Nestes tempos en que as palabras enganan; nestes tempos en que, por exemplo, a palabra «mercados» oculta canda si, baixo un mesto pano de anonimato, o significado real de «especuladores» (ao que se lle podería adherir o adxectivo «ricos» sen temor a equivocarnos); nestes tempos en que o apelido Botín se converte en todo un símbolo do roubo social (fraude fiscal millonaria) e, ao tempo, nun símbolo da hipocrisía máis funesta para a confusión da palabra (pretendendo sobreescribir en «roubo» outros termos como «mecenas», «filántropo»); nestes tempos en que se decreta a «necesidade» de recortar en educación (futuro), en cultura, en servizos sociais, pero non se poñen trabas aos gastos fastuosos na visita do Papa ou aos delitos seculares dos evasores de impostos; nestes tempos en que se eliminan brutalmente prestacións sociais a unha cidadanía que fixo posible o Estado do benestar, agora castigada polo paro e pola falta de expectativas, pero se capitalizan os bancos a fondo perdido e sen condicións (eses mesmos bancos que a uns anos vista incrementarán brutalmente os seus beneficios pola implantación sistemática da banca electrónica e o despido progresivo de persoal); nestes tempos en que a palabra, empregada como arma política, se utiliza para asustar a cidadanía e impregnala da adxectivación dun medo (terror dialéctico) que faga máis doada a consecución dos obxectivos que os especuladores pretenden conseguir a costa do empobrecemento xeral da poboación; nestes momentos, digo, precisamente nestes momentos, é máis urxente ca nunca, máis vital, máis indispensable ca nunca, e tamén máis liberador ca nunca, a recuperación da palabra; a imprescindible loita por devolverlle a súa dignidade, a denuncia da súa manipulación, a visibilización do seu saqueo. Se a palabra volve a ter entidade, se volver ser corpórea, sincera, precisa, honrada, exacta, o futuro tamén o será. Desde a palabra, insurrección.
4 de out. de 2011
Notas para unha insurrección desde a palabra
Nestes tempos en que as palabras enganan; nestes tempos en que, por exemplo, a palabra «mercados» oculta canda si, baixo un mesto pano de anonimato, o significado real de «especuladores» (ao que se lle podería adherir o adxectivo «ricos» sen temor a equivocarnos); nestes tempos en que o apelido Botín se converte en todo un símbolo do roubo social (fraude fiscal millonaria) e, ao tempo, nun símbolo da hipocrisía máis funesta para a confusión da palabra (pretendendo sobreescribir en «roubo» outros termos como «mecenas», «filántropo»); nestes tempos en que se decreta a «necesidade» de recortar en educación (futuro), en cultura, en servizos sociais, pero non se poñen trabas aos gastos fastuosos na visita do Papa ou aos delitos seculares dos evasores de impostos; nestes tempos en que se eliminan brutalmente prestacións sociais a unha cidadanía que fixo posible o Estado do benestar, agora castigada polo paro e pola falta de expectativas, pero se capitalizan os bancos a fondo perdido e sen condicións (eses mesmos bancos que a uns anos vista incrementarán brutalmente os seus beneficios pola implantación sistemática da banca electrónica e o despido progresivo de persoal); nestes tempos en que a palabra, empregada como arma política, se utiliza para asustar a cidadanía e impregnala da adxectivación dun medo (terror dialéctico) que faga máis doada a consecución dos obxectivos que os especuladores pretenden conseguir a costa do empobrecemento xeral da poboación; nestes momentos, digo, precisamente nestes momentos, é máis urxente ca nunca, máis vital, máis indispensable ca nunca, e tamén máis liberador ca nunca, a recuperación da palabra; a imprescindible loita por devolverlle a súa dignidade, a denuncia da súa manipulación, a visibilización do seu saqueo. Se a palabra volve a ter entidade, se volver ser corpórea, sincera, precisa, honrada, exacta, o futuro tamén o será. Desde a palabra, insurrección.
18 de mar. de 2011
Leccións de Fukushima (refelexión do compañeiro Frutos, en Jeanfrujo)
E.Rutherford (1871-1937)*
A de veces que non teremos escoitado iso de que o ensino na época actual se centra de xeito excesivo na ciencia, e que deixa de lado aquelas disciplinas máis humanísticas (?). O accidente nuclear de Fukushima constitúe unha tráxica demostración non só da falsidade de tal afirmación, senón de que o que realmente ocorre é xusto o contrario.
A magnitude da catástrofe que nestes días se vive no Xapón fai que todos esteamos atentos ás noticias que desde alí nos van chegando. Ó asombro pola magnitude do terremoto e do catastrófico tsumami veuse sumar o accidente nuclear. Xustamente, é este último acontecemento o que mantén en Xapón o foco da atención mundial, pola inquietude e temor que produce tal incidencia en tódolos habitantes do planeta. Considero que isto é así ata tal punto que, para o mundo, haberá un antes e un despois de Fukushima, pero non polo terremoto e o tsunami –catastróficos, repito-, senón por causa do accidente nuclear que provocaron.
É así que estes días non foron poucos os alumnos que me manifestaron a súa inquietude e os seus desexos de saber máis sobre o accidente. Repítense agora as mesmas sensacións do ano 1986, cando o accidente de Chernobil.
Pero, moito ten cambiado todo desde aquel ano 1986; e non sempre para mellor. Xustamente, cando me propuxen dar algunha explicación ós meus alumnos de Física e Química da ESO sobre o que estaba pasando con Fukushima, atopeime cun grave problema: en todo o ensino obrigatorio non hai un só tema nin unha soa referencia, no currículo de Física e Química, sobre a física nuclear; o que equivale a dicir que en todo o ensino obrigatorio os nosos alumnos non estudan nada sobre este tema de importancia tan capital para a nosa civilización. Isto, con ser grave, aínda o é moito máis cando se observa que nin sequera nas asignaturas comúns do bacharelato se estuda tal contido, se exceptuamos un pequeno apartado da de Ciencias para o mundo contemporáneo (para darnos conta da “profundidade” coa que se aborda o tema basta dicir que o apartado en concreto, “enerxías alternativas e enerxía nuclear”, é un máis do cento largo que considera esa asignatura, unha especie de compendio “light” de todo o saber científico universal, para contentar a pasmóns); e o mesmo me pasou ó querer falar do tema cos alumnos de Química de 2º. Soamente teñen un tema de Física Nuclear os alumnos da asignatura de Física de 2º de Bacharelato, unha das optativas que menos escollen (disque é difícil). Si, non é un erro: ¡a Física é unha optativa para os alumnos de ciencias!; que vén a ser coma se a Lingua fose optativa para os de letras. Este estado de cousas conduce a unha penosa conclusión, entre outras posibles: a inmensa maioría dos individuos de este País, teñan estudos obrigatorios, medios ou superiores, non teñen nin a máis mínima idea, fundamentada nos seus estudos, sobre a enerxía nuclear; soamente a que poidan extraer dos periódicos, a televisión ou, o que é pior, dos omnipresentes “tertulianos” (que, polo que vexo, tamén gozan do don da sabiduría na física moderna). E todo iso sucede mentres cansamos e atiborramos ós alumnos con cantidades enormes de contidos totalmente innecesarios, e “filatélicos”, que diría Rutherford. Parece ser que para formar espíritus críticos….
A ciencia, meus amigos, segue a ser aquilo que inventan os outros (os que a estudan). E ciencia non é, desde logo, castigar ó personal con toneladas e toneladas de filatelia, mentres pasamos de puntillas, ou simplemente non pasamos, polos contidos máis fundamentais. Sospeito que, de seguir así, do gran caudal de intelixencia que pasa por colexios e institutos seguirase a perder polo camiño unha valiosa parte. E entre os que non se perdan han de ser máis os cansados cós formados.
Nunca aprenderemos?... Creo que non!
* Físico que estudou e clasificou os diferentes tipos de radiacións radiaoctivas (alfa, beta e gamma), descubriu que a radioactividade ía acompañada da desintegración dos átomos e propuxo o primeiro modelo atómico nuclear. Gañou o premio Nobel de Química en 1908.
Adega opina sobre a enerxía nuclear (Terra e Tempo)
1. A enerxía nuclear é inmensamente destrutiva e perigosa: Harrisburg (1979) Chernóbil (1986) e agora Fukushima, amosan claramente as posibilidadees destrutivas desta fonte de enerxía que por si soa, pode hipotecar o futuro do planeta por moitas xeracións.
5. A enerxía nuclear non é necesaria: de haber vontade política é posíbel substituila polas renovábeis e promover o aforro e a eficiencia, como fixeron países como Alemaña ou Suecia (que cumpren con Quioto), mentres que Franza, cun enorme parque nuclear, non.
6. A enerxía nuclear non é pois a solución ao cambio climático: no seu ciclo de vida (extración, transporte, construción, desmantelamento das centrais, xestión dos refugallos, etc.) emítense máis GEIS que coas renovábeis.
7. A enerxía nuclear non da a suficiencia enerxética, ao contrario, cria máis dependencia: o uranio é un recurso escaso localizado en poucos xacementos no mundo. O estado español importa practicamente a totalidade do uranio doutros países para as súas centrais, polo que a dependencia que por exemplo co carbón.
8. A enerxía nuclear non é renovábel: as reservas de U-235 son finitas e esgotaranse nunhas poucas décadas.
9. A enerxía nuclear é rexeitada pola inmensa maioría da sociedade: por que entón os principais partidos políticos teiman en defendela?
10. A enerxía nuclear non é sustentábel: non é eficiente eonómicamente, nin solidaria socialmente, nin os custos e riscos ambientais son asumíbeis.
11 de mar. de 2011
aínda non atopei ningún xoguete educativo en galego,(reflexión de Jesús Rodríguez)
O material didáctico das escolar galegas debería ser en galego?
Evidentemente é fundamental que haxa material en galego e que exista, sobre todo, nalgunhas das áreas nas que se carece por completo del. Voulle poñer un simple exemplo: Teño unha nena de once meses e aínda non atopei ningún xoguete educativo, como os bonecos que emiten palabras, que sexan en galego, ou tipo caixa de música. Non podo dicir que non haxa ningún, pero eu non o atopei. Está o de Pepe Carreiro, que son materiais de lectura, pero creo que a carencia é importante, non sei se vostede coñece.
De lectura infantil, temos material moi importante en Galiza, e en cd e dvd está por exemplo o superéxito de Mamá Cabra, ou o disco "Tic, tac" de Pablo Díaz, pero a verdade é que material como o que me está a describir tampouco o vin nin lle escoitei a ningún pai/nai falar del. Só sei de quen recorre aos xoguetes en portugués, iso si.
Claro, e en galego está Ponte nas Ondas, cousas moi interesantes... pero nos xoguetes non hai. E tampouco hai material en galego para necesidades educativas especiais. Falta moito camiño.
( Galicia Hoxe)
23 de feb. de 2011
O vídeo de Marta: matar á mensaxeira (reflexión en JEANFRUJO)
Entre os ecos periodísticos do vídeo de Marta, chamou a miña atención un artigo de Mariluz Ferreiro na Voz. Nel, coido que realiza un certeiro diagnóstico dos contidos do vídeo, cando non os considera unha anécdota, senón o síntoma claro dun sentimento de auto odio da lingua propia, fraguado durante anos (séculos diría eu). Claro que o artigo aparece escrito en correcto castelán, no diario de maior tirada de Galicia, que, por se alguén non se decatara, leva o significativo nome de “La voz de Galicia”: iso si que che é un síntoma Mariluz!... Como era aquelo de preocuparse de varrer a casa dun antes de...?
Tamén tercia no asunto Henrique Monteagudo, desde El País, cun artigo que leva o ocorrente título de “Memorias dun neno vilego”. Adoito estar de acordo coas análises de Henrique encol da lingua, pero teño que dicir que neste caso non me convence. E non me convence, entre outras cousas, porque, sendo como é profesor, deixa pasar por alto, supoño que de xeito inconsciente, un detalle fundamental do que Marta conta: ela declara que no cole tiñan os libros en galego, pero que tódolos profesores (menos a profesora de galego, que tamén impartía historia) falaban castelán e lle daban as clases en castelán. Curioso, cando menos, que ninguén, entre os múltiples comentaristas do vídeo que teño revisado, se fixase nesa circunstancia. Que cabería esperar dese entorno social ou familiar urbano, normalmente desfavorable ó galego, se, ademais, no sistema educativo que acollía a Marta os mesmos profesores impartían as clases en castelán, cando os libros estaban en galego? Pois que, como mínimo, a maioría da xente que vive nesa (frecuente?) situación pense que esto do ensino do, e en, galego, é un verdadeiro paripé! O mesmo paripé que observamos, día si e día tamén, nun bo número de políticos, periodistas, empresarios, artistas e todo tipo de xente coñecida (aquí coñecémonos case todos), cando utilizan o galego nun estrado, diante dun micro ou dunha cámara, e á media volta xa están falando castelán cos amigos, coa muller ou cos fillos. Que queremos, que o paripé sexa universal? Que pensamos, que a xente é idiota? Non é certo que un bo número de galegos da idade de Marta actúan do xeito que ela o conta? Entón, de que nos asustamos? Non, algo vimos facendo mal desde hai tempo, e simplemente parece molestarnos que se saiba ou no lo lembren. Desde tódalas frontes, a da lingua incluída, seguimos proxectando imaxes virtuais e falsas do País, e cando alguén, aínda que sexa dun xeito tan inocente coma Marta, se atreve a desvelar calquera aspecto da crúa realidade, cargamos todos contra el... Pobres de nós!
Pero, dito todo iso, recoñezo que Marta demostrou ignorancia sobre o uso do galego en Galicia. Cando afirma, por exemplo, que nas cidades o galego soamente o falan os nacionalistas: é mentira. Hai moitos galegos que non son nacionalistas e o falan. E eu tamén coñezo declarados nacionalistas que non o falan máis que cando lles convén, que ven a ser peor ca se non o falasen nunca.
19 de xan. de 2011
"Non pode pedir normalidade quen nunca se dignou falar galego" (Xornal)
O voceiro nacional do BNG pide a Feijóo unha explicación pola negativa de dúas senadoras do PPdeG a empregar a lingua galega no Senado
17 de xan. de 2011
Reflexión de Francisco Pillado (en Radiofusión)
Francisco Pillado, editor: “Hai un ataque frontal contra o sistema inmunolóxico do país”
O best-seller de Laiovento nestas dúas décadas é moi recente. Trátase de “55 mentiras sobre a lingua galega”, coordinado por Xosé-Henrique Costas. A obra segue o modelo que defende Francisco Pillado: “Manter unha calidade, unha dignidade e estar á altura das circunstancias, argumentando”. O editor critica os ataques ao galego movidos polo “odio” de grupos como Galicia Bilingüe ao que define como “anecdótico”. “As linguas enriquecen”, proclama como modo de resistencia fronte a “vulgarización” que detecta na sociedade.
11 de xan. de 2011
Ana Pontón ,sobre a inauguración da Cidade da Cultura
10 de xan. de 2011
reflexión de Xurxo Sierra Veloso (Galicia Hoxe)

Dicir que detrás da proposta inmersión lingüística existen "escuros intereses económicos" é un disparate antolóxico, pero asegurar "que o galego está monopolizado por grandes intereses económicos", transcende a capacidade imaxinativa de calquera clase de delirio; non é?
Se existen eses intereses económicos, que alguén me dea contas do diñeiro que deixei de ingresar nos últimos vinte anos. As persoas que falan así non só amosan unha evidente mala fe, senón que poñen de manifesto unha profunda ignorancia. O galego, por moitos anos de autonomía e outras lerias que levemos, segue a ser, cada vez máis, un territorio tristemente reservado á militancia, ao compromiso lingüístico, sempre desinteresado e ruinoso. Quen o queira mesturar con liortas ideolóxicas vai moi enganado. E quen pense que se lle pode tirar beneficio á cuestión sociolingüística está moi preto de ser un parvo, por moito que queira adornar os seus argumentos con citas de John Stuart Mill.
9 de xan. de 2011
Bernardino Graña (Xornal)

Bernardino Graña: “Hai que berrar como fixo Castelao, segue a haber motivos”
O autor lembra que o Brais Pinto tivo a “valentía de protestar por Galicia en Madrid
Unha nova escolma condensa medio século de poesía de Bernardino Graña Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) leva toda unha vida escribindo. Nos primeiros anos, os seus versos apareceron en castelán, pero daquelas poesías iniciais non quedan nin as lembranzas, xa que Graña non quere nin recordalos. O seu verdadeiro inicio poético comezou en 1958 co Brais Pinto co título Poema do home que quixo vivir. Con esa primeira obra, comeza a escolma Ser auga, darse en auga realizada por Miro Villar e que percorre 50 anos de poesía de Graña. O poeta de Cangas xa ten ese libro nas súas mans e durante esta entrevista non deixou de ollalo coa curiosidade de volver ao seu pasado literario. “Toda unha vida aquí metida”, dixo Graña ao ver o libro no salón da súa casa en Culleredo.
Resulta duro enfrontarse a un libro que resume cinco décadas da vida dun?
Eu fun vivindo a vida da miña maneira, como puiden. Estiven en moitos lugares. En Brasil, en toda España. Eu penso que os seres humanos debemos ser movedizos, non asentados. Iso da xubilación é malo porque nós temos que movernos sempre.
Moitos din de Bernardino Graña que é o gran poeta do mar...
Non estou moi de acordo con iso. Os periodistas sempre tendedes a simplificar, necesitades simplificar. Falouse sempre moito do poeta do mar, que se o poeta do mar por acó e o poeta do mar por alá... Pero eu son poeta do mar e do amar. Na miña vida, tamén tiven algúns amores e algúns desamores.
Pero sendo do Morrazo, o mar ten que estar moi presente.
Claro que si. Andei moito co meu tío Emilio, que era mariñeiro. Con el ía ás nécoras, ás fanecas e a todo iso. Coñecíamos á perfección a Ría de Vigo e toda a zona. Todo iso queda ben gravado dende que eres un cativo. Por outra banda, o mar é unha fonte de inspiración. O mar chama, o mar esta sempre a chamar por ti. Chama tanto que acaba por engulirte.
Pese a toda a poesía, vostede ingresou na RAG o pasado mes de xuño cun discurso sobre os contos, o cal sorprendeu a moitos e, entre eles, ao propio Miro Villar. Por que se decidiu por ese tema?
Eu estiven dende pequeno escoitando historias. A miña avoa, a miña nai, as miñas tías... Escoitei moitas historias, algunhas fantásticas, outras verdadeiras... Tiven a sorte de medrar e alimentarme con elas e quixen devolver todo iso no discurso. Quería devolverlle nese momento ao pobo algo do que me dera. Era unha débeda. Os contos, a música, a fala... Todos iso está no meu nacer, pero xa antes de que eu saíra á luz. A fala é unha música e iso foi un agasallo do pobo que tiña que devolver.
Ingresou na Academia o pasado xuño. Foi un recoñecemento tardío?
Eu non me queixo, ingresar foi algo moi positivo. Tiven que esperar e tiven que ver como ían entrando outros. Todos eles tiñan que entrar. Ingresaron homes e ingresaron mulleres e era moi bo que todos eles foran entrando. Eu non tiña présa por entrar. Se ingresaba, pois ben. Que non ingresaba? Pois tamén ben. Non tiña grande ansia.
Vostede formou parte do Brais Pinto. É unha gran responsabilidade que chega a pesar formar parte dese grupo que segue a ser un referente?
Eu estou sorprendido co que fixemos co Brais Pinto. Nós non eramos máis que estudantes sen cartos e nós, daquela, só buscábamos saír adiante. E si, foi unha gran responsabilidade a que tivemos. O Brais Pinto foi un grupo que tivo a valentía para berrar por Galicia dende Madrid. Facer un berro noso e axudar a berrar e a protestar. Había que dicir ben alto “aquí estamos”.
Hai motivo hoxe en día para berrar dende Galicia co que pasa coa lingua?
Mira [colle un exemplar de Sempre en Galiza que está enriba da súa mesa], isto hai que lelo e volver lelo unha e outra vez. Hai que asimilar o que aquí pon porque está de plena actualidade, por desgraza. Hai que seguir a berrar, temos a obriga de seguir a berrar como fixo Castelao porque segue a haber motivos. Temos que formar un coro grande e xuntar a nosa voz a Castelao para que nos escoiten.
E escoitará quen teña que escoitar?
Teñen que escoitarnos, pero para iso temos que berrar. Nós temos que berrar, tanto se nos queren escoitar como se non queren.
8 de xan. de 2011
"Mero" reflexiona sobre o invento da "imposición" (Galicia Hoxe)

Baldomero Iglesias, máis coñecido como "Mero", fai neste artigo unha reflexión sobre a situación de progresiva opresión que están a vivir os galegofalantes
Vostede cre que pode haber algún país no mundo que impoña para si mesmo a súa lingua, a propia? E digo ben, que "impoña", entendido como obriga. Todos os países do mundo teñen imposto o seu idioma, o seu, e de forma lexítima. Dada pola orixe feliz, polo hábito e habitabilidade, polo tempo e perdurabilidade, polo uso común e social, pola tradición e a literatura que, seguro, pervive nas obras que desde hai moito se xeraron establecendo vínculos de relación e cohesión. Pódese entender o verbo impoñer con respecto ao propio, ao que nos vén dado en natureza, ao que vén en e con nós? Se vostede así pensa, sinto dicirllo, padece dunha certa doenza modular e revirada que lle impide ver claro e supón que ten que estar vendo con interferencias de sombras, desas que se pousaron nos ollos coma belidas, cataratas que non lle deixan ver e comprender a totalidade do horizonte físico e humano que por diante se lle pon. Doenza que se estende ao interior e que dá conta de realidades falsas, pois chega aos sentimentos e impídelle, quizais, amar como é debido, nese territorio que parte necesariamente desde o amor ao propio e a si mesmo.
Debe saber que a maior riqueza dos humanos é, precisamente, esta diversidade que temos que nos fai ser, primeiramente nós, tal como somos e singulares, e despois coma os demais. Esa que nos fai iguais, sabéndonos iguais pero distintos, orixinais e variados. Como debe ser a condición humana. Xusto o contrario dos homomorfismos e monocultivos, da uniformidade, para entendernos ou para ignorarnos. Para manexarnos ben debemos ter esa certa capacidade de aceptación sen vitimismo e sen "padecemento" -ao que sempre aluden aqueles que se rexeitan- para defendernos dos mesmos carcas de sempre. É necesario avanzar e aceptar os demais como son, aínda que non sexan coma nós ou como nós quixeramos que fosen. Aínda que sexan pequenos e rabudos, morenos e pálidos, peludos ou pelados, e aínda que sexan únicos ou supoñan unha minoría. A diferenza é quen nos fai humanos.
Os pobos, naturalmente, existen. E existen sendo diferentes desde a mesma condición humana. Porque teñen o dereito de existir, grandes e pequenos, sendo quen son nin máis nin menos. E deben ser protexidos para existir, sobre todo aqueles máis pequenos, conservando os propios códigos de cohesión social e de dominio, de entendemento mutuo e relación, de riqueza colectiva. Un deles, loxicamente, é o código lingüístico. Que presume ser o do entendemento e a aceptación. E, mal que nos pese, así hai que aceptalos, tanto se imos a Marrocos e alí os vemos diferentes, como se imos a Alemaña e tamén os vemos diferentes, como á Bretaña francesa ou a Cataluña. Ou se, como é o caso, alguén se achega a nós e apercibe que falamos doutra maneira "característica" e que, aínda resistíndonos a ela -mágoa, a nosa- e intentando universalizar as vocalizacións, se nos acaba notando este acento imborrable de nós, característico -e con moita honra- pola oclusión de fonemas voc álicos e outras marabillas, ou pola superposición de códigos alleos -mágoa, a nosa- nunhas irregularidades que non imos analizar porque non vén a caso.
Non, o idioma propio non pode ser imposto, é lexítima a súa imposición aínda que non queiramos, porque está no dominio innato e iso non pode sobrepoñerse a nada nin subordinarse a nada, xa que vén posto en nós e non imposto -como queren facernos crer aqueles carcas de sempre. É propio a nós, é condición do ser, é natural, orixinal, singular e implícito ás persoas que de aquí somos (anque alguén puxera cascos ou tivese problemas perceptivos), a este espazo que lle corresponde en tempo e terra, na paisaxe humana, social e física, na materia do seu ámbito. Eu non podo aceptar que por chegar a Euskadi e que me digan e falen, entre eles ou comigo, o seu idioma propio, me estean a faltar, ofender ou sequera impoñer. Non, ...non podo ser eu un colonizador barato, dos que vemos tanto, nin podo ser ese carca que me queira impoñer a eles, levándolles a cordura barata que lles -agora si- impón o meu código. Sería lamentable. Eles son os que asumen a normalidade no seu dominio lingüístico. Por que lles custará tanto entendelo e aceptalo aos que seguen premendo en nós, nos medios de presión social, nos seus reiterativos discursos, nas súas magoentas traducións, ...porque non se admite que temos non só toda a razón senón a razón toda e que, os que defendemos a nosa lingua minorizada, somos os que estamos en precario, achicados e loitando sempre para recuperarnos das súas mentiras maliciosas, das ignominias veladas desde o pasado, das belidas en cataras e, ademais, e isto sobre todo, estamos no noso dereito.
Reclamamos o noso, o dereito fundamental de ser e de expresarnos, no noso código, diferente ao deles, ese que non pode -nin querendo- exercer a intimidación invasora que se inventaron para xogar unha vez máis a colonizarnos. Como fixeron -na Historia de verdade cóntase- nas lamentables páxinas latinoamericanas, cos escravos negros aos que obrigaban co seu minoritario idioma de orixe a unha diglosia invasiva e impostora para empezar polas catro verbas de servidume, e logo á submisión a aquel o seu idioma todopoderoso, e os fixese aparentar máis cultos (tocando o piano, afrancesando expresións ou como hoxe: resolvendo co inglés, que prancha moito!). Eu non podo, e ninguén pode, nin debe interpretar así as cousas.
Nese suposto os éuscaros, os catalán, os bretóns... non me impoñen nada e eles falan o seu idioma "con todo o seu dereito e dominio" repito. E fan, farán e farían ben. E eu se quero estar con eles, debo falar coma eles e con eles, adquiro o deber de asumilo, de intentalo e conseguilo, de comprender, de achegarme a un certo coñecemento e respecto, polo que eles gardan acochado en sentimentos, e é comprensible. Sei que nos entenderiamos perfectamente. Xa ten sucedido. Que non nos conten máis contos porque a partir de aí todas son conxecturas, aproximacións, intentos de xustificación do inxustificable. E o ridículo feito realidade en letreiros de dobre -pero non igual- comunicación: "REDUZCA LA VELOCIDAD- Reduza a velocidade".
Parvos, quérennos facer parvos. Xa sei, xa sei que dirán que hai outra lingua máis, que cohabita e que se nos fixo oficial entre pasaxes históricas moi negras, paralelas ao dereito de pernada (sen dereito lexítimo que o xustifique, a non ser a imposición e segundo eles non é lexítimo) e outras lindezas e que, por certo, hoxe é "común a todo o estado" e que tatachín e tatachán. Por certo esoutra lingua, mirade ben, ...esa si que ten algo -moito- xa de imposta e non me remito á miña opinión ou memoria, na que habitan moreas de prexuízos e datos opresivos ao longo da miña vida e da dos meus, senón que así o di a mesma Constitución aínda hoxe. Lean senón, busquen datos. É lingua de obrigado coñecemento e hai o deber de coñecela... non quede dúbida ningunha (art. 3.1). Aínda que non é a nosa lingua propia, coidado, non nola vaian meter dobrada como pretenden "aparvados que nos queren facer parvos" ou políticos de quenda.
De Galicia deriva o galego como consecuencia lóxica, e non o castelán, ...que eses son outros lópeces, ou non? E xa ven que aquela obriga igualitaria, coa que se lles enchen sempre a boca, non é medianamente xusta -de novo queren trocar ouro por lilailas e "baratijas"... como sempre fixeron- e non fan o mesmo "raseiro", obrigando e recorrendo ao deber de coñecer a Nosa Lingua, a propia, e poñela no seu sitio con honra e xenerosa consideración, como sería o propio dun estado digno, responsable e considerado, sequera nos seus dominios lingüísticos...e despois de tanto tempo de miserias e esquecementos, de débedas e de non saber estar onde lle corresponde, nese lugar onde non existan subordinacións xurídicas para as interpretacións reaccionarias, ese lugar que garantira os deberes análogos ao castelán. Que me permita acceder a min, galego, ao coñecemento do catalán, do éuscaro, do portugués. iso non pasa, aínda hoxe, coa esta lingua na que escribo e coa Carta Magna da que presumen moitos. Igualdade, ... quen te vira!.
6 de xan. de 2011
Filipe Díez fronte á Galicia Bizarra
O día 4 de xaneiro, Gloria Lago publicou unha columna de opinión no Xornal de Galicia na que, baixo a apariencia dunha carta ao Presidente da RAE na cal se permite darlle leccións de filoloxía a José Manuel Blecua, desliza todo o catálogo de argumentos da asociación Galicia Bilingüe. Argumentos que na inmensa maioría dos casos non resisten a menor análise, como pretendo sucintamente demonstrar nas liñas que seguen.
1.Os territorios non teñen lingua.
Os territorios son lugares onde habitan os pobos, e estes si teñen lingua de seu. Por iso o galego é a lingua propia de Galiza, xa que é a que creou o pobo galego, en territorio galego, e que leva sendo falada de xeito ininterrompido durante uns 1.200 anos.
2.Os dereitos témolos as persoas, non os idiomas.
Nada teño a priori en contra deste argumento, pero o feito é que a Constitución Española de 1978 optou por territorializar os dereitos lingüísticos, xa que se fosen individuais, un cidadán residente –por poñer un exemplo– en Murcia podería esixir ser respondido en galego (ou en catalán, ou en éuscaro) polos poderes públicos e recibir o ensino na lingua da súa elección.
Polo demais, hai que ter en conta que todos os idiomas posúen unha dimensión colectiva, xa que son vehículos de comunicación social e non simples ferramentas individuais de expresión. Tentar caracterizar as linguas en termos puramente individuais é un auténtico dislate, e entra en flagrante contradicción cos argumentos nº 5, 6, 7 e 8 tamén mantidos pola señora Lago e o grupo que lidera.
Por outra parte, mesmo no caso de que os dereitos lingüísticos fosen individuais, terían que ser de todos e cada un dos cidadáns, non só dunha eventual maioría. De feito, o recurso á vontade maioritaria é un argumento que invalida a dimensión individual dos dereitos. Que llo digan, se non, ao 46% de pais e nais da miña cidade, A Coruña, que escolleron o galego como lingua do ensino infantil para os seus fillos e fillas, e que por estaren en minoría non foron atendidos.
3.Os nenos van ao colexio para formarse, non para salvar linguas. A educación bilingüe debe ser voluntaria.
Lapsus freudiano evidente, xa que este enunciado asume, implicitamente, que a lingua galega está en perigo e que precisa ser salvada, a pesar de que a acción pública do grupúsculo Galicia Bilingüe consiste en denunciar o contrario: o suposto risco de extinción do español en Galiza, como froito dunha presunta persecución e negación de dereitos.
Canto ao fondo da afirmación, non se sostén: parte da formación escolar dos nenos, nenas e adolescentes consiste en dominar as linguas que son instrumento de comunicación na sociedade á cal pertencen -como establece, por certo, a Lei de Normalización Lingüística-. Negarlles aos estudantes a aprendizaxe dunha das linguas faladas en Galiza é facer apoloxía da ignorancia, mentres que o deber da educación é diminuír a ignorancia, en vez de consagrala como modelo.
4.Como mellor aprende un neno é na lingua materna.
Descoñezo o curriculum vitae da señora Lago como pedagoga, mais o certo é que o sistema de inmersión educativa vén mostrando desde hai décadas un éxito innegable. A proba máis recente disto son os resultados do último informe PISA, que mostraron sen lugar a dúbidas a competencia en lingua española dos alumnos cataláns (inmersión completa en catalán), bascos (modelos de inmersión e misto) e galegos (ensino cun mínimo do 50% en galego): en todos os casos, os resultados están por riba da media española, e non só en lingua española, senón tamén en matemáticas e en ciencias. Véxanse a este respecto as respostas aos argumentos nº 8 e 9.
Curiosamente, nada se di dos pais que envían seus fillos e fillas a colexios onde a lingua vehicular é o inglés: nese caso, a adopción dunha lingua escolar diferente da familiar é acollida con alborozo, ao contrario do que ocorre cando a lingua escolar é o galego.
5.Os topónimos cambian por unha cuestión de utilidade, necesidade ou vontade colectiva. Eses topónimos son un tesouro máis das nosas linguas, que non debería sernos furtado.
De acordo. De feito, nada nin ninguén lle impede a un falante galego de español que utilice formas como Arteijo, Caldas de Reyes, Orense, Puenteares, Piedrafita, La Puebla del Caramiñal, La Toja ou Desván de los Monjes: pode facelo oralmente ou por escrito, nas súas comunicacións privadas, comerciais ou cos poderes públicos... A lexislación unicamente establece as formas que deben usar as Administracións públicas, que non son outras que as históricas. E resulta que a historia deste país e dos seus topónimos está intimamente ligada á lingua galega.
Ademais, pretender que a lexislación lexitime todas as formas posibles dos topónimos é incorrer nun absurdo; imaxinemos o caso da Coruña: A Coruña, A Corunha, A Cruña, A Crunha, Coruña, Corunha, Cruña, Crunha, La Coruña, La Curuña. Alguén imaxinou que o Concello da Coruña tivese que usar todas esas formas nas súas comunicacións oficiais, para non furtarlle a ninguén a evolución da súa escolla? E o mesmo se podería dicir de Paiosaco, Paisaco, Peisaco, Payosaco e tantos e tantos outros casos.
6.Debemos atribuírlles esa capacidade de amar a súa lingua ás persoas que teñen o español como a súa lingua propia en Galicia.
Totalmente de acordo: as persoas que teñen o español como a súa lingua habitual deben ter os seus dereitos lingüísticos individuais escrupulosamente respectados e en ningún caso seren vistas como galegos de segunda. O problema é que isto xa é así na realidade social galega, mentres que os falantes de galego como lingua habitual se ven privados dos seus dereitos lingüísticos na Xustiza, no comercio, na publicidade, no cinema, no lecer, na relixión, nos medios de comunicación...
Só un matiz: o uso da construción lingua propia aplicado ao plano individual é equivocado e equívoco. A lingua propia dunha sociedade é definida colectivamente, e non como un sumatorio de casos individuais.
7.Os pais esperamos que aos nosos fillos lles ensinen no colexio aquelas palabras que non usamos na nosa vida diaria.
Outro lapsus freudiano. Se os pais desexan que a escola ensine o que non se aprende na vida familiar, daquela o lóxico é que o sistema educativo ensine as dúas linguas oficiais en Galiza, tanto a que o estudante practica na familia como a que sexa eventualmente allea a ese ámbito. Este argumento contradi abertamente a opción por un ensino monolingüe, con segregación escolar decidida polos pais e nais, que defende o colectivo Galicia Bilingüe.
8.Os pais temos dereitos á elección da lingua na que son educados os nosos fillos.
Os dereitos non os define a señora Lago, senón os poderes lexislativo e xudicial, e resulta que tanto a Constitución Española como a xurisprudencia do Tribunal Constitucional español –organismo nada sospeitoso de ser vítima de adoutrinamento nacionalista– son contrarias á elección de lingua por parte dos pais. Lembremos o que di a STC 337/1994 no seu fundamento xurídico 9º:
De otra parte, también desde la perspectiva del art. 27 C.E. ha de llegarse a la conclusión de que ni del contenido del derecho constitucional a la educación reconocido en dicho precepto ni tampoco, en particular, de sus apartados 2, 5 y 7 se desprende el derecho a recibir la enseñanza en sólo una de las dos lenguas cooficiales en la Comunidad Autónoma, a elección de los interesados. El derecho de todos a la educación, no cabe olvidarlo, se ejerce en el marco de un sistema educativo en el que los poderes públicos -esto es, el Estado através de la legislación básica y las Comunidades Autónomas en el marco de sus competencias en esta materia- determinan los currículos de los distintos niveles, etapas, ciclos y grados de enseñanza, las enseñanzas mínimas y las concretas áreas o materias objeto de aprendizaje, organizando asimismo su desarrollo en los distintos centros docentes; por lo que la educación constituye, en términos generales, una actividad reglada. De este modo, el derecho a la educación que la Constitución garantiza no conlleva que la actividad prestacional de los poderes públicos en esta materia pueda estar condicionada por la libre opción de los interesados de la lengua docente. Y por ello los poderes públicos -el Estado y la Comunidad Autónoma- están facultados para determinar el empleo de las dos lenguas que son cooficiales en una Comunidad Autónoma como lenguas de comunicación en la enseñanza, de conformidad con el reparto competencial en materia de educación.
Ou sexa: os pais e nais teñen o mesmo dereito a escoller a lingua do ensino que a decidir se en vez da evolución das especies se debe ensinar o creacionismo, xa que as crenzas e preferencias individuais son un dereito respectable, pero cuxo ámbito de aplicación non é o ensino, definido por criterios de necesidades colectivas.
9.O ensino produce un adoutrinamento nacionalista na escola: críticas á ditadura franquista e á “invasión” dos Reis Católicos, proposta de “galeguizar” o nome ou os apelidos que recibiron dos seus avós e de converterse en “neofalantes”.
Falar de adoutrinamento nacionalista nun sistema de ensino obrigatorio no cal nin sequera existe unha materia de Historia de Galiza é un disparate impropio dunha persoa que se dedica profesionalmente á docencia, como é o caso da señora Lago.
Polo demais, pretender negar o impacto social e lingüístico da unificación dos reinos medievais promovida polos Reis Católicos ou da ditadura franquista é unha nova apoloxía da ignorancia. A señora Lago é consciente de que a dominación lingüística se inicia cos Reis Católicos e de que o proceso de substitución lingüística do galego polo español rexistra un avanzo dramático durante o franquismo, sen que a recuperación democrática fose capaz até agora de reparar os estragos feitos pola ditadura fascista encabezada por Franco.
Canto á galeguización dos nomes e apelidos, a señora Lago demonstra unha vez máis o inmenso atrevemento que nace da súa ignorancia: dicirlle a un estudante apelidado Seijo que o seu apelido é galego e debería ser grafado Seixo nada máis é que cumprir coa obrigación de explicar a historia da nosa lingua. A partir de aí, o estudante é perfectamente libre de restituír a forma xenuína do seu apelido, Seixo; de traducilo ao español, Guijarro; ou de manter a grafía deturpada que lle legaron seus pais, neste caso Seijo.
Por último, unha anotación sobre neofalantes e lingua materna. Se o concepto de lingua materna fose realmente eficiente, i.e. se non houbese quebra da transmisión familiar, a lingua de todo o pobo galego seguiría a ser o galego. O problema é que a lingua non se transmite polo leite materno, senón nun ambiente social cheo de condicionamentos que favorecen unha lingua sobre outra(s). Por iso mesmo, non ten sentido que se deoste os neofalantes de galego, cando o certo é que a inmensa maioría dos falantes galegos de español tamén son –se non eles, os seus pais– neofalantes nesa lingua. Ou é que os neofalantes de español deben ser parabenizados e os de galego estigmatizados?
1.A conservación das linguas diferentes do español está sendo monopolizada por sectores con grandes intereses económicos, por grupos de poder e mesmo por algúns fanáticos.
Por respecto á señora Lago e ás persoas que apoian as súas teses, reprimirei a gargallada que as súas palabras merecen: insinuar que os poderes fácticos galegos están detrás da defensa da lingua propia do país só pode ser unha broma, á vista da pírrica presenza do galego nos ámbitos máis prestixiados da vida social.
2.Que os cidadáns, sobre todo os nenos, poidan desfrutar dos dereitos que teñen as persoas que viven noutras democracias con máis dunha lingua oficial. Defensa dos dereitos civís fronte á defensa das linguas.
A utilización dos nenos e nenas como coartada paréceme indigna. Dito isto, vamos a un dos puntos centrais da miña discrepancia coas teses da señora Lago: ela inspírase en sociedades onde existen comunidades lingüísticas ben diferenciadas que conviven dentro dunha mesma estrutura política. Porén, en Galiza non hai dúas comunidades lingüísticas, senón só unha: o feito de que a inmensa maioría da poboación teña competencia tanto en galego como en español é a mellor proba do que digo. Ademais diso, a intercomprensibilidade entre o galego e o español fai que a existencia de dúas comunidades cun elevado grao de impermeabilidade sexa no mínimo moi improbable.
Cal é, daquela, o propósito da señora Lago e de Galicia Bilingüe? Moi simple: a lexitimación social, política e xurídica dunha suposta comunidade lingüística de cidadáns galegos que desexan ser monolingües en español, sen o menor contacto coa lingua galega. É dunha hipocrisía insufrible que ese proxecto se presente como bilingüe, cando o que realmente pretende é a segregación. O bilingüismo non consiste en que a metade da poboación só saiba falar galego e a outra metade só poida expresarse en español, senón en que todos os cidadáns galegos teñan acceso ás dúas linguas e poidan utilizalas con normalidade e naturalidade en calquera situación.
Só o coñecemento garante a liberdade, pois quen ignora todas as linguas menos unha, está imposibilitado de escoller. En nome do coñecemento, da tolerancia e da convivencia, urxe a deslexitimación social e política dos argumentos da señora Lago e de Galicia Bilingüe, que pretenden conducirnos a un escenario de segregación social e de enfrontamento que estou seguro de que a inmensa maioría da sociedade galega rexeita.
5 de xan. de 2011
Xavier Queipo reflexiona en A Nosa Terra

Xavier Queipo
Ortodoncia
Eu teño dende sempre os dentes ben desordenados, de xeito que a miña trabadura é irregular e moitas veces ineficiente. O outro día, paseando por Vigo, deime de conta da cantidade de clínicas dentais que hai na cidade, e sentín a nostalxia de non ter actuado no seu momento para arranxar unha boca máis bonita, ou sexa, que trabase con máis efectividade (agora coido que é unha chisca tarde, considerando a miña idade e o estado da miña dentamia).
Hai unhas semanas tiven o pracer de escoitar en Bruxelas a Amin Maalouf, escritor libanés –por certo traducido ao galego (A viaxe de Baldassare e A deleiba do mundo, editados os dous por Xerais). Na entrevista que lle fixo Jacques Bauduin, no teatro Flagey, estabamos presentes unhas 400 persoas tirando polo baixo, o que mesmo para a capital de Europa non é un número desprezábel, considerando que a entrada valía dez euros, algo máis do que vale asistir a unha sesión de cinema en 3D. Falou de exilio e identidade, do conflito entre o mundo árabe e mundo capitalista (the west, o primeiro mundo, o mundo máis desenvolvido ou como lle queiran chamar), que non é outra que a confrontación político relixiosa deste século XXI, no que en palabras do propio autor “temos entrado sen compás”. Falou entón da necesidade de que os inmigrantes gardasen a lingua propia (os turcos deben falar turco en Alemaña e os galegos galego en Arxentina ou nos Estados Unidos de Norteamérica) e aprender as linguas do país de acollida, entendéndoas como linguas adoptivas. Así, os emigrantes que acollemos en Galiza deberían falar o galego como lingua adoptiva e o castelán como lingua de uso internacional, mais non se contentar con se desenvolver só en castelán.
Sen compás semella que andamos tamén en Galiza –reflexo do que acontece no exterior– aínda que aquí o conflito sexa tamén un conflito de civilizacións, que ten a súa manifestación máis sobranceira na loita pola dignidade lingüística, na que uns queren impor o castelán como lingua única e outros o galego como lingua hexemónica. A risco de ser incomprendido, pola brevidade do discurso, direi que a lingua hexemónica é a lingua dos negocios, a que produce valor engadido e xera emprego e riqueza. Cando a inicios do século XX máis do 90% da poboación galega falaba exclusivamente galego, a lingua hexemónica non deixaba por iso de ser o castelán, por dicilo dun xeito directo. Daquela hai que pensar opcións para resolver este conflito, entre outras integrar os inmigrantes tamén en galego, esixir das empresas galegas que fagan a súa publicidade na lingua oficial (e non se pasen polo arco de trunfo o Estatuto de Autonomía) e esixir do goberno que deixe de actuar “contra o galego”, con xenreira inusitada e desrespecto crecente polas institucións democráticas (non tardan moito en pedir o certificado de “españolidade”, curso de sevillanas e vocabulario de tauromaquia incluídos, para poder votar nas autonómicas).
Por iso quixera ter feito eu cando novo unha ortodoncia, para ter unha boca que fose quen de trabar con precisión na xugular dos traidores, daqueles que extraen de nós o cento por un e logo defenden na súa actividade económica exclusivamente a lingua allea, todo o internacional e maioritaria que queiran, mais allea.
2 de xan. de 2011
Invernía (do blog de Frutos Fernández, JEANFRUJO)

JEANFRUJO
BLOG DE FRUTOS FERNÁNDEZ GONZÁLEZ
Invernía
Había algúns anos que non nos tocaba pasar un inverno tan cru. Non tanto polas temperaturas, que tódolos anos hai rexistros moi baixos –alomenos aquí no Carballiño-, coma pola continuidade deste tempo frío e húmido que nos ten a todos tremendo coma varas verdes.
Aínda así, nada teñen que ver estes invernos cos de antano. Hai que saber que entre os males que asolaron Galicia a través da historia, que non foron poucos, o máis importante, desde logo, foi a fame, pero tal vez o segundo fose o frío. A algúns sorprenderalle isto, pero somos un país máis frío do que se acostuma pensar. Un día destes, nunha mañá que tremían os paxariños, atopeime no quiosco cun veciño que pasou máis anos da súa vida nos Alpes de Suíza ca en Galicia. Díxenlle que para el este frío non sería nada. Sorprendentemente, aseguroume que aquí facía o dobre de frío ca en Suíza; que alí, ademais de que as casas están mellor illadas, o frío é seco, e que indo ben abrigados os pés sempre están quentes, mentres aquí sempre están fríos. Certamente, esta mestura de humidade e frío que se dá no interior da nosa terra, acompañada en moitas ocasións de densos neboeiros, é unha combinación letal da que non dan conta xusta os rexistros termométricos. Como lles explico moitas veces ós meus alumnos: algo ten que ver a temperatura coa sensación térmica, pero non son a mesma cousa. A sensación de frío ten relación directa coa rapidez coa que perde enerxía o corpo, e iso está relacionado coa temperatura ambiente, pero tamén, e moito, coa humidade do aire, especialmente alta en Galicia. Por iso hai poucos que saiban tanto de pasar frío coma nós, os galegos do interior. Na costa, ben se sabe, aínda sen ser Benidorm, xa é outra cousa, por cuestión das temperaturas: como me confesou hai anos un señor de Foz, alí os que teñen abrigo é para presumir, e Foz non é das vilas costeiras máis cálidas de Galicia.
Pero, dicía que nada tiñan que ver estes invernos de agora cos de antano. É certo, pero menos polo cambio climático ca por outros factores. Nada teñen que ver as casas de agora coas de antes: sen calefacción, con buratos nas ventás, mal faiadas, con portas que non axustaban...; tampouco hai comparación entre o vestido e o calzado que se leva hoxe co que se levaba antano, e moita menos comparanza admite a alimentación, aínda que algúns defendan que xa non hai comidas coma as de antes, confundindo a alimentación co apetito, variables que adoitan ser inversamente proporcionais. No único que non melloramos foi na práctica do exercicio físico, excelente remedio contra o frío, como se deduce tanto da experiencia coma do segundo principio da termodinámica.
É así que, estes días, fuxindo do frío, ollando tranquilamente como se fan e se desfán as lapas no fogar da lareira, lémbrome daqueles duros invernos, daquelas xentes que compartiron comigo a calor do lume e daquel léxico do frío que, pouco a pouco, tamén vai quedando esquecido.
Lémbrome, por exemplo, do tío Serafín que, unha vez recoñecido coma frioleiro oficial da familia, sempre tiña dereito ó mellor sitio na beira do lume. Era un sitio que ata lle respectaban nos cafés de Leiro, ó pé das, daquela omnipresentes, estufas de butano: «deixade sentar aí ó Serafín; o pobre sempre está morto de frío!». Sostiña meu tío: «o número de sectores acendidos na estufa (1, 2 ou 3) eche a mellor maneira de valorar a xenerosidade do dono do café.».
Do tío Gildo, un verdadeiro estoico, sentado sempre no lugar da cociña máis apartado do fogo. Un día, alguén estrañado desta circunstancia preguntoulle se era que non tiña frío. «Estou aterecido!, pero, hai que saber resistir!», contestou cheo de razón. O moito que padeceu da reuma de vello, creo que foi do pouco que sacou en limpo daquela tenaz resistencia.
Do meu avó Emiliano, que sempre combinaba unha boa exposición relativa á radiación infravermella coa protección das súas costas contra o banco da cociña. Diante do lume prefería o silencio, e se algunha vez o rompía era para reprenderme por arrimarme moito ás lapas: «neno, seica queres comer o lume! ».
Do fume traidor, que, ás veces, por cousas da presión ou da simple mala sorte, en vez de saír pola cheminea, como Deus lle tiña encomendado, empeñábase en saír xusto por onde te atopabas. Soamente che quedaba apartarte e, se acaso, repetir esta especie de esconxuro: «fume pralá, carneiro pracá; fume pralá, carneiro pracá!».
Das murrias, que xa poucos lembran, pero que para vergoña nosa pintaban as pernas de vermello naquel tempo perenne de pantalóns curtos.
Dos sabañóns, nas orellas, nas mans, nos pés....
Das nenas, asistindo á escola cun braseiro portátil feito dunha lata de sardiñas das grandes, das de tambor (os nenos xa tiñamos na escola unha estufa de serrín, igual cás que había no cine de Leiro).
Das velas de mocos, que, por pares, colgaban do nariz daqueles nenos acatarrados e cheos de frío, que eramos nós!
Das botellas de cerámica, precedente dese gran invento que son as bolsas de auga, que nun instante facían que un tivese “os pés quentes coma roxós”.
Do caramelo frío, que se formaba nos muros da Fonte Dabaixo de San Clodio. Dese caramelo frío foron os primeiros xeados que probamos moitos.
Dos chourizos frescos, pingando no canizo. Unha circunstancia desagradable que obrigaba a atrasar a liña de vangarda diante do lume. Era unha retirada a desgana, imposta pola necesidade, para quedar a salvo daquelas graxentas e imprevisibles pingueiras que soltaban pericón e compañía.
...
Soan, de fondo, os versos de Celso Emilio na incomparable voz de Batallán.
Chove, chove na casa do pobre
…
Dor da mau encallecida,
Dor da xente aterecida
de frío polos camiños.
…
E así, quentiños, á beira de boas lareiras, escoitando poemas sobre o frío que pasaron os devanceiros (nisto consiste, na práctica, unha boa parte do que chamamos cultura), imos quedando adormiñados....anestesiados... e aparvados!
Ignorantes de que, fóra, segue a mesma invernía.
X.A.Pérez Lema, reflexiona (no Xornal)

Definitivamente, hailles maxistrados do Tribunal Supremo que teiman en facermos imposíbel a convivencia plurinacional e plurilingüística entre cidadáns españois. Ou será que cada vez élles máis difícil entrar polo ollo da agulla do pensamento único co que mesmo maxistrados e profesores de Dereito Constitucional adoitan interpretar a Constitución, como se os pobos do Estado fosen para a Constitución e non a Constitución para os pobos do Estado.
O Tribunal Supremo non é quen, xuridicamente, para deixar de aplicar a Lei de Educación de Catalunya sen antes propoñer a cuestión de constitucionalidade perante o Tribunal Constitucional e agardar pola súa resolución. Mais semella que vivimos tempos nos que os Estatutos e as leis autonómicas poden ser vulnerados (e con eles a Constitución que din defender) para acadar esa fonda e extensa modificación constitucional recentralizadora que amplos sectores do PP e do PSOE, mais tamén da Universidade, da xudicatura e da opinión publicada degoiran dende hai anos, sen se atrever a propoñela pola vía esixida na propia Constitución.
Se para isto hai que entender derrogados ou inconstitucionalmente limitados os dereitos galego, catalán e vasco ao autogoberno ou os de defender e normalizar cadansúas linguas nacionais, non importa. Trátase dun proceso que conecta, tamén, co dominio empresarial e mediático. E que vulnera a esencia do pacto constitucional do 1978 con Galicia, Catalunya e Euskadi, encarnado no artigo 2 e na Disposición Transitoria 2ª da Carta Magna
16 de ago. de 2010
O risco da dialectalización (reflexións de diversos expertos)
Atópase a lingua galega, na práctica oral, nun proceso de hibridación co castelán que podería convertela nun dialecto, un satélite do idioma dominante? O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, reabriu o debate arredor desta hipótese cun artigo que publicou recentemente neste xornal. Filipe Díez amosou o seu desacordo co parecer de Callón desde o blogue renovarobng. Ao fío desta desavinza, preguntamos a diversos expertos que afondaron na cuestión. O filólogo e profesor Xosé Manuel Sánchez é claro. "O galego pode desaparecer por dous medios. Un, a mudanza de lingua: pasar a falar español. E outra, o proceso de hibridación co español. A confluencia vai na dirección do español, porque é a lingua dominante. E con este desgoberno lingüicida, imos nesa liña", asegura.
O criterio do tamén filólogo e ata hai pouco secretario do Consello da Cultura Galega Henrique Monteagudo é distinto. "Eu penso que a calidade da lingua é importante, pero neste momento secundaria. Hai que graduar, e non caer en certa obsesión de purismo lingüístico. As persoas que actúan como modelos de lingua, como os políticos, xornalistas, escritores... si deben utilizar unha lingua depurada, pero levar isto ó falante común penso que é unha quimera. Ás veces, no mundo intelectual óptase por unha lingua rebuscada, artificial, un modelo que non ten a súa base no que fala o pobo", reflexiona. O tema é complexo, e os matices múltiples.
O escritor e presidente da Real Academia Galega Xosé Luis Méndez Ferrín apunta, como Monteagudo, ó único aspecto no que os entrevistados se amosaron de acordo: a necesidade de que as persoas que fan un uso público do galego, sendo referentes sociais, coiden a súa calidade. "Só poño un exemplo", di. "O uso da conxuncuón copulativa i en lugar de e. Está xeralizado en líderes nacionalistas, que terían que ser exemplo", sostén.
O tamén académico, ademais de profesor e experto en dialectoloxía Francisco Fernández Rei non comparte a opinión de Callón ou Sánchez. "O galegofalante utiliza un moi bo galego, malia as interferencias do castelán no léxico. O galego popular é bo en canto a fonética, morfosintaxe, fraseoloxía, estrutura en xeral. O galegofalante de sempre non coloca mal os pronomes, por exemplo. Por outra banda, o modelo de galego estámolo construíndo entre todos. E desde hai trinta anos produciuse unha salientable depuración, hai castelanismos que foron recuando... Eu non vexo tal hibridación, comparable á de Occitania, por exemplo", comenta.
Mais, segundo cal sexa o que se toma por modelo de galego, a percepción sobre os graos de hibridación, que ninguén nega na dimensión léxica, -Fernández Rei di concordar con Callón en que niso "temos que facer un esforzo"-, mudan.
Así, o lexicógrafo, profesor e presidente da Comissom Lingüística da Associaçom Galega da Língua (AGAL) Carlos Garrido xulga que "o galego leva anos perdendo trazos xenuínos en diversos ámbitos, non só o léxico. Ámbitos como o fonolóxico" -non distinguir oso de óso-, "o morfolóxico", -facer os plurais con -es no canto de -ais-, "ou a sintaxe: cada vez se escoita menos o infinitivo flexionado", -facermos, por exemplo-.
A razón das mesturas como alicerce da discusión
Que sorte de fenómenos sociolingüísticos se atopan detrás das mesturas? A resposta a esta pregunta é alicerce básico do xeito de analizar a cuestión. Filipe Díez afirma que as interferencias léxicas do español sobre o galego teñen o punto en común de procurar unha solución á "dificultade de comprensión" para un falante de castelán. Segundo cre, optar no galego espontáneo por calle, jueves, conexo ou abuela non é unha marca de subalternidade do noso idioma.
O profesor e filólogo Xosé Ramón Freixeiro Mato pensa doutra maneira. "Se unha persoa fala galego e outra castelán, enténdense sen problema. As interferencias do galego no castelán, hoxe, son mínimas, porque a xente domina cada vez mellor o castelán, debido á escolarización masiva, á influencia dos medios de comunicación... No caso das interferencias do castelán no galego, hai unha auténtica invasión. O que ocorre é que socialmente está admitido que o castelán é a lingua A e o galego a lingua B. E, por iso, quen fai as renuncias é o falante da lingua B. A presión é moi grande: se falas un galego depurado poden pensar que es un radical, un nacionalista... Deste xeito, perpetúase a diglosia, e contribúese ó desprestixio do galego, ó prexuízo de que é castelán mal falado, que é un chapurreado... O modelo de lingua normal, estable, segue a ser o castelán, consciente ou inconscientemente. Son prexuízos historicamente conformados. Hai que actuar con prudencia: non lle imos ensinar galego á xente do rural que o conservou e que fala, en xeral, un galego moi digno. Non hai que ser demasiado ríxido. Mais desde o ámbito culto, escrito, institucional, académico, hai que tomar en serio a calidade da lingua", opina.
Os ámbitos polos que entran os castelanismos
O filólogo e presidente da AGAL Valentim Fagim achega un razonamento confluínte co de Mato. Argumenta que, cando nunha comunidade humana a maioría das persoas se comunican con falantes da mesma lingua, esta mantense estable desde o punto de vista formal, aínda que entren palabras novas e se perdan ou caian en desuso outras. Sería o caso de Castela ou Alemaña.
Mais, no caso galego, hai unha lingua central e dominante, o castelán -nos medios, na xustiza, no mundo da empresa...-, e unha periférica, o galego. Daquela, se hai problemas de comunicación -por unha fonética marcada, polo uso de estruturas morfosintácticas inexistentes en castelán ou por certo léxico -, é o galego o que cede. Ademais, no léxico, as palabras novas que entran no galego fano a través do castelán.
Outro filólogo e profesor, Maurício Castro, engade matices importantes. "O galego ten un déficit funcional histórico que fai que teñamos unha riqueza expresiva nos ámbitos ligados á intimidade e á vida tradicional, que non temos no vocabulario urbano, técnico e científico, nos que o castelán se usou para complementar o galego. A calidade lingüística era enorme na época dos nosos avós, pero en dúas xeracións producíronse retrocesos. A hibridación léxica e fonética é clara na xente nova urbana. O castelán é a lingua de prestixio, e nos ámbitos formais, por exemplo, danse os buenos días porque parece máis educado, ou dise que algo é buenísimo ou fuertísimo para enfatizar. Para os políticos , o galego é como un código secundario, pois falan como se estivesen tomando unhas cervexas", afirma.
Así mesmo, Freixeiro Mato sinalou unha cuestión fundamental: as consecuencias do desleixo para o prestixio social da lingua.
A filóloga e profesora Goretti Sanmartín incide na importancia de coidar a calidade do idioma nos libro Sobre o racismo lingüístico (Laiovento) e Calidade da lingua e planificación (Xerais). Defende a necesidade de afianzar un modelo culto e o máis acordado posible de galego, e advirte contra os discursos do "sempre se dixo así" e da "artificialidade" do estándar, que ignoran o complexo pasado da lingua e reforzan a súa substitución e subordinación ó castelán.
DETALLES
O debate sobre a "artificialidade" do estándar e os rexistros
No debate popular sobre a lingua, xorden discursos sobre a "artificialidade" do estándar. Díez cre que poñer demasiado acento na pureza da lingua pode reforzar o prexuízo dos galegofalantes de que a súa fala é un "ghallegho basto" impropio para usos formais e que a norma é un "invento" dunha elite.
Castro lembra que "todos os padróns son artificiais: ninguén fala na rúa o inglés da BBC". A diferenza é que, por exemplo no caso do castelán, o estándar, comezou a construírse hai séculos co apoio dunha estrutura protoestatal, e nun momento no que a maioría da poboación era analfabeta. Porén, o proceso de normativización do galego é recente, e o de normalización está moi lonxe de rematarse.
"Non hai un poder recoñecido con lexitimidade para ser un referente do padrón. Porque as clases dominantes están castelanizadas", reflexiona Castro. O reintegracionismo tamén tende a sinalar que a norma oficial "inventa" palabras no canto de collelas do portugués, malia ser o galego o pai do portugués. Fernández Rei alude aos "prexuízos" que levan a rexeitar a norma, como o "tópico" de que está mundando constantemente. En relación co anterior, ás veces o falante escúdase na existencia de diferentes "rexistros" en cada lingua para non corrixirse nada. Ninguén discute que ten que haber rexistros. "Eu non falo igual con meus pais ou os meus amigos que cando traballo", explica Rei. "En todas as linguas hai unha variación interna", di Sánchez. O problema, cre, é cando isto se converte en excusa para actuar con total desleixo co galego, cun nivel de tolerancia ás mesturas que sería inconcebible noutras linguas como o castelán. Ás veces, mesmo o debate se desvía a unha polémica entre galego falantes naturais -cos seus castelanismos léxicos- e neofalantes -a miúdo cun galego máis castelanizado na fonética ou na sintaxe-. Quizais, a saída se poida atopar nun esforzo en ambos os lados.
13 de ago. de 2010
Prexuízos culturais (reflexiona Xosé Manuel Pereiro)
Sin ánimo de convencer a nadie, dado que los prejuicios no atienden a razones (según la definición de Ambrose Bierce, son opiniones vagabundas que no precisan medios visibles de sostén), en cuanto a lo de subvencionada, las ayudas públicas aportan el 9% del galleguizado/estigmatizado sector editorial, mientras suponen el 40% del de medios de comunicación, televisión y audiovisual incluidos, también culturales pero sin estigmas. En cuanto a la precariedad, solemos repetir mantras como el bajo índice de lectura, y el todavía más bajo de lectura en gallego, pero también deberíamos recordar que el lector de libros en gallego es, en general, una persona que lee libros con más frecuencia que la generalidad de la población, según afirmó Ramón Villares en el último Congreso Internacional de la Lengua Española. También creo recordar (lamento estar vago con las cifras, tengo una conexión a Internet precaria) que este año la edición en gallego bajará un 20%, en número de títulos y/o en tirada. No obstante, contra todas las leyes de mercado, los libros de Domingo Villar o de Manuel Rivas publicados en castellano tienen el mismo precio, o mayor, que las ediciones originales en gallego.
Sin dejar de ser verdad todo eso y sus matices, es cierto que en determinados ámbitos, la cultura gallega es hegemónica, hasta el punto de que puede prescindir del adjetivo. Si a Rivas, a De Toro o a Xabier Docampo les seguimos calificando aquí como "escritores gallegos" es por rutina en la mayoría bienintencionada de los casos, o con finalidad reduccionista en otros. No es en Galicia, sino fuera, donde es necesario precisar su origen, o la literatura a la que pertenecen. El propio CCG -intenté provocar- podría llamarse Consello da Cultura a secas sin perder un ápice de identidad ni generar dudas sobre sus objetivos. De lo que se trata de ir ampliando y consolidando esos ámbitos y el caballo de batalla es la receptividad del público y la capacidad de difusión de los productos culturales.
Sobre los hábitos de consumo, el editor Manuel Bragado, impresionado por las multitudes que pasaron por la Feira do Libro coruñesa, analizaba los resultados de las políticas municipales de A Coruña, con siete bibliotecas -y otras siete en Oleiros-, programas de iniciación a la lectura... y las de Vigo, con una biblioteca pública cerrada, otra por inaugurar y una tercera pendiente de aterrizar. Es decir, la obligación de las instituciones es satisfacer las demandas, pero también incrementar las ofertas. Sobre la difusión, O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia, un estudio multidisciplinar patrocinado por la Fundación Caixa Galicia, apunta que la industria cultural aporta el 2% del PIB (más que la pesca) y englobaba en 2009 a 3.383 empresas, casi un 4% más que en 2008, aunque el número de trabajadores del sector bajó un 8,5% de enero de 2009 a marzo de 2010 (no voy a caer en la demagogia de relacionar esa bajada con la coincidencia en el tiempo del cambio de gobierno, aunque sí apuntar que las ayudas al sector cultural favorecen el empleo en Galicia, mientras las del automóvil benefician también a cualquier sitio donde se fabriquen coches). El futuro de la industria cultural, según Víctor Freixanes, uno de los coordinadores, está marcado por la crisis económica, los cambios tecnológicos y a la necesidad de buscar mercados exteriores.
Lo que universaliza una obra cultural no son las parentelas lingüísticas (por poner el ejemplo obvio, los libros editados en Brasil no se pueden vender en Portugal, y en Brasil se difunden al año, subvencionados, 29 libros portugueses). Ni sus pretensiones cosmopolitas. Ni siquiera la potencia mediática que decida apoyarlas (aquí inexistente). Es la calidad de los contenidos. Y la ventaja es que en Galicia hay un talento considerable, posiblemente más del que nos merecemos. Quizá porque, como decía Auden, el arte nace de la humillación.
10 de ago. de 2010
As palabras perdidas?
Eu pensaba que de toda a vida se dixera abuelo e abuela. Aprendérao así e así llo escoitaba a meus irmáns, meus pais, meus tíos, miñas tías, aos colegas da escola e a tanta outra xente. Eran un abuelo e unha abuela, iso si, que tiñan ese e tónico ben aberto, aínda que eu daquela non reparaba nesas sutilezas.
No colexio aprendín que en galego correcto se dicían avó e avoa. Eran palabras que eu usaba entre as catro paredes da aula e só entre as catro paredes da aula. Para o resto do mundo, abuelo e abuela. Desde os meus ollos infantís non era tan estraña esa diferenza entre o que aprendía na escola e o que eu dicía no día a día. Xa tiña escoitado a varias persoas que na miña Ribeira natal non falabamos "ghallegho-ghallegho", senón un chapurreado, unha má mestura que non era nin unha cousa nin a outra. Claro que despois de ouvir razoamentos coma eses eu preguntábame onde sería que se falaba galego de verdade.
Até a puberdade e a primeira adolescencia, non dei respondido de vez a esta pregunta. Foi cando me decatei, con todas as consecuencias, de que o galego é a lingua de Galiza e de que, se nós non somos nós, ninguén será nós.
Decateime tamén nese tempo de con que forza o galego era unha lingua ferida, precisada dun coidado e un esforzo especial por parte dos seus falantes. A súa secular proscrición obrigouna a deixar polo camiño moitas palabras, expresións e estruturas que era tempo de restaurar. Aí tiñamos -temos- unha obriga particular todas as persoas que sentimos sensibilidade polo idioma de noso. Por fortuna, non en todas as zonas de Galiza se perderan por igual estas formas restituíbeis e moitas delas mesmo se mantiñan en determinados falantes, normalmente os máis anciáns.
Nese camiño a Damasco, sentinme como quen ve o mundo con outras lentes diferentes e é capaz de reparar en elementos que antes eran imperceptíbeis. Lembro, así, a miña sorpresa adolescente cando a miña avoa Pepa e a miña tía avoa Luísa lles escoitei falar entre elas usando a palabra xaneiro, e non o enero que eu sempre aprendera. Aínda hoxe me abraio co xenial uso que fan miña nai ou miña tía Pepita do infinitivo persoal ou mesmo da interpolación pronominal, característicos dun bo galego, que eu fora perdendo sen ser consciente do que perdía.
Descubrín, tamén, que a palabra avó, que eu consideraba como unha reliquia, na realidade só se perdera de forma maioritaria na xeración de miña nai. Non é só que en termos históricos fose moi recente esa substitución, senón que había falantes vivos que escoitaran outras formas para designar os pais dos pais e que, cando menos en ocasións, aínda as utilizaban. En Ribeira, por unha banda, usábase madre seguido do nome da avoa e padre seguido do nome do avó. Por exemplo: a avoa podería ser "madre Rosa" e o avó "padre Lourenzo". Son formas perfectamente etimolóxicas (mater, pater) e penso que a priori non deben considerarse castelanismos. Mais, aínda no caso de os seren, é interesante observar que palabras que estaban xeneralizadas hai dúas xeracións deixaron de se transmitir, para se substituíren de vez por unhas formas ás que lles deu prioridade o castelán: abuelo, abuela.
Ademais, tal e como testemuñan moitos falantes maiores, e por conseguinte como recollen tamén os atlas lingüísticos, en Ribeira designábanse os pais dos pais como... avô e avó. Isto é: dicíase avô, con o fechado, para o pai da nai ou do pai, e avó, con o aberto, para a nai do pai ou da nai. Igualiño que en portugués, por certo. Non dá para pensar? Canto de "naturais", canto de "palabras de toda a vida", canto de "expresións que sempre se dixeron así" teñen tantísimos españolismos que ateigan as nosas conversas cotiás? A verdade é que son barbarismos que podemos e debemos aspirar a desnaturalizar. Porque o proceso de recuperación e extensión social do galego é tamén o proceso da súa restauración interna.
É curioso repararmos en como hoxe son motivos de sanción social negativa tanto o uso dun castelán incorrecto como o uso dun galego correcto. Sobre todo cando hai unha boa fonética ou entoación, ese galego xenuíno tende a chamarse "gallego cerrado". O referente de corrección do galego deixa de estar centrado en si mesmo e pasa a ter como eixo o español. Noutras palabras, para moita xente, un bo galego é aquel que se parece ao castelán: sen acento, sen infinitivos persoais, con léxico cada vez máis idéntico co español... Un galego satelizado, que se podería converter de forma progresiva nun dialecto do castelán, aínda que formalmente siga a ser galego.
A censura social fixo que moitos falantes espontáneos optasen por usar palabras ou expresións que socialmente ou son vistas de forma positiva ou reciben un tratamento neutro e non sorprenden a ninguén. Podemos imaxinar mil situacións, mesmo alén das vareadas das escolas franquistas, da exclusión forzada do galego en tantos ámbitos do poder etc. Pensemos nun caso máis amábel para transmitir a dita censura social. Unha muller que vai a unha cafetaría pola mañá e di que quere almorzar. O camareiro, todo simpatía, dille cun sorriso que o que ela quererá é desayunar, pois até o mediodía non se serven almorzos. Ela pide un cacao morno e o camareiro pon cara estrañada e faille de eco: "Ah, templado?". Aquí non houbo burlas nin ordes nin multas, mais si se lanzaron moitas mensaxes eficaces e efectivas. A fundamental: que se usas eses termos a conversa xirará sobre como falas e mesmo se poderán meter contigo. E, en fin, que son erros (si: erros) que podes corrixir, aínda que sigas a falar en galego.
Substitúense así unhas palabras e expresións por outras, que se converten en habituais e se transmiten. Esa é a moeda corrente en falantes sen consciencia lingüística (lembrémolo: hai milleiros de falantes unilingües de galego que mesmo din falar español).
Mais nos falantes con sensibilidade ou consciencia polo idioma que é o que acontece? Hai casos dun uso da lingua con tanta preocupación e esmero como adecuación ao contexto. Mais tamén hai moitos exemplos, demasiados, nos que se realiza un uso gravemente desleixado. Unha escusa que se utiliza moitas veces é que se trata de que o galego que se utilice non resulte forzado, porque o galego ten diferentes rexistros. Mais esta resposta ten moitas contradicións e fraquezas, porque non parece moi lóxico escusarse na existencia de diferentes rexistros para ao final só utilizar un único rexistro en todos os ámbitos e contextos nos que se utilice o galego. Como ironizaba un bo amigo, "co conto dos rexistros, algúns só corrixirán os seus erros cando vaian recoller o premio Nobel". Penso que unha boa proposta podería ser: Tentemos o mesmo grao de corrección co galego coloquial que un falante ten co español cando o usa no rexistro coloquial.
É certo que existe unha certa barreira psicolóxica que nos frea neste uso máis xenuíno do noso idioma. Mais é todo cuestión de hábito. Co tempo madurecen as uvas; co tempo, cóllense maduras. Coa práctica, acaberemos renaturalizando as nosas propias palabras, as que se perderán se nós non as usamos..
26 de xul. de 2010
Da patria e da bandeira (Pérez Lema)
O patriotismo non había ser cousa de modas. O patriotismo agroma natural nas colectividades que sinten partillar un proxecto de futuro. O que non prexudica sermos universalistas e solidarios. Pensar globalmente. Sermos cosmopolitas (nada a ver co cosmopailanismo que algún profesan). O patriotismo é complementario do europeísmo e compatíbel totalmente con partillar historia, futuro, obxectivos e afectos co resto dos pobos e nacións do Estado español. Vivirmos a patria é o noso xeito de actuar localmente, como seres humanos universais.
Somos un país moi autorestrinxido na expresión dos nosos sentimentos nacionais. Son, sen dúbida, longas eras de autonegación e desprezo polo propio. Mais agora somos un país moderno, europeo, cun alto grao de incorporación ao ensino, cun proceso de urbanización moi consolidado. Non hai, xa, desculpas. O normal é que expresemos a nosa galeguidade, se é que estamos satisfeitos dela ou sentimos orgullo de pertencermos a este país.
E, nos países máis desenvolvidos da Europa e do mundo, as primeiras expresións da nacionalidade son a bandeira e o himno nacional. Nos USA o uso da bandeira nacional é continuo (e tamén na California e en Texas o uso de cadansúa propia), o mesmo ca en Francia. En Múnic ves bandeiras da Bavaria en todas as súas rúas céntricas. E en Edinburgh ou St. Andrews a bandeira escocesa é omnipresente.
A nosa bandeira é coñecida e non xera resentimento ningún. E, porén, usase pouco. Restrínxese ao mundo político, cultural e sindical do nacionalismo, ao seu frío uso institucional e ao seu uso máis cívico nalgunhas bisbarras do Norte (a branca e azul é moito máis normal a pé de rúa en Ferrolterra ou Ortegal ca no resto do País). De quén ou qué nos agochamos? De qué temos medo?
Velaí que iniciativas coma a de Santiago Domínguez, vice-alcalde de Vigo, ao lle distribuir aos cidadáns e entidades cívicas 5.000 bandeiras na cidade máis poboada da nosa Galicia no Día da Patria, sexan dignas a se ter en conta polo resto dos alcaldes e alcaldesas. Os nosos paseos, peiraos, os mastros nos terreos onde se asentan as vivendas unifamiliares… son todos espazos aptos para exteriorizar o noso orgullo e a nosa galeguidade amosando a nosa bandeira.
E, coa azul e branca na casa, no escritorio ou cara ao fútbol, seremos iguais ou mellores persoas, iguais ou mellores profesionais, iguais ou mellores homes e mulleres fillos do noso tempo e cidadáns do mundo.
Probábelmente mellores. Porque só coñecendo e valorando o que é de noso somos –seremos– quen de lle achegar ao mundo, á ciencia, técnica e cultura universal un contributo digno, unha achega verdadeiramente cualitativa.
A fiestra non baldeira
Nesta foto dunha xanela do Museo do Pobo Galego tirada desde a cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea en xuño deste ano, albiscamos unha Fiestra non baldeira. Nela emerxe unha Galicia inmaculada nun marco verde-esperanzador, nun contexto rexo e pétreo como é o noso Pobo Galego.
Vemos o marco no que está inscrito esta nosa Galicia cun ton de cor xa un pouco gastado, con matices canseiros de moitos anos cara a adiante e cara a atrás, Un paso adiante e outro atrás, Galicia escribía Díaz Castro no seu poema Penélope (1961),e hoxe decatámonos de que non cambiaron moito as cousas respecto da nosa lingua, seguimos ás voltas co novo decreto, mareando o peixe que diría o vello mariñeiro da Fiestra Valdeira…
Non é esta da fotografía A fiestra valdeira (1927) do escritor rianxeiro Rafael Dieste, peza na que a trama se move ó redor dun retrato no que aparece o vello mariñeiro fronte a unha ventá que se abre ó mar, que reflicte deste xeito a alma da xente que vive do mar. Salienta Dieste a “autenticidade” dos valores do pobo mariñeiro; e no remate da peza, o vello lobo de mar, agora novo rico, reconcíliase de cheo co seu pasado que rexorde mentres a súa filla está a namorar.
Mañá é 25 de xullo de 2010, día da Patria. Un día para festexar, para gozar, para namorar… para botar a casa pola ventá celebrando o noso día. Todos os galegos/as, como o vello mariñeiro… orgullosos de selo, orgullosos do noso.
Para esta festa, achegamos aquí dúas loas á nosa lingua dos nosos ilustres devanceiros:
Uxío Novoneyra: “A lingua é a única forma audible de supervivencia”.
Manuel María:
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo.
O salouco máis feble
O pensar máis profundo.
¡¡¡MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA O GALEGO!!!





