30/07/2010
"Dos encapuchados de habla gallega"
Este é o titular e a entradiña dunha noticia publicada a mediados de maio en La Voz de Galicia e que nos remite esta semana un profesor de Xornalismo como exemplo do que non se debe facer para titular unha nova. "Acaso titularían: dos encapuchados de habla española atracan a punta de pistola la estación de servicio de A Ponte do Porto?. Desde logo estase utilizando o feito de que falen galego como un feito pexorativo. E semella escandaloso que ninguén diga nada", apunta,
Non é a primeira vez que se publican nos medios galegos titulares imprecisos do tipo: "morren tres persoas e un portugués" ou "dous homes con aspecto árabe roubaron un chalet en Oia". O caso é que o descuido ou mala intención nos titulares xa ven de lonxe. E senón lembren aquela fantástica sección do programa 'Caiga Quien Caiga' chamda 'Curso de Ética Periodística':
Galicia Bilingüe solicita ser declarada "de utilidade pública"
A asociación Galicia Bilingüe vén de anunciar a súa intención de solicitar ser recoñecida como "entidade de utilidade pública", unha figura que, explican nun comunicado remitido á prensa, trae consigo, "ademais das súas obvias implicacións sociais, beneficios fiscais tanto para a entidade como para as persoas físicas ou xurídicas que realicen doazóns" ao colectivo.
Apunta o colectivo contrario ás medidas de normalización da lingua galega que, na súa "asemblea anual, celebrada en Santiago", os socios "facultaron tamén á asociación para constituír unha fundación que terá entre os seus obxectivos a promoción da creación cultural nas dúas linguas oficiais galegas".
Nese encontro, explican, a presidenta da sociación, Gloria Lago, "presentou un informe sobre o último ano moi crítico co actual Goberno da Xunta", pero que tamén incide, din, "nos substanciais logros ata hoxe grazas á presión exercida por boa parte da sociedade galega contra a imposición lingüística".
Entre estes "avances", Galicia Bilingüe cita a "marcha atrás na Lei do Comercio", a fin dos exames obrigatorios en galego nas oposicións, ou as modificacións no ensino infantil. Neste contexto, atribúense tamén o logro de "rematar co tabú que existían arredor da mal chamada normalización lingüística".
Policía, forzas represivas do status quo?
O TC español, a nación española, o Estado español e as súas comunidades autónomas, El-Rei e a monarquía parlamentar proclama con solemnidade case esperpéntica a Constitución española, cuxo texto, indican os seus maxistrados ad hoc, non coñece nin recoñece outra nación que non sexa España, as demais son comunidades autónomas, históricas, como moito, cunha cultura diferente, un idioma propio, que forma parte da variedade e pluralidade do acervo cultural español en calquera caso. Xa Fraga Iribarne o advertía estes últimos días en Compostela: "Galicia non é unha nación", e receita retornar ao "café para todos", ao chalaneo e á patética España, digo, "es una unidad de destino en lo universal". Estatuto como lilaila, como xoguete ou trebello. Na escada de valores patrios e universais, o galego, o éuscaro e o catalán serán subsidiarios do español ou castelán, ao que todos e todas estamos obrigados a estudar e a defender. Fanno os ignorantes e diglósicos galegos, e mesmo casteláns? Fanno os galegófobos e estoutros lingüicidas; faino Galicia Bilingüe? Podo dar fe e testemuña que da literatura española ben pouco coñecen, e do idioma e sintaxe na que se escribe ou escriben/falan eles/elas, chega ao disparate, ao dislate. Alberto Núñez Feijóo, nun caso de cursiño e desinformación histórica, advirte de que España é nación dende hai máis de cincocentos anos. O Decretazo verbo do galego imposto (e xa veremos) polo PP español en Galicia carece de sentido e achégase ao disparate. Cal é señores e señoras españois, cidadáns do mundo (expresión obvia, tautolóxica e polo tanto innecesaria por absurda e estulta). Cecais cre algún sarriano, ou vigués, ou coruñés, que Sarria, Vigo ou A Coruña non forman parte do mundo? As contradicións nos termos son tan grandes que superan e transcenden as fronteiras do imaxinario colectivo para recalar nas augas na mediocridade, a vulgaridade e o delirio imperial do inútil. E por que dicimos no enunciado "policía, forzas represivas"? É tan obvio explicar este sintagma que se fai innecesario. A evidencia sobarda ao mínimo da posibilidade e a intelixencia. Non necesita, pois, explicación. A Compostela xamais chegou o apóstolo Santiago, pero a invención do sepulcro, como a da resurrección de Cristo deu e aínda dá moito que falar e entreter os seareiros, tanto ou máis que o triunfo da Selección española no campionato do Mundo, a vitoria do tenista Nadal e os faustos do ciclista Contador no Tour de Francia. Así é todo, o boureo continúa, pero a crise económica non deixa de abafar o pobo desherdado, sen adxectivacións. Galicia, Catalunya e Euskadi si son nacións, malia que lle pese á recidiva franquista encistada na entraña de moitos e moitas, incluído o señor Fraga Iribarne.
A Xunta confunde o Estatuto e eleva o castelán a lingua propia
“O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ao galego e ao castelán como linguas propias e cooficiais de Galicia”. Así comeza o prego de prescricións técnicas para a contratación da campaña de publicidade que venderá “os novos valores” do sistema de ensino galego tras a aplicación do novo decreto do plurilingüismo.
Contradicindo o Estatuto, que declara como idioma propio só o galego, mentres que sitúa o castelán como oficial xunto a el, o Executivo volve meter a zoca ao equiparar o rango dos dous idiomas que se falan no país. Faino, curiosamente, ao introducir as bases dun concurso público para un contrato de 1,2 millóns de euros que pretende publicitar un decreto que busca “lograr un plurilingüismo real na nosa comunidade autónoma”.
“A Consellería de Educación quere comunicar aos cidadáns os principais cambios que supón esta nova norma (...) cunha campaña informativa e de publicidade que faga máis sinxela a comprensión dos novos valores na ensinanza non universitaria de Galicia”, explica o prego.
A campaña, cuxo custo e obxectivo foron criticados duramente pola oposición, non aforrará en medios. Segundo se explica no texto, levarase a cabo durante os meses de setembro e outubro deste ano –xusto no comezo do curso– e incluirá todo tipo de spots, cuñas, carteis ou anuncios que se repartirán por Galicia, especialmente nas sete cidades, durante pouco máis de sesenta días.
Será unha campaña de impacto, sen dúbida ningunha, e semella difícil que algún cidadán quede alleo a eses “novos valores” da educación en Galicia. O “proxecto de estratexia de medios e planificación” para a campaña esixe ás empresas que opten ao contrato uns requirimentos mínimos. Entre eles, inclúense, polo menos: tres insercións de media páxina cor impar nos diarios galegos, 20 cuñas de 30 segundos e 70 de 20 nas cadeas de radio, anuncios para unha televisión galega cun mínimo de 10% de audiencia que suporán un 15% do investimento, 100.000 impresións nos diarios electrónicos de Galicia, traseiras para os autobuses urbanos das sete cidades galegas e 40 carteis para colocar nos valados publicitarios destas urbes. Case nada, aínda que a Secretaría Xeral de Medios, que é quen convoca o concurso, prevé tamén outras “accións especiais” como folletos, carteis, organización de eventos ou accións de rúa.
Por suposto, especifícase tamén o carácter bilingüe que deberá ter esta potente campaña de publicidade que difunde “os novos valores” do decreto na lingua propia de Galicia, o galego, pero tamén na outra oficial do país, o castelán, que tamén é “propia” para a Xunta.
28/07/2010
Disturbios del bilingüismo
Antonio de Nebrija, ilustre forjador de gramáticas y diccionarios, afirmó en famoso prólogo que “Siempre la lengua fue compañera del Imperio”, aunque se refería obviamente a empeños mayores como, por ejemplo, el de la conquista de América. Ahora que las lenguas y los imperios son otros, se conoce que aún quedan a nuestra módica escala local algunos funcionarios empeñados en que al idioma lo acompañe la porra. O en mandar a la porra a los vulgares lenguajes vernáculos.
Sorprende un poco que la policía trate de suplantar a la Real Academia Española en su meritoria labor de defensa de la lengua, pero ya se sabe a qué extrañas situaciones conducen a veces los excesos de celo. Tal vez el agente decidido a castellanizar por las bravas el callejero de Compostela estuviera bajo el influjo de algunos políticos cuya obstinación con la toponimia y las lenguas periféricas empieza a adquirir rasgos francamente pintorescos.
Es bien conocida, por ejemplo, la campaña a favor de que se rotulen en los dos idiomas oficiales los nombres de todas las poblaciones y calles existentes en las comunidades bilingües. La idea parece razonable y lo bastante contemporizadora como para que el tan mentado policía pudiese aceptar imparcialmente la denominación de Pescadería Vieja o Pescadería Vella, ahorrándole así un mal trago a la andaluza agallegada de esta historia. Mucho es de temer, sin embargo, que su aplicación práctica condujese a resultados cuando menos chocantes y cuando más, cómicos.
Ni los más acendrados defensores de la toponimia bilingüe han llegado -de momento- al extremo de abogar por la doble denominación Pontevedra-Puentevedra, tal como hacen ya sin complejos con La Coruña y Orense. Tampoco han propuesto aún la conversión de O Carballiño en El Roblecito y, a lo sumo, se limitan a optar en la práctica por el híbrido Carballino. Probablemente habría que ampliar el tamaño de los carteles de entrada a la localidad para incluir el dilatado párrafo: “Bienvenidos a O Carballiño-Carballino-El Roblecito”; pero tampoco vamos a pararnos en gastos cuando de instaurar el bilingüismo trilingüe se trata.
A estos casos habría que agregar aún los de Ponteareas-Puenteareas-Puente Arenas, Pereiro de Aguiar-Peral del Aguilar, Sanxenxo-Sangenjo-San Ginés, Boimorto-Buey Muerto y –ya metidos en faena- Salcedo-Sal Temprano. La rotulación a doble lengua de las calles sería tarea más hacedera, aunque de consecuencias no menos sorprendentes. Siempre habrá a quien le choque saber que se encuentra en la Praza do Obradoiro-Plaza del Taller cuando llega a la catedral de Santiago o descubrir en A Coruña-La Coruña la existencia de una plaza con el nombre armónicamente bilingüe de María Pita-María Gallina.
Razón no les falta, pese a todo, a los esforzados paladines de la lengua española que ha de ser defendida por los antidisturbios de la persecución que al parecer sufre en Galicia. Fáciles son de imaginar los apuros que pasaría un conductor que, procedente de la Meseta, pretendiese llegar a La Coruña guiándose por confusos carteles que indican la dirección de “A Coruña”. Por no hablar ya de la posibilidad de que un desconocedor de la lengua gallega se despistase en su camino hacia Orense y acabase en Astorga por culpa de los indicadores que sitúan su destino en lugar de nombre tan raro como “Ourense”.
Cosas como estas no pasarían con agentes tan bizarros como el que el otro día mandó el gallego a la porra en Compostela. Francamente.
Policía brutaz
Dubidaba eu se utilizar aquí a forma brután ou brutaz (ese expresivo z final), ou tamén irmos, por que non, a palabras como indondo, groseirón, alarve, tosco e, se queren, túzaro. Porque ese policía (funcionario dependente do Ministerio do Interior) que ameazou a unha xornalista cunhas "hostias" -textual-, tras recriminarlle a utilización do nome santiagués propio e oficial de Pescadería Vella -"se dice Pescadería Vieja", bradou o axente-, non é outra cousa que un brutaz incumpridor das misións básicas constitucionais que deben presidir as actuacións do Corpo Nacional de Policía: "Protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a Seguridade Cidadá". Por iso mesmo non estaría nada mal, como mínimo, que o mando superior das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que corresponde ao Ministerio do Interior, lle abrise un expediente sancionador ao funcionario policial por falta grave, porque grave é ameazar con violencia a un cidadán, ademais de desprezar o idioma propio e oficial de Galicia e pretender impor o uso pola forza de formas lingüísticas non oficiais. Non acudirei eu aquí, líbrenme os deuses, a aquel relato breve de Alfred Jarry titulado O cerebro dun axente de policía, mais o axente policial en cuestión non deixa de ser unha mazá podre -ou un garavanzo negro- que habita un corpo policial profesional, e, como ben di Quim Monzó en La Vanguardia (En Santiago na noite escura, titula o artigo), hai policías que se escoitan algo en idioma bárbaro -tal é o caso: "Pescadería Vella"- experimentan fervedura no sangue que logo lles sobe disparada até o cerebro. En fin. Do que non me cabe dúbida a min é de que o citado axente represor lingüístico non cumpre cos principios de "servizo, dignidade, entrega e lealdade" que decoran a formación dun policía e estou por asegurar que o aproveitamento de materias como Dereito, Socioloxía, Psicoloxía e Comunicación e Relacións cos Cidadáns, entre outras, foi, neste caso, nulo. Debería ser identificado o número e declarado suspenso.
Moito máis que símbolos
Comentaba nun artigo anterior o xuntoiro da bandeira española co negro touro estampado na faixa amarela que se puido ver abondosamente nas televisións co gallo da apoteose futbolístico-españolista deste mes. Onte –e tamén, malfadadamente, me cadrou velo na pantalla televisiva– un rapaz, nun lugar de Alacant cuxo nome non recordo, foi embestido por unha vaquilla que o zapateou como quixo e que resultou gravemente ferido. O mesmo en México e, tal e como é de prever, pasará ou poderá pasar en calquera das touradas que se sigan a celebrar, para honrar no seu altar de morte e barbarie o deus devorador de vidas e compracer o sadomasoquismo duns espectadores e, sobre de todo, para engordar o peto dos que se lucran con semellante espectáculo.
“¡Lástema de bois!”, sentenciaba o paisano debuxado por Castelao, en 1917, perante a contemplación dun cartaz que anunciaba touros en Santiago, en estampa subtitulada “Filosofía labrega”, con que o artista facía emerxer a síntese dunha outra cultura e dunha outra concepción dos animais. Sempre recordo o chiste ou piada de meu pai cando refería a conversa entre dous amigos: “–¿Gostas dos touros? –Gosto. –E logo, ¿como non vas? –Por iso mesmo”. Eu felicito desde aquí ás asociacións que están a traballar para a supresión de tan bárbaro espectáculo, nomeadamente, as que denuncian que na Galiza teñamos que aturar a importación da barbarie, e fago votos para que a votación que hoxe mesmo, mércores ou cuarta feira, vai ter lugar no Parlamento catalán, resulte favorábel á eliminación das touradas nesa nación.
Para alén da tortura do animal e do perigo para o matador e acompañantes, xa resulta ben chamativo e sintomático que a máis rancia españolada ideolóxica e política faga súa a defensa incondicional da tauromaquia, como do fútbol ou da imposición da bandeira única. Todo casa co que se interpreta que debe ser a única nación, a única patria, o único idioma. Servidores do Estado que todos pagamos, como os policías que acosaron viandantes, en Compostela, no Día da Patria Galega, mofáronse das mesmas, burláronse da lingua galega e quixeron impedir o seu uso, ameazaron fisicamente transeúntes ou impediron que manifestantes portadores da bandeira galega pudesen acceder ao río da manifestación, funcionarios do Estado, digo, como os que menciono, están a reproducir este esquema ancestral e moderno ao mesmo tempo.
¿Vai ficar impune a súa actuación? ¿Temos que aturar, os galegos de hoxe, semellante alarde de prepotencia, violencia verbal e / ou física, vexación e ocupación de rúas, prazas e dereitos que son nosos? ¿Necesita a monarquía española defensores desta laia? ¿Consenten os representantes do goberno do Estado e do satélite da Xunta semellante proceder? ¿En que escola ou academia se forman elementos como os que se dedicaron a insultar e agredir nativos ou forasteiros no Día da Patria Galega?
Sería ben que a España política e, con ela, a sociolóxica, procedese a recambiar símbolos, actitudes e comportamentos tan rancios, reaccionarios e agresivos. Daquela, talvez nos pudésemos contemplar todos os seus cidadáns en espellos comúns. Entramentras, non pasaremos por menos de proclamar o noso dereito mínimo a non afiliármonos á barbarie, á violencia e á incivilidade.
Non se admite dó
Quero eu crer que Lois Rodríguez botoulle o peche a Vieiros na véspera do Día Nacional de Galicia para nos agasallar cunha mostra máis da súa lúcida e intelixente ironía, cun testamento descarnado: o da morte dun proxecto mediático que naceu galego, plural e moderno hai quince anos e que morre -ou se aletarga- galego, plural e moderno, afogado pola estrondosa xenreira dunhas institucións que desprezan o máis noso, o que nos distingue como pobo, e pola xeada indiferenza dunha sociedade que algúns percibimos cada día menos galega e menos plural. Escribiu estoutro día no GH Craig Patterson que na Universidade de Cardiff lembran sempre que a forza dunha nación reside no seu ensino. No seu ensino e no seu idioma, que é o seu ADN irrenunciable, engado eu. Facer periodismo en galego é un exercicio de amor a unha terra, a unhas xentes e a uns sinais de identidade. Durante quince anos, Lois Rodríguez e a súa tribo fixeron periodismo de calidade en galego e con moito amor, conxurados para seren o limpo espello dun país que, ai!, aínda non existe.
Se deixamos morrer a súa semente, estaremos a nos condenar a afundirnos pouco a pouco no pantano da mediocridade e do pensamento único. Eu sei que o espírito de Vieiros segue a aventar e a osixenar esta Galicia que, de tan "in" que nola queren pintar, corre o serio perigo de acabar transformada -Oh, My God!- nunha mala copia de si mesma, envelenada polo virus globalizador que nos uniforma e que gaña territorio cando deixamos agonizar historias tan fermosas como a que protagonizaron Lois Rodríguez e os seus bravos. Di na súa despedida o editor comprometido e galeguista que non se admite dó. Perfecto! Eu dígolle que seguimos no camiño, sen laios e decididos a non arriar as bandeiras do periodismo e da convivencia en liberdade, mentres lembro os versos de Miro Casabella: O meu país é verde e neboento / é saudoso e antergo, é unha xente e un chan / o meu país, labrego e mariñeiro / é un recuncho sen tempo, que durme nugallán. / O meu país nas noites de invernía / debuxa a súa agonía, nun vello e nun rapaz / o meu país de lenda e maruxías / agarda novos días, marchando de vagar.
Forza e honra, compañeiro, e regresa axiña!
Ciencia galega e ciencia en galego
Tanto o Conselleiro de Educación como Anxo Lorenzo téñennos dado sobradas mostras do que opinan sobre o galego. Unha das súas máis importantes aportacións é que o galego non vale para as materias científico-tecnolóxicas, e iso deben sabelo os nenos e nenas desde pequenos, aprendelo xa na escola. O galego vale para a poesía, para comunicarse cos aldeáns e nas feiras, para as festas folclóricas (ciencias sociais), e para describir a paisaxe e para falarlle ás vacas (ciencias da natureza). Pero non para a tecnoloxía ou a informática, cousas modernas, e moito menos para as chamadas ciencias duras como as matemáticas ou a física, que de toda a vida se desenvolveron e avanzaron grazas ao castelán e á histórica contribución do estado español ("Viva España!", como argumenta Manuel Fraga) ao coñecemento ("Que inventen otros", máxima do pensamento español).
O Secretario Xeral de Política Lingüística di que o das ciencias en castelán é unha cuestión de tradición. Non querería dicir de traizón? Porque disto último si que sabe. Non cabe dúbida de que se por algo pasa á historia -á historia negra do noso país- será por traidor e renegado.
Xa o dixo hai máis dun ano o presidente da Confederación Gallega de Asociacións de Padres de Alumnos de Colegios Privados (Congapa), José Ramón Hermida Iglesias, que reclamaba a utilización do "sentido común", porque materias como "Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego". Engadindo, para rematala que "no se puede retroceder". Querería dicir que hai que dalas en castelán? Ignorancia, prexuízos ou razóns puramente políticas de acoso e derrubo da nosa dignidade como pobo? Será este señor un dos ideólogos -xunto co "filólogo" Andrés Freire, creador do famoso informe das FAES sobre o galego- da política lingüística do goberno Feixóo?
Tal vez se refería -adiantado ao seu tempo- que había que impartilas directamente nalgún deses idiomas nos que se fan as "nomenclaturas internacionales". Isto xa é outro falar, e tería -ao meu entender- algo máis de sentido. Sacar o idioma estranxeiro do seu cinguimento na escola á aula de idioma estranxeiro e darlle un aquel cotián coido que é unha experiencia didáctica que merece a marxe da proba para ver os resultados. Claro que tamén aquí as luces que nos alumean desde a Consellaría de Educación interveñen para enfastiar a innovación. Para empezar, vaise dar a situación de que en Galiza non se pode impartir a Física e Química en galego pero si en inglés ou francés (e en portugués?). Iso si, o cidadán ceibe que é o alumnado pode logo responderlle ao profesorado ou contestar o exame en castelán. Imaxinamos unha aula de inglés na que o alumno ou alumna decide responder un exame en castelán tendo que facelo en inglés? E outra boa que anunciaron hai uns días: a Xunta vai contratar como lectores para o rural xubilados ingleses, pois os nativos (ingleses) novos queren aprender castelán ou galego (?), polo que preferirán ser destinados a ámbitos urbanos (será para aprender galego?), e aos xubilados ingleses, que xa pasan de aprender, poden ir ao rural, que aínda que algún aborixe de aquí lles fale algo en galego non pasa nada. Velaí unha mostra máis do seu "currículo oculto", velaí o que valoran a nosa lingua.
É verdade que a nosa lingua precisa aínda desenvolverse en eidos científicos e tecnolóxicos nos que a longa noite de pedra fixo que se descolgara. Pero tamén o castelán precisa inventar ou adaptar os neoloxismos que case nunca se crean nin en galego nin en castelán, nin en francés ou italiano, senón que actualmente se crean en inglés, gústenos ou non. O cal non desbota para nada o uso da nosa lingua para a ciencia. Para iso está a comunidade científica galega e as academias: para fixar a lingua. Neste sentido hai uns días a Real Academia Galega anunciaba que procurará no brasileiro unha terminoloxía axeitada para os neoloxismos vinculados a unha disciplina emerxente, a Ciencia do Solo. Como xa hai anos fixeron (fixemos) moitos outros científicos e profesores para poderen desenvolver a súa ciencia ou dar as súas aulas en galego.
Cando eu mesmo redactei a miña tese de doutoramento en Física dos Láseres hai quince anos tiven que acudir ao escaso vocabulario científico que existía en galego, ao portugués e á tradución asesorada de termos e expresións do inglés ao galego (non existía gran parte dese vocabulario tampouco en castelán). Fixen a defensa da miña tese en inglés, acadei a máxima cualificación, premio extraordinario de doutoramento, e non precisei para nada do castelán. A Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galiza (ENCIGA), con máis de 650 socios e unha das máis antigas do estado español e de Europa, ten promocionado de xeito exemplar o uso do galego nas ciencias, na súa ensinanza e divulgación, coa publicación de centos de artigos nos case 70 números publicados da súa revista e coa creación de materiais comunicados nos 22 congresos realizados. Un importante grupo de físicos e enxeñeiros galegos do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) de Xenebra, un dos laboratorios punteiros no mundo, presentaron á opinión pública un manifesto para defender o galego como idioma tan plenamente válido como calquera outro para a investigación científica (imaxino as dificultades e a vergonza que deberon pasar cando os seus colegas lles preguntaron como era posíbel que tiveran que facer ese manifesto!). E poderiamos seguir dando exemplos que parecen obvios para calquera que entenda a nosa lingua como unha lingua. Sen máis cualificativos. Importantes científicos das tres universidades galegas explican nunha campaña recente a normalidade que significa dirixirse ao alumnado en galego ou a vantaxe que lles supuxo para achegarse a idiomas semellantes como o portugués ou o francés. E o que desde logo está claro, que tan útil para comunicar a investigación é o castelán como o galego, pois isto faise fundamentalmente en inglés.
Se o Conselleiro o e Secretario Xeral souberan algo de física decataríanse de que son a máxima expresión do segundo principio da termodinámica: con eles, a entropía sempre aumenta, e a un ritmo tan forte que é difícil aminorar: son os reis do caos, viven nel e del se alimentan. Mentres a nosa lingua precisa dun consenso e dun equilibrio difíciles de construír e manter para avanzar de vagariño, calquera cousa que eles fagan só beneficia ao castelán e alimenta os bechos que están á espreita, agardando a súa débil presa para devorala.
O futuro que desexan ou ao que nos levan coas súas políticas xa está aquí: hai uns días nunha vila próxima a unha cidade galega un neno galego duns oito anos dicíalle á súa irmá referíndose a min: "¡mira, habla gallego!". Cando menos era quen de identificar esa lingua que tamén debería ser a súa. Por desgracia, en boa medida a actual Xunta segue a máxima de Don Frabizio, Príncipe de Salina, en "O Gatopardo": cambialo todo para que todo siga como está, pero con peor estima social da lingua, con maior desprezo. Acaso estaba a cumprirse o "impositivo" e "radical" decreto 124/2007, baseado no Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no 2004? Ou o anterior decreto 247/1995, tantos anos regulando o uso do galego no ensino? Calquera coñecía incumprimentos en centros públicos, xa non digamos nos privados. Dubido que houbera algún centro de ensino en todo o país que cumprira ao 100% o decreto.
Como dixo un famoso deportista galego no 2007, non hai que impoñer o galego, como mínimo o 50% en cada lingua. Vese que as matemáticas non eran o seu punto forte... Aprenderíanllas en galego?
O galego na escola
Por desgraza, após unha serie de tímidos logros, tócanos vivir -nós e sobre todo a xeración que representan os nosos fillos e as nosas fillas- un retroceso que anuncia o principio dunha nova época de escuridade -por non dicir escurantismo- en todo o referido á defensa da patria galega e dos seus sinais de identidade. E entre estes sinais destaca, por encima de calquera outra, a lingua que nos distingue e define como pobo. O papel fundamental que desempeña a lingua na cohesión nacional do pobo galego é a razón que motiva a virulenta política lingüicida deseñada para arrincar o galego como lingua normal do pobo, como paso previo para o obxectivo final que non é outro que a aniquilación da Galiza como nación.
E non é casual que o punto de partida deste xenocidio cultural sexa o ensino obrigatorio na forma do denominado 'Decretazo', procurando así reforzar a idea de que o galego é unha lingua de segunda categoría fronte ao español (e mesmo, ao inglés) no seu propio país e, sobre todo, interromper unha vez para todas a transmisión interxeracional do galego, ao garantir unha educación formal insuficiente e desequilibrada en galego, fomentando así a inseguridade lingüística xa existente fronte ao español, cada vez máis hexemónico como lingua de prestixio. Despois, só será unha cuestión de tempo para que a lingua se esnaquice definitiva e (case) irrecuperabelmente.
Fronte a esta ofensiva españolista sen paliativos, o primeiro deber de calquera nacionalista non pode ser outro que loitar para resistir e defender a lingua galega, sexa como for.
Como pai que eu tamén son, entendo a frustración que se sente ante as actuais perspectivas escolares, e loxicamente non vou ser eu quen critique calquera que procure garantir que a súa filla ou o seu fillo estea educad@ na lingua do país.
Por iso resulta difícil avaliar de xeito obxectivo iniciativas como Galiza co galego [http://limiargalego.blogspot.com/2009/04/pola-creacion-dunha-rede-popular-galega.html] que ten como obxectivo principal declarado: «acad[ar] recursos económicos para a creación dunha rede popular galega privada de ensino en galego, a todos os niveis». Porén, unha reflexión ao respecto revela que detrás desta iniciativa a priori loábel se agochan unha serie de implicacións sociopolíticas a longo prazo que resultan urxentes analizar para evitarnos cometer uns erros estratéxicos de calibre de cara ao futuro que poden traer importantes consecuencias negativas indesexábeis e indesexadas para a lingua galega.
A miúdo se apela a iniciativas populares similares, como son as escolas asociativas en lingua bretoa Diwan [http://www.diwanbreizh.org/]. Mais cumpre deixar claro que a situación é radicalmente diferente desde todos os puntos de vista ao se comparar coa galega.
Por unha banda, as escolas como Diwan -tamén hai sistemas similares por toda a Europa- representan o último reduto para manter un mínimo de novos falantes, nunha actitude de preservacionismo necesario para garantir a supervivencia dunha lingua seriamente ameazada e cuxa supervivencia fica lonxe de estar garantida[1]. Moi a pesar das reiteradas tentativas ao longo da historia por parte de españolismo, iso non é o caso do galego que segue a ser unha lingua na que se pode expresar sen dificultades a esmagadora maioría da poboación[2]. Nin existe no caso galego, contrariamente ao caso bretón, ningunha barreira comunicativa real que se puider invocar para impedir o seu uso normal como lingua vehicular dentro do sistema educativo habitual.
E pola outra banda, ao contrario do bretón e moitas outras linguas en situacións similares, existe unha (aínda que enormemente insuficiente) lexislación que ampara o uso do galego no ensino e non se pode trocar a reivindicación histórica que exixe o seu cumprimento integral así como a súa progresiva superación por un survivalismo derrotista por baterse en retirada para se refuxiar en reservas illadas, automarxinándose e excluíndose así de facto do resto da sociedade. Fronte á nova agresión non é a hora de baixar os brazos e deixar que os españolistas fagan o que queiran coa nosa lingua nos centros públicos, pagados por todas e todos nós.
Así, por moi meritoria que a iniciativa galega puider parecer á primeira vista, existe unha funda contradición na concepción mesma dunha rede privada que pretende ser 'popular': para unha minoría da xente xa conscienciada con cartos habería a posibilidade de escolarizar a súa prole en galego. E para o resto, só lle ficará aguantarse nun centro público cada vez máis desgaleguizado e desgaleguizador.
Mais non é só unha cuestión de diñeiro, senón do arrecantamento do galego. Cabe preguntarse até que punto resultaría positivo que a maioría da xente conscienciada e favorábel á normalización do galego marchase do sistema público para se refuxiar nun sistema privado pararalo, deixando o sistema público e universal en mans dos caprichos dos inimigos do galego.
Fronte á pretendida 'normalidade' que predica a rede entre os seus obxectivos: «Apoio a creación dunha asociación popular Galiza co Galego que axude as familias para facilitarlles os medios, as ferramentas, para que poidan desenvolver a súa vida con normalidade en galego», na realidade o proxecto supón todo o contrario, co risco real de se crearen guetos elitistas, á marxe do sistema habitual, onde o galego sería a lingua dos bechos raros con cartos, acurralado en illotes autoproteccionistas fronte á masificación do español como lingua ultra maioritaria e sen contestación dentro do maioría da sociedade. No fundo, trátase dun capitulacionismo a curto prazo ben intencionado ao nivel individual mais que, ao longo prazo, representa unha perda de moi difícil recuperación para o pobo no seu conxunto.
Como socialista que son, non podo defender un sistema de dúas velocidades segundo os recursos económicos de cada quen. E como nacionalista que son, tampouco podo asumir que para falar a nosa lingua con normalidade haxa que cortarse do resto do pobo.
Entendo que cansa moito ter que loitar día si e outro tamén para que as nosas fillas e os nosos fillos poidan vivir na lingua do país de xeito normal. Mais foi grazas ao esforzo de moita xente antes de nós, tanto pais e nais como profesores e profesoras, que se conseguiu chegar a unha situación onde o galego estivo -e segue a estar, aínda que en menor medida- presente no ensino público. É, pois, o noso deber, honrar a memoria destas persoas, moitas delas represaliadas no seu día pola defensa dos seus e dos nosos dereitos, seguíndomos adiante coa loita para garantir unha educación galega, universal e de calidade no canto de nos afincarmos no derrotismo da musealización anecdótica da lingua en centros especializados e marxinais.
Acúsasenos, as/os nacionalistas, de querermos 'patrimonializar' o galego, de o apropiarmos para nós mesmas/os. Nada máis lonxe da verdade. O verdadeiro nacionalismo sabe que o futuro da lingua será garantido só se segue a ser a lingua do pobo, iso é de todas e de todos.
Mesmo o Estatuto recoñece o dereito básico de saber e poder usar o galego. Non se trata dun privilexio que corresponde a quen o poida pagar ou quen teña a paciencia de o procurar fóra das canles habituais da sociedade. O galego é o legado inalienábel de todas e todos, teñan o non os seus pais diñeiro, vivan onde vivan e falan a lingua que falen na casa.
Non renunciemos a lingua galega! Ensino galego, público e de calidade!
Notas
[1] En 2007, 172.000 persoas dicían falar ben ou bastante ben o bretón, ou sexa 13% da poboación da Baixa Bretaña, zona historicamente de fala bretoa, das cales 81% teñen máis de 60 anos (Broudic, F. 2009. Parler breton au XXIe siècle. Le nouveau sondage de TMO-Régions, Emgleo Breiz)
[2] En 2003, 90,1% da poboación dicía falar ben ou moi ben o galego, e até 97,3% da poboación declaraba entendelo moi ben (Monteagudo, H. e Lorenzo, A. (dir.). 2005. A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), Consello da Cultura Galega)
'En Santiago na noite escrura'
En el titular de El País se lee "Un policía amenaza a una andaluza por usar el gallego". De lo que podría deducirse que la andaluza se puso a hablar gallego o ya lo iba hablando –sea con el policía o con otra persona– y entonces el policía se mosqueó y la amenazó. Pero es que no fue eso (y aunque lo hubiese sido). Resulta que la andaluza estaba en Santiago de Compostela, en el parque de la Alameda, y, como quería ir a la plaza Pescadería Vella, preguntó a una señora el mejor camino para llegar. Hizo la pregunta en español pero se le ocurrió decir el nombre original y oficial de la plaza y no su traducción a la lengua de David Bisbal. Ahí surgió el problema.
Resulta también que la andaluza en cuestión es periodista y trabaja en El País, de modo que el diario ha podido ofrecer información de primera mano. En relación a lo de preguntar el camino para ir a la plaza Pescadería Vella detalla: "Lo hizo al lado de un grupo de independentistas que se concentraban pacíficamente, rodeados por decenas de agentes de la Policía Nacional. Un antidisturbios la agarró del brazo: "Aquí no hay nada que se llame Pescadería Vella, se llama Pescadería Vieja. Tú, que eres de fuera, deberías saberlo", le reprendió. Acto seguido le espetó: "Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias"".
¿Por qué la bronca y la amenaza de hostias? Pues simplemente por decir el nombre de una plaza. Simplemente por atreverse a preguntar por la Pescadería Vella y no por la Pescadería Vieja. Supongo que el hecho de darse cuenta de que era andaluza –"tú, que eres de fuera..."– hizo que la sangre del policía entrase en ebullición y le subiese disparada hacia el digamos cerebro. ¿Habrase visto tamaño atrevimiento? ¡Una "de fuera" diciendo en gallego el nombre de una plaza! ¿Y cómo supo el policía que era "de fuera"? Supongo que por el acento, y porque preguntó por la forma de llegar a un lugar que para los compostelanos es archiconocido. Todo eso sucedió justo el día en que, en el mismo Santiago, en la catedral, el rey Juan Carlos I se encomendaba al apóstol, respaldaba la Constitución, volvía a pedir la "solidaridad" autonómica y la unidad de esa "gran familia" que –según él– es España. Todo muy bonito y muy entrañable, pero me gustaría saber en qué punto exacto del alegato real encaja la actitud del policía –nacional– hacia la periodista en particular y la sociedad en general. ¿En el respaldo a la Constitución? ¿En la "solidaridad" autonómica? ¿En la unidad de la "gran familia" española?
Ese policía no estaba en activo cuando el andaluz Federico García Lorca escribió, en gallego, sus Seis poemas galegos. De haberlo estado, le hubiese reprendido por escribirlos –él, que era "de fuera"– y, acto seguido, le hubiese ordenado salir corriendo, no fuese que le diese unas hostias. Pero tanto da que entonces él no estuviese. Después pasó lo que pasó.
Luís Villares: “É ilegal o decreto do plurilingüismo”
En Galicia Hoxe está recollido:
"O Decreto contradí materialmente a Lei de Normalización Lingüística e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias porque non se fomenta, non se prima o galego como lingua minorizada. O tratamento que se lle dispensa é formalmente o mesmo que ao castelán ignorando a diferente situación de partida de ambas as linguas. Ao ser un tratamento formalmente igual xera un tratamento materialmente desigual, e por tanto discriminatorio, prohibido pola Constitución. O Decreto contradí así a xerarquía normativa ao non constituír o desenvolvemento dunha lei de normalización e ademais xera un tratamento discriminatorio proscrito constitucionalmente. Por esta razón o texto é ilegal". O maxistrado Luís Villares condensa así as conclusións da súa análise no libro Estutos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo.
Este xuíz xa advertira disto ao asinar, en xaneiro, un documento no que 60 xuristas do país denunciaron os "indicios claros de ilegalidade" do daquela borrador do Decreto. Agora, Laiovento reúne neste libro sete artigos nos que outros tantos expertos, Villares entre eles, afondan na explicación das bases xurídicas para que o Decreto sexa declarado ilegal.
"O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia debería anular o Decreto", opinou o catedrático de Dereito Administrativo Carlos Amoedo no acto de presentación desta obra no Festigal. Amoedo asina neste volume un texto sobre a concepción xurídica da lingua galega como parte do patrimonio colectivo. Un enfoque que permite "superar a visión individualista na que o PP quere meter o debate da lingua", segundo sinalou. Xunto a este texto, poden atoparse no libro un artigo no que Xesús Costas e Blanca Roura repasan a historia da lexislación educativa en relación co galego e subliñan o dano feito ao consenso favorábel ao galego "coa resurreción e potenciación dos prexuízos do franquismo lingüístico".
O avogado Xosé Manuel Fernández asina, pola súa banda, un texto no que denuncia o xeito no que o Decreto "descoñece os propios dereitos do profesorado". E o tamén letrado Héctor López debullas as razóns da falta de cimento legal da controvertida consulta aos pais. "Resulta xurídicamente inexplicábel que non se retirase tamén do texto final do Decreto a regulación sobre a consulta de educación infantil", sinala. A anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de tramitar no Parlamento unha lei para dar "amparo legal" á consulta, engade, "podería ser igualmente inconstitucional, por invadir un ámbito reservado á lei orgánica".
MOTIVOS
Tratar igual os desiguais
Incumprir o Decreto aprobado polo Goberno do PP é acatar "a Constitución, a doutrina do Tribunal Constitucional, o Estatuto de Autonomía a Lei de Normalización Lingüística, a Lei Orgánica de Educación e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias", lembrou Villares.
O xuíz recalcou que o novo Decreto confunde liberdade e igualdade como fin e como medio. Porque, explicou, a Constitución obriga os poderes públicos a promover as condicións para que a igualdade sexa real, e non só teoría. E dado que o castelán e o galego non se atopan, de partida, nunha situación de igualdade, como demostran os datos, "tratalas de xeito igual", reservando a cada unha un máximo dun 50% das materias, como fai o Decreto, "é un acto de desigualdade". Para corrixir a situación de desequilibrio herdada historicamente, sinala o maxistrado no libro, o TC avalou a aplicación da doutrina da discriminación positiva, en sentenzas como a 337/1994 -referida ó catalán, que declara a constitucionalidade de que esta lingua sexa vehículo de comunicación no ensino-.
Ademais, engade, non hai unha verdadeira liberdade de escoller se hai persoas que descoñecen ou manteñen prexuízos cara ó galego. Por iso, e xa que os informes da RAG constatan a perda de falantes e de competencia lingüística, substituír o Decreto do bipartito, que establecía que polo menos a metade das materias debían impartirse en galego, por outro que reduce a presenza do galego ó máximo do 50%, podendo quedar en menos coa introdución do inglés, supón consagrar a discriminación do galego.
DATOS
O incumprimento da Carta Europea
A profesora de Dereito Administrativo Alba Nogueira explica no texto que asina no libro que o decreto é "ilegal" por incumprir a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, norma de rango superior ó Decreto no ordenamento xurídico. Porque o Estado español ratificou o nivel máximo de compromiso co galego en todos os ámbitos educativos, agás o universitario. Isto significa que o Estado se comprometeu a establecer liñas de ensino en galego en todo o ensino non universitario, e non só galego nalgunhas materias. Isto é, ou inmersión en galego, ou unha liña de ensino esencialmente en galego, nunha porcentaxe suficiente para garantir a plena competencia. Así o aclarou un informe do Comité de Expertos que revisou o cumprimento da Carta.
A regresión respecto ó 2007
A maxistrada Dalila Dopazo céntrase no seu artigo na quebra que o Decreto supón do principio de progresividade, recoñecido -lembra-, no Estatuto, a LNL e o Plan xeral de Normalización Lingüística. Ademais, o TC avalouno. Pero o actual Decreto vulnérao, porque rebaixa a presenza do galego nas aulas con respecto ó do Bipartito (do 2007), -que a súa vez a aumentaba con respecto ó decreto do 1995-. Ademais, elimina a previsión do texto do 2007 de que nos contornos castelanfalantes en infantil o uso do galego fose como mínimo igual ó do castelán, prexudica a aprendizaxe do galego ao permitir que os alumnos se expresen oralmente e por escrito na lingua que prefiran, e introduce a consulta ós pais en infantil.
27/07/2010
A mosca Paul
Vivencias e convivencias de Noriega Varela en Portugal
Da mao de Antón Vilar Ponte entrou Antonio Noriega Varela (1869-1947) en contacto coa literatura portuguesa. Camões, Bocage, Herculano, Antero, Guerra Junqueiro e outros, forman parte da lectura que a principios do século XX, Noriega xa tiña un vencello coa retrospectiva mais dinámica da literatura portuguesa. A lírica de Camões como os sonetos de Antero confluíron en varias temáticas do poeta brañego.
Mais a achega mais importante de Noriega Varela cos escritores portugueses parte cando vai de escolante para Trasalba e conecta con Ramón Otero Pedrayo, que o introduce no grupo dos intelectuais ourensáns. Foi Vicente Risco o que fixo o contacto con Teixeira de Pascoaes en 1921, enviándolle a Noriega o poemario: Sombras, a través de Risco. Noriega respondeulle co envío de Do Ermo, de recente publicación. Deste contacto xorde unha longa amizade e unha fondal admiración, un intercambio de loanzas recollidas nun longo epistolario. Logo Noriega aparece no pazo de Pascoaes en varias ocasións acompañado da súa filla Candidiña, que lle recita poemas do seu país a Pascoaes.
Contoume hai anos Maria Zé, máis coñecida por Zecinha, sobriña de Teixeira de Pascoaes, que seu tío gustaba de recitarlle seus poemas a Noriega, en certa ocasión o galego ficou adormecido e suspendeu o recital cun profundo ronquido que sorprendeu a Pascoaes. Noriega pediulle perdón deste xeito: “Desculpe meu caro poeta, por esta tamanha irreverência e grave pecado cometido, que não há suficientes padres en Portugal para me perdoar”. Zecinha faloume de dúas admiracións que tiña Noriega, polo seu tío e polo viño verde.
A presenza de Noriega no pazo de Pascoes, continúa presente nesa gran sala, cunha fotografía individual e outra coa súa filla e a familia do poeta amarantino e, tamén, na fonte dos golfiños, nos xardíns do pazo, hai unha placa que lembra as visitas de Noriega a seu admirado poeta Teixeira de Pascoaes. Esa sensíbel relación con Pascoaes vai repercutir moi pronto no poemario Do Ermo, en ter un abastecido espallamento no norte de Portugal. Moitos dos seus lectores portugueses o denominan como o sucesor de Rosalía. Amplíanse os contactos e as admiracións por Noriega de parte de Raúl Brandão, Leonardo Coimbra e co nutrido grupo de intelectuais do Porto. Pronto formará parte do Instituto Histórico do Minho e da Academia de Sciências de Lisboa. Son os portugueses os que recoñecen a Noriega Varela moito antes que as institucións galegas.
Teixeira de Pascoaes foi o hospitaleiro de Noriega e mentor de que o libro Do Ermo tivese espallamento en Portugal. O recoñecemento foi moi puntual e expansivo de que un poeta galego, por primeira vez, en vida, entrase pola porta grande das letras portuguesas.l
Idioma galego nun centro comercial
Visito a superficie comercial dunha corporación multinacional de orixe sueca recentemente instalada na cidade da Coruña e comprobo, con grave sorpresa, que o idioma galego -idioma propio e oficial de Galicia- non ten presenza ningunha tanto na rotulación comercial como na sinaléptica referencial ou informativa. ¿Cabe semellante desprezo ao idioma galego nun espazo comercial do século XXI? En Suecia, dende o ano 2009, existe a "Språklag" ou Lei Lingüística, destinada a preservar o status do idioma sueco e, ao mesmo tempo, a protexer idiomas minoritarios como o finlandés, o sami ou o meänkieli, entre outros, amosando así o Estado sueco unha extraordinaria sensibilidade con todos os idiomas falados no seu territorio. Na actualidade falan sueco pouco máis de 8 millóns de persoas e a literatura sueca, como é ben sabido, comezou a ser tal a partir do século XVI; e sempre se cita aí a tradución ao sueco da Biblia no ano 1541, que serviu para normalizar a lingua e a ortografía suecas. E despois, digámolo así, chegou August Strinberg, que tanto influíu en Kafka, O"Neil, Sean O"Casey ou Lars von Trier, sen nos esquecer dun cineasta como Ingmar Bergman. Mais vaiamos ao tema central deste artigo. Independentemente de que no espazo coruñés da multinacional sueca todos os libros expostos nos mobles de libraría -numerosos e variados- estean en lingua sueca, non é de recibo, nin é intelixente no plano comercial, que o idioma que vai de Martín Codax a Avilés de Taramancos ou Carlos Casares non conte sequera nese mesmo espazo coa debida presenza en tipo e corpo de letra adecuado para informar ao público visitante e consumidor. No País Vasco, por exemplo, a empresa sueca imprimiu en euskera o ano pasado máis de 50.000 exemplares do seu catálogo de temporada, e tanto nas loxas comerciais de Bilbao e de Barcelona pódese ler, mesmo na sinaléptica externa, "Altzariak eta dekorazioa", e en Barcelona, concretamente en Badalona, "Garantia de qualitat per al dia a dia". Mais nós ben que estamos acostumados ao desprezo.
A asistente virtual de Ikea fala catalán e éuscaro pero non galego
A multinacional sueca Ikea, que abriu hai unha semana a súa primeira tenda da comunidade na Coruña, aínda non dá ao galego o mesmo trato que aos outros dous idiomas cooficias do Estado. A lingua propia de Galicia non ten presenza nos carteis da tenda e tampouco se pode elixir na páxina web para acceder á axuda da asistente virtual, que en cambio si conversa en catalán e éuscaro.
A apertura da compañía líder en ventas de mobles e decoración no mundo espertou un gran interese en Galicia. Dende a semana pasada Ikea abriu un micro espazo na súa web dedicado á tenda da Coruña, que se publica íntegra e exclusivamente en galego. Pero este é, polo momento, o único uso escrito que a empresa fai do galego.
Os usuarios cataláns e vascos poden interactuar a través de internet coa asistente virtual de Ikea nos seus respectivos idiomas, unha opción que aínda non está dispoñible para os galegos. Na páxina web española da compañía, Anna –como se chama esta axudante dixital– entende e responde a comentarios e preguntas feitos en castelán, inglés, catalán e éuscaro.
Outra diferenza clara está no propio letreiro do establecemento e nos carteis dos produtos. No caso da superficie comercial situada en Galicia, o castelán é a única lingua que se visualiza. Moi distinto é en Euskadi, onde a frase “mobles e decoración” que acompaña o grande letreiro de Ikea de Barakaldo está escrita en éuscaro. Tamén nas tendas de Cataluña –en Badalona e L´Hospitalet– se utiliza o catalán, en distintos tipos de carteis, incluida a información sobre os autobuses.
O director do Ikea da Coruña, Daniel Rivero, asegurou nunha entrevista a Xornal que a tenda tratará de atender a todos os galegofalantes na súa lingua, tanto na atención telefónica coma no trato directo. “Se o noso persoal que fala galego, por casualidade, non estivese presente nese momento na tenda, tomaráselle o número de teléfono ao cliente para chamalo coa maior brevidade e atendelo no seu idioma”, aseguraba Rivero. “Estes servizos son a nosa responsabilidades”, sinalou.
Para iso, a compañía ten intención de facilitar clases de galego dentro do propio lugar de traballo. O director mesmo, de orixe uruguaia e sueca ten previsto aprender o idioma.
Os coñecementos de galego non tiñan valoración dentro do proceso de selección do persoal da tenda da Coruña. Con todo, o 90% dos 400 elixidos para traballar no novo establecemento xa residían dentro da propia provincia.
26/07/2010
Comunicado de ProLingua ante o peche de Vieiros
Queremos tamén enviar unha forte aperta de alento a Lois Rodríguez, o seu editor, e, na persoa de Ramón Vilar, a todos os directores e directoras que contribuíron a manter Vieiros en funcionamento nestes máis de 15 anos e facer del unha ferramenta de creatividade e un lugar de encontro de todos os galegos e galegas espallados polo mundo adiante.
Tamén queremos convidar a esa maioría da sociedade galega que non desexa a destrución e desaparición da nosa identidade nacional, a reflexionar sobre a necesidade de termos uns medios de comunicación social propios, libres e democráticos, que defendan a nosa Nación e o seu ser diferenciado. Mais tamén temos que pensar que isto non vai ser posible sen a participación directa e comprometida de todas e todos nós. Os nosos laios non poden ficar niso, en ladaíñas recitadas de cando en vez, senón no ofrecemento sincero e real do esforzo persoal de cada un de nós.
No Día Nacional de Galicia de 2010
Galicia, un estado de desánimo
Foi Jorge Valdano quen acuñou que "o fútbol é un estado de ánimo". Unha oración afortunada para expresar que o fútbol é un deporte cuxo resultado depende da combinación de dous factores, a enerxía e a tensión. Cando os futbolistas combinan na lameira as máis altas doses de enerxía (atención, afouteza, coraxe, forza…) cos niveis máis baixos de tensión e nerviosismo (estados de acougo, tranquilidade e confianza) obterían os mellores resultados, xa que con esta combinación cometerían un menor número de erros non forzados e, ao mesmo tempo, utilizarían as estratexias de maior creatividade.
Ese estado de ánimo, caracterizado por idénticas doses de enerxía e de acougo, foi o que permitíu ao equipo do noso admirado Vicente del Bosque desenvolver un xogo bonito e eficaz que o colocou na cimeira mundial. Mil millóns de espectadores comprobaron como na final aos xogadores laranxas faltáronlles doses de acougo, excedéndose na cantidade de enerxía utilizada, até acadar niveis antideportivos. Pola contra, o éxito dos pupilos de don Vicente foi construído durante esas dúas horas nas que nunca perderon o acougo, agardando o alustro decisivo aproveitado por Iniesta. O estourido de ledicia que supuxo este gol tivo un carácter finito, a pesar de que fose capaz de contaxiar entusiasmo a milleiros de persoas implicadas emocionalmente cos gañadores, fose por razóns atribuíbles a sentimentos de pertenza ou pola posibilidade de participar nun acontecemento colectivo considerado como memorable.
Fronte a este "estado de ánimo" existe o "estado de desánimo", un estado emocional caracterizado por un acusado desequilibrio entre os niveis máis baixos de enerxía e as doses máis elevadas de nerviosismo. Foi o que viviu o equipo neerlandés tras encaixar o tanto de Iniesta. Aquel conxunto que até a segunda parte da prórroga repartira leña a esgalla e creara moito perigo, quedou de súpeto inane, incapaz de reaccionar, sometido aos efectos paralizantes dun estado de desánimo que xa non tivo oportunidade de abandonar no que restaba de tempo de xogo. Este modelo interpretativo dos estados emocionais transitorios, xerado pola psicoloxía clínica, tamén é útil para tomar a temperatura do propio país.
Galicia é un estado de ánimo ou de desánimo? Magoadamente, creo que no caso noso este diagnóstico intuitivo non ofrece moitas dúbidas: son maioría abrumadora os indicadores que provocan hoxe na cidadanía un profundo desasosego. É un feito irrebatible que a crise económica do capitalismo deita os seus efectos demoledores sobre os máis humildes incrementando as cifras do desemprego en Galicia até máis do 15% da poboación activa, ameazando as conquistas sociais acadadas na sanidade, educación, xubilación e dependencia. Como tamén expresan un devalo colectivo as cifras demográficas nas que non se albisca posibilidade de repunte a curto prazo e a sangría da emigración da xeración de mozos e mozas mellor formados da nosa historia aos que non soubemos ofrecerlle a posibilidade de construír as súas vidas no propio país. Alarmas que, coa honrosa excepción da fusión da chamada Caixa Breogán, contrastan coa paralización sine die das reformas imprescindibles que o país precisa na súa organización territorial ou na modernización e innovación dos seus sectores básicos. O balance é desolador: Galicia vive sumida nun estado de desánimo profundo, un estado transitorio que debemos evitar se transforme nunha doenza crónica.
Boa parte deste estado de desánimo ten as súas raíces no fracaso do modelo de desenvolvemento utilizado polos diversos gobernos (conservadores case sempre) en tres décadas de autonomía. Fracaso incrementado polo Goberno actual que no seu primeiro ano foi incapaz de liderar unha estratexia propia que fixese fronte aos efectos da crise económica en Galicia, ocupándose, sobre todo, das tarefas deconstrutivas das trabes consensuadas durante tres décadas sobre o estatus da lingua galega e de renunciar ao desenvolvemento do noso lexítimo autogoberno. Mais tamén a oposición ten a súa cota de responsabilidade na xestación deste desánimo, xa que, máis alá de apoiar de forma exemplar a defensa dos consensos acadados arredor do idioma, non foi quen aínda de presentar á sociedade un proxecto alternativo capaz de sacar ao país do recanto da historia onde sempre semella ficar paralizado.
Á altura deste 25 de xullo, Galicia precisa unha inxección de entusiasmo e autoestima. Galicia precisa de doses elevadas de enerxía e tensión (traducidas politicamente en "autogoberno e consensos") que permitan recuperar un estado de ánimo á altura das nacións do seu entorno que, como demostrou Cataluña recentemente, non se resignan a que outros decidan por elas. Eis un desafío para mudar o noso estado emocional.
O galego é un obstáculo para o sentido práctico
A Mesa tivo que ir esta semana a unha notaría para formalizar uns trámites. A cuestión implicaba un documento que tiña que emitir o propio notario. As persoas da Mesa que están a encargarse dese asunto acudiron á notaría na que habitualmente esta entidade fai ese tipo de trámites. Entre outros motivos, porque nunca houbo problema nese establecemento para facer a documentación en galego. Termos que facer esta afirmación iso xa é triste, claro. Mais neste país hai quen pode recibir todos os servizos na súa lingua e quen non.
Mais neste caso, a anécdota vai máis aló. Ante a posibilidade de que a documentación teña que chegar nalgún momento a Madrid (non existe certeza de que isto vaia ter que ser así, e de ser, pasaría máis de dous anos), o persoal da notaría dá por feito que o documento se fará en castelán. É dicir, ante a mínima aproximación da posibilidade de que o documento saia de Galiza, suxírese que evitemos problemas e pasemos a usar o castelán, a lingua que todo o universo comprende e que resolve as incógnitas da humanidade. O sentido práctico non é unha das virtudes do galegofalante militante, polo que se ve. Falo de persoas empeñadas en usar unha lingua inútil, desexosas de aproveitar calquera ocasión para facer uso dunha lingua destinada a desaparecer, molestando a todo traballador cheo de boas intencións e sentido común. Son ganas de querer pagar por un lado o documento en galego e polo outro a súa tradución ao galego, para que? Realmente son ganas de complicarse a vida e complicárllela aos demais.
Ante a insistencia, o empregado, supoño que vendo atacada a súa tentativa de colaboración desinteresada (penso que tentaba aforrar á Mesa o gasto de traducir para castelán o documento, no caso de que for preciso), ponse á defensiva e mesmo hai unha pequena tentación de adiar a entrega do texto no caso de que realmente A Mesa estea segura de vez de que o quere en galego.
Finalmente, podemos quedar tranquilos, o asunto resolveuse. Non sen antes incluír nunha escena unha dose de tensión, outra de dúbida, outra de renuncia. Está claro que, de renunciarmos á nosa lingua, a escena sería ben diferente, un trámite habitual.
As linguas no Senado
Noutro alarde de sentido práctico, o Partido Popular e UPN votaron en contra da presenza no Senado de galego, catalán e vasco. A senadora popular Rosa Vindel fala do obstáculo comunicativo que implica o uso de varios idiomas no Senado nos seguintes termos, que non traduzo para respectar a súa liberdade lingüística: "No sé si a partir de ahora nos llamarán la cámara subtitulada, o la versión cañí del Parlamento Europeo, pero esta es una Cámara en la que todos nos entendemos en el mismo idioma y la opinión pública no sale de su asombro, de su perplejidad y de su indignación". A señora Vindel tamén considera un agravio comparativo que só se utilicen os "pinganillos" no Senado, mentres que os ministros e o Presidente do Goberno non terán que pasar por esa "humillación".
É pouco útil, pois, termos tantas linguas. É humillante que un senador poida elixir, entre as linguas oficiais, a que utiliza na Cámara Baixa. É humillante para os sensíbeis ouvidos de algúns senadores, que non queren obstáculos para o exercicio do seu labor parlamentar tan excesivos como un auricular.
É dicir, a liberdade de algúns senadores vale máis que a de outros, segundo esta tese. Igual que a liberdade das persoas que escollen que os seus documentos estean redixidos en galego, unha vez máis só por molestar.
Alúdese tamén na crítica da dereita ao argumento económico, pois a incorporación de intérpretes representará un importante gasto. A cuestión é que en Galiza estamos aínda tentando reaccionar ante o escándalo de que a Xunta vaia gastar un millón de euros nunha campaña publicitaria sobre o decreto do galego no ensino (cinco millóns se falamos do que leva gastado o goberno de Feixóo en total en contra do galego).
En todos estes argumentos está de fondo a dubidosa relación entre as linguas e o sentido práctico. Por unha banda, o símbolo da Torre de Babel percíbese socialmente como positivo, pois representa a diversidade lingüística e cultural, mais hai quen pretende convertelo xusto no contrario: as linguas son utilizadas e non serven para entenderse, senón para crear desunión e para crear complicacións innecesarias.
Entender unha lingua só como un instrumento práctico é un insulto á intelixencia, sobre todo de quen escoita o argumento, pois quen o esgrime non entendería que fagamos do inglés ou do chinés a única lingua oficial universal, por comodidade. Entón será que as linguas non son só iso, instrumentos comunicativos que nos simplifican a vida. Será que tamén teñen connotacións e significados culturais, que nos identifican e cohesionan como pobo.
Da patria e da bandeira (Pérez Lema)
O patriotismo non había ser cousa de modas. O patriotismo agroma natural nas colectividades que sinten partillar un proxecto de futuro. O que non prexudica sermos universalistas e solidarios. Pensar globalmente. Sermos cosmopolitas (nada a ver co cosmopailanismo que algún profesan). O patriotismo é complementario do europeísmo e compatíbel totalmente con partillar historia, futuro, obxectivos e afectos co resto dos pobos e nacións do Estado español. Vivirmos a patria é o noso xeito de actuar localmente, como seres humanos universais.
Somos un país moi autorestrinxido na expresión dos nosos sentimentos nacionais. Son, sen dúbida, longas eras de autonegación e desprezo polo propio. Mais agora somos un país moderno, europeo, cun alto grao de incorporación ao ensino, cun proceso de urbanización moi consolidado. Non hai, xa, desculpas. O normal é que expresemos a nosa galeguidade, se é que estamos satisfeitos dela ou sentimos orgullo de pertencermos a este país.
E, nos países máis desenvolvidos da Europa e do mundo, as primeiras expresións da nacionalidade son a bandeira e o himno nacional. Nos USA o uso da bandeira nacional é continuo (e tamén na California e en Texas o uso de cadansúa propia), o mesmo ca en Francia. En Múnic ves bandeiras da Bavaria en todas as súas rúas céntricas. E en Edinburgh ou St. Andrews a bandeira escocesa é omnipresente.
A nosa bandeira é coñecida e non xera resentimento ningún. E, porén, usase pouco. Restrínxese ao mundo político, cultural e sindical do nacionalismo, ao seu frío uso institucional e ao seu uso máis cívico nalgunhas bisbarras do Norte (a branca e azul é moito máis normal a pé de rúa en Ferrolterra ou Ortegal ca no resto do País). De quén ou qué nos agochamos? De qué temos medo?
Velaí que iniciativas coma a de Santiago Domínguez, vice-alcalde de Vigo, ao lle distribuir aos cidadáns e entidades cívicas 5.000 bandeiras na cidade máis poboada da nosa Galicia no Día da Patria, sexan dignas a se ter en conta polo resto dos alcaldes e alcaldesas. Os nosos paseos, peiraos, os mastros nos terreos onde se asentan as vivendas unifamiliares… son todos espazos aptos para exteriorizar o noso orgullo e a nosa galeguidade amosando a nosa bandeira.
E, coa azul e branca na casa, no escritorio ou cara ao fútbol, seremos iguais ou mellores persoas, iguais ou mellores profesionais, iguais ou mellores homes e mulleres fillos do noso tempo e cidadáns do mundo.
Probábelmente mellores. Porque só coñecendo e valorando o que é de noso somos –seremos– quen de lle achegar ao mundo, á ciencia, técnica e cultura universal un contributo digno, unha achega verdadeiramente cualitativa.
Perdemos galego
Eu agora lémbrome destas palabras do bo de Francisco Castro: “Temos a pura e bendita impresión de que, cando menos no Reino do Virtual, no País Galego Electrónico, as cousas son normais”. Iso pensaba eu, pero recibimos outra hostia de realidade. Se ninguén o remedia, o galego que vai subsistir é o subvencionado polo poder político, o de La Voz de Galicia, un galego robotizado, desvirtuado, violentado e aldraxado por un sistema de tradución automática que converte á nosa lingua en obxecto de sodomización política e xornalística. Subvencións millonarias para un galego que non é galego, senón unha parodia da nosa lingua. E desprezo político, empresarial, e, por que non dicilo, tamén civil, aos medios que si traballan pola normalización do noso idioma.
Semella que o galego non é rendíbel política, económica e socialmente. Vieiros e Chuza! non son as primeiras nin serán as últimas canles dixitais a prol do galego en desaparecer. Xa asistimos á defunción de Gznación e todo parece indicar que o diario nacionalista A Nosa Terra podería ser a próxima vítima da recesión galeguista no sistema de medios de comunicación do noso país. Perdemos información en galego no metamedio e restamos viralidade á nosa lingua.
Desde o poder político e económico só interesa apoiar a medios tradicionais e castelanófilos que manteñan o statu quo mediático galego. Un sistema anquilosado, arcaico e conservador. Un sistema incluso xenófobo, onde calquera intento de vertebrar unha canle forte e sólida monolingüe en galego e galeguista é marxinado ou ignorado.
Subscribo aqueloutras palabras do meu respectado Francisco Castro: “Ás veces penso o bo que sería (utopía, utopía, utopía) que os xornais escritos, que as teles, que as radios, que os medios de comunicación que adoitamos cualificar como tradicionais lle concederan á nosa lingua, á nosa cultura, aos nosos creadores, a metade dá visibilidade que na blogosfera conseguimos ter”.
É o que nos queda, os blogues, é dicir, a resposta civil. Para todo o demais xa temos o castelán, ou iso queren algúns.
Pola suspensión do decretazo
Fundamentos xurídicos e mobilización social
Esta fin de semana de celebración do Día da Patria Galega escoitamos algunhas das periódicas declaracións de galeguismo de Alberto Núñez Feijóo. É o habitual. Conforme se aproxima algunha efeméride da cultura galega, non para de citar a Castelao (ás veces, mesmo sen traducilo!) e de proclamar o seu amor apaixonado de galleguista. Canto cinismo, verdade? Mellor nos iría a todas e todos se o presidente da Xunta, en troca de realizar tantas declaracións de amor, comezase a facer o seu traballo de defender a lingua e a cultura do país.
Mais esta fin de semana, ademais da multitudinaria manifestación por Compostela, tivo dúas noticias que afearon un pouco a súa hipócrita propaganda. En primeiro lugar, o anuncio oficial da Real Academia Galega de interpor un recurso nos tribunais para defender a nosa lingua. É un fito histórico e como tal debe ser considerado e recoñecido. Por vez primeira, a Academia decide chegar mesmo á vía xudicial, sabedora de que estamos nunha encrucillada na que nos xogamos o futuro do noso idioma e todo o que este implica.
Ademais, o presidente da Xunta encontrouse con que A Mesa pola Normalización Lingüística non só presentou, como anunciara, un recurso para parar o decretazo. Ademais, esta organización solicitoulle á sala do contencioso-administrativo que declare a suspensión desta norma imposta de forma unilateral. A asociación en defensa da lingua galega pide así que se adopten medidas urxentes antes de que o Tribunal dite sentenza, a cal podería demorar arredor de dous anos.
O golpe aínda é máis duro por como está fundamentada esta petición de medida cautelar. A Mesa achegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza varios informes ou ditames elaborados ex profeso polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago. Neles, advírtese de que a aplicación deste decretazo podería causar un “dano irreparábel ou de moi difícil reparación” na formación do alumnado. Así, os departamentos de Filoloxía Galega e os servizos de normalización das tres universidades lembran nos seus respectivos relatorios que, con esta norma, se dificulta gravemente que os estudantes poidan adquirir as competencias comunicativas en galego:
“(...)a aplicación do decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, causaría un dano irreparable entre o estudantado dos niveis non universitarios (ao impedir o funcionamento do sistema educativo como equilibrador das importantes diferenzas de competencia lingüística en galego na sociedade) e conduciría, irreversiblemente, a un modelo en que se reducirían as xa deficientes competencias en lingua galega no ensino universitario, un feito especialmente preocupante se quixermos acrecentar ao dereito que ampara a diversidade lingüística e cultural (a través, entre outra normativa, da Carta europea das lingua rexionais ou minoritarias) un importante atractivo de orixinalidade e de proxección da cosmovisión particular deste espazo e desta sociedade en que nos inserimos (...)”
Polo seu interese e utilidade para ampliarmos a crítica xurídica contra o decretazo, reproduzo unha parte do recurso, elaborado polo recoñecido avogado Guillermo Garrido, quen xa noutras ocasións foi decisivo para gañar varias batallas xudiciais para o noso idioma:
A suspensión que se solicita, ao noso xuízo, goza da aparencia de bo dereito, e, ao efecto, convén salientar que, sen prexulgar o fondo do asunto, pódese afirmar que, mediante o estudo provisorio da normativa aplicábel, se pode concluír que, a sentenza que se dite no seu día, con total probabilidade, recoñecerá a bondade da reclamación de declaración de contrario a dereito do Decreto recorrido.
Ao respecto, coa finalidade de fundamentar indiciariamente o máis que probábel pronunciamento favorábel a esta parte, facemos nosa a argumentación contida no Informe do Consello Consultivo sobre o Decreto 79/2010, que salienta diversos aspectos que poñen de manifesto a violación tanto de preceptos constitucionais como de lexislación ordinaria que aprecia concorren no texto aprobado que, inevitabelmente, haberá de producir un pronunciamento sobre do fondo que obrigará a súa revisión ou total derrogación.
Para a tramitación desta peza separada, parécenos que, aos efectos da apreciación do fumus bonis iuris, a conclusión única do informe do Consello Consultivo, é determinante: “(…) que o proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta (…)”.
Na cuarta das aludidas consideracións, referida á educación infantil, ponse de manifesto a existencia de infraccións de preceptos constitucionais que afectan aos artigos 9, sobre da seguridade xurídica, 10.1, a respecto da dignidade da persoa e os dereitos inviolábeis que lle son inherentes; o 27 sobre a obriga do lexislador a respecto da programación xeral no ensino, así como legais referidos á Lei orgánica de educación (LO 2/2006, do 3 de maio), Lei de normalización lingüística (Lei 3/83, do 15 de xuño), e o artigo 8 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
Na quinta, examínase polo Consello Consultivo a sección referida á consulta ás familias sobre a asignación lingüística de determinadas materias para concluír que tamén neste eido se viola o artigo 27.5 da CE, así como a Lei orgánica 2/2006, de educación, a Lei 3/83 de normalización lingüística de Galiza, con especial incidencia no estabelecido no artigo 78.2 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (Lei 30/92, do 26 de novembro) e a tamén violación do principio de reserva de Lei que se conculca co Decreto que se recorre.
As demais consideracións do Informe do Consello Consultivo, denuncian os aspectos que entenden deben ser redixidos para mellorar o texto.
O escrito presentado pola Mesa subliña tamén que, tras o ditame do Consello Consultivo, a Xunta fixo caso omiso das observacións desta institución. Por iso:
Non podemos deixar de engadir ao exposto que, o Decreto recorrido, tamén viola a normativa internacional á que está vencellada o Estado español vía artigo 10.2 da Constitución Española, e, por tanto, a Comunidade Autónoma Galega, téndose que sinalar ao efecto, os artigos 1 e 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional dos Dereitos Sociais e Culturais (artigos 2.1 e 2.1., respectivamente), o Convenio Europeo de Dereitos Humanos (artigo 14), merecendo especial cita –polo que significa a necesidade de promover e potenciar o uso da lingua galega–, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, cuxa vulneración tamén é destacada polo informe do Consello Consultivo de repetida cita.
Para quen quixer máis información sobre todas estas valoracións xurídicas, tamén esta fin de semana se presentou o volume Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo. Este libro está coordinado polo maxistrado Luís Villares, portavoz en Galiza de Xuíces para a Democracia, e nel fornécense novos e firmes argumentos para rexeitar este decretazo en todos os niveis e, tamén, para que o profesorado continúe a ministrar as súas aulas en galego. Socialicemos esta interesante e oportuna información.
A fiestra non baldeira

Nesta foto dunha xanela do Museo do Pobo Galego tirada desde a cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea en xuño deste ano, albiscamos unha Fiestra non baldeira. Nela emerxe unha Galicia inmaculada nun marco verde-esperanzador, nun contexto rexo e pétreo como é o noso Pobo Galego.
Vemos o marco no que está inscrito esta nosa Galicia cun ton de cor xa un pouco gastado, con matices canseiros de moitos anos cara a adiante e cara a atrás, Un paso adiante e outro atrás, Galicia escribía Díaz Castro no seu poema Penélope (1961),e hoxe decatámonos de que non cambiaron moito as cousas respecto da nosa lingua, seguimos ás voltas co novo decreto, mareando o peixe que diría o vello mariñeiro da Fiestra Valdeira…
Non é esta da fotografía A fiestra valdeira (1927) do escritor rianxeiro Rafael Dieste, peza na que a trama se move ó redor dun retrato no que aparece o vello mariñeiro fronte a unha ventá que se abre ó mar, que reflicte deste xeito a alma da xente que vive do mar. Salienta Dieste a “autenticidade” dos valores do pobo mariñeiro; e no remate da peza, o vello lobo de mar, agora novo rico, reconcíliase de cheo co seu pasado que rexorde mentres a súa filla está a namorar.
Mañá é 25 de xullo de 2010, día da Patria. Un día para festexar, para gozar, para namorar… para botar a casa pola ventá celebrando o noso día. Todos os galegos/as, como o vello mariñeiro… orgullosos de selo, orgullosos do noso.
Para esta festa, achegamos aquí dúas loas á nosa lingua dos nosos ilustres devanceiros:
Uxío Novoneyra: “A lingua é a única forma audible de supervivencia”.
Manuel María:
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo.
O salouco máis feble
O pensar máis profundo.
¡¡¡MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA O GALEGO!!!
Méndez Ferrín obtén o Premio Fernández Latorre
"O xurado tivo en conta --din a acta-- a súa longa e fecunda traxectoria literaria, que o ten convertido na figura fundamental das letras galegas do último medio século, non só pola súa faceta narrativa e poética, senón tamén pola súa vasta produción periodística e polos seus traballos de investigación e de crítica. Salientou ademais o seu compromiso constante e irrenunciable coa lingua e a cultura galegas, polas que Méndez Ferrín ten traballado con afouteza durante toda a súa vida e que ten inspirado a súa obra literaria, o seu labor docente e investigador e a súa actividade pública"
24/07/2010
Chuza morre de éxito?
O día que naceu Chuza só tivo 25 usuarios únicos. Era o 20 de febreiro de 2006 e botaba a andar o primeiro portal de información en galego no que os internautas, cos seus envíos e votos, decidían a importancia das noticias.
A fórmula, copiada como o código do español Meneame.net, funcionou. Chuza! converteuse nun fervedoiro de noticias, a miúdo novas procedentes de blogs á marxe da visión tópica dos grandes medios de comunicación.
Os 25 usuarios únicos superaban os 6.000 un ano despois. Os xornalistas comezaban a acudir a Chuza! para adiantarse á actualidade, en particular do nacionalismo.
E é que o feito de estar en galego axudou a que Chuza!, segundo recoñeceu o seu creador Berto Yañez, a converterse nun foro de referencia para os galeguistas.
Esta característica, clave do seu éxito, terminou por ser un factor na súa morte, anunciada hoxe por Yañez. A diversidade ideolóxica das noticias subministradas e votadas polos cidadáns minguou e moitos internatuas abandonaron o portal ou convertéronse en usuarios pasivos. Porén, Chuza! seguiu mantendo unha considerábel audiencia, a miúdo este ano por riba dos 3.000 visitantes únicos.
Unha base de lectores que non lle compensaba ao webmaster de Chuza!, socio e coordenador da axencia A Navalla Suíza. Chuza! deixou hai meses de publicar publicidade. Berto Yañez levaba meses sen incorporar funcionalidades ao portal, como si fixeran moitos dos seus “familiares” no Estado e outras autonomías. E finalmente hoxe, ao rebufo do anuncio da fin de Vieiros, anunciou o seu feche o 25 de xullo.
Yañez tentou que o proxecto non morrese, traspasando o portal a algún colectivo ou asociación. Ninguén aceptou até o de agora a responsabilidade técnica e legal de darlle servizo a unha comunidade de usuarios tan grande. O webmaster sigue intentádoo. "Calquera iniciativa que xurda e sexa representativa da comunidade actual será enlazada visiblemente ao acceder a chuza.gl no futuro", promete Ber.to.
A Mesa tamén recorrerá o decreto do plurilingüismo
No seu recurso a asociación de defensa do galego solicitará que o tribunal “suspenda” a aplicación do decreto de forma “provisional” até que exista unha sentenza de “fondo” dos tribunais para que así “non se aplique” no próximo curso. Carlos Callón xustificou esta petición sinalando que os tribunais “tardan entre un ano e medio e dous” en ditar sentenza e o decreto “infrinxe” normas legais como a Constitución.
Callón apuntou que A Mesa solicitará unha suspensión “total ou subsidiaria” de aqueles artigos centrais que “reducen” a presenza do galego e prohiben a docencia de varias materias no idioma de Galiza.
A organización acompañará o seu recurso de varias ponencias específicas feitas polas tres universidades galegas que sinalan que no caso da entrada en vigor da nova norma o próximo curso “danaríase de forma irreparábel ao conxunto da sociedade, especialmente á comunidade infantil”.
O recurso que presentará A Mesa súmase ao anunciado este venres pola RAG, entidade que segundo apuntou Carlos Callón, “sabe estar á altura do momento histórico no que nos atopamos e no que o Goberno está producindo os ataques máis graves da historia democrática ao idioma de Galiza”.
Día maldito
Dende hai meses, e por múltiples circunstancias, o mantemento de chuza fíxose cada vez máis complexo para min. Despois de avaliar moitas opcións decidín deixar este proxecto e ofrecer a súa xestión a determidadas asociacións e entidades que crin adecuadas para darlle continuidade.
Ninguén puido facerse cargo, polo que decidin que era o momento de poñerlle fin a chuza. E mañá é un día como calquera outro.
Chuza e, nomeadamente, outros medios históricos que desaparecen esta finde, deixan un oco importante niso que chamamos moitas veces rede galega. Pero os ocos están para enchelos. Todo o que queda a partir de agora é mellorar.
Moitas grazas por todos estes anos de colaboración.
Preguntas:
* Porque non me ofreciche chuza a min? Eu queria seguir co proxecto!!
Ben, o traspaso dunha web é algo máis complexo que pasar un contrasinal. Cando decidín que a miña etapa de administrador de chuza remataba, escollín varias organizacións e entidades que consideraba adecuadas para a continuidade e centreime nesas. Pero sempre podes coller o código fonte de chuza ou, case mellor, do menéame orixinal e montar a túa propia rede.
* Como vai ser o peche?
(actualizado) Será o 25 de xullo ás 23:59. Apagarase o servidor web. Non haberá arquivo online incialmente. Traballarase en publicar unha versión estática e reducida do arquivo. (Ver este chio)
Vieiros pecha: malas novas
Nacemos cando a rede galega estaba aínda en cueiros e ningún medio do país estaba na web. Tivemos a mesma forma de entender Galiza que aquela revista homónima do exilio liderada por Luís Soto: un país moderno e aberto ao mundo, sen complexos e con todo o futuro por diante.
Vieiros foi desde o comezo unha iniciativa aberta e independente, que pretendeu abeirar a toda a comunidade de galegos alí onde estiveren, na crenza de que Galiza non é só un territorio, senón tamén un espazo de comunicación. E nese espazo, Vieiros converteuse no cerne de múltiples proxectos, tanto propios como alleos. Do seu impulso xurdiu o primeiro especial electoral on-line (Eleccións Galegas de 1997), a primeira ciber-charla cun persoeiro (Isaac Díaz Pardo), o primeiro vocabulario sexual realizado coa colaboración dos lectores, a primeira experiencia de creación literaria en rede (Por conto alleo, de Camilo Franco), ou a creación de ‘A Polo Ghit’, o primeiro concurso da canción galega do verán.
Como punto de referencia dos internautas galegos no mundo, Vieiros chegou a ter até máis de trinta correspondentes-colaboradores en diferentes lugares do mundo: desde Gotemburgo a Nova York pasando por Bos Aires e O Bierzo . Asemade, deulle abeiro a colectivos e outras publicacións, como o IGADI, Tempos Novos, Canal Ciencia, Federación Ecoloxista Galega ou Irimia.
Mais foi o labor informativo diario o que consolidou Vieiros como medio de referencia da Internet galega, sobre todo a partir do Prestige, cando -cun esforzo informativo sen precedentes- acompañamos a resposta social diante da catástrofe mentres a meirande parte dos medios maioritarios miraban cara a outro lado.
Sen embargo, e a pesar dos seus máis de 20.000 lectores diarios, Vieiros nunca foi un medio rendible e necesitaba absorber parte dos recursos necesarios para sobrevivir dunha empresa do mesmo accionariado.
En xuño de 2009, nunha situación de aparente bonanza económica no seo das dúas empresas, unha auditoría externa desvelou irregularidades económicas e administrativas de extrema gravidade, cuxa responsabilidade foi asumida por escrito polo daquela xerente e apoderado das empresas, Óscar Martínez, quen terá que responder diante da xustiza.
Este proceso levou ao peche da outra empresa e de forma inmediata deseñouse xunto cos traballadores un plan de viabilidade para salvar Vieiros, cousa que non foi posible dada a gravidade da situación, á que houbo que sumarlle o duro golpe da crise económica.
Foi pois un ano moi difícil no que empresa e traballadores intentamos de todos os xeitos manter acesa a estrela de Vieiros, pero chegou a hora de renderse.
Neste momento, só resta darlles as grazas a todos os lectores, aos que creron neste proxecto, colaboraron nel e puxeron o seu grao de area para que outro xornalismo galego fose posible. E moi especialmente aos traballadores e aos opinadores, pola súa entrega e compromiso inesgotable.
Foi un pracer. Até sempre.
Lois Rodríguez, editor de Vieiros
23/07/2010
Constituída a asociación «Culturgal»
A Mesa muda os sinais da Catedral

Membros da Comisión Permanente da Mesa encabezados polo presidente da organización, Carlos Callón, colocaron unha réplica exacta dun dos sinais exteriores cos textos en galego, inglés e castelán fronte aos paneis orixinais que contan cunha única versión en castelán.
Outra das características do sinal presentado pola Mesa foi a inclusión da toponimia oficial, algo que non se respecta no sinal oficial. O presidente da Mesa, Carlos Callón, lamentou que “nesta sinalización que se paga co diñeiro de todos e todas as galegas aparezan de forma deturpada os nomes das prazas e rúas de Compostela” e destacou que este feito se produza “nun dos nosos principais emblemas históricos e culturais”.
Callón, que estivo acompañado no acto polo vicepresidente da Mesa, Fran Rei, e a secretaria xeral da entidade, Iria Taibo, criticou con dureza a “galegofobia irracional da actual Xunta” e comentou que “o galego suma, é un valor a maiores e un tesouro para compartirmos”.
Palmou pide unha maior protección da lingua
"De abordar, por fin, a reforma do noso Estatuto con espírito de consenso e entendemento, co obxectivo de reforzar os nosos sinais de identidade, as nosas competencias e a nosa presenza nos distintos ámbitos de decisión que nos afectan", proclama o comunicado.
O que foi secretario xeral do PPdeG con Manuel Fraga, avoga por estender a "reflexión" á necesidade de tratar "entre todos" o difícil momento económico actual, "desde o entendemento e diálogo, a racionalidade de gasto e a solidariedade", como resposta aos que "de forma interesada", pretenden usar a crise "como elemento de descrédito" para o Estado autonómico, "nostálxicos seguramente dun centralismo afortunadamente superado".
“Maior promoción ao galego”
Tamén insta a reflexionar sobre o necesario que, ao seu xuízo, resulta dispensar "unha maior protección e promoción" da lingua galega, que identifica como o "faro" da cultura e da identidade galega. "O xesto co que nos proxectamos na nosa realidade e na nosa historia, a garantía do noso futuro", reivindica, convencido de que "non haberá Galiza sen galego".
"Non perdurará o amor á terra, o amor a Galiza sen o amor ao galego", avisa Xesús Palmou, antes de reclamar aos poderes públicos que sexan "garantes da realidade, vitalidade e supervivencia da lingua galega".
"Con esta convicción, con estes obxectivos, temos que tratar pois este Día Nacional de Galiza, con felicidade, ilusión, afán de superación", conclúe o comunicado, que arrinca cunha cita sobre como imaxinaba Castelao desde o seu exilio arxentino, o amencer do día 25 de xullo en Galiza.

