Amosando publicacións coa etiqueta Libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libros. Amosar todas as publicacións

25 de nov. de 2021

24 de abr. de 2017

VISITA DE AMADEO COBAS AO CENTRO

Ficha libro

A cacería

Amadeo Cobas (Autor/a)

V Premio Internacional de Novela Curta “Cidade Centenaria de Riveira”
Zairo participa co seu pobo na Gran Cacería. É o costume para deixar de ser neno e converterse nun home. Mais á volta todo mudou moito máis do que cabería imaxinar: desapareceron da aldea as mulleres e os rapaces, enxergando un futuro incerto. Que pasou? Ou mellor, para que pasou? E que se pode facer? O Consello de Sabios deberá tomar decisións rápidas e axeitadas para impedir a extinción da súa raza.Neste relato trepidante, o protagonista atopará un amor fermoso e incondicional. Será capaz de enfrontar o medo de loitar cos inimigos, a tensión provocada polas traizóns e a incomodidade destas aventuras de a cabalo, nas que as tradicións ancestrais propias colaboran con outras culturas distintas de alén mar. A cacería é unha narración épica de aventuras, localizada nun tempo e espazo míticos, onde un pobo loita pola súa supervivencia, da man dun guerreiro que vemos evolucionar de neno a heroe. Unha novela que respecta as convencións do xénero de fantasía heroica para propoñer unha reflexión sobre a conformación da identidade do heroe.



10 de ago. de 2014

PARA LER NESTAS VACACIÓNS

Contos do mar de Irlanda 


AUTOR: XURXO SOUTO

EDICIÓNS XERAIS


Cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica: o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego. Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.

9 de out. de 2013

Torneiro, primeiro autor en galego en recibir o Premio Nacional de Poesía

Manuel Álvarez Torneiro, nado na Coruña o 7 de xullo de 1932, desenvolveu a súa carreira como xornalista e, aínda que foi un dos fundadores do grupo poético Amanecer nos anos 50 na Coruña, iniciouse tardiamente na publicación de poesía co seu debut en 1982 con 'Memoria dun Silencio'.
Desde entón publicou catorce títulos individuais, entre eles, 'Rigorosamente humano' (1995, Premio Esquío); 'Luz de facer memoria' (1999, Premio González Garcés e Premio da Crítica); 'Campo segado' (2001); 'Epicentro' (2003); 'Setembro Stradivarius' (2004), e 'Parábola do incrédulo' (2006).
A obra galardoada co Premio Nacional de Poesía, 'Os ángulos dá brasa', foi publicada en 2012 na colección Tambo de Factoria K da editorial Kalandraka. Este poemario obtivo tamén o Premio da Crítica de Poesía en lingua galega e o Premio Ánxel Casal.
“Os ángulos da brasa” será un dos libros expostos no stand da editorial pontevedresa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que  comeza mañá. Consta de 67 composicións divididas en tres seccións  -Trama de vida, Terreal e sagrado e Tapiz de cinsa- nas que Manuel  Álvarez Torneiro reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións  íntimas e os pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.
Antes de Álvarez Torneiro, e antes de que se instauraran este galardón, tamén o escritor e poeta Xosé Luis Franco Grande, gañara o Premio Nacional de Literatura "Rosalía de Castro", en 1967, coa súa obra "Entre o si e o non".
En GALICIA CONFIDENCIAL

26 de set. de 2012

Xerais reedita unha das mellores novelas negras das nosas letras, Sarou/Louzós, unha obra de Ramón Caride Ogando.

Aínda que só fora pola novela breve Sarou (1997, Xerais, Premio Café Dublín) xa pagaría a pena, pois trátase dun discurso que apreixa o lector nunha vertixe, nunha espiral de acontecentos, da que non é nada doado fuxir, o cal revela un traballo estrutural, de configuración das personaxes, de dominio do xénero ( novela breve, xénero pouco frecuente, que adoita confundirse con novela de poucas páxinas cando é outra cousa) e de pericia narrativa no tratamento temporal, que leva o lector a considerarse testemuña privilexiada dun drama, dunha traxedia que se desenvolve, igual que a lectura, sen concesións ao respiro, á pausa. No seu momento saudamos Sarou como un dos mellores exemplos de narrativa negra das nosas letras, e comprobamos satisfeitos como o paso do tempo, implacábel e frío xuíz, non a desmerece para nada senón que blinda na súa xusta medida esta expresión literaria dun tempo, dunhas personaxes, mergullados nunha vertixinosa espiral que só conduce á desesperanza.
 
Ese primeiro espazo xeográfico ficcional, emblema da sociedade da beiramar da ría de Arousa, comunícase co interior a través da N-541, que comunica Pontevedra con Ourense e neste caso nos trae deica Louzós, territorio de interior que en Negros espellos (2001, Xerais) agrupaba os catro relatos que aquí figuran, completados con outros catro que foran aparecendo en publicacións colectivas ou soltas, como o caso de “Por Eve”, que lembramos inserido en Unha liña no ceo ( Xerais, 1996). “Sarou/Louzós (N-541)” constitúese, pois, nun territorio de transición perceptíbel na evolución temática, que desde o orixinario mundo da droga e as súas violencias nos vai levar a outro máis centrado no mundo do sexo e da análise sociolóxica, que non deixan de ser continuacións/contaminacións lóxicas.
 
Tanto os relatos desta segunda parte ,“Sarou/Louzós (N-541), como os que completan a serie centrada xa en Louzós, déixannos a imaxe de Ramón Caride como autor que non se aferra a unha determinada estratexia narrativa senón que lle é propia a variedade e se desempeña con éxito en calquera que se propoña, desde o testemuño xudicial de “Dilixencias practicadas”, nucleado en Louzós, ao precioso relato “R.P.M”, nucleado na transición cara a Louzós. “R.P.M.” é un curioso relato escrito na marxe en que conflúen a narrativa negra e a micronarrativa, alí onde estas dúas expresións literarias coinciden na estratexia de ocultar quen é o protagonista deica o remate, de xeito que tal revelación sacuda o lector fortemente e o convide a reflexionar sobre o lido.
 
Queremos deternos un chisco nesta narrativa breve, que amosa a Caride Ogando como un autor moi completo, precisamente porque tende a ser a que máis doadamente sexa esquecida. E esa tendencia pode levar implícitos riscos como por exemplo o de pasar por alto a pericia narrativa de “R.P.M.”, que son dúas páxinas e media como  moito, mais dunha intensidade e pericia narrativa tales que non poden deixar de producir admiración no lector.
En GALICIA CONFIDENCIAL

22 de set. de 2012

'Tinta', de Imma López Silva

Por Manuel Rodríguez Alonso en GALICIA CONFIDENCIAL


 López Silva reúne neste volume media ducia de relatos breves que, ao meu modo de ver, presentan unha recreación recente da historia, mais enriquecida pola imaxinación da novelista. Neste feixe de relatos cómpre destacar aqueles que se refiren á chamada memoria histórica, xa non só a memoria histórica do franquismo, senón tamén a memoria dos asasinados pola ditadura arxentina de Videla.

O primeiro relato, “Daltóns de segunda xeración”, presenta a figura fantástica de Avelino Ríos, personaxe quimérico e aventureiro, dotado dunha rara habilidade para a carpintaría. Lembra este Avelino algún dos personaxes de Cen anos de soidade de García Márquez combinado cunhas pingas de quixotismo e ata de picaresca. Mais a historia irrompe cando nolo presenta na Galicia do remate dos cincuenta ou dos sesenta con esa emigración a Suíza e volta en certo triunfo ao volante dun mercedes.

 O segundo relato, “Aqueles que retratan o vento”, mestura os tempos da posguerra franquista, a emigración á Arxentina neses anos e mais a represión de Videla e os desaparecidos arxentinos, que se ceba neste caso nun fotógrafo e xornalista fillo dunha emigrante galega. Estamos neste caso ante un relato típico da memoria histórica, centrado neste caso na Arxentina e na lembranza de Ernesto, o fillo dunha actriz galega, desaparecido pola ditadura de Videla. Como acontece na novela da memoria histórica, a narración mestura axeitadamente os datos históricos coa imaxinación verosímil do que foi esa historia que se nos agocha. Neste caso a imaxinación da narradora reconstrúe fundamentalmente o proceso de desaparición de Ernesto.
Lémbranos moito este relato elementos xa manexados na novela da autora Memoria das cidades sen luz: a personaxe feminina actriz, a presenza de María Casares, os ámbitos xeográficos de Galicia—Buenos Aires-París, a caracterización dos personaxes, especialmente as personaxes femininas (cultas, desinhibidas, progresistas, mesmo adiantadas ao tempo e o medio que lles tocou vivir).
Aconsello ler o texto como unha homenaxe a todos os progresistas perseguidos e desaparecidos nas ditaduras dos setenta no Cono Sur, especialmente os que padeceron persecución ás mans de Videla e Pinochet, entre os que había moitos descendentes de galegos.
O relato “Tira os mistos, Arriba España” entra de cheo na denominada narrativa da memoria histórica. Mesturando realidade e fantasía, recrea o episodio célebre do bou Eva, que volveu estar de actualidade nestes pasados meses a propósito da dedicación do Día das Letras Galegas a Paz-Andrade e por todos os lados correu a historia da bitácora do bou, que conservaba Paz-Andrade na súa casa de Samil. Os personaxes Gándara pai e Gándara fillo fannos reflexionar sobre o que foi a Transición, que, se temos en conta estes dous personaxes, parece que todo cambiou para que todo seguise igual.
Os dous relatos seguintes “Buscar as ninfas” e “O despacho de Molly Bloom” transitan polos vieiros do feminismo e do dereito de cadaquén a vivir como lle praza prescindindo das convencións sociais.
Pecha o libro “Caso Torneiro: 1898-1975”, onde a autora empregando o procedemento do manuscrito atopado escribe con ironía e sentido do humor sobre Franco e mais Manuel Fraga. Abofé que é un bo ramo para este libro.
En fin, que se lemos este libro saberemos mellor quen somos, de onde vimos e cara a onde deberiamos ir, especialmente agora que se achega unha cita electoral. Ademais gozaremos cuns relatos moi ben escritos.

29 de maio de 2012

VISITA DE ABRAHAM CARREIRO AO NOSO CENTRO

Hoxe visitounos á mañá e contounos como fixo o libro Xoeliki, que procesos seguiron os seus debuxos e ademais que xa hai unha segunda parte.  O curso que vén poderemos seguir unha nova aventura deste ciberpirata. Ao final foi moi amable ao facernos uns debuxos dos personaxes e contestar ás preguntas que lle fixemos.Se queres formar parte do clube dos ciberpiratas e achegar comentarios preme aquí

6 de feb. de 2012

Estes son os "best-sellers" de Edicións Xerais

A novela de Agustín Fernández Paz 'Non hai noite tan longa', con máis de 3.500 exemplares vendidos e a edición dos contos reunidos de Manuel Rivas no volume 'O máis estraño', con case 4.000, son dúas das obras máis vendidas.

Os responsables da editorial tamén salientan o interese que espertou entre os lectores a figura de Lois Pereiro (Letras Galegas 2011), xa que a súa 'Poesía completa' foi un dos libros máis vendidos das novidades publicadas por Xerais.

Xerais destaca tamén "o sorprendente comportamento" da novela infantil de Xabier Ponte Docampo 'O misterio dás badaladas', que alcanzou tres edicións o ano pasado.Do fondo editorial (títulos que se reeditan ano tras ano) acumulan un número moi importante de exemplares vendidos 'O lapis do carpinteiro', de Manuel Rivas, con 81.200 exemplares, ou 'Cartas de inverno', de Agustín Fernández Paz, con case 81.000.

Entre os máis vendidos deste ano están 'O pintor do sombreiro de malvas', de Marcos Calveiro; 'Asasinato non Consello Nacional', de Diego Ameixeiras; 'Resistencia', de Rosa Aneiros; 'Todo é silencio', de Manuel Rivas; 'O único que queda é ou amor', de Agustín Fernández Paz; 'Dragal', de Elena Galego; 'Cando petan na porta pola noite', de Xabier P. Docampo, ou 'Pel de lobo' e 'Morning Star', de Xosé Miranda.

Con todo, o libro estrela da editorial segue sendo 'Pequeno Dicionario Xerais', con máis de 350.500 exemplares vendidos

EN GALICIA CONFIDENCIAL

24 de xan. de 2012

Contos da terra e da tarde

Autor: Bieito Iglesias
Editorial: Galaxia
Libre de toda culpa, pecado e delicto, así foi soterrado o vello ministro franquista Manuel Fraga Iribarne, implicado nun bo número de asuntos con resultado de morte ademais de ser tamén responsábel da Lei de Prensa coa que o Movimiento amordazaba os medios de comunicación. Libre de toda culpa, pecado ou delicto, así o cantaron e cantan as súas hostes. Porén, a ti, lector, igual cá min, que escribo isto, en ningún momento nos é permitido alixeirar o peso que a historia nos canga nas costas, máis ben, pola contra, e en virtude do determinismo social que nos goberna, somos xulgados xa non só desde esa carga senón inclusive desde a nosa mesma orixe.
   
Fronte a esta situación máis propia de tempos con Rei Sol, Bieito Iglesias dá á luz unha colectánea de relatos que se caracterizan precisamente porque as personaxes, e o relato déixao ver nalgún momento, sempre cargan coa súa historia, mesmo ás veces o relato é precisamente case unha excusa para que esta aflore. O cal, en si, tampouco é novidade ningunha no eido literario. Mais a lectura sempre se efectúa nun determinado contexto e ese determinado contexto inflúea. De xeito que, no caso que nos ocupa, salienta o humanismo, a compoñente humana das ficcións letrescas, á vez que pon de relevo a inhumanidade selectiva contextual deses dirixentes políticos. E debe ser preocupante, tanto ti, lector, coma para min, pois nos contemplamos no feixe vitimado, como tamén para os propios vitimadores, que nin nós somos xoguetes nin eles deuses exentos de carnalidade.
 
Escritos con esa tan particular selección lingüística que identifica os textos de Bieito Iglesias a primeira vista, este bo feixe de relatos, ubicados en diferentes nichos temporais, e puntos xeográficos, que permiten ir adiviñando un proceso creativo prolongado no tempo, contén un significativo número deles onde as personaxes padecen algún tipo de enfermidade. Porque ha de padecer enfermidades as personaxes? Pois tal vez porque unha sociedade como a que vimos de retratar antes debe considerarse enferma, e non puntulmente, a xulgar desde o que vimos de escribir sobre a prolongación no tempo. De aí, no título, a terra e a tarde. Por demais de que os títulos, e referímonos tamén aos dos relatos, sempre son segmentos linguísticos problematizados que esixen ao lector esforzo comprensivo demostrador da súa filiación humana.
   
Como é lóxico agardar nun título destas características, a variedade de tramas é notábel, mais poden sinalarse certas recorrencias temáticas correspondentes a asuntos polos que os autor sente predilección. Velaí, logo, a boa cantidade de relatos onde o sexo ten protagonismo, desde o puterío barcelonés á Cuba sensual e ardente. Así como tamén a emigración, que salientamos xa non polo número de relatos que a narren, senón pola visión que dela se dá, por ese desapego das orixes. E, por suposto, o humor, ese humor absolutamente irreverente, que pode ocorrer no contexto máis serio, tinxe a maioría dos relatos con intensidade dispar, obriga ao sorriso certo e desconfiado porque, outra volta, é un humor intelixente que demada actitude reflexiva cómplice por parte do lector. Un humor desde o que se explora o mundo e que se materializa nun rexistro moi variado que vai desde a simple adxectivación ocorrente, á problemática, ou desde o xogo de palabras a un esperpento coidado e á vez natural. E que, por suposto, sería impensábel nun autor cun dominio léxico máis reducido. Pois un dos puntos atraentes da escrita de  Bieito Iglesias é esa súa lingua vizosa, rica, que mestura termos cultos con outros dialectais, e sobre todo, que rescata para o lector expresións tan nosas como a terra e que, con todo, están tan ausentes na foto do galego libresco. Tanto o léxico, como o humor, indican unha escrita que sempre quere ir alén e nunca ficar na tona superficial, pois concibe literatura e lingua como camiños ou carreiros que axuden a trascender. Algo extraordinariamente importante, sempre, e máis en días como os que vivinos e que nos servían para inciar esta crónica.
   
Salientar un relato por riba dos demais resulta imposíbel. Un relato ou  grupo de relatos, pois ás veces aparecen agrupados varios relatos formando unidade baixo un mesmo título. O cal significa que tamén se explorou, tamén se traballou na propia esencia de xénero. O que, a xulgar, polo relato que pon cabo ao volume, no cal as notas compoñen máis o relato que o propio corpo desde o que dimanan, e tendo en conta o pouco frecuente que é un título destas características tan denso, parece indicar para unha concepción da vida, do real, máis próxima a unha sucesión de relatos que ao que sería novela. Xa que o primeiro representa unha opción aberta, mantres o segundo, por moi coplexa que sexa, nunca será quen de acadar tanta amplitude, nin tanta fondura pois adoita non contar cun lector que tamén pode ser activo e non só espectador. Quizáis porque, na vida, ser espectador é non vivir senón padecer.
 
EN GALICIA CONFIDENCIAL

17 de xan. de 2012

'Historias de Oregón'

Título:Historias de Oregón
Autor: Diego Ameixeiras
Editorial: Xerais
É, este de Diego Ameixeiras, o título vencedor no último certame de novela  por entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia. E a primeira reflexión que se nos aparece ten que ver coa propia denominación do premio, tan mentireira, pois 31 capítulos, como moito de 3 páxinas, non dan para unha novela, en todo caso sería máis acertado chamarlle novela breve, pois os textos anteriores, e este tamén, si cumpren as estipulacións xenéricas da novela breve e nunca, nunca, as da novela. Nin as personaxes poden ser moitas, nin a trama pode ser complexa. Alén de que neste tipo de convocatorias adoita lerse todo o texto da novela por xunto, e non coa cadencia das entregas. Precisamente as Historias de Oregón son un bon exemplo disto. Non ha ser doado que quen lera a novela por entregas coincida na valoración de quen a le por xunto. Precisamente porque as personaxes deste novo título de Diego Ameixeiras non son poucas, tendo en conta que se trata dunha novela breve, e sabendo que o lector tipo destas novelas por entregas le con obrigada cadencia temporal, quen lea o texto completo terá unha máis cabal imaxe do desenvolvemento da trama.Arredor de Camélia , Aurora ,  Rafael , Carlos, Andrés, Mateo…técese unha trama na que se entremesturan as súas historias en Oregón ou de Oregón. Oregón, topónimo que nace do xogo de palabras co seu referente, Ourense, feito detrás do cal descansa un innegábel e desenfadado afán crítico no que o alleamento ten moito que dicir, pois resulta imposíbel ler as historias de Oregón sen recoñecer a cidade das Burgas como punto de encontro das diferentes historias. Historias dos nosos días, historias de personaxes de a pé, de xentes que ben poden ser eses que camiñan ao teu carón cara a Erbedelo ou nas marxes do Barbaña ou simplemente pasan diante de onde ti estás tomando café. Así que, se esas ficcións ficticias, son doadamente asimilábeis a esoutras ficcións reais que camiñan á nosa beira mais das que descoñecemos case todo, agás que están alí, canda nós, velaquí temos a literatura a devolver vida ao lector, e poucos alicientes mellores hai para fixar a  mente do lector ás páxinas, porque…que emoción hai maior? E hai, aínda unha outra cousa a comentar, que sendo o do autor un nome vencellado ao xénero negro,  o lector le estas historias que acontecen en Oregón-Ourense tratando de descubrir aquilo que as vencella a ese xénero negro. O cal non resulta nada difícil, nada, velo na particular de Aurora, esa muller maltratada até límites grotescos, nin tampouco é nada complexo na de Camélia, prostituta e asasina. Por poñer dous exemplos. Dous exemplos que revelan como as personaxes do xénero negro non son criaturas de laboratorio en situacións extremas. Polo menos non estas de Diego Ameixeiras, desde as cales pode verse a delgada liña que delimita a vida cotiá desoutra que adoitamos asimilar ao sórdido xénero negro.A novela comeza coa exhibición no primeiro capítulo dun narrador con moito oficio, un narrador que sabe conxugar a primeira e terceira persoas para non deixar detalle por contar, á vez que crea unha atmosfera de indefensión, indefensión ante a vida, que vai caracterizar o resto dos capítulos que dure a lectura. E, depois, aínda que o narrador faga sitio ás personaxes, non vai perder eficiencia e nunca deixa de lerse con agrado este relato de vidas cruzadas, de destinos marxinais sobre os que pende a fatalidade. Deste xeito, pola atmosfera de indefensión perante a vida, e por seren personaxes recoñecíbeis na tipoloxía humana coa que convivimos, o lector empatiza doadamente coa lectura. Unha lectura que, por outra banda e debido ás características propias da convocatoria, se efectúa desde capítulos breves, o cal lle confire moito dinamismo. Polo cal o narrador debe ter unha planificicación moi estudada na que alternen as historias,  alén de saber ser conciso, directo, áxil e hábil na caracterización tanto de personaxes, como de ambientes e lugares.(EN GALICIA CONFIDENCIAL)


  

10 de xan. de 2012

Mazinger Z, poeta e na Galiza

Título: MazinGZ
Autor: Carlos Solla
Editorial: Espiral Maior
 
Houbo un tempo no que a verdade estaba prohibida porque a xente só debía coñecer a verdade que o Rexime instaurara e esta non coincidía coa que a xente sufría. E entón, o poeta, un poeta galego, poñamos por caso Celso Emilio Ferreiro, que é ano de celebración na súa honra, entón o poeta, cando escribía, exercitaba proxección de fonda esculca que argumentara as razóns da denuncia. Así:
 
Agora tomo o sol. Pero até agora 
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.
 
Pasaron 50 anos, desde aquel Longa noite de pedra. E, neses cincuenta anos, a poesía galega evoluiu moito e, consecuentemente coas mudanzas que os tempos trouxeron, adoptou novas formas e tamén novas estratexias comunicativas. Hoxe, o poeta, non como daquela, necesita exercerse de guía de argumentacións porque esa xa non é a misión do emisor. O poeta de hoxe segue precisando amosar a verdade, porque a verdade sempre é incómoda e sempre hai quen tenta agachala, porén as argumentacións debe, porque quen pode debe, decubrilas o lector. E escribe así:
Unha pedra, outra quila
e outra enriba.
a muralla cómelle as papas ao acueduto.
non me fas, que me renaces,
que no adarve xa roulan os rodamentos
e veñen sen mans no guiador
e van sen cadea.
heime desbalar polas carrilanas.
ti, que me derrapas nos sabucedos da estrada,
dínamo loucamente;
di: namoreime porque me aburría.
bolos e mangas desbaldidos da marea
que agora colgo en eBay
por se alguén pica.
 
En MazinGZ, XIV Premio de Poesía Johán Carballeira, lense poemas deste estilo, onde nun poema, de amor, poñamos por caso, non só cabe a expsoción de circunstancias relativas a un dos fenómenos vitais máis trascencentes da vida, tamén hai lugar para  mensaxe máis achegada á poesía social, civil, rebelde. Porque o ser humano é unha realidade compelexa, tan complexo como a vida, e nesa realidade complexa nada é alleo a nada.
 
Velaí que, por exemplo, a carón de poemas como  o antes visto, tamén haxa outros que resulta moito máis centrados, como vulgarmente se di, moito máis achegados ao que tradicionalmente entendemso como texto poético. Mais quixemos comezar precisamente así, deste xeito, polo temor a que unha parte fundamental do poemario, a vertente civil e reivindicativa e politicamente incómoda, fique desdebuxada na foto dun poemario moi complexo. Porque non, os tempos onde era imprescindíbel a poesía civil e reivindicativa non pasaron e esta segue a se precisa.
Desde o mesmo título, unha única palabra que conxuga a despersonalización propia dos días que vivimos, da nosa sociedade, e cando dicimos da nosa sociedade non nos referimos á sociedade en xeral, senón a esta nosa sociedade galega. Esta mesma sociedade tan precisa de heroes que axuden normalizar a vida da xente, a vida da xente que sabe e sente perseguida a súa lingua, a súa cultura, a súa historia e inclusive a súa necesidade de afecto. Desde o título e non exclusivamente só no título, porque a continuación o lector terá diante un conxunto de textos, un conxunto de poemas concebidos desde esa despersonalización e tamén desde esa necesidade de heroe.
 
É así que, logo dun primeiro poema onde se presenta a Koyi Kabuto, que conduce este poemario como antes conducira robot daquela lembrada serie animada dos anos ´70 do pasado século, logo dese primeiro poema, os que virán poden ser  agrupados en seis núcleos: Mazinger Z, poeta…; fazañas bélicas; poemas a Afrodita A; azoute do crime organizado; folla de ruta e pomas contra… Eles, mais algún outro que non entra neses núcleos, compoñen o poemario. 
 
Esa despersonalización antedita é tamén o punto desde onde se orixinan poemas no que hai unha forte compoñente de procura poética, de renovación poética. Polo que imos atopar poemas abeirados á épica, á poesía social, á amatoria, ao futurismo, ao subrealismo, ao hilozoísmo, ao amor cortés, inclusive ao misticismo ou a poesía política… 
 
Que, habendo moito, non todo é humor, non todo é ocorrencia simpática, que hai, porque Carlos Solla gusta de xogar coa lingua. Hai, e debe ser valorizado na súa medida, porén, como unha compoñente máis dun proxecto poético poliédrico, moi ambicioso, variado, dunha intensa procura de anovación poética,  e tamén dunha intensa preocupación e análise social. E cado dicimos social enténdase que o invidual está integrado nese colectivo, non son antonimias senón de sinerxias vitais.
EN GALICIA CONFIDENCIAL
 
 

21 de nov. de 2011

'A vida fóra', de Miguel Sande

Título: A vida fóra
Autor. Miguel Sande
Editorial: Galaxia
Non chega ás oitenta páxinas. Fala dunha vella, e de como ela ve a vida. Non hai, no texto, sentenzas ou ditos rechamantes, deses que se din polémicos, sequera oportunistas. Tampouco conta con personaxes carismáticas, desas atraentes como imán. Nin relata trama revestida de sorpresiva espectacularidade, a xeito de best-seller. Que ten, logo, A vida fóra, para que se che meta tan dentro?
Pois que está moi ben escrita. Así de clariño e transparente. Desde unha concepción da literatura, da narrativa, acorde ao século que vivimos, ao século que vivimos e tamén ao tipo de lector medio que anda as nosas rúas. Eis, logo, unha narrativa que non procura virtuosismos verbais, que quere ser clara, dentro do posíbel e conscientemente, moi conscientemente, pulsando no aspecto máis distintivo e perticularizante da narrativa actual: o poder epifánico da palabra, a capacidade suxestiva que agocha, a posibilidade de que o lector lea algo máis que o significado puramente denotativo. Poderase pensar que, sendo a protagonista unha muller vella, doente de alzheimer e polo tanto en proceso de perder a riqueza expresiva anterior, poucas máis opción tiña o autor. Poderá. Mais errarase. Outra cousa é recoñecer que o autor soubo moi ben ver como quen vai perdendo as palabras ha de estirar, forzar, as que conserva para poder expresar algo parecido ao que pensa, para poder pensar algo parecido ao que pensaba. Algo parecido, porque a diferenza tamén é, ademais de pertinente, moi significativa. Presentemos, pois, á protagonista. Chámase María e unha trombose deixouna en cadeira de rodas; debaixo da cama ten unha caixa de zapatos e nela bota o arroz e aquilo que a desgusta; coma moitos outros anciáns ten unha auténtica teima pola morte; unha das poucas cousas que a compracen é comer pílulas de chocolate (conguitos); unha muller soa, á que só entenden cando ri ou cando chora e que foi/vai perdendo as palabras. Hai máis protagonistas. Está a asistente social, das poucas persoas que soben vela, que demostra preocupación por ela. Está o señor, o seu marido, que deixou a guerra para vir casar con ela, xa faleceu e desde entón só é lembranza tan recorrente como querida. Tamén está a xente que ve pasar, a xente dos enterros. E os obreiros. Os traballadores da obra que están a facer mesmo diante da súa ventá.
E a vontade de contar.E o uso simbólico e contrastivo da lingua. O cal fai posíbel que a vella María sexa máis que a vella María; que o reloxo sexa algo máis que un trebello mecánico; que o mar non sexa unicamente unha enorme masa de auga salgada alá fóra, que as palabras e as letras non queden en simples segmentos fónicos ou garabatos de significado arbitrario, monótono e inflexíbel. Son só uns exemplos, porque as palabras tamén van aos enterros, tamén hai enterros de palabras –e enterradores de palabras, engadimos nós, porque se trata diso, de que o lector non fique fechado no círculo verbal do texto senón de que este se converta nunha plataforma desde cal reflexione sobre vida. Uso simbólico e contrastivo. Porque simbolismo por simbolismo de pouco serve. O interesante é que ese simbolismo permita o contraste. De xeito que os dous xuntos constitúen a chave que fai posíbel o grande cambio, na vella narrativa o escritor transmitía a súa versión. A súa lectura, da realidade, da sociedade, era o que lector lía. Agora é o lector quen conforma, é o lector quen define a súa propia visión. Non é que o escritor non chegara a algunha conclusión, non é que o escritor non teña opinión. É que o máis interesante, o que verdadeiramente importa, é que sexa o lector quen conforme a súa. De xeito que constrúe un texto que lle permita ao lector identificar o seu lugar no mundo, na sociedade. Tampouco é que desconfíe, que minusvalore a figura do lector, porque xustamente quen máis e mellor valoran este tipo de escrita son aqueles lectores conscientes do seu lugar no mundo.
No século XXI non é precisa literatura de forte contido sociopolítico para concienciar o lector. Iso xa foi. E deu o resultado que deu. A literatura de intervención social no século XXI é deste estilo, literatura para que o lector procure e atope, literatura activa que libera, a literatura de intervención non é literatura de intervención do autor senón literatura para a intervención do lector.
Así é é esta A vida fóra, o longo monólogo interior de María, a muller vella que sabe que os autobuses vermellos levas as palabras so enterros, ou que neva só cando casa alguén porque cando ela casara nin había arroz nin nada- A vella María, que reorganiza daquela maneira o seu mundo, que racha os esquemas espazo-temporais sen inmutarse. Mais, téñase moi en conta, sobre todo despois do comentado sobre o simbolismo, este discurso monologado que de vez en cando deixa lugar a unha terceira persoa narrativa, remata cunha referencia moi clara á casa, á casa de diante da ventá de María, a casa, esoutro símbolo, que como ven, remata converténdose na mesma orixe da propia María.

En Galicia Confidencial

1 de set. de 2011

Historia da Lingua Galega. Do latín ao galego cordial. Autor: Pepe Carreiro

É curioso, pero en Galicia non se falou sempre galego. Non, castelán tampouco, nin inglés. Na altura na que en Galicia non se falaba aínda galego, en Madrid nin sabían que era iso do castelán. Madrid, ademais, aínda non existía. En Londres, que tampouco existía, tamén non sabían nada do inglés.
Do que se falaba en Galicia antes da chegada dos romanos pouco sabemos. 


Do latin ao galego cordial  

14 de ago. de 2011

Recoñezo que tiña certos prexuízos e tardei en comezar esta novela que, admítoo, opino que é boísima. Víctor F. Freixanes atrápanos con este Cabalo de ouros, publicado por Galaxia, cunha historia ben afíada, inesperada, do mellor da literatura galega que teño lido ultimamente. Unha historia a maior parte das veces aceda, dura, como duros foron os tempos que rememora, triste, silandeira, e sobre todo chea de forza. Freixanes non só xoga co narrador-lector, senón que tamén é quen de aportar un cantar de cegos na novela, logrando un encaixe de bolillos camariñés perfecto no que abraian os saltos e os ritmos narrativos, rematando nunha puntada final venezolana totalmente inesperada polo cambio da liña narrativa que nos envolve ata as últimas liñas. E máis inesperado resulta que todo este tecido se teña en pé arredor dunha partida de cartas, ben longa por certo, ben cheíña de cartos tamén, pero que na arañeira de personaxes cobizosos, maledicentes, teimudos, e mesmo tenros, vai desenvolvendo o nobelo dun amor non tan imposible que nos tensa ata o final.
Non sei, repito, pareceume -e soprendeume- boísima.

“Lembro a súa ollada clara, case que líquida, fóra do mundo dos vivos, ela tamén. A vida pasa polas cousas, pola memoria dos feitos e polas criaturas que tales padeceron. O que noutrora foi furia e desolación, ferida e castigo, materia pezoñenta que apesta o mundo, o bálsamo do tempo cicatriza, non sei se cura, en calquera caso adormece, as máis das veces para sempre”

En TRAFEGANDO RONSEIS 

7 de ago. de 2011

Flores da Galvana

Iria Fernández Crespo, no centro, entre Miguel-Anxo Fernán-Vello (esquerda) e Ramón Chao Iria Fernández Crespo, no centro, entre Miguel-Anxo Fernán-Vello (esquerda) e Ramón Chao

Iria Fernández Crespo (Barcelona, 1982) é unha das voces novidosas das letras galegas, criada en Catalunya, morando en Catalunya pero con raiceiras moi profundas en Galiza.
Flores da Galvana é o seu primeiro poemario e demostra no seu traballo unha ansia totalizadora da descrición lírica da realidade. A poesía de Fernández Crespo vai máis alá da separación clásica entre intimismo e poesía social; entre clasicismo e vangarda. Aposta por unha concentración expresiva que converte os seus versos en tallas na pedra do idioma, as súas imaxes en vencellos indisolúbeis entre un pasado que a autora albiscou mentres esvaecía e un futuro no que a única fronteira da poesía galega é o propio límite dos seus creadores.
Recordos de infancia, paisaxes galegas, a dor pola destrución da paisaxe, o laio pola anormalidade cultural de Galiza, a propia indefensión fronte aos atrancos da vida... Todo se compendia cunha exquisita escolla rítmica e léxica.
Edita Espiral Maior.

En A NOSA TERRA

Compra libros tamén nos quioscos

Web da Lonxa das Letras Web da Lonxa das Letras

O quiosco, relacionado tradicionalmente coa prensa e con coleccións de libros populares, agora tamén será punto de venda para os produtos de Xerais e de Galaxia. É unha maneira nova de impulsar a difusión e venda dos títulos da literatura galega en estabelecementos que contan co cariño do público.
Lonxa das Letras é un proxecto da Rede Galega de Quioscos no que se integraron Galaxia e Xerais nesta primeira etapa aínda que se abrirá a outros selos editoriais a medida que se vaia afianzando o proxecto. Arestora véndense nos quioscos novelas, literatura xuvenil e infantil, ensaio, didáctica, poesía, cociña e biografía.

En A NOSA TERRA

Noah Barleywater escapa da casa

John Boyne John Boyne 
 
Noah é un cativo de oito anos que decide fuxir da súa casa. Nese camiño cara a ningures, atopa un vello artesán que ten a casa inzada de xoguetes e de monicreques. Noah vai vivir moitas aventuras e escoitar moitas novas historias nas que as propias figuras son as protagonistas.
Velaí o argumento de Noah Barleywater escapa da casa, do irlandés John Boyne, que se fixo famoso nas letras galegas coas exitosas O neno do pixama de raias e Motín na Bounty.
O libro busca unir os intereses lectores de persoas de diferente xeración, na liña de clásicos como Alicia no país das marabillas ou O Principiño.
A tradución é de Carlos Acevedo. Edita Faktoría K.


En A NOSA TERRA