente relevante e amplas capas da poboación destinataria ou lectora, tamén. E nesa contradición nos movemos. Temos unha literatura madura, fértil, potente, mais nunha sociedade que, por unhas ou por outras razóns, non a ampara, non a recibe ou non a valoriza como sería de desexar.
A crítica, o ensaio e a poesía son áreas propias de Emilio Xosé?
Agora mesmo, todo o que escribo oriéntase á crítica, á divulgación e ao ensaio. A poesía téñoa case completamente abandonada e outros xéneros, sinceramente, non me tentan. O último libro que escribín, que acaba de publicarse da man do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, leva por título Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo). É unha monografía que combina a perspectiva da historia local co compromiso polo idioma, pois entra de cheo no debate sobre a restauración da auténtica toponimia galega.
Algunha xeira soñaches cunha Galicia independente, socialista, solidaria e internacionalista?
Algún dos atributos que propós merecerían un moito de matización ou de concreción. Digamos que soño cunha Galiza orgullosa de si propia, máis xusta e igualitaria do que hoxe, sustentábel ecoloxicamente e aberta ao mundo.
Con cal dos teus libros estás máis satisfeito?
Non me arrepinto de ningún, o que xa vale algo, non si? A serio, pola carga de investigación que ten, sinalaríache o estudo Sobre O Mariscal, editado na Biblioteca F. Pillado da Universidade coruñesa, mentres que pola intensidade emotiva con que o escribín e pola acollida que tivo nalgúns lectores, Acontece ás veces a ternura, un dos dous libros de poesía que me publicou o amigo Fernán Vello en Espiral Maior.
Hai algún libro ou lectura á que adoitas retornar?
O meu libro de cabeceira, desde hai moitos anos, é Follas Novas. Rosalía é unha escritora oceánica, inmensa, extraordinaria. Fala desde unha tan radical autenticidade humana e humanista, tan conmovedora e poderosa, que me parece unha fonte inesgotábel de pracer e de saber literario, estético, intelectual e filosófico. De xeito máis puntual, non abandonou a miña mesa de traballo esta última tempada o volume 55 mentiras sobre a lingua galega, editado por ProLingua. Resulta un bo vademecum para moverse con criterio no medio do debate ao que vimos asistindo desde a entrada en San Caetano das hostes galegófobas.
A liberdade é un soño inalcanzábel?
Non sei se inalcanzábel; en todo caso, absolutamente irrenunciábel.
Que retrato poderías facer do tempo?
É unha ferida que canto máis nos doe, en realidade máis nos alimenta. Por exemplo, podía ser o apupo que entre a néboa chama por nós para lembrarnos que certos mares xa os navegamos.
É a felicidade soño imposíbel?
Concibida como un estado permanente, ataráxico ou nirvánico, probabelmente si. Sentida como esa luzada que penetra ás veces o espírito ou como esa caricia que te reconcilia coa beleza da vida, é un sentimento moito máis habitual do que tendemos a crer ou recoñecer. Aínda onte mesmo veu visitarme na praia da Lanzada, vendo xogar entre risos o meu fillo Santiago coas ondas do mar…
O teatro é unha alternativa á verdade que queremos vivir e non podemos?
O teatro é un artificio con que disfrazamos a vida para poder poñela núa diante dos ollos, unha marabillosa escola en que aprendemos a mirar máis alá, por riba e por baixo das aparencias.
O Quixote non é un libro contra España e mesmo quen o mellor o definiu non foi outro que o poeta español León Felipe: Aún cabalga por La Mancha la sombra triste de Don Quijote. Hai unha España intransixente e fascista que nós-outros aborrecemos?
Hai esa España, claro que si, e nin che conto por Europa adiante o que están a inzar ideoloxías desa mesma ralea. A que praguea contra os familiares dos republicanos paseados que reivindican poder recoller as súas cinzas alí onde foron asasinados. A que se parapeta en palabras como "vida", "moral" ou "familia" para negar o dereito de cadaquén a construír a súa existencia en liberdade. A que considera unha agresión que falemos unha lingua distinta á súa. A que trata como "ilegais" seres humanos que foxen sen papeis da pobreza. A que envolve na palabra "liberdade" o privilexio de clase, a supremacía económica, a inxustiza social.
Cómpre rematar coa barbarie capitalista?
A resposta é si, mais as verdadeiras e transcendentes preguntas son cómo acabar con esa barbarie e para construír qué clase de sociedade alternativa.
Marx está vivo e vixente?
Marx é unha figura intelectual imprescindíbel e moita da utillaxe analítica e terminolóxica que nos deixou en herdo funciona de marabilla: a ver como comprendemos, se non, toda esta inmensa crise capitalista en que estamos inmersos… O que morreu de Marx, case que diría afortunadamente, foi a escolástica dogmática en que moitos aparatich partidarios, galegos tamén, quixeron converter o seu pensamento, esencialmente vivo, creativo e dialéctico.

17 de xul. de 2010

‘Suprimir os exames de galego para formar parte da administración é unha barbaridade’

Xoán Carballa entrevista a Benito Conde,fiscal e fundador da Irmandade Xurídca Galega., na Nosa Terra:

Vén de ser nomeado Fillo Adoptivo do concello de Poio pola defensa do galego na administración de xustiza, na que exerce como fiscal desde 1970. Benito Montero (Cambados, 1944) vivía de cativo a actividade dun partido xudicial, no que seu pai exercía como taxista, ao que acompañaba no vehículo cando trasladaba xuíces, avogados e as mil persoas que concentraba unha capital comarcal como aquela na procura da lei. Fundador da Irmandade Xurídica Galega, fervente defensor do galego na práctica xurídica, Montero é recoñecido como o primeiro fiscal que usou o galego.
Vostede é un convencido de que o galego ten que estar presente na xustiza e un activista ao seu favor.
O noso idioma non se falaba na xustiza, non estaba en ningún lado, era proscrito e mesmo perseguido. Como fiscal empecei na Ditadura e aos de esquerdas iso sempre nos motivou para facer cousas, sobre todo cando se abrira a man ou non se prohibira que era como estaba daquela. Pero pasaban anos e o costume facía que seguise fóra o galego. Non podía ser. Tiña a convicción íntima de que había que dar pasos e iso só se fai falándoo e escribíndoo. Se a xente falaba en galego, por que non ía interrogar eu en galego? E se iso era así, por que non se había transcribir? E por que non facer os meus informes en galego?
Cal é o balance deses 25 anos de uso?
Aínda estamos lonxe dunha situación ideal pero mudaron moito as cousas. Hoxe xa hai algúns fiscais que facemos toda a nosa actividade en galego. Xa hai vintecinco anos que non fago ningún escrito en castelán, e se van ao Supremo ou a outra Comunidade tradúcese. Pero até no Supremo hai xuíces galegos aos que lles gustou algunha cualificación miña, como estaba escrita, e nin a mandaron traducir. Hai xuíces, avogados e como digo fiscais, o propio Fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, que levan moitos anos facendo a actividade en galego e contribuíndo a normalizalo. Aínda que vaiamos de vagar somos un grupo de 60 persoas que nos xuntamos na Irmandade Xurídica Galega, vémonos un par de veces cada ano, e facemos máis forza e dámoslle confianza, recursos e axuda a outros para sumarse
Resulta impresionante a súa primeira xuntanza de 2008, en Celanova, co Fiscal Xefe ou o Xefe Superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá, dicindo a fórmula solemne. “Si, comprométome a utilizar e promocionar o galego na miña actividade profesional”.
Foi un inicio forte e fermoso. Estaba Xoán Xosé Barreiro, que é presidente na Audiencia de Pontevedra e despois incorporáronse máis xuíces como Luciano Varela e Xoán Alfaia, e no encontro de hai dez días, en Lugo, sumamos outras 15 persoas e temos varias ducias de peticións para a reunión de 2011. O importante é que cada vez medra máis a presenza do galego na xustiza, en sentenzas, informes e escritos.
Como persoa implicada na normalización do galego, que lle parece o conflito polo decreto do galego no ensino?
É un conflito artificial e un paso atrás. A educación é fundamental e as medidas que se toman son graves porque levan detrás pasos moi medidos para desprestixiar o galego. Se se retira o galego de asignaturas como Física e Química e Matemáticas, que se presentan como as máis fortes, as de máis relevancia nos currículos e que máis poden achegar no futuro a un posto de traballo, estase volvendo á idea de que o galego non sirve para o importante senón para catro cousiñas menores. E se cos meniños até os seis anos se deixa ao arbitrio dos pais, nunha sociedade con tanto autoodio, o futuro é escuro. Está ben propoñer o multilinguísmo, pero non se fai polo ben dos rapaces senón para acoutar o territorio do galego. É unha doutrina moi de dereitas, inspirada na FAES e a súa lóxica de que se falan galego poden ser nacionalistas e hai que cortalo. Non digo que o goberno siga esa idea, pero que parece aznarismo das FAES é real. Suprimir os exames de galego para formar parte da administración é unha barbaridade porque existe o dereito ao uso do galego coa administración e a que esta resposte tamén en galego as nosas peticións. Daquela, como o vas garantir se os funcionarios non o coñecen? Esa decisión vulnera un dereito constitucional. Se alguén ten a obriga ineludíbel, por lei (Constitución e Estatuto) de defender o galego é o goberno galego, mais non parece que as medidas que toma leven ese camiño.

Un lugar de "encontro"

Entrevista a Rosario Álvarez:

Catedrática de Filoloxía Galega, desde o 2005 directora do Instituto da Lingua Galega (ILG) e desde o 2003 membro da Real Academia Galega, (RAG) Rosario Álvarez acaba de ser nomeada vicepresidenta segunda do Consello da Cultura Galega, institución na que colabora desde o 1984, -na Comisión de Lingua, e desde o 2007 como membro do Plenario-.

Incorpóraste á Comisión Executiva, mentres Xosé López substitúe a Henrique Monteagudo como secretario. As remudas tiveron que ver coa reorganización de tarefas, segundo indicou o Consello. A ti tocaranche os arquivos, cales son as túas prioridades?

Pois aínda non tiven tempo de facer unha visita ós arquivos para poder saber cales son os problemas. Este non é un cargo electivo, ó que te presentes cun programa. O presidente pídeche que o acompañes na nova etapa, e proponte ante o Pleno. Pero, polo que sei, o arquivo funciona moi ben.

O Consello emitiu un ditame crítico co decreto do galego, Monteagudo pronunciouse ben claro sobre o tema, ás veces entrando en polémicas... Dicía Ramón Villares cando compareceu no Parlamento que o Consello seguiría na súa liña de "prudencia" e "firmeza". Ti pareces desta mesma liña, es prudente co que dis... Dicía Villares que tiña que haber "algún sitio no que falar", un lugar de mediación...

Si, eu vexo o Consello como un lugar de encontro. A súa composición é moi plural. Por un lado están os representantes das institucións e fundacións con perfís sociais e ideolóxicos distintos, e por outra banda persoeiros da cultura galega a título personal. O que eu percibo é que é un espazo de diálogo, no que se pode confluír, falar, chegar a acordos. Tamén con firmeza, con posicións contrarias á corrente maioritaria, con independencia respecto do poder político...

O Consello aprobaba o seu informe sobre o decreto diante do membro nato do Pleno, que é o conselleiro de Cultura...

O Consello é independente por lei. Roberto Varela asiste ós plenos, como asistía Ánxela Bugallo. E por iso non se xera conflito ningún.

Villares tamén propuxo que se mellore a xestión das políticas públicas. Hai preocupación nos axentes culturais: no teatro, a danza, o audiovisual... polas mudanzas nas políticas culturais, pola crise e polo cambio de orientación que imprime a Xunta. Como vedes a situación?

O Consello está a desenvolver un plan de reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Envióuselles unha enquisa a 300 persoas, e celebráronse foros. Agora estase traballando na síntese dos resultados e, si, esas preocupacións que citas saíron nos foros. Non sei cal é a posición do Consello, que tampouco se ocupa de cuestións continxentes, do día a día, pero nesa síntese daranse conclusións que, seguro, van dar que falar.

O Pleno aprobou un Plan de Austeridade que supón a redución nun 15% das vosas "dietas"...

Os membros do Plenario e da Comisión Executiva non cobramos, só percibimos unha cantidade, que había nos que non subía, por asistir ás comisións técnicas, ás reunións de seccións ós plenarios. Rebaixamos alí onde ía facer menos dano.

Tamén aprobou a formación dunha comisión para facer propostas para o problema do Panteón dos Galegos Ilustres...

Agora o problema máis urxente, que é apertura, está solucionado. Sobre o demais, hai diferentes propostas, e hai que tratar o tema con serenidade.

Formaches parte da comisión que redactou o ditame sobre o decreto do galego. O Consello posicionouse en contra da consulta ós pais, que agora Feijóo, despois do informe do Consello Consultivo, quere facer legal cunha lei. Tampouco o decreto definitivamente aprobado segue a vosa recomendación de que se manteña o principio do 50% de galego como mínimo, establecido no PXNL e no decreto do bipartito...

O da consulta ás familias non ten razón de ser. Persoas máis autorizadas ca nós en Dereito, e tamén a RAG, aclararon que non era legal. Non era a nosa opinión, é que non é legal. E mudar as leis para acomodar as súas decisións da Xunta á legalidade, non me parece democrático. Agardo que se acabe impoñendo a sentatez. Sobre o do 50%, o Goberno fala de equilibrio, pero o galego parte dunha situación de desigualdade que así non vai cambiar, cun máximo do 50%.

Ademais non se garante un mínimo de galego na educación infantil, polo que os nenos poden non aprendelo onde a lingua predominante sexa o castelán. E as materias máis técnicas, nos outros niveis, poden impartirse en inglés, pero non en galego...

No da educación infantil o decreto supón ir a menos do que era posible. En zonas urbanas había pais castelanfalantes que querían educar os nenos en galego, e agora xa non poderán. Co decreto, e outras medidas, isto vai a peor. No da distribución de materias, está a haber movementos de profesores que están a protestar, porque se estaban a dar situacións de normalidade como dar matemáticas en galego que o decreto corta...

RAG

"O nivel de variación interna do galego non é moi elevado"

O Consello este ano posicionouse no tema da lingua dun xeito que non era habitual. Ti tamén es membro da RAG, que ten sido criticada por non "mollarse"...

Eu creo que esa é unha impresión falsa. A RAG fixo público un manifesto antes do seu informe, e non era a primeira vez. Non é certo que vivise de costas á realidade social da lingua. Tes estudado moito a variación, que é algo que agora se está a utilizar contra o galego, desde posturas antigalegas como a do coñecido texto publicado pola FAES...

En todas as linguas o estándar é unha construción, trazos que se escollen excluíndo outros. O nivel de variación interna do galego non é moi elevado. Todos nos entendemos, e os trazos compartidos superan o 90%. No sur de Francia, non pasan do 50%. Iso de que é unha invención, é mostra de ignorancia ou de mala fe.

Pero hai discursos que calaron, sobre o substrato do complexo de que o galego é lingua de pobres. Por que cres que calou o discurso de Galicia Bilingüe?

Eu creo que no momento en que o galego comezou a normalizarse, a conseguir avances, a parte de castelanfalantes que querían seguir usando as 24 horas o castelán, como se o galego non existise, viu ameazado o seu status, a súa comodidade. Falan de bilingüismo, pero en realidade non había reciprocidade: os galegofalantes usan o castelán, pero os castelanfalantes non fan o mesmo co galego. Terá Carvalho Calero o seu Día das Letras?

Non teño dúbida de que o merece, pero tampouco o desmerecen outros que foron escollidos. O problema é que hai moita xente que o merece, e hai que facer que non sexan todos do século XX, que haxa homes e mulleres, que non sexa só poesía, ou narrativa, que non sexan todos da parte occidental... E non creo que haxa urxencia de que sexa xa Carvalho, porque non é unha figura que se estea a esquecer: temos moi presente a súa historia da literatura, a súa gramática... A súa candidatura foi apoiada publicamente, é certo que hai un movemento na sociedade civil, pero é que non é o único: chégannos moitas propostas...

8 de xul. de 2010

Entrevista a Carlos Callón

En Vieiros:

Cando se cumpren oito anos dende que asumise a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón (Ribeira, 1978) lamenta que a existencia desta organización siga a ser necesaria. Até Vieiros vén a presentarnos "En castellano no hay problema", o seu último libro, no que compila artigos datados entre 1997 e a actualidade, publicados en diferentes medios de comunicación como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal, El Correo Gallego ou o propio Vieiros. Logo de dous meses nas librarías, o libro xa ocupa o terceiro posto entre os máis vendidos na categoría de non ficción e chega a quenda dunha nosa entrevista: "Non chegades tarde, aínda falta por chamarme a TVG", chancea Callón. No texto ofrécenos "retallos para construír a autodefensa da lingua" nun momento no que, alerta, poderiamos chegar até un "punto de non retorno" orquestrado polo Goberno e liderado por un "converso" como Anxo Lorenzo. Coa premisa clara de que a Política Lingüística debería aspirar a non facer falta, fai un chamado en positivo a actuar: non en van a nosa historia facémola nós.

Vieiros: 'En castellano no hay problema' é ante todo un título provocador. Como xorde?
O título final, que é retranqueiro, sae dunha votación no meu blog e vese que a xente optou polo máis irónico. É un encabezamento que funciona coa capa, na que se ve unha imaxe do Pórtico da Gloria na que aparece un monstro turrándolle da lingua a un condenado: parece que é o monstro o que está dicindo iso de "En castellano no hay problema". É un convite un pouco falso que nos leva á reflexión: non hai problema para vivir en castelán en Galiza e ademais ninguén defende que se creen obstáculos ou que se recorten dereitos individuais aos castelanfalantes. É que ás veces véndesenos iso: que os que participamos de organizacións como a Mesa somos seres diabólicos, como se quixésemos que os que falan castelán tivesen algún tipo de sanción, algo que nunca ninguén que defendese o galego propuxo. Para vivir en castelán en Galiza non hai problema, porén para vivir en galego, na lingua propia, si que o hai. Polo tanto reflexionemos todas e todos se esta situación pode continuar.

Este libro conta con esta dobre vertente: dunha banda a análise e doutra a reivindicación. Reparando no primeiro apartado, Cres que hai algún motivo para sermos optimistas?
Todos os estudos indican que a situación do galego é moi preocupante; mesmo xa o indicaban antes de que Alberto Núñez Feijoo fose nomeado presidente da Xunta. Realmente os estudos alertan de que o galego está a piques de entrar nun punto de non retorno. Eu creo que malia esa situación preocupante, sabemos que hai vimbios para facer o cesto da súa recuperación e da súa revitalización. Se ben esta situación crítica do galego é anterior ao actual Goberno, o PPdeG tende a acelerar esa caída: quere que ese case-punto de non retorno sexa un punto de non retorno real; que o galego sexa realmente unha lingua residual e, polo tanto, inútil en Galiza; unha sociedade que non estea cohesionada a través da súa lingua e da súa cultura, unha sociedade sen memoria histórica de seu. Eles atacan a lingua porque o que queren é que a sociedade galega, que Galiza, deixe de existir como tal.

A figura máis representativa da política lingüística do Goberno é Anxo Lorenzo, unha persoa que ademais procede dun ámbito universitario significado na defensa do galego. Que balance fas do seu papel?
Cando o nomearon, xa dixemos dende a Mesa pola Normalización Lingüística que ía ser o verdugo do galego. O problema non é quen vaia desenvolver esa política, non é de nomes, o problema é que haxa persoas dispostas a desmantelar a oficialidade do galego. No caso de Lorenzo vemos que el é unha persoa que asinou varios informes de sociolingüística e, por tanto, é consciente do dano que está a facer. Cando o ficha Núñez Feijoo o que pretende é que sexa unha ponte para conseguir que o PSdeG entrase nese pacto mortal para desmantelar a oficialidade do galego e deixar só ao BNG na defensa da lingua e tentar facer cambios aínda moito máis bruscos dos que están facendo na actualidade. Despois, o seu papel dá vergoña allea a nivel ético, porque é a persoa que executa o ataque contra a nosa lingua; e tamén a nivel intelectual. Cal é o criterio polo que o ano antes escribía un artigo criticando todo o que agora fai? Depende a túa opinión intelectual dos euros que hai enriba da mesa? A nivel intelectual dá vergoña. Ás veces non hai nada peor que un converso.

Cales consideras que deben ser as políticas efectivas a prol do galego que debe asumir o Goberno?
O que ten que perseguir é simplemente intentar que o galego se utilice e que os galegos sexan conscientes dos seus dereitos. Son dous obxectivos ben claros. Dunha banda, todas as campañas, convenios ou subvencións asinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística deben ir dirixidos a intentar introducir a galegos en todos os ámbitos, sexa en telefonía móbil, sexa apoiando os medios de comunicación en galego, sexa apoiando que haxa máis materiais pedagóxicos na nosa lingua... E da outra banda, realizar campañas que se dirixan a que a cidadanía sexa consciente de que temos unha lingua propia e animar á lealdade lingüística: teñen que levar unha mensaxe clara, pedagóxica... Esas dúas cousas tan básicas é o que debería facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística, tería que aspirar a morrer de éxito, a aspirar a non facer falta. Non hai que inventar nada novo: cóllase o Plan de Normalización da Lingua Galega, véxanse as medias que estipula que foron acordadas por todas e todos e fágase o posíbel para que se cumpra.

Nos últimos meses a protesta dos colectivos que defenden o galego centrouse no eido do ensino. Non é necesaria unha defensa máis global da nosa lingua?
Temos que tentar abranguer todos os ámbitos e responder cando xorden agresións importantes, como persoas que son despedidas por falar en galego ou que non conseguen un posto de traballo porque se presentan falando galego... son situacións que seguen a producirse e precisan unha resposta. Tamén atendemos a outras demandas en materia de sanidade ou nos ámbitos públicos, mais doutra banda, temos que ter en conta que os nosos recursos son limitados, tanto a nivel económico como humano. Temos que atender as prioridades e no ámbito educativo a capacidade de lanzar ataques por parte da Xunta é inmenso. O ensino é unha condición non suficiente, pero necesaria para a normalización dunha lingua. Non hai ningún proceso de recuperación dunha lingua na que o ensino non xogase un papel importante, e agora está sendo fortemente atacado o seu papel normalizador.

A Mesa pola Normalización que ti presides foi cuestionada e acusada de recibir cuantiosas axudas do bipartito. Houbo certo intento de silenciar a defensa do galego?
Houbo unha campaña orquestrada, a máis feroz que padeceu a Mesa nos seus case 25 anos de historia. Mesmo nós tamén animamos a que acudisen aos Tribunais se consideraban que había algún tipo de irregularidade, pero non a houbo. Na páxina web da Xunta pódese observar todos os convenios asinados e as subvencións recibidas e pódense facer as contas dos cartos que recibiu a Mesa pola Normalización Lingüística para desenvolver accións en defensa do galego. Quixeron dar a sensación pouco menos de que isto era unha organización mafiosa: facían a suma de todo sen explicar como se repartían aqueles cartos, obviaban que se adicaban na súa maior parte ao Correlingua ou o voluntariado de activación lingüística.

É posíbel que este posicionamento da Xunta contrario ao galego estea a actuar como revulsivo e teña algún efecto positivo na defensa da lingua?
Obriga a decantarse, si. Antes había unha parte importante da sociedade sensiblizada coa lingua, pero anestesiada. Agora retiran a carauta e comezan as patadas e xa non quedan dúbidas. Hai prohibicións, limitacións da nosa lingua e moita xente vese obrigada a sacar a cabeza da terra e ver o que acontece. Vémolo na participación da xente, que mesmo no fala galego, e participa nas manifestacións. É esa mensaxe de "yo no hablo gallego, pero quiero que se defienda", un pensamento que rompe os esquemas que tiña preparados o PPdeG e que é positivo. No libro cito a frase de Manuel Fernández Blanco que di que estes ataques poden producir o paso da burocratización da lingua á libidinización da lingua. É dicir, pasar do concepto de lingua entendido como un elemento de mérito para entregar nun papeliño á lingua como elemento de unión, como elemento de desexo.

Todos estes colectivos xurdidos nos últimos anos en defensa do galego, demostran unha acción conxunta ou poden reflectir posicionamentos encontrados malia buscar un mesmo fin?
Son de natureza diferente. Por exemplo, a Mesa como organización social é máis antiga e agora mesmo é a que aglutina a máis persoas de xeito individual. Ao seu tempo, promove a Plataforma Queremos Galego que é unha plataforma de entidades. Despois hai outras organizacións a nivel individual, cada unha coa súa natureza, coas súas liñas de acción un pouco diferentes... pero realmente une. Na manifestación do 17 de maio estivo absolutamente todo o mundo.

Outras voces como por exemplo o Foro Peinador apelan a promover accións para incentivar o uso do galego, mais evitando o enfrontamento político. Como presidente da Mesa, que opinas?
Nós non procuramos ningún tipo de enfrontamento. Iso é repetir consignas do enemigo: crer a caricatura que fan de ti e repetila, pero xogar coa terminoloxía do inimigo non serve de nada. A Mesa procura enfrontamento cando defende a unha persoa despois de ser despedida por falar galego? Que facemos? Dicímoslle a esa persoa que agache a cabeza e vaia para casa? O problema é que o conflito lingüístico evidénciase cando se di que non ante unha situación de discriminación do noso idioma. Apostar pola vida da nosa cultura e da nosa lingua obrígache a iso, ao conflito.

Cal é o futuro que lle agarda ao galego a curto e medio prazo? Es optimista?
Eu aí apelaría á canción da Matraca Perversa: a nosa historia facémola nós. Vai depender de todas e todos nós espremer esa historia. Non podemos pechar os ollos a esa realidade: continúa habendo discriminacións para poder utilizar a nosa lingua que, ademais, se agudizan cos actuais ataques do presidente da Xunta. Doutra banda os datos son elocuentes: o galego é a lingua que máis falantes perde no Estado Español. Esta é a realidade: unha situación negativa. Agora ben, tamén temos moitos elementos para decatarmos de que podemos facer a historia da revitalización, da recuperación e da extensión social do noso idioma. Vémolo nas manifestacións de Queremos Galego, no feito da pluralidade da súa participación, nas persoas que se están atrevendo a falar en galego. Iso non nos debe levar a un optimismo exacerbado, pero si nos indica que podemos percorrer un camiño claro de revitalización do galego, que a historia non está escrita xa e a batalla non está perdida. Temos que ser conscientes de que estamos nunha encrucillada histórica, senón o galego poderá morrer pola nosa inacción. O que nós non fagamos pola nosa lingua agora, ninguén o vai facer por nós.