Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas. Amosar todas as publicacións

2 de out. de 2024

 LETRAS GALEGAS 2025:

Cancioneiro popular galego. 

Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música. 

https://academia.gal/-/as-cantareiras-e-a-poesia-popular-oral-protagonizaran-o-dia-das-letras-galegas-2025




20 de maio de 2022

Conferencia - Taller de Xulio Pérez Veiga



O coautor da guía didáctica elaborada pola SXPL da Xunta de Galicia sobre Florencio Delgado Gurriarán e antigo alumno do centro, Xuio Pérez Veiga, aportounos unha manchea de coñecementos sobre a figura do homenaxeado este ano nas Letras Galegas. 


 


17 de maio de 2021

Día das Letras Galegas 2021

 Xela Arias Castaño foi poeta, tradutora e profesora de Lingua Castelá e Literatura en diferentes institutos galegos. Traballou no Departamento de Creación e Investigación de Edicións Xerais de Galicia.

É autora dos poemarios "Denuncia do equilibrio","Tigres coma Cabalos", "Darío a diario" e "Intempériome".

Fixo traducións ao galego de obras como "Drácula" de Bram Stoker, "As bruxas" de Roald Dahl, "O gato Gaiado e a andoriña Señá: unha historia de amor" de Jorge Amado, "Contos ao teléfono" de Gianni Rodari, entre outros autores.


De seminariogalan.org







7 de maio de 2014

22 de maio de 2011

A FALA SOMOS NÓS

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 21/05/2011 (En Galicia Confidencial)

Día das Letras, efeméride designada para recoñecer e exaltar aos que na nosa lingua embocaron o mellor das súas colleitas. 

http://i845.photobucket.com/albums/ab13/ceipbarro/lois-pereiro.gif

Non hai dúbida que é en memoria deles polo que nos erguemos en celebración. Este ano festexamos o legado dun dos artesáns da nosa lingua, o ano que vén ha ser outro, ou outra, como outros foron nos pretéritos aínda ben presentes. Celebramos o seu traballo, a súa entrega, a súa xenerosidade.  Pero hai máis, pois pouco teriamos que celebrar se só celebraramos o labor duns poucos. Por fortuna para nós todos ese non é o caso, e, si, temos moito que celebrar.
Celebramos a aqueles que da maneira máis natural e espontánea nunca da fala se afastaron; ou sexa, ao pobo galego, sobre todo ao noso sufrido rural, intemporal e impertérrito, adega e reserva espiritual deste noso país.  No persoal, celebro a meus pais, aos meus tíos -que xa non están-, e aos meus veciños –que xa non son-, dos que non lembro nin unha instancia na que a min se dirixiran nunha fala que non for a fala herdada. Certo,  non tiñan moitas máis alternativas. Se cadra por iso aínda os lembro con máis agarimo e aínda llelo agradezo máis.  E os galegos que non tiveron a fortuna de nacer e medrar mergullados na fala de Galicia, de camiñar polas súas hortas e corredoiras, de enterra as súas tenras mans da infancia nas leiras de patacas, ou de cunha simple ollada saber cal das espigas do millo verde estaba no seu punto exacto para deitar nas ascuas, tamén teñen moito que celebrar. Poden celebrar as oportunidades que agora temos de podernos reencontrar coa fala, como xente libre, en democracia, e sen renunciar a nada. Velaí o milagre das falas: as que a nós veñen polos múltiples vieiros da vida non precisan nin ansían de borra as que xa están apousadas nas entrañas mesmas da nosa conciencia. Seino, certo. Vivino, e vivo: aí segue o galego, primeira das miñas falas, base e sustento da miña identidade, máis louzán ca nunca. E celébroo tódolos días sen máis interrupcións cas necesarias.  Para min, o día das Letras é unha alusión acertada para dicir lingua viva, para dicir lingua Nós. E a  lingua viva somos todos. E como a lingua somos todos, a lingua é sinónimo da nosas soberanía (enténdase, o da soberanía, non seu contexto máis humano, ou sexa, afastado dos vertedoiros da política). E como a lingua é sinónimo de soberanía, todos estamos chamados a coidala, cadaquén na medida das súas posibilidades. Todos podemos darlle os coidados de usala cada día. E como a lingua somos Nós e a lingua somos todos, recoñecer o labor de individuos, grupos e organizacións que velan pola lingua, si; valorar a súa constante vixía, tamén; subscribir a súa presenza naqueles lugares onde a lingua for discriminada, pois claro. Ningunha desas accións é insidiosa ou invasora, ningunha suplantan ás organizacións representativas do colectivo social. E ningunha delas arrastra a entrega da soberanía dun pobo sobre o seu patrimonio máis prezado. Logo, nestas datas tamén a todos eles saudamos e celebramos.   Mais nunca, endexamais, lle recoñeceremos, a ninguén, a mínima presenza nas colleitas do léxico nin nas valoracións morfolóxicas da nosa fala. Eses eidos da lingua perténcenlle exclusivamente ao pobo falante. Nós. As colleitas do léxico adquiren a súa lexitimidade nas nosas gorxas, e todo o demais é simple ruído, distraccións ególatras disfrazadas de estudos científicos sen nada que contribuír a normalidade da fala viva. Sendo a fala un fenómeno social eminentemente íntimo e persoal, nos seus eidos todo o alleo sobra e todo o imposto é alleo. A fala somos Nós.
Aí reservámonos o dereito a filtrar e peneirar tódolos ruídos para quedarnos coas voces herdadas, xa plenamente normalizadas desde o fondo dos séculos, labradas nas eternidades da conciencia do de Nós. Engadirémoslle novas voces ás voces, e as voces sempre han ser unha na singular polifonía que é toda fala, e a  lingua ha seguir e medrar nese reencontro con ele mesma na espontaneidade da fala viva. Logo, agradecer, recoñecer e celebrar, o traballo das xuntanzas e organizacións que velan pola fala, si. Entregarlle a soberanía sobre a fala, nunca. Porque a fala, en tódalas instancias, e en tódolos tempos, sempre somos e seremos Nós.

9 de ago. de 2010

Os editores reducirán un vinte por cento o número de títulos en galego

Colgado dunha grúa a 30 metros de altura, o mago Pablo Volta presentaba o seu libro sobre o mundo da maxia en Galicia, cun número de ilusionismo ao estilo Houdin. «O que hai que facer por vender un libro», rosmaba un dos curiosos que asistían ao espectáculo. Pero nin con grúa parece que o sector do libro atopa o camiño para escapar da crise: «De aquí a fin de ano vaise notar unha redución como mínimo dun 20 por cento dos títulos previstos». Isto apunta Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores Galegos e director de Xerais despois de indicar que a Feira do Libro da Coruña, que pecha mañá, martes, é un dos tres termómetros anuais sobre a situación do sector en Galicia. Os outros dous son «do 23 de abril ata o 17 de maio, o Día das Letras, e o mes de Nadal».
Sobre a feira coruñesa salienta a masiva asistencia de público, «non sabemos aínda se esa presenza se traduce en consumo», di o presidente dos editores, despois de afirmar: «Eu si que vexo a crise no punto de venda, nas librerías, aí hai unha diminución nas vendas de todas as liñas literarias e sobre todo véndese moito menos do libro de agasallo».
De todos os xeitos, «isto xa vén desde setembro do ano pasado, aínda que este verán parece que hai certos repuntes».
No caso concreto de Edicións Xerais, Bragado amósase «moi optimista cara a fin de ano, porque imos publicar novelas de Diego Ameixeiras ou de Manolo Rivas e agardamos que esas tiren das vendas».
En canto as tiraxes, explica Bragado que tamén se están reducindo e cando antes eran de 1.400-1.500 exemplares agora están nos mil «e en poesía moi por debaixo, moitos menos».
De todo os xeitos, Víctor Fernández Freixanes asegura que a tiraxe «non é un indicativo, xa que coas tecnoloxías actuais poden facerse as chamadas tiraxes de exploración, 500 ou 600 exemplares para ver como funciona un libro, e se vai ben logo fanse reimpresións».
Freixanes apunta que en Galaxia «mantemos o ritmo da edición, aínda que somos moi selectivos na programación; a finais de ano estaremos nos 100-120 títulos anuais, porque moitas son coleccións abertas». De todos os xeitos, di que proxectos «de risco» como a tradución das grandes obras ou de clásicos universais, «que eran apostas de facer país, tivemos que paralos porque perdemos os compañeiros de camiño e hoxe en día estamos sos». Coa actual «incerteza do mercado», Freixanes, que cualifica o certame do libro da Coruña como «a feira de Galicia», anuncia a necesidade «dunha profunda reflexión» diante dun horizonte «difícil de imaxinar»

3 de ago. de 2010

Epifanías de Lois Pereiro

Artigo en El Ideal Gallego:


É Lois Pereiro un maldito? Érao. Acaso por terse atrevido a contraculturalizar cando na tribo aínda pesaba máis o cánon que a rede. Tamén porque a colza fixera del un desafío existencial, incómodo a máis non poder para o establishment intelectual do seu tempo. Fóra da autóritas académica, coa que non sintonizaba, e fóra las liturxias que establecen límites preservando os seus acomodadores o dereito de admisión, non hai vida para quen coma el fixera do desasosego e tamén do desespero unha fonte de rebeldía. Sen que nada puidera con esa súa capacidade de resistencia. Nin sequera cando estaba ao borde do abismo: “nunca perdín despois de tantos anos esa necesidade de sentirme sempre molesto e radical”. Era un poeta maldito. Xusto ata o día en que a mesma Academia o revalida nesa súa condición, que non é senón a dun viaxeiro aberto a corredores infinitos nos que a vida e a literatura se consubstancian e confunden. Na confesión de Kafka –a miña felicidade, as miñas capacidades e calquera posibilidade de que eu sexa útil de algunha maneira están desde sempre na literatura- está tamén, antes e despois da súa enfermidade, a mirada estilizada e líquida do poeta.
Souben del a través das entregas multicopiadas de Loia, a publicación que Manolo Rivas me enviaba puntualmente desde Madrid. Había algo de Rompente, aquel colectivo de provocadoras rupturas, e nada dos que en Xistral escrituramos nos primeiros 70 poemarios de contestación social. Cando a editorial Positivas se atreveu a antoloxizalo por vez primeira, caín na conta do que representaban para o imaxinario dun país fallido, ou en transición, as súas epifanías urbanas. Choque brutal de realidades e sentimentos nos que a dor e o desexo humano se urxen e necesitan mutuamente, decantándose pese a todo, coma o anxo de “O ceo sobre Berlín”, o filme de Wim Wenders e Peter Handke, dous dos seus, por renunciar á inmortalidade a cambio de formar parte da vida mortal. Non doutra maneira podería escribir ese testamento, intimamente caudaloso, formalmente punk, forzosamente agónico, solidario e metafísico, que está en cada despece da súa Poesía última de Amor e Enfermidade.
Que a Academia o leve ao santoral das Letras, solemnizando no vindeiro 17 de maio a súa vida e obra, é o argumento máis acaído co que demostrar a utilidade da súa radical e valente ruptura co cánon cultural da Galicia dos 80. Forzou, sen buscalo, que o que el representa fronte aos estándares da literatura tradicional, e fronte á cultura do fast food, acabe sendo valorado polas institucións. Empezando pola que marca o cánon. Se a súa figura propositiva atraera a atención dos que, coma el no seu tempo, se experimentan fillos dunha cultura que ten instalados os seus tensores no corazón, nas venas e nas arterias –socioeducativas e sociolingüísticas- das tribos urbanas, mellor que mellor. Sempre que non o anestesien, nin o desactiven. Unha tentación a vixiar. Porque el nunca quixo deixar de sentirse molesto e radical.

23 de xul. de 2010

A muller do repóker


Que Fascinio, un dos fitos poéticos de Chus Pato, sexa reeditado agora, quince anos despois da súa publicación, non se debe a unha vontade "ou busca" da autora, senón a Carlos Lema, director artístico de Galaxia "que creu oportuno revisar algunhas das miñas obras. Pasou hai catro anos con A ponte das poldras", asegura a poeta, VOZ fundamental na renovación lírica galega deste entreséculos.

Quince anos despois, define Fascinio cunha metáfora, "é unha estación-empalme", termo sen dúbida inspirado no seu Ourense natal (1955), empalme ferroviario de Galicia desde mediados dos sesenta. "Por unha banda", engade, "ten unha serie de poemas que son un levar ao último o que viña escribindo até un certo momento e, ao mesmo tempo, aparecen outros textos que continuarán a súa traxectoria en Ninive e A ponte das poldras. Por iso Fascinio é un empalme: uns vagóns abandónanse na estación e outros continúan no tren".

Entre os textos que a acompañarán uns anos máis, salienta os que tratan da destrución da comunidade aldeá, "coa emigración no centro, tema único que despois ocupará A ponte das poldras". Outra liña enxertaría en Nínive a través da súa investigación metaliteraria e mitolóxica.

En ningún caso, puntualiza, Fascinio fai presaxiar a eclosión de m-Talá, que lanzará a Chus Pato como unha poeta de insólita radicalidade, capaz de rebentar o canon para instaurar nel novas medidas, "non son capaz de chegar a m-Talá con Fascinio". Máis aínda, este libro que comezou a escribir en Lisboa pouco despois do incendio do Chiado marca "o final dunha triloxía con Urania (1991)e Heloísa (1994). As tres obras debuxarían unha figura de full se lle engadimos a parella de Ninime e A ponte das poldras. Con m-Talá comeza outro ciclo que se prolonga até hoxe".

Secesión, o seu primeiro libro con formato editorial prosístico, editado por Galaxia no 2009 e presentado como unha especie de "memorias", pertencería ao mesmo ciclo. "Se ben a súa aparencia é prosística", subliña, "Secesión está concibido desde a matriz da poesía e non é diferente dos outros. Dalgunha maneira, estou moi cansa dos cortes dos versos por cuestións da caixa do libro e decido poñelos en prosa. Non quero que me corten os versos".

Pero este ciclo, con títulos como Charenton (2004) ou Hordas de escritura (2008), parece ter os días contados: actualmente escribe "algo" que lle dá pé a albiscar unha nova etapa. "Cando conclúa o segundo ciclo, poderemos dicir que a miña obra redunda nun repóker" e bota a rir cunha gargallada irónica que colpasa o auricular do teléfono polo que facemos a entrevista.

Ignora o alcance da nova etapa, entre outras razóns porque "non sei o que estou escribindo. Empecei hai pouco e non sabería definilo". Trátase, concede despois de insistirlle, "dunha escrita moi lenta. De momento, ten dúas partes: Unha fortaleza no deserto e Non debo preocuparme polo arco da vella". Fáltalle o título xeral e, ademais, "vai para largo". Calcúlalle, polo menos, tres anos de traballo.

¿Como ve a Chus Pato do 1995 en Fascinio? "Eu non me vexo neste texto, nin en ningún outro". Porén, son indiscutibles as pegadas autobiográficas, asunto que ela nega rotundamente. ¿Daquela que significa un poema tan estremecedor como "A miña lingua nativa é o fascismo / a imposibilidade do fascismo para dicir os nomes do real // perturbación // orixe". Ela non se arreda, "considero que as linguas nativas son idiomas pero tamén as circunstancias históricas nas que nace. Eu aprendín a falar baixo un réxime fascista, resultante da guerra civil. Nesa conxuntura histó- rica da ditadura, o idioma que eu recibo é un idioma completamente atravesado polo fascismo. Un idioma feito de silencios, ocultación, baseado na mentira. Así é como aprendín eu a falar, tendo en conta esa perturbación. Esa perturbación é a orixe de todo o meu contacto co idioma e, portanto, é a matriz da miña obra".

A militancia política da poeta é patente nos seus textos, nos seus discursos e nas súas manifestacións públicas. Ela, con todo, distinguiría dous aspectos: o textual e o persoal. "A nivel textual, esa militancia é a mesma en Fascinio que na recente Sedición: non cambiou. E o que eu podo sentir no eido persoal non lle interesa a ninguén". A resposta parece demasiado evasiva e ante a afirmación "pero a min talvez me interesa", ela recadea uns segundos. Rasca a gorxa e busca as palabras, "se di que a vostede lle interesa, podería dicirlle que eu non esquecerei o Comité Central pero o Comité Central pertence a outra época".

Chus Pato foi abandonando aos poucos os recitais que, a primeiros desta década, desenvolvera xunto aos membros da asociación das Redes Escarlata. Iso débese, "a que non teño tanta forza e estou cansa. Levaba moitos anos nesa dinámico e compría afastarme un pouco para volver con máis forza, pero sigo intervindo, lendo en público. Eu creo que a poesía intervén no sentido de que está construída con palabras e as palabras son recibidas polos corpos. Como toda cuestións que entra polos oídos, acaba por modificalos e cando os corpos se modifican estase a modificar a historia".

Quince anos despois, ¿que quedou das numerosas dedicatorias incluídas en Fascinio?: "Esas dedicatorias son eternas. Durarán o que dure o poema. Pertencen á Literatura, non á miña vida?". ¿E como ve a súa traxectoria literaria quince anos despois?: "É unha traxectoria esforzada. Moi esforzada. Traballei moito durante estes anos. Estiven atenta á poesía a tempo completo".

EN VIVO

A emoción de ver a Patti Smith e o sentido das fronteiras

No momento de facer a entrevista, Chus Pato está aínda "impresionada" polo concerto de Patti Smith en Vigo. Estivo alí e foi "moi sorprendente" porque reaccionou como -di- adoita reaccionar nas viaxes: "no momento non sentín unha emoción forte nin un cegamento, pero a medida que pasan os días, máis me emociona a lembranza de estar alí e máis contenta estou de ter escoitado o concerto".

Patti Smith pareceulle "unha gran diva en escena, unha muller cun don extraordinario que é capaz de compartilo dunha forma absoluta. A entrega total dese don aos que estabamos é o que a fai grande".

Unha das cousas que lle sorprendeu foi o descubrimento do "tremendamente coqueta e mais feminina que é", do mesmo xeito que é "unha muller tremendamente nacionalista americana". Patti Smith, engade, "non é unha figura universal no sentido de que estea por riba das fronteiras. Ela é o que é grazas a ser terriblemente country. O que ocorre é que sempre nos parece que as figuras do rock non están marcadas pola súa nacionalidade, que son parte do que se considera a cultura natural. Pero ela está marcadamente atravesada pola súa procedencia nacional ianqui. Iso non lle impide ser unha da grandes".

19 de xul. de 2010

Rosalía por descubrir

Do blog de Francisco Rodríguez, vía Carta Xeométrica:

Rosalía é un pozo sen fondo. Un día, tamén con entusiasmo, Manuel Rivas díxome que nela estaba todo. Este fervor rosaliano non é consecuencia dun prexuízo patriótico, disposto a achar relevante ou superior calquera produto cultural do país. É a constatación dunha revelación continua que, emotiva e racionalmente, nos pasma e asombra. Mágoa que o empeño en adaptala á unha visión ideolóxica hexemónica sobre Galiza, domine aínda hoxe a súa imaxe e e valoración. A grande escala, masivamente, segue esperando a ser descuberta na súa dimensión real. O Goberno galego non colabora ao descubrimento, como está evidenciando coa súa indiferenza absoluta cando se cumpren 125 anos do seu pasamento. Actitude natural en quen está empeñado en que Galiza non exista como pobo con cultura nacional e aspiracións políticas de seu.
Porén, Rosalía é o cerne da aspiración a unha cultura literaria propia, en lingua galega, e a expresión máis contundente de independencia psicolóxica e ideolóxica fronte a España, á ideoloxía da centralización e da eliminación do diferente. Por iso resulta sintomático que unha escritora, símbolo nacional por excelencia da Galiza, sexa tan sistematicamente ignorada e anulada nas informacións turístico-culturais sobre Galiza, en xeral, e sobre Santiago, en particular. Quizabes se deba ao desprezo, ao complexo de inferioridade sobre nós mesmos, que se traducen na reticencia verbo da transcendencia e importancia da nosa cultura.
Este ano Xacobeo, por exemplo, vale para calquera cousa, menos para lograr un mellor coñecemento da Galiza, do seu patrimonio artístico e cultural, da súa historia. Rosalía, a súa obra poética, pode ser porta de entrada magnífica para alumear unha cidade como Compostela, na súa dimensión histórica, artística, social e política, tamén como símbolo da Galiza. A través dela podemos comunicarnos, de forma suxerente e sen estereotipos, cos foráneos, á vez que nos pode axudar a revelarnos. Nada mellor que o poema “Na Catredal” (Follas Novas) para contemplar o Pórtico da Gloria, coa vida que lle presta a experiencia rosaliana, tensionada entre a súa concepción da relixión como aspiración á felicidade, coa comprensión e a piedade como dominantes, e a oficial e dogmática, fundamentada no medo e no castigo, desprezativa do ser humano na súa condición real. Imposíbel mellor guía que seguir os pasos de Rosalía no poema “Santa Escolástica” (En las Orillas del Sar) polas rúas composteláns, observando monumentos -Fonseca, Raxoi, Hospital Real, fachada da Catedral, Pazo de Xelmírez-, até penetrar en San Martiño Pinario, admirando, desde a paixón que aboia no peito rosaliano, os rostros e as figuras do anxo e da santa que conforman o conxunto, obra de Xosé Ferreiro. Non teríamos entón ningunha dúbida de que Rosalía está moi por enriba , en complexidade moral, innovación estética e comprensión global, mesmo de aspectos non nomeábeis na Europa ou nos USA na segunda metade do século XIX, que calquera outro poeta ou poetisa de entón, chámense Bécquer, Verlaine, Rimbaud, Dickinson ou Whitman…
Naturalmente, Rosalía non era ben vista pola Igrexa oficial. O poema “¡Jamás lo olvidaré…!De asombro llena..”, publicado primeiro en La Nación Española (1882), de Buenos Aires, e máis tarde en En las orillas del Sar (1884), foi a súa derradeira crítica pública ás posicións do catolicismo institucional. Nel denunciou a conduta do Cardeal Arcebispo de Compostela, Paya y Rico, valenciano, por apropiarse do mosteiro exclaustrado de Conxo, talando o bosque que o arrodeaba, de grande valor ecolóxico e histórico-simbólico e instalando nel frades mercedarios, para dificultar así que se materializase a intención da Deputación de construír alí un manicomio público. O Cardeal Arcebispo, José María Martín Herrera, salmantino, prohibiu que se pronunciase a oración fúnebre, como homenaxe, no funeral que se realizou en San Domingos de Bonaval co gallo do traslado dos restos mortais de Rosalía desde Adina o 25 de maio de 1891. Paradoxal ironía que agora o Arcebispado compostelán se faga coa propiedade dunha igrexa exclaustrada cun Panteón de Galegos Ilustres que, como Rosalía, entraron alí por vontade do pobo galego, contra o parecer e coa hostilidade da autoridade eclesiástica. A visión rosaliana de Galiza e do mundo non era a que tiña, e ten, a Igrexa católica, apostólica, romana e españolísima.

14 de xul. de 2010

Froiz

Belén Regueira en A Nosa Terra. Non vos despistedes, fala de Lois Pereiro...

Pensen o que pensen da elección de Lois Pereiro como cadáver exquisito para o próximo Día das Letras, cómpre saudar con entusiasmo as súas primeiras consecuencias: por fin temos na cultura galega algo que parece un conflito xeracional! Resulta tentador ler como tal o divertido intercambio de epístolas dos últimos días: as celebracións do pereirismo e a irrupción dos Supertacañóns da intelligentsia autóctona. Modernos vs Rancios, Jaureguizar vs Caneiro, Solteiros contra Casados.

Os Novos arrepoñénselles aos Vellos? Non lles sei. O descenso do nivel de riquiñismo aparente do debate cultural hai que aplaudilo, pero todo indica que aínda temos o pai sen matar. Nin se fritiron as “croquetas de Castelao” nin se cortaron as “suxas mans” dos santóns nin lle fixemos a parcelaria a Novoneyra. E o presidente da Academia que designa a Pereiro vén sendo o mesmo león alfa que lidera sen discusión a manda literaria desde hai décadas. Mesmo Manuel Antonio, outro que tal, admitía límites para a súa insolencia no “Máis Alá”: “Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos, que eles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos”. Parece evidente de que lado estaría o de Rianxo, pero tamén que os poetas punkis eran guiadiños abondo para non cuspiren no panteón de galegos ilustres. Aquí ata os máis descastados se axeonllan con reverencia ante o Antes, por aquilo do no future. Así non hai quen se faga grande nin quen cambie o Día das Letras.

12 de xul. de 2010

Lois Pereiro 2011

Artigo de Manuel Bragado no Faro de Vigo e no seu blogue:

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo son os retos do vindeiro 17-M: acadar unha nova fronteira para a efeméride, incorporando novos públicos e soportes, e facer de Lois Pereiro un autor popular.

A designación por parte da Academia do poeta de orixe monfortina Lois Pereiro (LP) como escritor homenaxeado no vindeiro día/ano das Letras Galegas (17-M) foi todo un acerto. A pesar da lexítima discrepancia dalgunhas voces (poucas) e do moi desputada que foi a toma de decisión (tras numerosas votacións), a elección deste poeta maldito, punk e postmoderno provocou unha descoñecida onda de entusiasmo no mundo literario galego e xerou decontado unha inagardada expectativa de renovación para o futuro dunha efeméride en evidente retroceso de interese popular que, dende hai anos, arrastra esas terribles doenzas do esmorecemento provocadas pola rotina e pola minorización elitista.

Con esta designación non servirá o dilema habitual tan utilizado nestas efemérides: “que pode facer o 17-M por LP?” ou “que pode facer LP polo 17-M?” Para ben ou mal, en 2011 o futuro quedou vencellado entre autor e efeméride. Ese “talento inmenso e cósmico” de LP, salientado estes días por Fermín Bouza nun artigo memorable, constituirá unha oportunidade excelente para atopar novos públicos, novos soportes, novas expresións e novas iniciativas para celebrar unha efeméride, como a do 17-M, até agora centrada na necesaria e imprescindible ritualización académica e na abordaxe didáctica nos centros educativos da figura homenaxeada. Mais tamén, será unha ocasión única para que, por fin, se lea e popularice a LP, este poeta da furia, que posuía coiraza de aceiro e utilizaba verbas curativas de mel, cuxa presenza, en palabras de Manuel Rivas, “tiña o efecto dunha bomba silenciosa, envolta en flores, lanzada ao patio de butacas da ópera do mundo”. Con esta designación, a institución presidida por Méndez Ferrín enxerga outra derrota (unha necesidade moi reiterada polos sectores culturais máis inquedos), ao tempo que pretende converter ao que foi, até agora, un “poeta de culto” nun “autor popular”. Dous retos ilusionantes, perfectamente acadables, aos que estamos convidados a corresponsabilizarnos da súa procura os editores, o profesorado, as bibliotecas públicas, as asociacións culturais e cívicas e (non o esquezamos) as administracións públicas.

“Andou polas beiras salvaxes da vida”, escribiu o seu leal compañeiro Manuel Rivas, con quen Lois, o seu irmán Xosé Manuel, e o pintor Antón Patiño, forxaran en Madrid, a súa primeira trabe de futuro: o colectivo poético artístico “Loia”, que chegou editar de 1975 a 1978 catro números fotocopiados da revista homónima, na que publicou o seus primeiros poemas, recollidos en “Poemas para unha Loia” (1996), volume póstumo no que se incluíu o seu ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”. Ao longo de só trinta e oito anos, Lois Pereiro percorreu, utilizando unha estética punk, o camiño tráxico que o levou da tristeza violenta da mocidade, –ao abeiro de José Angel Valente, referente fundamental nos seus primeiros pasos– á aniquilación nostálxica que o acompañou dende que en 1981 foi vítima da doenza da colza. Foi a súa unha loita implacable “contra a morte” (ese é, tamén, o título dun longo documental biográfico que sobre el ultiman Iago Martínez e Álex Cancelo), que marcou tanto a súa vida como o seu esforzo creativo, expresado en revistas como “La Naval”, “Trilateral”, “Das Capital” e, sobre todo “Luzes de Galiza”, nas letras das cancións que preparou para Radio Océano ou nos seus dous poemarios, publicados ambos os dous por Francisco Macías: “Poemas 1981/1991” (1992) e “Poesía última de amor e enfermidade. 1992-1995” (1995).

Lois Pereiro quixo que a súa literatura estivese feita cos vimbios da tenrura mais non asumiu moitas cortesías para que os seus poemas de aceiro funcionasen como “un bisturí que diseccionase a vida”, imaxe a que acoden para definilo os seus compañeiros do grupo poético “Do amor e desamor” (Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Rivas, Lino Braxe, Xulio Valcárcel…), ao que se incorporou en 1984, cando chegou á Coruña, cidade na que “xaspeaban as nubes” e onde viviu dende entón.

Volver aos seus textos ou descubrilos é a primeira oportunidade que nos ofrece este vindeiro 17 de maio. Estamos diante dun poeta oceánico, dunha economía expresiva rotunda, capaz de enfeitizar e curar con cada un dos seus poemas: “Que a vida non me sorprenda xamais / desprevenido calado e neutral / e que un segundo antes de renderme / vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro”, comezaba o seu poema “Alerta e vixiante”, escrito un ano antes do seu falecemento, o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que foi anunciada a famosa sentenza da colza, a doenza que o ferira de morte quince anos antes. Outra ironía da nosa recente historia da infamia. Saudamos con esperanza este Lois Pereiro 2011.

11 de xul. de 2010

Epifanías de Lois Pereiro

Luis Álvarez Pousa no Ideal:

É Lois Pereiro un maldito? Érao. Acaso por terse atrevido a contraculturalizar cando na tribo aínda pesaba máis o cánon que a rede. Tamén porque a colza fixera del un desafío existencial, incómodo a máis non poder para o establishment intelectual do seu tempo. Fóra da autóritas académica, coa que non sintonizaba, e fóra las liturxias que establecen límites preservando os seus acomodadores o dereito de admisión, non hai vida para quen coma el fixera do desasosego e tamén do desespero unha fonte de rebeldía. Sen que nada puidera con esa súa capacidade de resistencia. Nin sequera cando estaba ao borde do abismo: “nunca perdín despois de tantos anos esa necesidade de sentirme sempre molesto e radical”. Era un poeta maldito. Xusto ata o día en que a mesma Academia o revalida nesa súa condición, que non é senón a dun viaxeiro aberto a corredores infinitos nos que a vida e a literatura se consubstancian e confunden. Na confesión de Kafka –a miña felicidade, as miñas capacidades e calquera posibilidade de que eu sexa útil de algunha maneira están desde sempre na literatura- está tamén, antes e despois da súa enfermidade, a mirada estilizada e líquida do poeta.
Souben del a través das entregas multicopiadas de Loia, a publicación que Manolo Rivas me enviaba puntualmente desde Madrid. Había algo de Rompente, aquel colectivo de provocadoras rupturas, e nada dos que en Xistral escrituramos nos primeiros 70 poemarios de contestación social. Cando a editorial Positivas se atreveu a antoloxizalo por vez primeira, caín na conta do que representaban para o imaxinario dun país fallido, ou en transición, as súas epifanías urbanas. Choque brutal de realidades e sentimentos nos que a dor e o desexo humano se urxen e necesitan mutuamente, decantándose pese a todo, coma o anxo de “O ceo sobre Berlín”, o filme de Wim Wenders e Peter Handke, dous dos seus, por renunciar á inmortalidade a cambio de formar parte da vida mortal. Non doutra maneira podería escribir ese testamento, intimamente caudaloso, formalmente punk, forzosamente agónico, solidario e metafísico, que está en cada despece da súa Poesía última de Amor e Enfermidade.
Que a Academia o leve ao santoral das Letras, solemnizando no vindeiro 17 de maio a súa vida e obra, é o argumento máis acaído co que demostrar a utilidade da súa radical e valente ruptura co cánon cultural da Galicia dos 80. Forzou, sen buscalo, que o que el representa fronte aos estándares da literatura tradicional, e fronte á cultura do fast food, acabe sendo valorado polas institucións. Empezando pola que marca o cánon. Se a súa figura propositiva atraera a atención dos que, coma el no seu tempo, se experimentan fillos dunha cultura que ten instalados os seus tensores no corazón, nas venas e nas arterias –socioeducativas e sociolingüísticas- das tribos urbanas, mellor que mellor. Sempre que non o anestesien, nin o desactiven. Unha tentación a vixiar. Porque el nunca quixo deixar de sentirse molesto e radical.

Lois Pereiro contra as almiñas da estadea

Fran Lorenzo no Correo:

O meu ver, nin sequera a todopoderosa voz de Uxío Novoneyra foi quen, neste 2009, de remover a lousa sepulcral do Día das Letras Galegas, un festexo tan único e singular como exhausto e decadente. Quizais na vontade de revitalizar a data e dotala dunha ollada non haxiográfica nin filolóxica aniñe a decisión da Real Academia Galega de lle dedicar o vindeiro 17 de maio a Lois Pereiro e ao seu concentrado poético de doenza, rabia e amor de máis alá. Oxalá fora así.

Era eu un lector inexperto, máis do que agora, cando caeron nas miñas mans os dous compendios de versos, editado por Positivas –Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade–, nos que se cifra a palabra do autor monfortino. Podo evocar perfectamente a sensación de transcendencia e rigor que me transmitiron aqueles dous libros. Andado o tempo, en moi poucas ocasións recoñecín, na poesía galega de hoxe, esa precisión e austeridade expresiva, esa concentración de pensamento. Pereiro é a negación daqueloutras/os poetas –tan comúns mesmo entre os membros da súa xeración–, para os que a poesía é pouco máis ca unha sucesión aquelada de palabras fermosas, galegueiras e evocadoras. Non sei se esa grandeza literaria –delimitada no tempo, como a de Manuel Antonio– é mérito abondo para recibir a homenaxe dos académicos. E se cadra nin esa é a cuestión.

Ocorre que o Día das Letras Galegas xa vén dando cumpridas mostras de esmorecemento como reactivo social. Sucede que hai parroquias no seo da rúa Tabernas que favorecen unha ou outra candidatura; e que hai eternos aspirantes, como Carvalho Calero, que espertan poucas ou ningunhas simpatías no seo da institución, principalmente pola súa defensa do reintegracionismo ortográfico.

Ben mirado o Día das Letras Galegas –o único concurso-oposición do mundo no que son mortos os que aspiran á praza–, é, fóra dun importante estímulo para o maltreito sector da edición, a representación máis gráfica das diversas forzas que conflúen nos poleiros das institucións culturais galegas: un xogo de mesa e estratexia, o Risk, o Cluedo, o Monopoly… Cada un xoga as súas cartas, cadaquén leva o seu defuntiño da man e divulga os seus méritos. Pero en realidade, ese soterrado combate que se libra unha vez ao ano –coa privilexiada asistencia dos medios de comunicación– é tan importante para os implicados como irrelevante para a gran masa social de cidadáns. E acho que ese desapego ten unha explicación.

O Día das Letras Galegas non alterou a súa fórmula desde os tempos nos que eu pintaba murais de cartolina co careto de Armando Cotarelo Valledor ou Francisca Herrera Garrido e copiaba os versos de Leiras Pulpeiro nun caderno cadriculado. A secuencia dos feitos é a que segue: debate-proclamación-debate-súpeto abrollar de expertólogos na figura de…-desembarco editorial nas librarías-unidades didácticas-congreso (se o hai)-suplementos e publicidades pagadas pola Xunta nos xornais-FERIADO! (praia ou manifestación)-sesión extraordinaria da RAG-lugares comúns institucionais/segunda defunción do autor/soterramento definitivo.

Lois Pereiro representa xustamente o contrario desta esclerose, principalmente porque a súa poesía segue a escintilar tan viva e tan furiosa como cando se publicou. Se a RAG logra extraer de Pereiro o extra de vida que precisa o Día das Letras, benvido sexa. Se non é así, agardo que a cerimonia da súa resurrección non o converta nunha almiña máis da estadea do 17 de maio.

10 de xul. de 2010

Poetas á marxe: Lois Pereiro

Anotación en Nubosidade Variábel no 2006:

p. Poesía. Patria. Paixón.
Perigo de extinción, perdidos na nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferencia alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos.
Paisaxes espalladas, enfiadas entre os Perfiles do Pasado, coa presencia dunha vexetal sensación de eternidade.
Paixón e Poses "punk", refrexos Postmodernos e altas horas nos Peiraos urbáns da noite.
Lois Pereiro, "¿Que é Galicia?" (guión televisivo) (Emitido pola TVG o 25-7-88)

A furia necesaria

Anotación no blogue Diario de un esqueleto:

Lois Pereiro, hombre físicamente parecido a una vela ardiendo, murió hace dos lustros en Coruña, a los 38 de su edad. Desde hace años los dos únicos libros que publicó en vida –Poemas 1981/1991 y Poesía última de amor e enfermidade- están descatalogados. Los pocos ejemplares que llegan a las librerías de lance se venden rápido, con lo cual este poeta, marginal y cosmopolita al mismo tiempo, es un tesoro escondido en inciertas bibliotecas públicas y privadas.
La obra de Pereiro comenzó su andadura a la metafísica sombra de Valente, aunque ya en sus primeros intentos aparecía traspasada por la tristeza violenta de quien es joven y nunca pudo ni quiso evitarlo. Cuantos en él influyeron no le restaron esa furia que reclamaba para su propio cadáver: “Cuspídeme enriba cando pasedes/ por diante do lugar onde eu repouse,/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria”.
Barrido por todos los vientos, incluído el viento del olvido, fue sustituyendo el deseo por el exilio
para iniciar el viaje sin retorno, tal y como registró en sus versos, dejándose llevar sin resistencia al fondo de una interna aniquilación llena de nostalgia.